O virus da gripe aviaria está cada vez máis preto. Pero iso non ten por que ser motivo para a alarma. María Albela Rodríguez, veciña de Paxareiras (Muros) percibiu con preocupación o estraño comportamento dun dos seus galos. A ave emitía uns estraños sons, tiña dificultades para andar e a crista púxoselle morada. Todo isto, sumado ao feito de que moitas aves migratorias frecuentan a zona, e mesmo chegaron a comer galiñas, levou á muller a dar parte a Garda Civil. O Servizo de Conservación da Natureza recolleu o galo, que foi analizado polo laboratorio de Sanidade de Produción Animal de Galicia.
Por precaución, os responsables do Servizo de Conservación aconselláronlles aos veciños de Paxareiras que non coman ovos e eviten o contacto coas aves.
Os resultados concluíron que non se trataba de gripe aviaria, pero aínda seguimos sen saber qué lle pasaba ao galo.
A Xunta de Galicia fixo un chamamento á calma, porque xa se deron casos de persoas que se presentaron no laboratorio cun paxaro morto baixo o brazo.
Unha rapaza de sétimo grao demostra que a auga dos váteres dos restaurantes de comida rápida ten menos bacterias cá que empregan para facer xeo.
Jasmine Roberts, estudante de doce anos da Benito Middle School en New Tampa, Florida, pensou para o seu proxecto de ciencias eses absurdos certames que saen en todas as series e películas norteamericanas pero que nunca crimos que puidesen existir realmente a hipótese de que o xeo neste tipo de establecementos podería conter máis xermes ca a auga dos retretes.
Para levar a cabo a súa investigación, Jasmine seleccionou cinco restaurantes de comida rápida nun raio de dez millas arredor da universidade do sur de florida. Tirou unha vez da cadea do váter e recolleu mostras con luvas estériles. Logo recolleu xeo dos dispensadores de refrescos dos mesmos establecementos e tamén pediu vasos de xeo a través das fiestras de servizo a automóbiles outra cousa que tamén vemos en series e películas norteamericanas.
As mostras analizáronse nun laboratorio, e o resultado foi que no 70 por cento das veces, o xeo dos restaurantes de comida rápida ten máis bacterias ca a auga do váter do mesmo establecemento.
O proxecto de ciencias de Jasmine Roberts acadou o primeiro premio na feira rexional de ciencias, dotado con 800 dólares.
Seguimos en Florida. Elizabeth Gould, unha muller de Palmetto, no oeste deste estado friki de Norteamérica, asegura ter achado a imaxe da Virxe nunha pataca frita. Esta muller afirmou que sentiu unha forte impresión ao comer as patacas fritas que lle deron nun avión da compañía Jet Blue nunha viaxe de Nova York a Florida. Nese momento fitou a pataca e exclamou “¡Isto semella a Virxe María!”
A pataca, da marca Terra Blues, ten unha silueta parecida á imaxe popular da Virxe.
Elizabeth Gould garda a pataca en papel de aluminio dentro dunha caixiña de metal, pero aínda non sabe de a poñerá á venda como fixera no ano 2004 outra muller de Florida (de alí tiña que ser), que sacara a poxa un sandwich de queixo coa imaxe da Virxe no pan, pola cal un casino pagou 28.000 dólares e levou de xira polos Estados Unidos. Non sabemos se este casino é o mesmo que mercou a pedra do ril de William Shatner da que falamos semanas atrás.
O actor estadounidense Lou Ferrigno, que encarnou á Masa na popular serie de televisión de comezos dos anos 80, acábase de graduar como policía a media xornada na cidade dos Ánxeles. Ferrigno, que no seu momento foi Mister Universo, ten agora 53 anos. O luns xurou como policía da cidade despois de cinco meses de adestramento. Incorporado á reserva, traballará 20 horas ao mes na oficina da comisaría da cidade californiá.
O ex-actor mide 1 metro 96, pesa 120 kilos e interpretou entre os anos 1978 e 1982 ese monstro verde, a masa, o incrible Hulk, nun papel que o fixo enormemente popular. Desgrazadamente, despois diso participou en ducias de series e películas de serie B sen moito éxito. Dá a casualidade de que o gobernador de California, Arnold Schwarzenegger, tivo as mesmas orixes culturistas ca el, aínda que gozou de mellor sorte.
Había dúas semanas que non traïamos aquí un estudo sobre sexo. Desta vez informámolos das conclusións dun urólogo do centro de androloxía St Peter, de Londres. Nim Christopher asegura que as operacións de alongamento de pene provocan unha taxa de insatisfacción moi alta. Este urólogo opina que para os pacientes con dúbidas psicolóxicas sobre o tamaño do pene, particularmente se ten un tamaño medio, non ten sentido ofrecerlles cirurxía, pois non lles vai supoñer ningunha diferenza. O incremento medio da lonxitude é de 1,3 centímetros, que non é moito, polo que a taxa de insatisfacción dos operados supera o 70%.
Polo tanto, a única solución podería ser o asesoramento psicolóxico.
Segundo Christopher, as mensaxes de correo electrónico lixo (spam) que anuncian operacións de alongamento de pene dan expectativas irreais.
Un estudo suxire consultar coa almofada as grandes decisións. Segundo as investigacións de Ap Dijksterhuis, da universidade de Ámsterdam, pensar e reprensar nos problemas podería levar a cometer erros graves. Cando chega o momento de tomar decisións complexas é mellor deixar funcionar a mente inconsciente.
O traballo asegura que só se debe confiar na mente consciente para decisións sinxelas, como escoller unha marca de manoplas para forno. Mercar un coche ou unha casa require da axuda da mente inconsciente, que é capaz de ponderar o total da información e producir unha solución satisfactoria.
Segundo o investigador holandés, nalgún momento da evolución humana, comezamos a tomar decisións conscientemente, e non somos demasiado bos niso. Deberiamos aprender a deixar que o noso inconsciente manexe as cousas complicadas.
Rematamos con corazón. Estefanía de Mónaco volve con Daniel Ducruet.
Os dous foron pillados na illa Mauricio na compañía dos seus fillos Luís e Paulina.
A princesa e o gardacostas romperan a súa relación cando saíra á luz un famoso vídeo no que aparecían Daniel e a stripper Fili Houteman xunto a unha piscina. Aínda que Ducruet sempre asegurou que o incidente fora froito dunha conspiración, o caso é que a historia rematou en divorcio.
A reconciliación sería agora posible, dado que Estefanía xa non ten a oposición do seu finado pai, e asegúrase que o príncipe Alberto lle deu o seu visto e prace á relación.
Despois de Daniel, o historial sentimental de Carolina foi bastante numeroso: o tamén gardacostas Jean-Raymond Gotlieb, co que tivo a súa filla Camille; o empresario Franco Knie; o artista circense Adans Peres, co que chegou a casar, etcétera.
Pola súa banda, Daniel Ducruet tamén tivo algunhas historias gloriosas, entre as que cabe destacar o seu romance con Marujita Díaz.
Con este tema da etapa cantora de Estephanie, ‘Ouragan’, despedimos Noticias Extrarradio por esta semana. Volvemos o vindeiro domingo. Feliz inicio de semana.
A nova que conmocionou toda Galicia, e especialmente A Coruña, esta semana foi o nomeamento de Francisco Vázquez como embaixador na Santa Sé. A nova chegou tan de sorpresa que moitos coruñeses pensaron que se trataba dunha especie de inocentada. De feito, a imaxe da primeira páxina de La Voz de Galicia do venres tiña toda a pinta de ser unha fotomontaxe como a do Christmas do Rei deste nadal.
Onte soubemos tamén que o libreiro de Paco Vázquez xa estaba ao tanto de que o alcalde ía facer unha viaxe a Roma, polo tipo de libros que mercou nas últimas semanas.
Non sabemos se alí se atopará con Superpiñeiro, tamén un apaixoado das viaxes, como Paola Santoni e David Amor.
...
Tamén podemos imaxinar o momento no que se atope en Roma con Maricarmen Mella
...
O Vaticano está ultimamente moi de moda. Tanto é así que Michael Jackson podería cantar nun disco que incluiría pregarias do falecido papa Xoán Paulo II.
Giuseppe Moscati, sacerdote que xestiona a empresa Edizioni Musicali Terzo Millenio dixo que é posible que o rei do pop forme parte do proxecto, que aínda non lle presentou ao Vaticano para a súa aprobación.
O CD incluirá cancións coa letra de 24 oracións escritas polo finado pontífice interpretadas por varios cantantes.
O Vaticano xa tentara contactar con Jackson para que traballara en “certa música” hai un ano, pero daquela non se puido concentrar no asunto, dado que estaba a ser xulgado.
Non imaxinamos cómo podería soar a música de Xoán Paulo II cantada por Michael Jackson, pero si podemos escoitar a música de Michael Jackson interpretada pola Terremoto de Alcorcón. Esta é a súa versión de ‘Thriller’.
...
Hai dúas semanas contabámoslles o estraño caso de María Antonia Calvo, barcelonesa de 43 años que non podía casar porque estaba morta para o Rexistro Civil. Pois, ben, María Antonio Calvo resucitou despois de levar catorce anos falecida. Despois de meses de papeleo, a muller conseguiu a acta xudicial que deixa sen efecto a anterior, que a declaraba morta e ao seu fillo, orfo.
Agora, por fin poderá casar coa súa actual parella, Antonio Guzmán, despois da paralización do proceso dende o mes de decembro.
Isto non lle tería pasado a María Antonia de ter vivido no concello de Biritiba Mirim, no Brasil. O alcalde, Roberto Da Silva, decretou tamén no mes de decembro que estaba prohibido morrerse nesa localidade, debido á falta de espazo no cemiterio.
Porén, a lei non saíu adiante, dado que a cámara municipal rexeitou o proxecto por cinco votos contra catro.
Aínda así, o enterrador municipal, Reinaldo Pereira, confirmou que dende que se presentou a iniciativa só se enterraron cinco mortos, que ademais xa tiñan panteóns familiares.
O vindeiro martes vanse celebrar en Haití eleccións presidenciais, as primeiras dende o ano 2000. Este ano haberá grandes innovacións tecnolóxicas, dado que se vai habilitar un moderno centro electrónico de cómputo de votos.
Pero isto non quere dicir que o escrutinio se vaia acelerar, dado que as urnas van ser transportadas, en moitos casos, en mulas.
A falla de helicópteros da ONU e pola negativa dos Estados Unidos de proporcionar máis, as urnas e as papeletas vanas ter que levar ata o centro de reconto informático medios de transporte menos propios do século XXI.
Están convocados ás urnas 3 millóns e medio de haitianos, que van dispoñer de 10 horas para votar e percorrer unha media de cinco quilómetros para chegar ata os colexios electoriais.
Ademais, as normas obrigan aos homes a levar a camisa dentro dos pantalóns e ás mulleres a iren vestidas correctamente, todo iso soportando unhas temperaturas abafantes.
Os electores deberán amosar os seus modernos carnés de identidade feitos nos Estados Unidos, e despois verán marcado o seu dedo polgar cunha tinta indeleble que lles durará un mes e medio.
As eleccións custarán 80 millóns de dólares, aínda que as urnas van ser de plástico facilmente rompible e as papeletas estarán feitas de papel de periódico. Iso si: as bolsas nas que se transportarán as actas ata o centro de reconto en Porto Príncipe serán inviolables e estarán controladas por cascos azuis chineses, cunha longa tradición democrática.
Un mozo de vinte anos de idade foi detido en Elxe como presunto autor dun intento de roubo nunha casa de campo. A principal proba na súa contra é o seu propio currículo, que deixou no lugar dos feitos.
O detido foi sorprendido polo dono mentres tomaba unha copa na entrada, coa televisión encendida e unha caixa con algúns obxectos que supostamente roubara. Na súa fuxida, deixou atrás unha copia do seu currículo, coa súa foto e todos os seus datos persoais, polo que a Policía non tivo moitos problemas en localizalo.
O ladrón novato xa fora detido anteriormente en oito ocasións. A última delas foi detido polo dono da vivenda á que entrara a roubar. Unha veciña da zona confesou o medo que pasou cando se atopou co presunto ladrón.
...
A metrosexualidade xa non está de moda. David Beckham xa non é o preferido das mulleres británicas. Nunha lista elaborada pola revista New Woman, o xogador do Real Madrid está no posto 14. Nin sequera é o primeiro do mundo do fútbol, pois o adestrador do Chelsea, o portugués José Mourinho, ocupa a sexta praza do ranking. Segundo as 10.000 lectoras da revista que elaboraron esta lista, o máis sexy do mundo é Brad Pitt.
Falamos agora dun deportista que probablemente empece a cobrar o subsidio de desemprego pola súa precaria situación económica. O automobilista Michael Schumacher ten o estatus laboral de parado na súa residencia habitual, Suíza, pois a profesión de piloto de carreiras non está recoñecida como un emprego no país alpino. Deste xeito, só terá que declarar a Facenda por uns ingresos máximos anuais de 300.000 dólares, aínda que gañe máis de 50 millóns.
Recupera o oído milagrosamente nun teleférico
Un ex-soldado británico de 72 anos, chamado Derek Glover, recuperou o sentido do oído milagrosamente cando se trasladaba nun teleférico cara a unha estación de esquí en Italia. Derek quedara xordo había quince anos, cando prestaba servizo no exército, e dende aquela tivera que usar audífono. O incrible suceso aconteceu despois de que Derek Glover pasara toda a mañá esquiando, e cando baixaba no teleférico, coa súa filla e o seu xenro, sentiu cómo os seus oídos se destaparon e puido escoitar as voces dos seus acompañantes.
Os médicos da organización de investigación da xordeira de Gran Bretaña non atopan explicación para este fenómeno, xa que non é habitual que un cambio de altura faga recuperar o oído. Tamén descartan que o servizo nacional de saúde británico receite vacacións nos Alpes para as persoas con problemas auditivos.
Este xoves pola mañá púidose escoitar algo coma isto.
...
E é que o 2 de febreiro se celebra o día da Candelaria, que na localidade de Puxsutawney, no estado norteamericano de Pensilvania conmemoran cunha curiosa tradición.
Miles de persoas concéntranse agardando a que a archicoñecida marmota Phil saia do seu tobo. Segundo o costume, de orixe alemá, se o roedor ve a súa sombra, aínda quedan seis semanas de inverno. Se non é así, o inverno vai fóra.
Este ano, como acontece habitualmente, Phil viu a súa sombra, o que quere dicir que aínda nos falta mes e medio de tempo de inverno.
Segundo as estatísticas que elabora o Club da Marmota, ata agora Phil viu a súa sombra 96 veces e non a puido ver noutras 14. Do que non temos datos é de se acertou algunha vez.
Samuil Sheinin, director do instituto de Pernik, en Bulgaria, decidiu poñer en práctica un novidoso sistema, de orixe xaponesa, para motivar os seus alumnos e liberalos do estrés. Para conseguilo, instalou peras de boxeo ou ‘punching balls’ con fotografías del mesmo, dos seus adxuntos e dos profesores. Así, segundo el, os rapaces desprenderanse das emocións negativas e sairán da sala de musculación listos para novas fazañas nas clases, despois de teren mallado simbolicamente aos seus profesores.
Tamén os docentes poderán empregar este adestramento coas caras dos directivos do centro, aínda que, por motivos evidentes, non compartirán horario de uso das ‘punching balls’ cos seus alumnos.
Asemade, instalarase un sistema para contabilizar os golpes que recibe cada profesor para coñecer a actitude cara ao corpo docente.
Xa se instalaron catro peras de boxeo e espérase poder contar pronto con polo menos dez, dado que a afluencia é moi elevada.
Na universidade de Oxford decidiron empregar outro método para motivar aos seus alumnos. Os estudantes da prestixiosa institución académica pode que pronto teñan que renunciar por contrato a faltar ás clases e a estudar de xeito obligatorio. Este contrato ‘antilatóns’ tamén vai obrigar aos estudantes a pagar as taxas de matrícula, que este ano subirán ata os 3.637 euros por curso académico.
O motivo polo que se implanta este contrato é o feito de que algúns estudantes interpoñen pleitos contra as universidades cando non obteñen o seu título mediante o estudo.
Paxaros borrachos causan o pánico en Viena
Un bando de paxaros provocou a alarma de moitos vieneses que pensaron que se trataba dun grave caso de gripe aviaria. Arredor de corenta exemplares de ampelis europeo (bombycilla garrulus) apareceron mortos na capital austríaca. Pero a causa da súa morte non foi a gripe aviaria senón a chea que tiñan e que fixo que non puidesen evitar chocar contra un cristal. Estas aves migratorias emborracháronse despois de teren inxerido grandes cantidades de bagas fermentadas. Na información non se especifica o tipo de froitos que comeron, pero, de teren sido abruños, os paxaros estarían borrachos de pacharán.
Un can, convidado ao discurso de George Bush
Rex, un pastor alemán de cinco anos adestrado polo exército do aire dos Estados Unidos para detectar explosivos, e ferido na guerra de Iraq, foi convidado este martes pola primeira dama norteamericana, Laura Bush, a asistir ao discurso sobre o estado da nación que pronunciou o presidente George W. Bush.
Este foi un trato de favor excepcional para Rex, que acudiu acompañado da súa adestradora, a sarxento Jamie Dana, que podería adoptalo grazas a unha modificación das leis militares dos Estados Unidos.
Non sabemos se Rex o pasaría moi ben escoitando o discurso de Bush.
Un bebé recibe unha orde para unirse ao exército ruso
Dima Verenitsine, dun ano de idade, recibiu unha citación para unirse ao exército ruso, segundo informou o xornal Izvestia.
Un erro administrativo rexistrou a Dima, que fixo o ano de idade o 9 de xaneiro, na comisión de recultamento de Volvogrado, un proceso que normalmente se dirixe aos rapaces rusos de 16 anos.
A avoa do bebé, Liuobov Galouchkina, declarou que nun principio quixo ir á oficina de reclutamento co neno, pero Dima enfermou porque facía moito frío.
Pero despois, tanto a avoa coma os militares se decataron de que fora un erro administrativo, aínda que estes últimos non tomaron as cousas con humor. Segundo a avoa do bebé, portáronse coma uns groseiros.
María Antonia Calvo e Manuel Rueda. Os dous teñen algo en común: están mortos, pero cren que están vivos. Os papeis non minten.
Unha malagueña, María Antonia Calvo, leva catorce anos oficialmente morta, pero non o sabía nin ela ni os seus familiares nin os seus amigos. Decatouse da súa situación cando iniciou os trámites para casar. Pero a administración non lle deixa facelo se non demostra que está viva. O problema agora é atopar os argumentos que lle permitan demostralo. Non lle chega con presentarse e dicir “ola, estou viva”. Ademais, o xulgado non aceptou poñer en marcha un expediente de rectificación de erro, porque nega que haxa ningún fallo.
Un caso semellante é o de Manuel Rueda, veciño de Figueras de 81 anos. Leva dez anos tentando demostrar que está vivo. O causante da súa morte foi o seu avogado, que o deu por finado no ano 1995, e a xustiza aínda non lle devolveu a vida. O que si morreu foi o avogado, que decidiu matar a Manuel Rueda para solucionar un pleito cun veciño que lle roubara maquinaria.
Malia estar morto, Manuel Rueda segue a cobrar a súa pensión e pode votar, como moitos mortos, naturalmente.
Tanto a María Antonia Calvo como a Manuel Rueda lles dedicamos esta canción, moi apropiada para o seu caso.
...
Seguimos con casos misteriosos. Na localidade ourensá do Irixo hai unha especie de triángulo das Bermudas. Da súa estación ferroviaria desapareceu este martes un quilómetro e medio de vía do tren.
Este fenómeno pódese tachar de inexplicable, pois cada un dos tramos de raís pesa media tonelada e mide nove metros de longo, polo que para transportalos serían necesarios varios camións.
Os veciños non sentiron nada.
...
A ver se a vindeira semana sabemos qué foi o que realmente pasou. Polo de pronto, a Garda Civil está a estudar outra posibilidade: que eses raís nunca estivesen no Irixo.
Un estudo revela que o sexo axuda a afrontar situacións estresantes
Stuart Brody, psicólogo da universidade de Paisley, no Reino Unido, chegou a esta conclusión, que publica a revista New Scientist, despois de estudar o comportamento de 24 mulleres e 22 homes durante dúas semanas. Estas cobaias humanas tiñan que apuntar nun diario todo o tipo de actividades sexuais que mantiñan. Despois, eran sometidos a probas tan estresantes como falar en público e contestar en voz alta preguntas sobre aritmética mental, estilo “calculadora humana”.
As conclusións deste exhaustivo traballo son que os que tiveran CPVs -coitos pene-vaxinais- sufrían menos estrés e a súa tensión sanguínea volvía antes á normalidade ca os que realizaran outro tipo de actividades sexuais. As peores notas tivéronas os individuos que non tiveran sexo.
Segundo o doutor Brody, “os efectos non son simplemente atribuíbles ao alivio a curto prazo provocado polo orgasmo, xa que perduran durante unha semana”. A causante destes beneficios sería a oxitocina, a hormona “afectiva de parella”.
Escoitamos o testemuño dunha parella que non mantivo CPVs durante o estudo.
...
Pero non todo o mundo está de acordo cos resultados deste traballo, xa que consideran que non foi o suficientemente representativo. Iñaki Gabilondo.
...
Así que, xa sabedes, para afrontar o programa, nada como ter moitos CPVs.
Mundo animal
Outros científicos británicos, da universidade de Bristol, publicaron na tamén británica revista Science un achado no que demostran que a relación mestre-alumno tamén existe nunha especie de formiga chamada Themnothorax albipennis.
Segundo os resultados da análise destes investigadores, as formigas experimentadas guían ás máis novas aos lugares onde hai alimento e adaptan a marcha á das súas compañeiras. É a primeira vez que se observa este tipo de comportamento nunha especie diferente da humana.
Segundo o doutor Nigel Franks, isto demostra que para poder dispoñer da habilidade do ensino abonda cun sistema nervioso rudimentario.
Agora nos explicamos cómo son algúns profesores.
O Cádiz vén de difundir a través da súa páxina web un comunicado no que insta aos medios de comunicación a que non lle chamen ‘Mortadelo’ ao seu xogador Nenad Mirosavljevic. Dende o club gaditano explícase que a mensaxe se emite atendendo á petición efectuada polo corpo técnico, polo propio xogador e polo plantel amarelo en resposta ao sentir da súa afección.
Os voceiros do Cádiz aseguran que entenden o significado da denominación e comprenden que non responde a insultos nin a mala intención por parte dos medios, pero creen que resulta fachoso, grotesco e extravagante comparar a un profesional cunha caricatura que en nada se semella á personalidade e ao carisma do noso xogador, unha persoa educada e correcta tanto dentro como fóra dos terreos de xogo.
No comunicado reclámaselles aos medios de comunicación “que desbote e elimine para sempre esa desagradable expresión ao referirse a Mirosavljevic, o que agradecerá tanto o propio xogador como os seus compañeiros, así como a afección cadista”.
O Cádiz empatou onte a un gol na casa contra o Rácing de Santander. Mortadelo foi substituído no minuto 62 por Lucas Lobos.
Éxito de Extrarradio
Principiamos este espazo informativo facéndonos eco do grande éxito da primeira edición do programa Extrarradio, que se emite os sábados e os domingos pola mañá na Radio Galega. Segundo todos os estudos de audiencia consultados e, se a estatística non engana, o primeiro programa de Extrarradio tivo un 100% de audiencia entre as persoas que escoitaban a Radio Galega entre as once da mañá e as dúas da tarde de onte.
A televisión empeora a vida sexual
Esta é a conclusión que tirou o equipo da sexóloga italiana Serenella Salomoni, nun estudo no que se entrevistaron 523 parellas para coñecer cal era o efecto do televisor na súa vida íntima.
Segundo este traballo, non ter televisión no dormitorio fai que a frecuencia das relacións sexuais se duplique, cando menos en Italia. O promedio de actos sexuais das parellas italianas sen tele no cuarto é de dous semanais ou oito mensuais, mentres que os que si teñen “caixa tonta” só o fan catro veces ao mes.
A diferenza aínda é máis aprezable entre os maiores de 50 anos. Nese caso, pásase de sete relacións mensuais sen tele a unha e media con ela.
Tamén inflúe a programación que se emite: as películas violentas poñen un alto ás relacións sexuais para a metade das parellas, mentres que os reality shows tamén lle frea a paixón á terceira parte dos entrevistados.
...
Mañá sae á venda en Bolivia o xersei de Evo Morales
Os bolivianos xa poderán mercar por oito dólares unha “chompa” ou xersei moi semellante ao que popularizou o novo presidente do país andino, Evo Morales, e que luciu diante de presidentes como o sudafricano Thabo Mbeki, o español José Luis Rodríguez Zapatero ou o chinés Hu Jintao.
A prenda fíxose moi famosa entre os seguidores do líder cocaleiro, ata o punto de que o empresario Raúl Vaca, dono da empresa Punto Blanco, que aquí coñecemos máis ben polos seus calcetíns e non polos seus xerseis, decidiu lanzar unha nova liña de prendas de vestir, chamada “Moda Evo”. Trátase dunha serie de ‘chompas’, confeccionadas con pelo de alpaca e que se inspiran na moda que está a marcar Morales, como o famoso xersei de raias brancas, azuis e vermellas.
Para promocionar estas prendas, púxose en marcha unha campaña publicitaria na que aparece a imaxe do propio presidente. Porén, Evo Morales non luciu esta prenda no seu acto de investidura, o que decepcionou a moitos fans desta nova moda.
Á cerimonia estaban convidados 12 presidentes e 60 delegacións de todo el mundo, además de los Premios Nobel Gabriel García Márquez (Colombia) e Rigoberta Menchú (Guatemala) ou o ex-futbolista arxentino Diego Armando Maradona.
As bandas de cores poderían supoñer unha revolución no mundo do fútbol e dos uniformes dos equipos. O adestrador do Deportivo da Coruña, Joaquín Caparrós, amosou o seu interese por esta colorida moda, que se pode converter nun auténtico talismán para asegurar vitorias.
...
Outro dos temas estrela desta semana é a balea de sete toneladas de peso que chegou a Londres. O mamífero mariño, de nome científico “hyperoodon ampullatus”, ou “balea de nariz de botella”, adoita vivir nas augas profundas do océano atlántico, pero o venres ás oito e media da mañá, hora británica, apareceu nadando no río Támesis, diante do Big Ben.
A inesperada visita captou a curiosidade dos ingleses e converteuse en nova de portada de todos os medios de comunicación.
As baleas de nariz de botella adultas teñen un peso de entre 6 e 7 toneladas e miden entre 7 e 10 metros. Están protexidas dende o ano 1977 e o seu perigo de extinción é baixo.
Segundo aseguraron algúns dos curiosos que acudiron a presenciar o infrecuente espectáculo, xa se viron no Támesis nos últimos meses golfiños, focas e marsopas.
Descoñécese cal foi a causa de que este animal chegase ata a capital británica, aínda que algúns culpan disto ao quecemento global da atmosfera.
O equipo do coñecido investigador de temas paranormais Iker Jiménez xa se puxo mans á obra.
...
En todo o mundo, pero sobre todo nos Estados Unidos, existe un colectivo autodenominado “trekkies”, que son fans acérrimos da serie Star Trek e de todas as súas sucesivas secuelas.
Pero a serie orixinal é a serie orixinal, e os seus actores protagonistas con considerados case deuses. Tanto é así que William Shatner, que interpretaba ao capitán Kirk da nave Enterprise, vendeu unha pedra do seu ril por 25.000 dólares, algo máis de 20.000 euros.
Pero non o fai porque teña problemas económicos. James Kirk, perdón, William Shatner, vai doar os cartos á fundación Hábitat para a Humanidade, ong que vai empregar ese diñeiro para construír vivendas para a xente sen fogar.
O comprador de tan fabuloso e único mineral é o casiño de internet Golden Palace, que vai amosar o cálculo nunha exposición itinerante xunto a outros obxectos inusuais.
William Shatner dixo que non lle resultara doado desprenderse da súa pedra do ril, e que nunca o tería feito se non soubera que a podería volver ver -supoñemos que na exposición itinerante.
De feito, xa rexeitara a primeira oferta de Golden Palace, que lle ofrecera 15.000 dólares. O actor dixo que as súas túnicas da serie televisiva Star Trek recadaran moitísimos máis cartos, máis de 100.000 dólares, polo que releou ata que lle deron os 25.000 dólares finais.
Un voceiro do actor dixo que ignora se Shatner ten pensado vender algunha outra parte do seu corpo.
Pola súa banda, o presidente executivo da empresa de casinos online Golden Palace.com, Richard Rowele, dixo: “Estamos moi satisfeitos de posuír esta peza da historia televisiva e de poder ser quen de axudar a unha loable organización benéfica como Hábitat para a Humanidade”.
A Universidade Nacional de Taiwán anunciou que conseguiu criar porcos fluorescentes. Estes marráns, dotados cunha proteína verde fluorescente procedente das medusas.
Á parte de que brillan na escuridade, estes animais non se diferencian en nada máis do resto dos da súa especie.
Segundo os investigadores, esta técnica podería ser moi útil para estudar a rexeneración e o transplante de órganos de porcos a humanos. Así, as vísceras fosforescentes poderíanse identificar con máis facilidade. Estes porcos transxénicos con propiedades de augamar poden son un grande avance. O profesor do departamento de zooloxía e tecnoloxía da universidade nacional de Taiwán, Wu Shinn-Chih dixo que “existen moitas esperanzas na rexeneración de tecidos e órganos humanos empregando porcos”.
Os taiwaneses pretenden solucionar a escasez de doadores humanos empregando órganos animais para transplantes. As especiais características destes órganos fan que se poida seguir a súa evolución sen necesidade de facer biopsias.
A min ocorréuseme outra aplicación moi útil destes porcos transxénicos. Agora que o Entroido está ao caer, poderíamos ver nos nosos mercados cachuchas fluorescentes, chourizos fluorescentes, xamón fluorescente ou lacón fluorescente con grelos. Gastronomía galega do século XXI.
Next