Recupera o oído milagrosamente nun teleférico
Un ex-soldado británico de 72 anos, chamado Derek Glover, recuperou o sentido do oído milagrosamente cando se trasladaba nun teleférico cara a unha estación de esquí en Italia. Derek quedara xordo había quince anos, cando prestaba servizo no exército, e dende aquela tivera que usar audífono. O incrible suceso aconteceu despois de que Derek Glover pasara toda a mañá esquiando, e cando baixaba no teleférico, coa súa filla e o seu xenro, sentiu cómo os seus oídos se destaparon e puido escoitar as voces dos seus acompañantes.
Os médicos da organización de investigación da xordeira de Gran Bretaña non atopan explicación para este fenómeno, xa que non é habitual que un cambio de altura faga recuperar o oído. Tamén descartan que o servizo nacional de saúde británico receite vacacións nos Alpes para as persoas con problemas auditivos.
Este xoves pola mañá púidose escoitar algo coma isto.
...
E é que o 2 de febreiro se celebra o día da Candelaria, que na localidade de Puxsutawney, no estado norteamericano de Pensilvania conmemoran cunha curiosa tradición.
Miles de persoas concéntranse agardando a que a archicoñecida marmota Phil saia do seu tobo. Segundo o costume, de orixe alemá, se o roedor ve a súa sombra, aínda quedan seis semanas de inverno. Se non é así, o inverno vai fóra.
Este ano, como acontece habitualmente, Phil viu a súa sombra, o que quere dicir que aínda nos falta mes e medio de tempo de inverno.
Segundo as estatísticas que elabora o Club da Marmota, ata agora Phil viu a súa sombra 96 veces e non a puido ver noutras 14. Do que non temos datos é de se acertou algunha vez.
Samuil Sheinin, director do instituto de Pernik, en Bulgaria, decidiu poñer en práctica un novidoso sistema, de orixe xaponesa, para motivar os seus alumnos e liberalos do estrés. Para conseguilo, instalou peras de boxeo ou ‘punching balls’ con fotografías del mesmo, dos seus adxuntos e dos profesores. Así, segundo el, os rapaces desprenderanse das emocións negativas e sairán da sala de musculación listos para novas fazañas nas clases, despois de teren mallado simbolicamente aos seus profesores.
Tamén os docentes poderán empregar este adestramento coas caras dos directivos do centro, aínda que, por motivos evidentes, non compartirán horario de uso das ‘punching balls’ cos seus alumnos.
Asemade, instalarase un sistema para contabilizar os golpes que recibe cada profesor para coñecer a actitude cara ao corpo docente.
Xa se instalaron catro peras de boxeo e espérase poder contar pronto con polo menos dez, dado que a afluencia é moi elevada.
Na universidade de Oxford decidiron empregar outro método para motivar aos seus alumnos. Os estudantes da prestixiosa institución académica pode que pronto teñan que renunciar por contrato a faltar ás clases e a estudar de xeito obligatorio. Este contrato ‘antilatóns’ tamén vai obrigar aos estudantes a pagar as taxas de matrícula, que este ano subirán ata os 3.637 euros por curso académico.
O motivo polo que se implanta este contrato é o feito de que algúns estudantes interpoñen pleitos contra as universidades cando non obteñen o seu título mediante o estudo.
Paxaros borrachos causan o pánico en Viena
Un bando de paxaros provocou a alarma de moitos vieneses que pensaron que se trataba dun grave caso de gripe aviaria. Arredor de corenta exemplares de ampelis europeo (bombycilla garrulus) apareceron mortos na capital austríaca. Pero a causa da súa morte non foi a gripe aviaria senón a chea que tiñan e que fixo que non puidesen evitar chocar contra un cristal. Estas aves migratorias emborracháronse despois de teren inxerido grandes cantidades de bagas fermentadas. Na información non se especifica o tipo de froitos que comeron, pero, de teren sido abruños, os paxaros estarían borrachos de pacharán.
Un can, convidado ao discurso de George Bush
Rex, un pastor alemán de cinco anos adestrado polo exército do aire dos Estados Unidos para detectar explosivos, e ferido na guerra de Iraq, foi convidado este martes pola primeira dama norteamericana, Laura Bush, a asistir ao discurso sobre o estado da nación que pronunciou o presidente George W. Bush.
Este foi un trato de favor excepcional para Rex, que acudiu acompañado da súa adestradora, a sarxento Jamie Dana, que podería adoptalo grazas a unha modificación das leis militares dos Estados Unidos.
Non sabemos se Rex o pasaría moi ben escoitando o discurso de Bush.
Un bebé recibe unha orde para unirse ao exército ruso
Dima Verenitsine, dun ano de idade, recibiu unha citación para unirse ao exército ruso, segundo informou o xornal Izvestia.
Un erro administrativo rexistrou a Dima, que fixo o ano de idade o 9 de xaneiro, na comisión de recultamento de Volvogrado, un proceso que normalmente se dirixe aos rapaces rusos de 16 anos.
A avoa do bebé, Liuobov Galouchkina, declarou que nun principio quixo ir á oficina de reclutamento co neno, pero Dima enfermou porque facía moito frío.
Pero despois, tanto a avoa coma os militares se decataron de que fora un erro administrativo, aínda que estes últimos non tomaron as cousas con humor. Segundo a avoa do bebé, portáronse coma uns groseiros.
Comments
comentarios desactivados para este artigo