Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

9 de setembro 9 September 2007, 14:00

Unha muller asegura que capturou o ‘chupacabras’
Phylis Canion viviu en África durante catro anos. Toda a súa vida dedicouse á cazaría e na súa casa ten cabezas de cebra e doutros animais exóticos para demostralo. Pero o cadáver do animal que atopou o mes pasado na súa finca era novo incluso para ela, así que o agochou no conxelador. Canion cre que ten a cabeza dun mítico chupacabras. «É unha criatura horrible», asegurou a muller, sostendo a cabeza do mamífero con grandes orellas, grandes dentes e pel de cor gris azulada. Canion e algúns dos seus veicños atoparon os corpos no mes de xullo, en Cuerno, Texas. Cada exemplar pesaba 18 quilos. A muller dixo que gardou unha cabeza para poder analizar o seu ADN. Sospeita que o chupacabras puido matar 26 galiñas da súa casa nos últimos dous anos. A diferenza dos coiotes, o chupacabras non come as vítimas, senón que lles chucha o sangue. Pero, segundo un veterinario, podería non ser un chupacabras, senón unha raza estraña de can. Pero Phylis Canion xa vende camisolas co lema «2007, o verán do chupacabras, Cuerno, Texas». Custan cinco dólares.

Maniféstanse co cu ao aire contra George Bush
O presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, que viaxou a Sydney (Australia) para participar no Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), atopouse o venres cunha rechamante manifestación contra el. Os manifestantes baixaron os pantalóns e amosáronlles o cu en protesta pola invasión de Iraq. A iniciativa, denominada «Traseiros para Bush», ten ademais un toque lúdico, pois pretende bater o récord mundial de persoas amosando as nádegas. Despois do recibimento, Bush meteu a pata en varias ocasións, como é habitual nel. Nun discurso perante líderes empresariais da APEC, agradeceulle ao primeiro ministro australiano ser «un anfitrión tan excelente do cumio da OPEP». Minutos despois, lembru a visita ás tropas «austríacas» en Iraq, cando en realidade se refería aos soldados australianos. Ao rematar o seu discurso, trabucouse de saída.

Os Mossos d’esquadra deteñen un ciclista que ía facendo eses pola autovía
A policía catalá detivo esta semana un ciclista que ía facendo eses pola autovía A2, á altura de Bell-lloc d’Urgell, en sentido Barcelona. Eran as catro e media da madrugada, hora en que circulaban moitos camións pola vía. O detido era un home de nacionalidade romanesa, Pauil Aline, que deu unha taxa de alcol de 0,78 gramos por litro de aire expirado, moi por riba do 0,25 permitido. Ademais, circulaba sen chaleco reflectante. O home quedou en liberdade e citado para declarar perante o xuíz por circular en bicicleta por unha vía prohibida, conducir de xeito temerario e ir bebido.

Unha muller de 65 anos queda sen mercar viño por non poder xustificar a maioría de idade
Barbara Skapa, de 65 anos, foi a un supermercado de Farmington, Estados Unidos, para mercar viño, pero non puido, porque non levaba un documento de identidade que probase a súa idade. «De agora en diante vou traer a miña licenza de conducir», dixo a octoxenaria. Despois de sufrir unha fractura nunha perna, Skapa foi levada a semana pasada ao supermercado Hannford Bros para mercar varias cousas, entre elas unhas botellas de viño. O caixeiro díxolle que a política do establecemento era comprobar a identificación de todos os compradores de bebidas alcólicas, explicou Skapa, quen engadiu «ninguén pensaría que teño 30 ou 40 anos». Segundo unha voceira da empresa, revísase a documentación de todas as persoas que queiran mercar alcol e aparenten menos de 45 anos.

Pide dous millóns de dólares de indemnización despois de atopar un condón na cervexa
Un moscovita reclama dous millóns de dólares, algo menos dun millón e medio de euros, a un fabricante de cervexa despois de descubrir no interior dunha botella o envoltorio aberto dun preservativo e un anaco dunha «materia plástica», informou a súa avogada este mércores. O seu cliente, Pavel Pavlov, redactor xefe dunha publicación militar rusa, descubriu no interior dunha botella de cervexa da marca Baltika-3 o inesperado obxecto, explicou Stalina Gurevitch. Pavlov, de 60 anos, sofre problemas psíquicos a raíz do incidente e evita mercar bebidas embotelladas. O home presentou unha demanda no tribunal Perovski de Moscova reclamando dous millóns de dólares por prexuízos morais contra a empresa fabricante da cervexa. O director adxunto de Baltika, Alexei Kedrin, declarou á AFP que descartan que un feito así puidese acontecer porque «o nivel de tecnificación dos nosos equipos é superior ao das empresas europeas».

As parellas infieis de Colombia poderían ser castigadas con multas e traballos sociais
Os homes ou as mulleres infieis e as súas parellas de aventura poderán ser sancionados en Colombia con multas de ata 2.870 euros e traballos sociais, segundo un proxecto de lei que o senador Edgar Espíndola prevén presentar no parlamento. «Estamos a propoñer que a infidelidade probada se sancione con 20 salarios mínimos e se someta a traballos sociais as fins de semana», explicou o senador o martes en radio RCN de Bogotá. Segundo Espíndola, a maioría das separacións en Colombia empezan por unha infidelidade e temas como a violencia interfamiliar son moitas veces consecuencias dela. O proxecto tamén contempla convenios con entidades de tratamento terapéutico e informativo para as persoas infieis.

Comments

comentarios desactivados para este artigo