Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

19 de agosto 25 August 2007, 19:43

Unha parella quérelle chamar ao seu fillo «@»
Unha parella chinesa tentou poñerlle ao seu fillo «@», alegando que o carácter empregado nos enderezos de correo electrónico se corresponde co seu amor polo bebé. O estraño nome sorprende especialmente en chinés, lingua que emprega miles de ideogramas diferentes para escribir cada palabra. O símbolo da arroba representa en inglés unha abreviatura da preposición «at», que en chinés se pode transcribir dalgún xeito como «ai ta», que significa «quérote» en mandarín.
Segundo o vicerresponsable da Comisión Estatal da Linguaxe, Li Yuming, o goberno do país prohibe os nomes que usen numerais, linguas estranxeiras ou símbolos que non pertenzan ás múltiples linguas das minorías chinesas, aínda que non especificou se van aceptar o nome para o neno. Uns 60 millóns de chineses padecen o problema de que os caracteres antigos dos seus nomes non os recoñecen os ordenadores.

Un neno mexicano de 12 anos comezará a estudar Cirurxía e Psicoloxía
Andrew Almazán, un neno mexicano superdotado, comezará a vindeira semana as carreiras de Médico Cirurxán e Psicoloxía na Universidade das Américas, en Puebla, no centro do país. O rapaz acaba de rematar o bacharelato e foi admitido polo centro universitario mediante un programa especial de estudos axeitado á súa idade. Segundo a universidade, Andrew conta cunha bolsa Jenkins, que cobra o cen por cento dos seus estudos nas dúas licenciaturas, e ademais poderá vivir coa súa familia nunha casa da zona residencial do campus, que tamén terá o custo cuberto. Segundo informou Efe, os pais do pequeno universitario pedíronlle ao reitor que non teña que asistir a diseccións nin nectopsias como o resto dos alumnos. Andrew ten dúas irmás máis pequenas e practica o taekwondo e o hoquei sobre xeo.

Un motorista xaponés decátase de que perdeu unha perna despois de conducir dous quilómetros sen ela
Kazuo Nagata, de 54 anos, transitaba cun grupo de amigos moteiros pola rexión de Shizuoka cando bateu contra a barreira que divide os dous sentidos da autopista. Nagata cortou a perna, pero literalmente anestesiado polo choque e pola rapidez do corte, seguiu o seu camiño sen problemas. O motorista non se decatou do que pasara ata que tratou de facer un xiro dous quilómetros máis adiante. Segundo a edición electrónica do xornal Mainichi Shinbun, os amigos do accidentado deron a volta para recuperar a extremidade, que levaron ao hospital canda o ferido.

O ghit do verán no Brasil é ben diferente. Triunfou unha canción para insultar un veciño, titulada «Vai tomar no cu»
Cris Nicolotti, unha actriz brasileira que gravou un vídeo musical cun duro insulto dedicado a un veciño molesto foi contratado por unha discográfica e vendeu centos de tons para teléfonos móbiles despois do éxito que acadou no portal YouTube. Cada día entre 30 e 40.000 internautas buscan o vídeo, creado hai tres meses, de «Vai tomar no cu», un tema melódico, con sons edulcorados. «Non imaxinaba isto, porque a música saíu case sen querelo. En 72 horas o vídeo tomara o país, nin sei como», dixo Nicolotti, que tamén viu aumentar o público dunha peza teatral que representaba en São Paulo. A venda de tons e politons xa produciu uns beneficios de 500.000 reais, uns 182.000 euros. A actriz pensa agora gravar un álbum con 12 temas. A canción xa ten diferentes versións na internet e mesmo hai outro vídeo gravado por Eliane, unha atractiva presentadora de televisión e ex-animadora infantil.

Unha tenda chilena vende traxes de Pinochet para os seus partidarios
Uns vinte traxes do ex-ditador chileno Augusto Pinochet están á venda nunha xastraría do centro de Santiago de Chile, pero só se lles venden aos clientes identificados como partidarios do finado xeneral, informou o xornal La Tercera. Os traxes son principalmente tres pezas e chaquetas, e foron vestidos por Pinochet entre 1980 e 2006, segundo declarou o seu fillo maior, Augusto Pinochet Hiriart: «Son máis ben traxes correntes que el usaba na casa ou para saír en actividades particulares, nada de momentos emblemáticos ou especiais», explicou. Segundo a nova, todos os traxes custan máis de 2.000 dólares (1.465 euros). Agás un smoking, os traxes non están no escaparate da xastraría D’Adriany, senón que están protexidos en envoltorios especiais. Pinochet morreu o 10 de decembro do ano pasado, despois de ter encabezado unha sanguinaria ditadura, de 1973 a 1990, que deixou polo menos 3.000 vítimas entre mortos e desaparecidos. Segue a ter partidarios en Chile.

Usuarios do IPhone de Apple reciben unha factura de 300 páxinas
Algúns dos usuarios do novo teléfono móbil de Apple, o IPhone, tan desexado polos friquis dos trebellos, atopáronse este mércores cunha desagradable sorpresa ao recibiren unha factura de 300 páxinas. Todas as mensaxes e chamadas, e tamén as actividades pagadas aparecen detalladas nas facturas da compañía AT&T, que distribúe en exclusiva o aparello nos Estados Unidos. Un voceiro da empresa, Mark Siegel, asegurou en declaracións á axencia AFO, que «este caso é a excepción e existen diferentes fórmulas de facturación». «Eles poden ver unha factura súper detallada, unha versión en papel sen tantos detalles e finalmente poden consultar o saldo por internet. Son eles os que escollen, nos avisan e, se prefiren ver a factura en liña, cambiámolos», explicou. AT&T non quixo especificar cantas persoas recibiron a factura superdetallada, por ser unha listaxe confidencial. Segundo os analistas, este tipo de facturas non só lle custan diñeiro á AT&T, senón que tamén desesperan os seus clientes. É mal comercio.

Comments

comentarios desactivados para este artigo