Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

12 de febreiro 19 August 2006, 03:07

A nova que conmocionou toda Galicia, e especialmente A Coruña, esta semana foi o nomeamento de Francisco Vázquez como embaixador na Santa Sé. A nova chegou tan de sorpresa que moitos coruñeses pensaron que se trataba dunha especie de inocentada. De feito, a imaxe da primeira páxina de La Voz de Galicia do venres tiña toda a pinta de ser unha fotomontaxe como a do Christmas do Rei deste nadal.
Onte soubemos tamén que o libreiro de Paco Vázquez xa estaba ao tanto de que o alcalde ía facer unha viaxe a Roma, polo tipo de libros que mercou nas últimas semanas.
Non sabemos se alí se atopará con Superpiñeiro, tamén un apaixoado das viaxes, como Paola Santoni e David Amor.
...
Tamén podemos imaxinar o momento no que se atope en Roma con Maricarmen Mella
...

O Vaticano está ultimamente moi de moda. Tanto é así que Michael Jackson podería cantar nun disco que incluiría pregarias do falecido papa Xoán Paulo II.
Giuseppe Moscati, sacerdote que xestiona a empresa Edizioni Musicali Terzo Millenio dixo que é posible que o rei do pop forme parte do proxecto, que aínda non lle presentou ao Vaticano para a súa aprobación.
O CD incluirá cancións coa letra de 24 oracións escritas polo finado pontífice interpretadas por varios cantantes.
O Vaticano xa tentara contactar con Jackson para que traballara en “certa música” hai un ano, pero daquela non se puido concentrar no asunto, dado que estaba a ser xulgado.
Non imaxinamos cómo podería soar a música de Xoán Paulo II cantada por Michael Jackson, pero si podemos escoitar a música de Michael Jackson interpretada pola Terremoto de Alcorcón. Esta é a súa versión de ‘Thriller’.
...

Hai dúas semanas contabámoslles o estraño caso de María Antonia Calvo, barcelonesa de 43 años que non podía casar porque estaba morta para o Rexistro Civil. Pois, ben, María Antonio Calvo resucitou despois de levar catorce anos falecida. Despois de meses de papeleo, a muller conseguiu a acta xudicial que deixa sen efecto a anterior, que a declaraba morta e ao seu fillo, orfo.
Agora, por fin poderá casar coa súa actual parella, Antonio Guzmán, despois da paralización do proceso dende o mes de decembro.
Isto non lle tería pasado a María Antonia de ter vivido no concello de Biritiba Mirim, no Brasil. O alcalde, Roberto Da Silva, decretou tamén no mes de decembro que estaba prohibido morrerse nesa localidade, debido á falta de espazo no cemiterio.
Porén, a lei non saíu adiante, dado que a cámara municipal rexeitou o proxecto por cinco votos contra catro.
Aínda así, o enterrador municipal, Reinaldo Pereira, confirmou que dende que se presentou a iniciativa só se enterraron cinco mortos, que ademais xa tiñan panteóns familiares.

O vindeiro martes vanse celebrar en Haití eleccións presidenciais, as primeiras dende o ano 2000. Este ano haberá grandes innovacións tecnolóxicas, dado que se vai habilitar un moderno centro electrónico de cómputo de votos.
Pero isto non quere dicir que o escrutinio se vaia acelerar, dado que as urnas van ser transportadas, en moitos casos, en mulas.
A falla de helicópteros da ONU e pola negativa dos Estados Unidos de proporcionar máis, as urnas e as papeletas vanas ter que levar ata o centro de reconto informático medios de transporte menos propios do século XXI.
Están convocados ás urnas 3 millóns e medio de haitianos, que van dispoñer de 10 horas para votar e percorrer unha media de cinco quilómetros para chegar ata os colexios electoriais.
Ademais, as normas obrigan aos homes a levar a camisa dentro dos pantalóns e ás mulleres a iren vestidas correctamente, todo iso soportando unhas temperaturas abafantes.
Os electores deberán amosar os seus modernos carnés de identidade feitos nos Estados Unidos, e despois verán marcado o seu dedo polgar cunha tinta indeleble que lles durará un mes e medio.
As eleccións custarán 80 millóns de dólares, aínda que as urnas van ser de plástico facilmente rompible e as papeletas estarán feitas de papel de periódico. Iso si: as bolsas nas que se transportarán as actas ata o centro de reconto en Porto Príncipe serán inviolables e estarán controladas por cascos azuis chineses, cunha longa tradición democrática.

Un mozo de vinte anos de idade foi detido en Elxe como presunto autor dun intento de roubo nunha casa de campo. A principal proba na súa contra é o seu propio currículo, que deixou no lugar dos feitos.
O detido foi sorprendido polo dono mentres tomaba unha copa na entrada, coa televisión encendida e unha caixa con algúns obxectos que supostamente roubara. Na súa fuxida, deixou atrás unha copia do seu currículo, coa súa foto e todos os seus datos persoais, polo que a Policía non tivo moitos problemas en localizalo.
O ladrón novato xa fora detido anteriormente en oito ocasións. A última delas foi detido polo dono da vivenda á que entrara a roubar. Unha veciña da zona confesou o medo que pasou cando se atopou co presunto ladrón.
...

A metrosexualidade xa non está de moda. David Beckham xa non é o preferido das mulleres británicas. Nunha lista elaborada pola revista New Woman, o xogador do Real Madrid está no posto 14. Nin sequera é o primeiro do mundo do fútbol, pois o adestrador do Chelsea, o portugués José Mourinho, ocupa a sexta praza do ranking. Segundo as 10.000 lectoras da revista que elaboraron esta lista, o máis sexy do mundo é Brad Pitt.
Falamos agora dun deportista que probablemente empece a cobrar o subsidio de desemprego pola súa precaria situación económica. O automobilista Michael Schumacher ten o estatus laboral de parado na súa residencia habitual, Suíza, pois a profesión de piloto de carreiras non está recoñecida como un emprego no país alpino. Deste xeito, só terá que declarar a Facenda por uns ingresos máximos anuais de 300.000 dólares, aínda que gañe máis de 50 millóns.

Comments

comentarios desactivados para este artigo