O virus da gripe aviaria está cada vez máis preto. Pero iso non ten por que ser motivo para a alarma. María Albela Rodríguez, veciña de Paxareiras (Muros) percibiu con preocupación o estraño comportamento dun dos seus galos. A ave emitía uns estraños sons, tiña dificultades para andar e a crista púxoselle morada. Todo isto, sumado ao feito de que moitas aves migratorias frecuentan a zona, e mesmo chegaron a comer galiñas, levou á muller a dar parte a Garda Civil. O Servizo de Conservación da Natureza recolleu o galo, que foi analizado polo laboratorio de Sanidade de Produción Animal de Galicia.
Por precaución, os responsables do Servizo de Conservación aconselláronlles aos veciños de Paxareiras que non coman ovos e eviten o contacto coas aves.
Os resultados concluíron que non se trataba de gripe aviaria, pero aínda seguimos sen saber qué lle pasaba ao galo.
A Xunta de Galicia fixo un chamamento á calma, porque xa se deron casos de persoas que se presentaron no laboratorio cun paxaro morto baixo o brazo.
Unha rapaza de sétimo grao demostra que a auga dos váteres dos restaurantes de comida rápida ten menos bacterias cá que empregan para facer xeo.
Jasmine Roberts, estudante de doce anos da Benito Middle School en New Tampa, Florida, pensou para o seu proxecto de ciencias eses absurdos certames que saen en todas as series e películas norteamericanas pero que nunca crimos que puidesen existir realmente a hipótese de que o xeo neste tipo de establecementos podería conter máis xermes ca a auga dos retretes.
Para levar a cabo a súa investigación, Jasmine seleccionou cinco restaurantes de comida rápida nun raio de dez millas arredor da universidade do sur de florida. Tirou unha vez da cadea do váter e recolleu mostras con luvas estériles. Logo recolleu xeo dos dispensadores de refrescos dos mesmos establecementos e tamén pediu vasos de xeo a través das fiestras de servizo a automóbiles outra cousa que tamén vemos en series e películas norteamericanas.
As mostras analizáronse nun laboratorio, e o resultado foi que no 70 por cento das veces, o xeo dos restaurantes de comida rápida ten máis bacterias ca a auga do váter do mesmo establecemento.
O proxecto de ciencias de Jasmine Roberts acadou o primeiro premio na feira rexional de ciencias, dotado con 800 dólares.
Seguimos en Florida. Elizabeth Gould, unha muller de Palmetto, no oeste deste estado friki de Norteamérica, asegura ter achado a imaxe da Virxe nunha pataca frita. Esta muller afirmou que sentiu unha forte impresión ao comer as patacas fritas que lle deron nun avión da compañía Jet Blue nunha viaxe de Nova York a Florida. Nese momento fitou a pataca e exclamou “¡Isto semella a Virxe María!”
A pataca, da marca Terra Blues, ten unha silueta parecida á imaxe popular da Virxe.
Elizabeth Gould garda a pataca en papel de aluminio dentro dunha caixiña de metal, pero aínda non sabe de a poñerá á venda como fixera no ano 2004 outra muller de Florida (de alí tiña que ser), que sacara a poxa un sandwich de queixo coa imaxe da Virxe no pan, pola cal un casino pagou 28.000 dólares e levou de xira polos Estados Unidos. Non sabemos se este casino é o mesmo que mercou a pedra do ril de William Shatner da que falamos semanas atrás.
O actor estadounidense Lou Ferrigno, que encarnou á Masa na popular serie de televisión de comezos dos anos 80, acábase de graduar como policía a media xornada na cidade dos Ánxeles. Ferrigno, que no seu momento foi Mister Universo, ten agora 53 anos. O luns xurou como policía da cidade despois de cinco meses de adestramento. Incorporado á reserva, traballará 20 horas ao mes na oficina da comisaría da cidade californiá.
O ex-actor mide 1 metro 96, pesa 120 kilos e interpretou entre os anos 1978 e 1982 ese monstro verde, a masa, o incrible Hulk, nun papel que o fixo enormemente popular. Desgrazadamente, despois diso participou en ducias de series e películas de serie B sen moito éxito. Dá a casualidade de que o gobernador de California, Arnold Schwarzenegger, tivo as mesmas orixes culturistas ca el, aínda que gozou de mellor sorte.
Había dúas semanas que non traïamos aquí un estudo sobre sexo. Desta vez informámolos das conclusións dun urólogo do centro de androloxía St Peter, de Londres. Nim Christopher asegura que as operacións de alongamento de pene provocan unha taxa de insatisfacción moi alta. Este urólogo opina que para os pacientes con dúbidas psicolóxicas sobre o tamaño do pene, particularmente se ten un tamaño medio, non ten sentido ofrecerlles cirurxía, pois non lles vai supoñer ningunha diferenza. O incremento medio da lonxitude é de 1,3 centímetros, que non é moito, polo que a taxa de insatisfacción dos operados supera o 70%.
Polo tanto, a única solución podería ser o asesoramento psicolóxico.
Segundo Christopher, as mensaxes de correo electrónico lixo (spam) que anuncian operacións de alongamento de pene dan expectativas irreais.
Un estudo suxire consultar coa almofada as grandes decisións. Segundo as investigacións de Ap Dijksterhuis, da universidade de Ámsterdam, pensar e reprensar nos problemas podería levar a cometer erros graves. Cando chega o momento de tomar decisións complexas é mellor deixar funcionar a mente inconsciente.
O traballo asegura que só se debe confiar na mente consciente para decisións sinxelas, como escoller unha marca de manoplas para forno. Mercar un coche ou unha casa require da axuda da mente inconsciente, que é capaz de ponderar o total da información e producir unha solución satisfactoria.
Segundo o investigador holandés, nalgún momento da evolución humana, comezamos a tomar decisións conscientemente, e non somos demasiado bos niso. Deberiamos aprender a deixar que o noso inconsciente manexe as cousas complicadas.
Rematamos con corazón. Estefanía de Mónaco volve con Daniel Ducruet.
Os dous foron pillados na illa Mauricio na compañía dos seus fillos Luís e Paulina.
A princesa e o gardacostas romperan a súa relación cando saíra á luz un famoso vídeo no que aparecían Daniel e a stripper Fili Houteman xunto a unha piscina. Aínda que Ducruet sempre asegurou que o incidente fora froito dunha conspiración, o caso é que a historia rematou en divorcio.
A reconciliación sería agora posible, dado que Estefanía xa non ten a oposición do seu finado pai, e asegúrase que o príncipe Alberto lle deu o seu visto e prace á relación.
Despois de Daniel, o historial sentimental de Carolina foi bastante numeroso: o tamén gardacostas Jean-Raymond Gotlieb, co que tivo a súa filla Camille; o empresario Franco Knie; o artista circense Adans Peres, co que chegou a casar, etcétera.
Pola súa banda, Daniel Ducruet tamén tivo algunhas historias gloriosas, entre as que cabe destacar o seu romance con Marujita Díaz.
Con este tema da etapa cantora de Estephanie, ‘Ouragan’, despedimos Noticias Extrarradio por esta semana. Volvemos o vindeiro domingo. Feliz inicio de semana.
Comments
comentarios desactivados para este artigo