Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

26 de febreiro 19 August 2006, 03:09

Prohíben unha exposición de camisetas provocadoras en Polonia
Unha universidade polaca prohibiu unha exposición de camisetas por entender que as mensaxes que tiñan estampadas resultaban demasiado provocadoras. Textos como “eu non chorei cando morreu o Papa” ou “teño sida” poderían ter ofendido os sentimentos e crenzas de moitas persoas, segundo afirmou Wieslaw Kamiski, rector da universidade UMCS, ao sureste da cidade de Lublin.
A exposición amosaba personalidades polacas vestidas con camisolas con temas xeralmente considerados tabú para a igrexa católica, como “son gay”, “son xudeo”, “son árabe”, “mastúrbome” ou “teño a regra”.
Segundo o bispo de Lublin, Jozef Zycinski, “para escribir ‘teño sida’ ou ‘abortei’ nunha camiseta, esa persoa tería que estar desprovista de todos os sentimentos humanos”.
As camisolas foran deseñadas para un festival de cine organizado pola federación internacional de Helsinki polos dereitos humanos en Polonia, que foi cancelado en sinal de protesta pola censura da exposición.
O director da federación organizadora, Marek Antoni Nowicki dixo que o obxectivo da mostra era tentar crear debate sobre a liberdade de expresión en Polonia.

O uso da palabra “merda” carréxalles multas ás televisións nos Estados Unidos
Dende a toma de posesión de Kevin Martin como presidente da comisión federal de comunicacións dos Estados Unidos, FCC, aumentou o esforzo por controlar o que se considera indecente nos medios de comunicación norteamericanos.
A FCC inclúe o uso da palabra “merda” entre as infraccións contra a decencia que poden supoñer importantes multas en metálico.
A primeira vítima desta medida foi a pseudofamosa Nicole Ritchie, que empregou a palabra ‘shit’, denominación vulgar inglesa para os excrementos, na súa aparición en directo na gala de entrega dos premios musicais Billboard, que se emitiu pola cadea Fox no ano 2003. A inminente sanción administrativa que lle agarda á canle fai prever que proximamente haxa moitas máis, pois varias televisións están a agardar un ditame por infraccións semellantes.
Esta cruzada pola decencia que está a levar a cabo a FCC fíxose máis patente o pasado mes de marzo, cando Kevin Martin tomou posesión como presidente do organismo co respaldo da Administración Bush.
Espérase que a FCC ratifique a sanción á CBS cunha multa de medio millón de dólares polo escándalo sen precedentes que causou hai dous anos a cantante Janet Jackson cando se lle viu un peito no descanso da Superbowl.

Desartellada en Nova York unha banda que roubaba partes de cadáveres para revendelas para transplantes
As autoridades de Nova York procesaron esta semana catro individuos acusados do delito de roubar partes de máis de mil cadáveres para vendelas con destino a transplantes médicos lexítimos. Entre as vítimas da trama, que actuaba baixo a cobertura da compañía BioMedical Tissue Services, atópase o corresponsal da BBC Alistair Cooke, que morreu hai dous anos en Manhattan.
O líder da banda é o dentista Michal Mastromarino, que se reconverteu ao negocio de colleitar pezas humanas tras perder a súa licenza por neglixencia profesional. Axudábanlle os “cortadores” Lee Crucetta e Christopher Aldorasi e o embalsamador Joseph Nicelli. O grupo, con contactos con varias funerarias, accedía á materia prima a cambio dunha comisión de mil dólares (841 euros) por cadáver.
A empresa criminal, coa axuda de permisos falsificados, chegou a obter varios millóns de dólares vendendo partes humanas a clientes dos Estados Unidos, Canadá e Europa que descoñecían a procedencia dos xeonllos, ósos de toda clase, pel, tendóns, implantes dentais e válvulas cardíacas.
Os fiscais descubriron que os criminais enchían os ocos dos cadáveres con luvas, mantelos e outros utensilios para recrear o seu volume durante os velorios. Ademais, substituían os ósos con tuberías de PVC.
O descubrimento dunha sala de operacións secreta nunha funeraria de Brooklyn serviu como pista para destapar a trama.
A Administración Federal de Alimentos e Medicamentos, FDA, ordeou a retirada dos órganos subministrados por esta banda, xa que non cumpren os requirimentos sanitarios. Tamén lles recomendou ás persoas que recibiron transplantes que se sometan a análises para descartar o contaxio de enfermidades como a sida, hepatite ou sífile.

Atopan un zapato milenario baixo o xeo canadense
Un mocasín de coiro de 1.400 anos de antigüidade foi descuberto no territorio do Yukon, ao noroeste do Canadá, o que supón o calzado máis antigo atopado nese país.
O calzado achouno no ano 2003 un grupo de buscadores que rastrexaban unha zona onde se produciu o derretemento de xeos de hai 9.000 anos por mor do quecemento global. Primeiro pensaron que era a bolsa dun cazador, polo que o mantiveron conxelado ata hai pouco, cando os arqueólogos o limparon e recompuxeron.
O zapato será unha peza moi valiosa para coñecer a vida cotiá do seu propietario, pois é de uso diario, segundo a conservadora patrimonial de Yukon, Valery Monahan, que traballou 240 horas limpando e recompoñendo a peza.
Estaba cuberta de excrementos e de balor, parecía ter sido amañada dúas veces e tiña novas costuras e un remendo na sola.
Na zona xa se atoparon no ano 97 as primeiras ferramentas e bosta de caribú. Dende aquela apareceron máis de 180 utensilios e armas, algúns de máis de 8.000 anos de antigüidade.

Liza Minnelli vende a súa casa coa súa madrasta dentro
A cantante e actriz estadounidense Liza Minnelli puxo á venda a mansión do seu pai por tres millóns e medio de dólares, case tres millóns de euros, pero coa súa madrasta de 98 anos dentro. A casa era de Vincente Minnelli, pai da actriz, que morreu no ano 1986 aos 83 anos deixándolla á súa filla, pero cunha condición: que a súa viúva, Lee, permanecese nela o resto da súa vida.
E así será. Quen merque a casa recibirá conxunta e inseparablemente á señora Minnelli.

Deportes: descualificada por confundir o son dun móbil co da saída
A deportista sueca Sara Fischer foi eliminada este xoves por saír antes de tempo na segunda manga de clasificación do eslalon xigante paralelo de snowboard nos xogos olímpicos de Turín, por confundir o timbre dun teléfono móbil co sinal de saída.
A esquiadora sueca, de 25 anos, dixo: “mentres soaban os ‘bips’ de saída, soou o teléfono dun oficial e saín crendo que era o último bip. Pero a porta seguiu pechada e caín. Erguinme inmediatamente e seguín. Non debera de telo feito”.
Sara Fischer amosou a súa tristiura porque levaba catro anos agardando esa carreira, pero asegurou que como estudante de medicina ten visto xente en situacións moito máis tráxicas, polo que non se vai queixar.
A deportista fixera o 14º mellor tempo de 30 corredoras na primeira manga e tiña opcións de chegar á final.

Comments

comentarios desactivados para este artigo