Unha muller agochou o cadáver do seu home no conxelador durante tres anos
Unha muller de 35 anos foi condenada a un ano de prisión condicional por ter agochado durante tres anos nun arcón conxelador da súa casa o cadáver do seu home. A sentenza non acusa a muller de asasinato, que non puido ser probado, senón só de profanación do cadáver.
Todo comezou o 30 de xuño do ano 2001, cando a vítima, Gonçalo Pereira Araújo, de 35 anos, volvía á súa casa en Jolda, no estremo norte de Portugal, despois dunha xolda por mor das festas patronais. Dende aquela, ninguén o volveu ver. A súa muller denunciou a súa desaparición perante a policía o 6 de xullo.
En xaneiro do 2002, ela deixou a casa para ir vivir con outro home e a compañía eléctrica cortou a luz. Máis de dous anos despois, alertado polo cheiro insoportable que procedía da vivenda, o irmán do desaparecido entrou e atopou o corpo. A muller foi acusada do asasinato do seu home, pero non se puido demostrar a súa culpabilidade. Ela botoulle a culpa a un amigo do seu marido co que el rifara.
A revista Playboy pagaralle os estudos a unha modelo expulsada do instituto
A edición polaca da revista Playboy anunciou este xoves que axudará economicamente a unha rapaza de 19 anos que foi expulsada do seu instituto despois de ter posado espida para a publicación.
Sylwia Preiss apareceu na portada do número de marzo de Playboy Polonia. Puco despois, mandoulle unha mensaxe á redacción na que comunicaba que a acababan de botar do centro de estudos, a tres meses de comezar os exames.
A revista decidiu que correrá cos gastos dunha escola privada para que Sylwia poida continuar cos seus estudos.
A modelo explicou no xornal Gazeta Wyborcza que o director da súa escola a acusou de terse comportado inmoralmente e sen ética, por ter posado para Playboy, nun país de profunda fe católica como Polonia, onde aínda non se leva a relixión pastafari.
O editor da revista, Marcin Meller, dixo que lle sorprendera a expulsión, dado que Sylwia é unha persoa adulta.
A muller máis vella do Brasil fixo este martes 126 anos
Maria Olívia da Silva cumpriu este martes 126 anos, segundo informou o xornal O Estado de São Paulo. A celebración fíxose con torta e uns refrescos, que degustaron os seus numerosos familiares.
Maria Olívia está recoñecida como a muller máis vella do Brasil no libro RankBrasil, algo así como o Guinness dese país, e os documentos indican que naceu o 28 de febreiro do 1880 no interior de São Paulo, 8 anos antes da abolición da escravitude no Brasil.
A anterior muller máis lonxeva do Brasil fora Ana Martinha, que morreu no ano 2004 con 123 primaveras.
Maria Olívia vive no concello de Astorga, no estado de Paraná, nunha modesta casa de madeira.
As paredes do seu fogar están recubertas de recortes de revistas e xornais de todo o mundo que contan a súa fazaña.
Maria Olivia tivo 10 filos propios, máis catro adoptados e calcúlase que debe ter preto de 400 netos, bisnetos e tataranetos. O seu único fillo vivo é Aparecido Honório Silva, de 59 anos, o último que adoptou.
Laura Bush apréndelles aos nenos indios a contar ata 5 no ‘Barrio Sésamo’
Cando se estree este ano a versión india do programa ‘Barrio Sésamo’ os rapaciños deste país recentemente visitado polo presidente e a primeira dama estadounidenses poderán aprender a contar ata cinco grazas a Laura Bush.
A señora Bush centrou a súa axenda do xoves en actividades relacionadas coa infancia, entre as que se atopaba visitar o estudo no que se grava o ‘Barrio Sésamo’, alí chamado «Galli Galli Sim Sim». Nunha escena, Laura Bush saludou o público en hindí e despois axudou á nena Chamki, un dos personaxes principais, a contar ata cinco en inglés. Chamki presentouna dicindo «Esta é a miña nova amiga, a señora Bush».
Mentres George asinaba un histórico acordo que bendice a proliferación nuclear civil na India, a súa muller, algo máis dotada intelectualmente, saudaba ao personaxe Aanchoo, algo así como Espinete versión Galli Galli Sim Sim, asegurando que lle gustaba moito o peiteado do peludo boneco.
Desgrazadamente, desta vez o matrimonio Bush non tivo tempo de visitar o Taj Mahal. O primeiro ministro indio, Manmohan Singh, confiou en que George Bush sexa máis galante nunha vindeira ocasión.
Un estudante do INEF de Lleida denuncia a publicación en Internet de vídeos íntimos seus
Un estudante da Universidade leridá presentou unha denuncia perante os Mossos d’Esquadra ao comprobar que circulan pola internet 13 vídeos con imaxes de relacións sexuais del coa súa moza. O rapaz, que estuda cuarto do Institut Nacional d’Educació Física de Catalunya, explicou na súa denuncia que perdeu un lapis de memoria cos atrevidos vídeos coa súa parella, que estuda en Barcelona, na sala de informática do centro e que logo viu como aparecían na internet todas as secuencias. Os vídeos, gravados de xeito caseiro pola parella, conteñen relacións sexuais deles en diferentes lugares da casa e mesmo conducindo un vehículo pola estrada, o que non recomenda a Dirección Xeral de Tráfico, aínda que de momento non está tipificado como falta, que saibamos.
As imaxes foron gravadas, ao parecer, por eles mesmos de común acordo cunha cámara de vídeo doméstico e logo descargáronas no ordenador e nun lapis de memoria. O mozo levaba habitualmente o obxecto ata o seu centro de estudos, en cuxa sala de informática o esqueceu. As gravacións pódense atopar en redes de intercambio de arquivos baixo o nome «vídeos inef».
Condoleezza Rice ensinará a facer ximnasia na televisión
A secretaria de Estado dos Estados Unidos, Condoleezza Rice, compartirá os seus trucos de ximnasia nun programa matinal da canle NBC. Cunha vestimenta moi diferente da que nos ten acostumados, Rice aparecerá nas pantallas facendo pesas e pedaleando nunha bicicleta estática.
A reportaxe gravouse a pasada fin de semana no ximnasio do Departamento de Estado, en Washington, e emitiuse o mércores, xoves e venres no programa NBC4 Today.
Adam Ereli, voceiro do Departamento de Estado, dixo que querían facer unha noticia sobre a súa rutina deportiva e iso foi o que amosaron. Rice é unha secretaria de Estado «activa» que encabeza unha diplomacia «muscular e áxil».
Rice ten o costume de erguerse todos os días antes de saír o sol, como miles de galegos, para facer unha completa táboa de exercicios de entre 45 minutos e unha hora de duración.
Un produtor escocés destilará un whisky de 92 graos
A destilería independente escocesa Bruichladdich, unha das oito da pequena illa de Islay, destilará o luns 12 barrís de whisky de 92 graos de alcohol, baseándose nunha receita do século XVII. Para facer público tal acontecemento, conectará cámaras web para que todo o mundo o poida seguir en directo, a non ser que a destilería estoupe durante o proceso.
Os whiskys escoceses e outros puros de malta adoitan ter entre 40 ou 50 graos de alcohol, o que indica a porcentaxe desta substancia no volume total da bebida.
Pero este whisky destilarase catro veces en lugar de dúas e poñerase á venda dentro dunha década.
Segundo a receita tradicional, do ano 1695, este whisky afecta a todos os membros e dúas culleradas son unha dose suficiente. Se un home bebe máis, deixaría de respirar.
E con esta nova despedimos por hoxe este espazo informativo. O vindeiro domingo, máis. Feliz semana, e non beban moito whisky.
Comments
comentarios desactivados para este artigo