Éxito de Extrarradio
Principiamos este espazo informativo facéndonos eco do grande éxito da primeira edición do programa Extrarradio, que se emite os sábados e os domingos pola mañá na Radio Galega. Segundo todos os estudos de audiencia consultados e, se a estatística non engana, o primeiro programa de Extrarradio tivo un 100% de audiencia entre as persoas que escoitaban a Radio Galega entre as once da mañá e as dúas da tarde de onte.
A televisión empeora a vida sexual
Esta é a conclusión que tirou o equipo da sexóloga italiana Serenella Salomoni, nun estudo no que se entrevistaron 523 parellas para coñecer cal era o efecto do televisor na súa vida íntima.
Segundo este traballo, non ter televisión no dormitorio fai que a frecuencia das relacións sexuais se duplique, cando menos en Italia. O promedio de actos sexuais das parellas italianas sen tele no cuarto é de dous semanais ou oito mensuais, mentres que os que si teñen “caixa tonta” só o fan catro veces ao mes.
A diferenza aínda é máis aprezable entre os maiores de 50 anos. Nese caso, pásase de sete relacións mensuais sen tele a unha e media con ela.
Tamén inflúe a programación que se emite: as películas violentas poñen un alto ás relacións sexuais para a metade das parellas, mentres que os reality shows tamén lle frea a paixón á terceira parte dos entrevistados.
...
Mañá sae á venda en Bolivia o xersei de Evo Morales
Os bolivianos xa poderán mercar por oito dólares unha “chompa” ou xersei moi semellante ao que popularizou o novo presidente do país andino, Evo Morales, e que luciu diante de presidentes como o sudafricano Thabo Mbeki, o español José Luis Rodríguez Zapatero ou o chinés Hu Jintao.
A prenda fíxose moi famosa entre os seguidores do líder cocaleiro, ata o punto de que o empresario Raúl Vaca, dono da empresa Punto Blanco, que aquí coñecemos máis ben polos seus calcetíns e non polos seus xerseis, decidiu lanzar unha nova liña de prendas de vestir, chamada “Moda Evo”. Trátase dunha serie de ‘chompas’, confeccionadas con pelo de alpaca e que se inspiran na moda que está a marcar Morales, como o famoso xersei de raias brancas, azuis e vermellas.
Para promocionar estas prendas, púxose en marcha unha campaña publicitaria na que aparece a imaxe do propio presidente. Porén, Evo Morales non luciu esta prenda no seu acto de investidura, o que decepcionou a moitos fans desta nova moda.
Á cerimonia estaban convidados 12 presidentes e 60 delegacións de todo el mundo, además de los Premios Nobel Gabriel García Márquez (Colombia) e Rigoberta Menchú (Guatemala) ou o ex-futbolista arxentino Diego Armando Maradona.
As bandas de cores poderían supoñer unha revolución no mundo do fútbol e dos uniformes dos equipos. O adestrador do Deportivo da Coruña, Joaquín Caparrós, amosou o seu interese por esta colorida moda, que se pode converter nun auténtico talismán para asegurar vitorias.
...
Outro dos temas estrela desta semana é a balea de sete toneladas de peso que chegou a Londres. O mamífero mariño, de nome científico “hyperoodon ampullatus”, ou “balea de nariz de botella”, adoita vivir nas augas profundas do océano atlántico, pero o venres ás oito e media da mañá, hora británica, apareceu nadando no río Támesis, diante do Big Ben.
A inesperada visita captou a curiosidade dos ingleses e converteuse en nova de portada de todos os medios de comunicación.
As baleas de nariz de botella adultas teñen un peso de entre 6 e 7 toneladas e miden entre 7 e 10 metros. Están protexidas dende o ano 1977 e o seu perigo de extinción é baixo.
Segundo aseguraron algúns dos curiosos que acudiron a presenciar o infrecuente espectáculo, xa se viron no Támesis nos últimos meses golfiños, focas e marsopas.
Descoñécese cal foi a causa de que este animal chegase ata a capital británica, aínda que algúns culpan disto ao quecemento global da atmosfera.
O equipo do coñecido investigador de temas paranormais Iker Jiménez xa se puxo mans á obra.
...
En todo o mundo, pero sobre todo nos Estados Unidos, existe un colectivo autodenominado “trekkies”, que son fans acérrimos da serie Star Trek e de todas as súas sucesivas secuelas.
Pero a serie orixinal é a serie orixinal, e os seus actores protagonistas con considerados case deuses. Tanto é así que William Shatner, que interpretaba ao capitán Kirk da nave Enterprise, vendeu unha pedra do seu ril por 25.000 dólares, algo máis de 20.000 euros.
Pero non o fai porque teña problemas económicos. James Kirk, perdón, William Shatner, vai doar os cartos á fundación Hábitat para a Humanidade, ong que vai empregar ese diñeiro para construír vivendas para a xente sen fogar.
O comprador de tan fabuloso e único mineral é o casiño de internet Golden Palace, que vai amosar o cálculo nunha exposición itinerante xunto a outros obxectos inusuais.
William Shatner dixo que non lle resultara doado desprenderse da súa pedra do ril, e que nunca o tería feito se non soubera que a podería volver ver -supoñemos que na exposición itinerante.
De feito, xa rexeitara a primeira oferta de Golden Palace, que lle ofrecera 15.000 dólares. O actor dixo que as súas túnicas da serie televisiva Star Trek recadaran moitísimos máis cartos, máis de 100.000 dólares, polo que releou ata que lle deron os 25.000 dólares finais.
Un voceiro do actor dixo que ignora se Shatner ten pensado vender algunha outra parte do seu corpo.
Pola súa banda, o presidente executivo da empresa de casinos online Golden Palace.com, Richard Rowele, dixo: “Estamos moi satisfeitos de posuír esta peza da historia televisiva e de poder ser quen de axudar a unha loable organización benéfica como Hábitat para a Humanidade”.
A Universidade Nacional de Taiwán anunciou que conseguiu criar porcos fluorescentes. Estes marráns, dotados cunha proteína verde fluorescente procedente das medusas.
Á parte de que brillan na escuridade, estes animais non se diferencian en nada máis do resto dos da súa especie.
Segundo os investigadores, esta técnica podería ser moi útil para estudar a rexeneración e o transplante de órganos de porcos a humanos. Así, as vísceras fosforescentes poderíanse identificar con máis facilidade. Estes porcos transxénicos con propiedades de augamar poden son un grande avance. O profesor do departamento de zooloxía e tecnoloxía da universidade nacional de Taiwán, Wu Shinn-Chih dixo que “existen moitas esperanzas na rexeneración de tecidos e órganos humanos empregando porcos”.
Os taiwaneses pretenden solucionar a escasez de doadores humanos empregando órganos animais para transplantes. As especiais características destes órganos fan que se poida seguir a súa evolución sen necesidade de facer biopsias.
A min ocorréuseme outra aplicación moi útil destes porcos transxénicos. Agora que o Entroido está ao caer, poderíamos ver nos nosos mercados cachuchas fluorescentes, chourizos fluorescentes, xamón fluorescente ou lacón fluorescente con grelos. Gastronomía galega do século XXI.
Comments
comentarios desactivados para este artigo