Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

26 de marzo 19 August 2006, 03:12

Detido un home que finxiu o seu secuestro para ir a un prostíbulo
A Garda Civil de Córdoba detivo un home de 28 anos por simular que fora secuestrado despois de que presuntamente gastase nun club de alterne os 2.100 euros que lle dera a súa moza para pagar a factura dun aparello de aire acondicionado. Os feitos aconteceron a fin de semana pasada, cando os axentes acudiron a inspeccionar un automóbil Mercedes aparcado preto da autovía A-4.
Os gardas civís comprobaron que o vehículo estaba baleiro, pero pouco despois escoitaron ruídos estraños no maleteiro, onde atoparon o mozo atado de pes e mans. O home, veciño de Córdoba, contoulles que fora secuestrado 36 horas antes na capital, e que o obrigaran a conducir ata o extrarradio e logo botáronlle un esprai que lle fixo perder o coñecemento.
Porén, no recoñecemento médico non se lle detectaron feridas considerables e atopábase en bo estado de saúde, polo que foi levado de volta ao seu fogar, onde a familia xa presentara unha denuncia pola súa desaparición.
Ao día seguinte, a suposta vítima denunciou perante os axentes que lle roubaran 2.100 euros que levaba no coche. Os axentes sospeitaron e acabaron descubrindo que o mozo simulara o secuestro.
Ao final, parece ser que o individuo recibira da súa moza os 2.100 euros para pagar a factura dun aparello de aire acondicionado, pero preferiu gastalos no club de alterne Glamour.
Ao día seguinte foi descuberto por un dos traballadores do establecemento nunha das habitacións en estado de embriaguez e con síntomas de ter consumido estupefacientes, xa que había restos de droga na mesiña de noite.

Absolven un home dun roubo porque estaba vendo o Deportivo
Un home natural de Lugo pero residente na Coruña foi absolto de dous delitos de roubo que se produciron os días 6 e 9 de decembro do 2001 (foi rápido o xuízo) nunha empresa de venda de ferramentas de xardinería, situada na avenida das Mariñas, na parroquia de Nós. Salvouno a súa afección ao fútbol e concretamente ao Dépor.
A sentenza do xulgado do penal número 3 da Coruña considera que os feitos se produciron ás catro e cuarto da tarde do 6 de decembro, cando alguén roubou dúas desbrozadoras da empresa afectada e tres días despois levouse outra máquina máis, cun valor total de 1.000 euros de todo o material roubado.
O xuíz declara que non se pode demostrar a culpabilidade do acusado, a pesar de que un denunciante recoñeceu a súa cara nuns vídeos de seguridade, pois hai testemuñas que confirman que nesas datas estaba a ver ao Deportivo.

Tense dito que os ingleses son un pouco raros, pero dous estudos publicados esta semana véñeno de confirmar.
A metade dos británicos non usan roupa interior e un de cada dez dos que a usan non a cambian en tres días.
O estudo da marca de deterxentes Surcare asegura que a metade dos habitantes do Reino Unido non usan roupa interior. Esta circunstancia dáse maiormente cando saen pola noite.
Pero os que si usan roupa interior non son bos clientes da empresa autora do informe. Un de cada dez confesa que leva a mesma muda máis de tres días seguidos, un de cada vinte recoñece ter reciclado os calzóns dándolles a volta e, o máis arrepiante, un 4% dos homes usa a mesma vestimenta íntima toda a semana.
Con esta situación, non é de estrañar que aconteza o que se desprende dun estudo da oficina postal británica.
Máis dun terzo das persoas que falan por teléfono no Reino Unido fano espidos.
O nudismo telefónico é practicado con maior frecuencia por homes ca por mulleres, segundo a enquisa que publicou este xoves a oficina postal da Gran Bretaña. Segundo este inquérito, o 40% dos homes falan por teléfono espidos, fronte ao 27% das mulleres. Non se especifica se o fan mediante videochamada ou a través da telefonía tradicional.

Seguimos con temas relacionados coa roupa interior, e é que parece ser que Fidel Castro quéimaa por medio a que o asasinen.
Explicamos o misterio. Un ex-gardacostas do presidente cubano, Delfín Fernández, revelou algúns aspectos ocultos e intimidades de Fidel Castro no xornal The Miami Herald, como a súa afección ao xamón ibérico ou a súa obsesión por queimar a roupa interior usada. Parece ser que o ditador cubano, que fará 80 anos o 13 de agosto, manda queimar esas prendas por medo a que se produza algún compló para asasinalo con produtos químicos empregados no lavado.
Fernández asegurou que unha vez foi a España só para que mercara 2.500 dólares de bo pata negra para Fidel. Tamén dixo que o mandatario cubano acumula expedientes sobre empresarios e investidores estranxeiros que visitan Cuba, e máis se proceden de España.
O gardacostas, de 44 anos de idade, quedou en España no ano 1990 durante unha viaxe a Europa, onde traballou para famosos como Antonio Banderas, David Beckham, Ana Obregón ou Esther Cañadas. Se publica algo sobre eles, farémosllelo saber.

Yoko Ono oponse a que fagan espiritismo con John Lennon
A viúva do beatle John Lennon, Yoko Ono, considera de mal gusto o proxecto dunha televisión estadounidense de contactar co seu defunto marido a través dun médium, e do que xa lles demos conta a semana pasada neste mesmo espazo.
Segundo o xornal The Independent, que cita como fonte a Elliot Mintz, amigo íntimo do músico e voceiro de Ono, a viúva de Lennon negouse a participar na experiencia.
O voceiro di que Lennon foi un excelente comunicador do corazón, a mente e o espírito y que aínda lles fala directamente aos que escoitan as súas gravacións. Ese é o medio que escolleu para falar con todos nós, e por iso unha sesión para a televisión de pago non é do seu estilo.
Polo contrario, Paul Sarta, produtor do programa In Demand, explica que só tenta facer seriamente algo que moitos millóns de espectadores de todo o mundo cren posible.
No espazo, un grupo de mediums reuniranse media hora nunha mesa despois de ter visitado lugares emblemáticos na vida de Lennon, como o edificio de apartamentos Dakota, en Manhattan, onde foi asasinado no ano 1980 por Mark David Chapman. Os espiritistas estarán rodeados de cámaras de infravermellos para captar a presenza do espectro do beatle. O mesmo experimento fíxose hai tres anos con Ladi Di, e daquela aseguraran que a princesa de Gales pasa moito tempo no outro mundo coa madre Teresa de Calcuta e vixiando aos seus fillos.

Un chinés de 105 anos busca moza por internet
O centenario Gong Duoruo pide que a candidata teña, como moito, a metade da súa idade, é dicir, 53. A súa historia causa sensación na China, onde mesmo o xornal oficial China Daily publicou fotos do ancián chateando na computadora e cuns cascos postos. Os xornalistas locais están a axudar a Gong a participar nun servizo de contactos on-line a través de vídeo conferencia. Parece que a cousa xa está a dar bos resultados. Unha enfermeira de apelido Zhang e residente en Xian, de 50 anos, amosouse interesada en coñecer a Gong, conmovida polos seus esforzos e a súa visión optimista da vida.

Comments

comentarios desactivados para este artigo