Iker Jiménez recoñece ter sido vítima dunha fraude
O coñecido experto en temas paranormais Iker Jiménez admitiu na súa páxina web que a fotografía das pantasmas de Navalperal, na que aparecían tres nenas collidas da man, é falsa. O engano descubriuno grazas á axuda dunha pintora gaditana, Carmen Lupión, especialista en traballos de fotografía antiga, que advertiu ao programa televisivo que conduce o xornalista da falsidade da foto.
Segundo a información difundida na web de Iker Jiménez, a imaxe das nenas é «unha toma moi antiga, moi difícil de atopar, posiblemente dunha web austríaca», polo que conclúe que a foto é unha manipulación e unha monumental broma que lles saíu pola culata.
Jiménez confesa que creu na familia que lle achegou as imaxes, e que confiou neles pola colaboración prestada ás investigacións desenvolvidas polo seu equipo.
En concreto, refírese a Nacho, o autor das fotografías, a quen define, de confirmarse a fraude, como «un dos mellores actores que atopei na vida», e critica que fose quen de facer unha montaxe daquelas nenas apócrifas sobre a tumba dun familiar.
Fracasa a macroorxía convocada na praia de Sopelana (Biscaia)
Nin o concello de Sopelana nin a deputación biscaíña, nin a dirección de costas puideron impedir que se celebrase a festa sexual, convocada por internet para a madrugada do venres ao sábado.
Só se enviou ata o areal un coche da policía local, que se limitou a evitar os estacionamentos irregulares.
Aínda que non se tomaron medidas para prohibir a orxía, por non seren as praias de competencia municipal, a convocatoria acabou fracasando por si soa. Ata o lugar só se achegaron grupos reducidos, a maioría de sexo masculino e menores que pretendían ver o espectáculo.
A macroorxía, convocada para as nove e media da noite do venres na praia de Sopelana, na provincia de Biscaia, para complementar o macrobotellón de Bilbao foi un fracaso estrepitoso, pois só se achegaron ata o lugar pequenos grupos de miróns.
A timidez e a presenza de cámaras de televisión á espera dunha xugosa reportaxe para magazines de late night evitaron que a festa repetise o éxito doutra convocada hai unhas semanas en Grecia á que acudiran máis de 3.000 persoas.
De feito, o lema da convocatoria de Bilbao, que tamén tivo o seu reflexo en Málaga e en Vigo, era «Vas deixar que cho conten? Os gregos, que dende sempre foron unha civilización moi avanzada e sabia, montaron unha boa. Entón xurdiu a idea: van saír os gregos pola tele e nós non?».
Despois do fracaso non se descarta unha nova convocatoria.
Un ex-preso denuncia que quedou estéril polo exceso de orgasmos no cárcere
Un antigo convito da cadea de Czarne, en Polonia, vaille pedir ao estado unha indemnización porque, durante o tempo de condena, tivo demasiados orgasmos, segundo informou a axencia PAP. Segundo a denuncia do home, durante vinte anos estivo a fabricar lousas de formigón cunha máquina que producía grandes vibracións e que tiña que suxeitar co abdome para poder controlala.
Este señor afirma que as vibracións lle producían unha exaculación cada trinta ou corenta minutos, o que lle acabou provocando a esterilidade.
O alcaide da prisión, Franciszek Tarasewicz, dixo que tratará con absoluta seriedade a demanda, que lle sorprendeu moitísimo. A súa petición de indemnización podería ser xustificada se resultan certas as súas queixas, pois suponse que a condena lle provocou unha grave perda de facultades.
O policía de Village People podería ir ao cárcere (non sabemos se a ese mesmo cárcere) por posesión de armas e drogas
Victor Willis, coautor de cancións como In the Navy ou a que estamos a escoitar, YMCA, enfróntase á petición de cinco anos de cadea por posesión de armas e de drogas e por ter fuxido da Xustiza.
Este intérprete, que aparecía disfrazado de policía, fora detido o ano pasado por posesión de cocaína, para desaparecer pouco despois de que se ditara unha sentenza de 16 meses de cadea.
Ao final, as autoridades de California detivérono o domingo pasado. Pola súa fuxida, a xustiza de San Francisco poderíao condear a catro anos de prisión, máis oito meses por novos cargos de posesión de drogas, que se lle detectaron no momento da súa detención.
O grupo Village People son un referente mundial da música disco dos anos 70, e o seu tema YMCA converteuse, ademais, nun himno gay.
Sálvalle a vida á súa cadela facéndolle o boca a boca
Unha inglesa de 37 anos, May Buchanan, salvoulle a vida á súa cadela terrier, Daisy, de oito anos, por terlle feito o boca a boca cando a súa mascota se esganou cun cacho de carne. A cadela collera este pedazo do prato dos huskies que comparten a casa con ela.
May Buchanan dixo que cortaba pezas grandes para os huskies e pequenas para os terrier, «pero Daisy é tan degoirada que lles roubou un dos cachos de maior tamaño».
A dona da cadela viuna atragoada, loitando por respirar, polo que chamou rapidamente ao veterinario, quen lle aconsellou o seguinte: sacarlle a carne da gorxa á mascota, que lle mordeu, botoulle aire facéndolle o boca a boca e fíxolle unha masaxe cardíaca. Despois, o seu home levou a cadela á clínica veterinaria.
Comments
comentarios desactivados para este artigo