Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

19 de marzo 19 August 2006, 03:11

Seis pacientes ingleses sofren estraños efectos secundarios despois de se someteren a un experimento clínico
Seis homes novos e sans sometéronse voluntariamente, previo pagamento de 3.500 euros, ás probas clínicas dun novo fármaco no hospital de Norwick Park, en Harrow, Inglaterra. O medicamento, da empresa alemá TeGenero AG, co nome chave TGN-1412, estaba deseñado para o tratamento da leucemia e de inflamacións crónicas como a artrite reumatoide. Aínda que a compañía encargada das probas, a estadounidense Parexel International Corp., asegurou que se tomaran todas as medidas de seguridade precisas, o certo é que os seis pacientes comezaron a sufrir graves e estraños efectos unha hora despois de teren recibido o fármaco por inxección bucal.
Segundo BBC News 24, un dos pacientes presentaba un aspecto irrecoñecible para a súa moza. A súa cabeza e pescozo estaban inchados e sufría problemas respiratorios. «É un home grande, pero a súa cabeza está enorme, desproporcionada, parece o home elefante», dixo a parella dun dos afectados. «Os seus amigos non se atreven a mirarlle á cara, pero eu estou ao seu carón dicíndolle que ten que rexenerar as súas células».
Segundo o hospital, os dous pacientes que sufriron secuelas máis graves e que se atopaban en estado crítico tiveron un fallo de funcionamento da meirande parte dos seus órganos.
Scotland Yard e a axencia reguladora da saúde e da medicina traballan para saber se se cometeu algún erro ou delito nas probas ou na fabricación do medicamento.

Roubaban ósos e vendíanos como restos de militares norteamericanos no Vietnam
A policía vietnamita desartellou unha banda de dez persoas que se dedicaba a roubar ósos nos cemiterios e vendérllelos aos seus paisanos como restos de militares norteamericanos da guerra do Vietnam. Le Trung Tinh, xefe da policía da provincia de Khanh Hoa, descubriu que o grupo de timadores chegou a cobrar ata 1.900 dólares polos esqueletes. Os incautos compradores eran vietnamitas que crían que estes ósos lles valerían de pasaportes cara aos Estados Unidos. Pero a embaixada estadounidense avisou de que o país non ofrece ningún tipo de recompensa por recuperar os restos dos máis de 2.000 militares que seguen desaparecidos no Vietnam.

O colíder do grupo británico Oasis, Noel Gallagher, parece non ser moi partidario de que as mulleres gobernen. Así, durante a súa xira por Chile, soubo que unha muller gañou hai pouco as eleccións no país afirmou, en referencia aos chilenos «que Deus os axude». A reacción tampouco foi moi de estrañar tendo en conta a experiencia que tiveron no Reino Unido con Margaret Thatcher nos anos 80. Descoñecemos se Oasis fará proximamente unha xira por Alemaña, e que dirán de Angela Merkel.

De seguro que os irmáns Gallagher soñaron moitas veces co que lle aconteceu a unha muller norueguesa.
Haldis Gundersen, residente na cidade de Kristiansund, quedou coa boca aberta cando, despois de abrir a billa do seu apartamento se atopou que en vez de saír auga brotou cervexa.
«Abrín a billa para lavar uns coitelos e saíu cervexa», aínda que a bebida tiña un sabor algo raro e carecía de gas.
En Noruega o prezo da cervexa é un dos máis caros do mundo, pois no país escandinavo unha pinta custa arredor de oito euros.
Naturalmente, todo ten unha explicación, como di Miro Pereira. O traballador dun bar situado dous pisos máis abaixo do fogar de Haldis Gundersen trabucouse un sábado pola noite ao conectarun novo barril de cervexa coa tubería de auga do piso da muller. Entre tanto, no bar estívose servindo auga en lugar da bebida alcohólica.

As cartas dun David Beckham adolescente cotízanse a 1.500 euros
A casa de poxas Bonhams vendeu o pasado luns dúas cartas escritas polo futbolista do Real Madrid e capitán da selección inglesa de fútbol David Beckham cando tiña 16 anos, ademais dun debuxo feito por el mesmo, polo módico prezo de 1.500 euros.
Beckham escribiu as cartas no ano 1991, moito antes de coñecer a Victoria, cando acababa de fichar polo Manchester United. O receptor das letras era o seu amigo Lee, a quen lle contaba que o seu primeiro soldo era de 175 euros semanais, lixeiramente inferior ao que cobra na actualidade, que é o mesmo engadíndolle tres ceros ao final.
David tamén conta nesas cartas que o feito de ser futbolista é unha atracción irresistible para as rapazas. Beckham dicía: «estiven xogando no equipo A, en vez do B, e é fantástico. Foime moi ben co fútbol e coas mozas, porque, como somos do United, todas queren saír connosco».

Un grupo de espiritistas espera contactar con John Lennon nun programa de televisión
O espazo, producido por Starcast Productions, emitirase o vindeiro venres polo sistema de pago por visión e custará oito euros.
O equipo de videntes tentará contactar co espírito do beatle John Lennon, que foi asasinado hai 25 anos, e contará cun importante despregue de medios. Os espiritistas estarán no edificio Dakota, en Nova York, onde dispararon contra Lennon, e tamén terá presenza na India. Dende alí tentarán que lles envíe cancións dende o alén para facerlles arranxos no aquén. Tamén van dispoñer de cámaras de infravermellos para captar a presenza incorpórea do beatle.
De todos os xeitos, as perspectivas non son moi boas. Hai tres anos, a mesma produtora tentou contactar con Lady Di no programa ‘O espírito de Diana’, ao que a finada princesa de Gales non se presentou. O espazo tivo unha audiencia de medio millón de espectadores.

Descobren un ladrón xaponés pola caligrafía da súa carta de desculpa
A cadea de televisión xaponesa NHK informou da detención dun ladrón despois de que a policía recoñecese a súa letra nunha carta que lle enviou á súa vítima desculpándose polos actos. O ladrón entrou á forza na casa dunha muller de 78 anos na cidade de Misato, ao oeste do Xapón, e rouboulle o equivalente a 100 euros despois de ameazala cun coitelo.
Pero o individuo arrepentiuse do que fixera e escribiulle á vítima unha carta na que lle pedía perdón e lle devolvía os cartos.
A policía logrou recoñecer o autor do escrito polo xeito de escribir e «outras cousas» que non quixo precisar, polo que finalmente detivo ao ladrón, un traballador da construción de 51 anos, veciño da vítima.
O home confesou despois do arresto que estaba abafado polas débedas.

Comments

comentarios desactivados para este artigo