Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

16 de xullo 19 August 2006, 03:20

Fabrican o reloxo de cuco de chocolate máis grande do mundo
Na cidade alemá de Gemrode confeccionouse o reloxo de cuco de chocolate máis grande do mundo. O doce aparello medía 2,8 metros de altura e os seus marcos e caixa feitos de madeira contiñan 120 quilos de chocolate puro, segundo informaron os creadores deste peculiar reloxo, que logo venderon por pezas para un fin benéfico.
Os promotores desta estraña iniciativa, porque non me digan que non é raro facer un reloxo de cuco de chocolate, foron a fábrica de doces Halloren, a máis antiga de Alemaña, e a casa reloxeira Harz.

E falamos agora de familias desestruturadas no Reino Unido. Comezamos co caso dun rapaz de 21 anos que ten 7 fillos de 7 nais diferentes
Keith MacDonald, un Geordie que é así como os británicos lles chaman aos habitantes de Newcastle de 21 anos e en paro está a piques de ser pai por sétima vez en menos de sete anos de fillos nados de sete mulleres diferentes, segundo informou o xornal local Sunday Sun.
Pero o máis grave é que este individuo se gabou de non ter axudado economicamente a ningún dos seus seis primeiros fillos.
«Teño outro en camiño. Sei que non é a primeira vez, pero alédome», dixo o pai de familia numerosa. MacDonald non vive coa nai do neno, porque vive no barrio de Suderland, mentres que a futura nai mora no barrio de Washington, tamén en Newcastle.
Keith tiña quince anos cando concibiu o seu primeiro fillo, Jamie Leah. Deixou a nai do bebé pouco despois do nacemento, ao que lle seguiron Kady e Angelis, un mes antes que o cuarto bebé.
Tamén no Reino Unido se deu outro caso de dubidoso instinto familiar.
Nicola Pridham deixou o seu home e os seus vinte fillos por un home casado que coñeceu pola internet, segundo informou o xornal sensacionalista The Sun.
Todo ía ben no matrimonio Pridham, cos seus vinte fillos de idades de entre os 7 e os 25 anos, ata que unha das fillas conseguiu un ordenador. A nai comezou a dedicar horas e horas aos chats, ata que coñeceu un soldado roxo que usaba como pseudónimo «Ginger Squaddy», soldadiño rubio, co que se fugou.

Despiden dun programa de televisión a unha presentadora borracha. Ela asegura que foi o jet-lag
A produtora holandesa 3 Circles Media despediu unha das presentadoras de Juego TV, concurso telefónico de madrugada que se emite por laSexta. Diana Alonso, de 28 anos, nada en Bilbao e residente en Holanda dende hai 21 anos, foi retirada da presentación do programa a petición da cadea de televisión. Uns vídeos colgados no portal de internet youtube, nos que a presentadora amosaba un aparente estado de embriaguez, foron o detonante.
Diana, que presentaba o programa que se grava en Amsterdam, asegurou que non ía drogada, ni fumada nin bebida, senón que tiña unha infección de gorxa e estaba co jet-lag porque acababa de chegar dende México, pois tamén traballa de azafata. A presentadora tamén asegura que non lle comunicaron o seu despedimento, senón que simplemente non está nos horarios de xullo, polo que confía en voltar en agosto.
Pero laSexta asegura que, despois do acontecido, non quere volver ver a Diana Alonso na pantalla, aínda que podería desenvolver outra función dentro da empresa.
Xulguen vostedes mesmos se isto se debeu ao cansazo, ao jet-lag ou a outra causa.

Elton John compón un tema exclusivo polo módico prezo de 750.000 euros
O coñecido cantante e pianista británico Elton John aceptou compoñer unha canción de amor para un admirador que lle ofreceu máis de medio millón de euros. O artista pensou que sería un bo xeito de recadar fondos para a súa organización de loita contra a sida.
O trato produciuse na mesma casa de Elton John, durante unha poxa benéfica. O cantante puxo como un dos obxectos ofrecidos unha canción dedicada. O músico, que xa está a traballar no seu novo álbum, que se titulará «The Captain And The Kid», terá que compoñer ese tema, que só se vai poder gravar unha vez, para que o seu fan o poida gozar en exclusiva.

Pasamos á sección de animaladas. Unha galiña casaca pon un ovo marcado co nome de Alá
A axencia Kazinform informou este xoves do caso dunha galiña de Casaquistán que puxo un ovo moi particular. Na súa casca está escrita en árabe a palabra «Allah».
Os fachendosos donos da ave, que viven na pequena aldea de Stepnoi, ao nordeste do país, levaron a autentificar a inscrición á mesquita local.
O veciño da localidade Bites Amantaieva, asegurou que gardarán o ovo e confían en que non vai apodrecer.
Recentemente, no veciño estado de Quirguicistán, un galo fíxose famoso grazas a que varias testemuñas afirmaron que o animal cantaba en árabe «Alá é grande», que debe de soar parecido a «quiquiriquí».

Na China, unha empresa organiza citas pola internet para cans solteiros
Un cento de cans solteiros de Xangai poderán atopar a súa parella ideal a finais deste mes, grazas á empresa gougou520.com, especializada en citas no país asiático.
O director da páxina web, Zhou Handong, asegurou no xornal China Daily que non só os cans serán os beneficiarios desta iniciativa, senón que tamén podería levar a un romance real aos propietarios solteiros dos cans. Moitos dos rexistrados son solteiros traballadores de menos de 35 anos.
Dende o lanzamento da web, en decembro, o servizo xa uniu cen mascotas grazas a datos básicos e información sobre a súa personalidade, e conta xa con 2.000 rexistrados.
A cría de cans estivo prohibida ata hai poucos anos na China, pois Mao Zedong consideraba que ter mascota era un pasatempo burgués. O aumento da calidade de vida no país fixo que cambiara a lexislación, ata chegar a estes estremos.

Non deixamos a China, fonte inesgotable de noticias, e é que son 1.200 millóns de persoas. Dous mil deles bateron un récord Guinness cantando 118 horas seguidas
Un grupo de 2.285 cantores chineses fóronse relevando ata conseguir cantar sen parar 118 horas seguidas, case cinco días, co que establecen unha nova marca para o libro patrocinado pola coñecida marca de cervexas irlandesa.
Os cantantes concentráronse no centro comercial da cidade de Changsha, capital da provincia de Hunan, para bater un récord que estaba anteriormente fixado en cen horas.
Ás seis da tarde deste venres, hora chinesa, seis menos en Galicia, rematou o espectáculo, que durou dúas horas máis do previsto nun principio. Unha televisión local mandaralle á oficina de Guinness en Londres para que se homologue a marca.
Cada un dos cantores tiña que interpretar un tema completo e non se podía repetir ningún. As pausas entre cancións non podían pasar dos 30 segundos.
A provincia de Hunan xa ten outros récords Guinness, como o maior número de persoas cantando ao unísono: no ano 2004 cen mil persoas interpretaron «Río Liuyang».
Os chineses tamén conseguiron construír a sopeira máis grande do mundo, con capacidade para 5.000 racións, e conseguiron reunir a 10.000 persoas cepillándose os dentes asemade. Tamén viven alí a muller máis vella, de 120 anos, a máis baixa, de 79 centímetros, e a máis alta, de 2 metros 36. O próximo reto será construír a nora máis grande do mundo, de 160 metros de diámetro.

En órbita a primeira maqueta dun futuro hotel espacial
Os multimillonarios que o desexen poderán axiña reservar habitación no hotel Skywalker. Este mércores xa se puxo en órbita o módulo «Genesis» unha maqueta dunha das seccións do futuro establecemento. O lanzamento produciuse dende a base militar rusa de Yasni, mediante un foguete Dniéper.
O promotor do hotel é Robert Bigelow, dono da cadea de hoteis Budget Suites of America, que lle mercou á Nasa a tecnoloxía TransHab e creou a corporación Bigelow Aerospace, radicada en Las Vegas.
A posta en órbita do módulo foi un éxito. Trátase dunha réplica de catro por 1,2 metros do Nautilus. As paredes teñen 30 centímetros de groso para soportar os impactos de lixo espacial. Cando se comprobe a súa seguridade, dentro duns cinco anos, poñerase en órbita a nave-hotel, con 100 prazas.
O investimento será de 500 millóns de dólares, que se poderán amortizar grazas a que o custo dunha semana de estancia será de seis millóns de euros. A empresa calcula que antes do 2021 haberá 60 persoas dispostas a pagar eses cartos cada ano.

Coma sempre, rematamos con deportes. Zidane acada o cariño dos estadounidenses grazas ao seu famoso cabezazo
O cabezazo, que tamén xerou o ‘apologhit’ francés Zidane il a tapé, do grupo Coup de Boule, e que lle propinou o xogador francés ao italiano Materazzi na final do Mundial de Fútbol, causou sensación nos Estados Unidos, país en xeral pouco afeccionado ao fútbol.
O xornal Orlando Sentinel de Miami, destacou este feito. O Startelegram de Texas dixo que Zidane con este acto entrou na lista de explosións emocionais máis memorables da historia do deporte.
Algúns dos deportes de máis éxito en Norteamérica caracterízanse pola súa espectacularidade, como o béisbol, o baloncesto ou o fútbol americano, pero o que leva a palma é o hoquei, onde se producen pelexas entre xogadores rivais diante duns árbitros que fan a vista gorda.

2 de xullo 19 August 2006, 03:20

Comezamos cunha noticia refrescante: Inventan un xelado que non engorda feito con sangue de peixe
A empresa alimentaria británico-holandesa Unilever inventou un novo xelado que non engorda e está feito co sangue dun peixe do Atlántico similar á anguía, segundo informou o xornal The Times.
Este animal, denominado lesma vivípara norteamericana, ten unha proteína que elimina a graxa e as calorías. Este elemento, modificado xeneticamente, será engadido aos xelados da compañía, aínda que non se lanzará ata o verán do ano 2008. Ata agora, Unilever só lle solicitou permiso á axencia británica de estándares alimentarios para usar a proteína en xelados e polos de froita.
A pesar das supostas vantaxes deste aditivo, xa xurdiron críticas, non pola orixe do ingrediente senón porque poderá inducir ao consumo desmedido coa escusa de que non engorda.
Tamén hai voces a favor, como a da ONG Amigos da Terra, cuxa voceira Clare Oxborrow, afirmou que é un exemplo para as multinacionais, que deben empregar os presupostos para investigación para producir comida máis sa, natural e nutritiva.
Unilever comercializa en España a marca Frigo e en Portugal Olá.

O avogado de Ana Obregón, Norma Duval e Tony Alexander King defenderá a Saddam Hussein
O avogado Javier Saavedra foi contratado pola filla do ex-ditador iraquí para tentar demostrar a súa inocencia. Saavedra tiña previsto viaxar hoxe a Ammán, capital de Xordania, para colaborar co resto de letrados defensores no xuízo pola masacre de chiís na aldea de Duhail.
Saavedra, que esta semana representou á duquesa de Alba nun acto de conciliación co sindicato de obreiros do campo, dixo que pretende garantir un proceso xusto con Husseín, para o que presentará un alegato de defensa o vindeiro día 10.
Javier Saavedra non puido ver en persoa a Saddam, que se atopa en folga de fame, pero tentará manter un encontro con el nos próximos días.
Saavedra, coñecido por defender personaxes do mundo do corazón como Ana Obregón, Rocío Carrasco, Paulina Rubio ou Norma Duval, ou o asasino de Sonia Carabantes, Tony Alexander King, foi contratado pola filla do ex-presidente iraquí para participar nun comité do que forman parte avogados de varios países como Canadá ou Francia.
Este comité espera trasladar o xuízo por considerar que o maxistrado é parcial e a sala está contaminada.

Unha muller de 79 anos mata o seu ex-mozo de 85 porque era un mullereiro
Un xurado da cidade de Atlanta, no estado norteamericano de Xeorxia, condenou a cadea perpetua a unha muller de 79 anos que confesou ter matado o seu ex-mozo de 85 porque cría que a enganaba con moitas mulleres.
O xurado condenou a Lena Driskell por homicidio con agravantes e posesión ilegal de armas de fogo, despois de que os avogados da defensa expuxeran a escusa posta pola muller de que Herman Winslow tiña moitas aventuras amorosas era un síntoma de aberración mental da acusada.
A avogada Deborah Pool dixo na súa alegación final: «Winslow é demasiado vello para eses romances. Non había outra muller. Tiña 85 anos».
Pero os fiscais consideraron que o argumento de tolemia non se sostiña e que a muller recoñecera que actuara mal cando matou a Winslow o 10 de xuño do ano pasado de catro disparos na cabeza.

Un xordano falsifica un documento de identidade coa foto de Brad Pitt
Un xordano de 29 anos soubo que unha oficina de cambio recibira máis de 23.000 dólares e que o cliente non acudira a recoller os cartos, así que falsificou un documento de identidade para cobralo.
O vendedor pretendía enganar a un axente de cambio nos Emiratos Árabes Unidos, pero cometeu o grave erro de poñerlle a fotografía de alguén tan coñecido como o actor Brad Pitt.
O home, que foi arrestado ao pouco tempo, díxolle á policía que a foto a descargara da internet e que non sabía a quen lle pertencía.
A oficina do fiscal de Dubai acusouno de falsificación e intento de apropiación indebida.

Indemnizan un home de 68 anos que leva dez anos cunha erección
O tribunal supremo de Rhode Island (EUA) confirmou unha sentenza que indemniza con 400.000 dólares a un home de 68 anos que ten erecto o pene dende que lle foi implantado hai unha década. Charles ‘Chick’ Lennon operouse no ano 1996 para recibir a prótese coñecida como Dura II, fabricada de aceiro e plástico e indicada para homes con disfunción eréctil, pero parece ser que dende aquela non hai xeito de desactivala.
Xa no ano 2004 un xurado fixara unha indemnización de 750.000 dólares a favor de Lennon, que logo un xuíz reduciu a 400.000.
O avogado de Charles Lennon, Jules D’Alessandro, dixo: «O que sofre o meu cliente non se pode compensar con diñeiro. Non pode montar en bicicleta, abrazar aos seus amigos nin poñer un bañador. Non pode facer o que unha persoa normal».

Un chinés leva 16 anos cavando con martelo e cicel na procura dun tesouro
Ma Qingrong, campesiño de 62 anos natural do condado de Dayao, tivo un soño no ano 1990 no que se lle informaba dun gran tesouro agochado na montaña de Maanshan, a 20 quilómetros da súa aldea. Unha nena vestida de negro guiábao ata un misterioro pazo de pedra, onde atopaba importantes inscricións, un cofre cun precioso tesouro e unha estela de Zhuge Jongming, experto estratega do século III.
Á mañá seguinte, Ma levantou unha cabana xunto a Maanshan e comezou a cavar con martelo e cicel. Non empregou explosivos para evitar danar os tesouros. Dende aquela, vive, come e dorme nunha cova escavada na montaña, de dous metros de alto e un de ancho. Despois de varios anos cavando dez horas diarias, atopou unha galería de covas subterráneas, onde Ma descubriu inscricións en carácteres chineses e unhas escaleiras de pedra. Finalmente, achou un impresionante salón de estalactitas, o que sorprendeu aos familiares e veciños de Quingrong, que pensaban que estaba tolo.

Deportes. Os culés, ilusionados pola inminente saída das matrículas FCB
Calcúlase que a semana que vén se empecen a entregar as matrículas de automóbil rematadas en FCB, siglas de Fútbol Club Barcelona. Xa hai varias semanas que hai afeccionados agardando a matricular os seus vehículos recén adquiridos. Mesmo o propio club azulgrana chegou a estudar a posibilidade de mercar os seus coches oficiais coa chegada das matrículas FCB, pero ao final desbotouse.
Só dez mil afortunados poderán dispoñer dunhas placas con estas tres letras, o que podería acontecer axiña, xa que estes días están a esgotarse os números das matrículas rematadas en FBZ, as anteriores a FCB.
Hai xente que pediu no concesionario números en concreto, pero Tráfico non reserva combinacións para ningúen, así que todo dependerá da sorte.
Os números máis demandados son os primeiros, 0010 FCB, de Ronaldiño, o 9 de Eto’o, o 19 de Messi, ou ben os que corresponden aos anos de fundación do club, o 1899, o da primeira copa de Europa, 1992, e outros.
Ademais, o proceso estase a ralentizar debido a unha folga de funcionarios de Tráfico.

25 de xuño 19 August 2006, 03:20

Morre aos 36 anos Cindy, o golfiño casado cunha multimillonaria inglesa
«Era o máis fermoso, o máis grande, o máis forte e o rei de todos nós, en particular das femias». Isto foi o que dixo a adestradora Maia Zylber na homenaxe póstuma que se lle fixo a Cindy, un delfín que se fixo mundialmente famoso o pasado decembro tras casar cunha millonaria inglesa en augas do mar Vermello.
O xornal israelí Yediot Aharonot informou esta semana da morte do cetáceo, que vivía no golfo de Eilat. O animal nacera no mar Negro, pero fora trasladado ao Vermello hai dezaseis anos. Ultimamente nadaba moi amodo e sufría problemas dixestivos.
Deixa viúva e fillos.
A viúva é Sharon Tandler, produtora de grupos de música rock de 41 anos, que non puido estar presente no funeral por atoparse de xira polos Estados Unidos.
Tandler casou con Cindy vestida de noiva e cun ramo de flores. A feliz parella fora presentada pola adestradora Maia Zylber.

Unha moza chinesa embarazada é máis ancha que alta
Qiao Yubo é unha moza chinesa que aos cinco meses de xestación loce unha circunferencia de 1 metro 75 centímetros, oito máis ca a súa propia estatura.
Aínda non se sabe ata onde poderá chegar nos catro meses de embarazo que lle faltan. Qiao espera polo menos cinco xemelgos e ten graves dificultades para moverse e para atopar roupa que se adapte ás súas insólitas medidas.
Outro dato que hai que ter en conta para explicar o seu aspecto é o feito de que come sete veces ao día.

O home máis vello de Cuba celebra o seu 126 aniversario
O haitiano-cubano Benito Martínez Abogán cumpriu este luns 126 anos de idade. Coñecido como «Avión», celebrou o aniversario rodeado de amigos, médicos e enfermeiras do complexo xerontolóxico Camilo Cienfuegos, en Ciego de Ávila, Cuba, cunha torta e ron.
Nado en Haití o 19 de xuño de 1880, cando Cuba aínda era colonia española, Benito chegou á illa no ano 1925 e converteuse nunha persoa moi célebre.
De cando en vez toma un grolo de ron e nunca deixou o café. Non usa lentes, ten boa memoria e oe ben. Só ten unha malformación nos pés por ter andado descalzo máis de cen anos e costa enterdelle o seu xeito de falar, mestura de castelán e crioulo.
Segundo Benito Martínez Abogán, o seu segredo para chegar aos 126 anos é levarse ben con todo o mundo.
Nunca casou e non ten fillos nin familia en Cuba, pero tivo moitas mozas.

Daryl Hannah, detida nos Ánxeles por protestar contra o desaloxo dun xardín público
Xa lles faláramos hai un mes de que a cantautora Joan Baez subira a unha árbore, diferente da que caeu Keith Richards, para tentar salvar uns terreos comunitarios nos que tiñan os seus cultivos 350 agricultores. Pois ben, a actriz Daryl Hannah, coñecida polo papel de serea no filme ‘Splash’, foi arrestada xunto a outros corenta manifestantes que tentaron impedir que se executase unha orde de desafiuzamento ditada hai un mes.
As 5,6 hectáreas de terreo son dende o ano 1992 unha área agrícola no medio dunha zona industrial do sur dos Ánxeles, California. Os labregos urbanos non conseguiron reunir os 16 millóns de dólares que lles pedía o dono dos terreos, Ralph Horowitz, que pretende construír alí un grande almacén.
Os apoios das figuras do espectáculo e do alcalde da cidade, Antonio Villaraigosa, non puideron co poder dos cartos, así que 120 policías antidisturbios contiveron as protestas. Os manifestantes entoaron o himno ‘No nos moverán’, que tamén cantou Joan Baez e despois se popularizou na serie española Verano azul, mentres erguían o puño en sinal de protesta.
En declaracións telefónicas dende o cárcere á revista ‘People’, Daryl Hannah explicou que estaba a elaborar un video-blog ou vlog para a súa web dhlovelife.com e que fora ao xardín só para gravar, pero que se sentiu tan identificada coa xente que traballaba nel que se quixo unir á súa causa. Hannah dixo que pasara alí 23 días e que comprobou que aquel era un exemplo de agricultura urbana sostible.

Rematamos cun bloque dedicado á información deportiva, que se reduce, neste caso, ao mundial de fútbol.
A BBC triúnfa emitindo os partidos do Mundial sen comentarios
A televisión pública británica introduciu este ano con éxito unha nova modalidade de vivir a retransmisión dos partidos de fútbol do mundial que se está a celebrar en Alemaña. Os británicos, e concretamente os ingleses, que son os que contan con representación da súa selección nacional, están a escoller con bastante éxito a opción de ver os encontros con tan só son ambiente.
Por primeira vez, os telespectadores do Reino Unido teñen catro opcións para escoitar o Mundial: a tradicional, cos comentarios de John Motson, de 61 anos, adorado e criticado a partes iguais polos afeccionados, ou ben outras tres: a retransmisión dunha radio, a dun adolescente que gañou un concurso para comentar os partidos ou o son ambiente, sen máis.
John Motson é coñecido no Reino Unido pola súa rapidez e polos seus comentarios non sempre moi acertados, con frases míticas como «é probable que se produza o inesperado» ou «é a nosa mellor vitoria contra Alemaña dende a guerra».
De todos os xeitos, aínda que a BBC confirmou o éxito da iniciativa, non ten xeito de cuantificar con exactitude o número de televidentes que se decantan por cada opción.
Seguimos coa información do Mundial. Aínda que os xogadores de todas as seleccións que compiten en Alemaña poden optar a unha serie de primas e incentivos se cumpren uns determinados obxectivos deportivos, o caso dos surcoreanos é o máis singular.
A meirande parte dos futbolistas lograrán un premio en metálico se pasan aos oitavos de final, cousa que xa aconteceu no caso español. Pero Corea do Sur terá un agasallo adicional. O goberno coreano premiará aos seus xogadores coa anulación da obriga de facer o servizo militar para os que se atopen en idade de reclutamento e aínda non fixeran a mili.
Oito futbolistas optan a librar do servizo, pois o resto do cadro de xogadores xa quedou exento cando se clasificou para as semifinais hai catro anos.
O premio é moi apetecible, xa que en Corea do Sur o servizo militar dura dous anos e non se fan excepcións para os deportistas profesionais. A mili surcoreana é unha das máis duras do mundo, debido á tensa situación que viven cos seus veciños, irmáns e, porén, inimigos, norcoreanos.
E rematamos este bloque mundialista co caso de dous seareiros usbecos que fixeron unha viaxe de 6.500 quilómetros en bicicleta para estar en Berlín, segundo informou o xornal Süddeutsche Zeitung. Estes dous fanáticos non acudiron a Alemaña a animar a selección de Usbequistán, que non se clasificou para o Mundial, senón que o seu obxectivo é outro: conseguir un autógrafo do seu ídolo, o porteiro suplente da selección alemá: Oliver Kahn.

18 de xuño 19 August 2006, 03:19

Gastan os fondos de axuda ás vítimas do Katrina en champán e vídeos porno
Polo menos mil millóns de dólares dos que o goberno dos Estados Unidos destinou para axudar ás vítimas dos furacáns Katrina e Rita do ano pasado acabaron malversados. A oficina de contabilidade da Casa Branca calculou que os fondos empregados irregularmente poderían constituír máis do 16% do total.
A auditoría detectou entre os usos irregulares o caso dun home que empregou o diñeiro para cambiar de sexo, o dunha persoa que mercou unha botella de champán de 200 dólares nun club de strip-tease e o doutra que gastou 300 dólares en vídeos pornográficos. Tamén houbo partidas que se usaron para mercar xoias, outras para unhas vacacións na República Dominicana e mesmo pagas de aloxamento para centos de presos de prisións estatais.
O escándalo afecta á axencia federal para a xestión de emerxencias, FEMA, que está a ser criticada por todos os sectores, a pesar de que o presidente dos Estados Unidos, George Bush, a segue a manter en funcionamento.
Ata o mes de febreiro, a FEMA fixo 2,6 millóns de pagos por un valor superior aos 6.000 millóns de dólares. A oficina de contabilidade do Goberno investigou só 250 pagos ao azar, entre os que atopou os alarmantes casos de malversación.

Crean en Marbella a primeira televisión por internet para millonarios
A nova cadea por internet, presentada na cidade con máis glamur da costa do Sol, dedicará a súa programación a amosar as máis exclusivas propiedades e bens e servizos destinados a multimillonarios.
A promotora do proxecto Theresa Bernabé, que é tamén dona dunha inmobiliaria de Puerto Banús, explicou que este produto, novo no mercado, ofrecerá nunha primeira etapa imaxes das vivendas máis luxosas e todo o que rodea o estilo de vida desa privilexiada zona.
Na canle só se amosarán mansións valoradas en máis de catro millóns de euros, e algunhas mesmo de once millóns. Posteriormente, tamén se poderán ver propiedades no Algarve, a Costa Azul, o Caribe ou Dubai, información deportiva como o campionato de polo de Sotogrande, as festas privadas máis divertidas, as receitas dos mellores chefs ou os consellos dos mellores cirurxáns estéticos.
Esta televisión está dirixida principalmente a persoas de alto poder adquisitivo de todo o mundo que buscan unha vivenda de luxo.
Por suposto, a publicidade que se emitirá nesta canle será tan elitista como os seus contidos. Haberá un máximo de tres anunciantes de cada sector e os spots terán unha imaxe coidada ata o último detalle.
A emisión será en inglés.

A policía local de Tenerife detén unha cabra que viaxaba nun ciclomotor
A policía local tinerfeña deulle o alto o mércores á tarde a un cliclomotor no que viaxaban tres ocupantes. Un deles resultou ser unha cabra.
Os feitos aconteceron na avenida de Anaga. Ao identificar aos ocupantes do vehículo, os axentes cmprobaron abraiados que o ocupante do medio, que tamén levaba casco, era unha cabra.
Por iso, solicitáronlles a documentación do vehículo para denunciar unha infracción grave á lei de Seguridade Viaria.
Os motoristas non levaban a documentación do ciclomotor, nin a licenza para conducilo, e tampouco o seguro obrigatorio. Pero non se lles puxo sanción por conducir sen casco, dado que os tres ocupantes o levaban posto. O vehículo foi requisado no depósito municipal.

Tres meses de cadea por insultar a Estefanía de Mónaco
Un home de 22 anos pasará tres meses no cárcere por terlle faltado ao respecto, insultar e provocar á princesa Estefanía de Mónaco, cando estaba acompañada dos seus fillos, segundo confirmou este luns o tribunal de apelación do principado.
Karim Nassib xa fora condenado en abril á mesma pena por un primeiro tribunal, acusado de insultar á princesa cando saía dun restaurante en Cap d’Ail, localidade veciña de Mónaco, acompañada do seu ex-marido, Daniel Ducruet, e os seus fillos.
Segundo a acusación, Nassib fitou a Ducruet antes de facer un comentario ofensivo sobre o físico da princesa, o que provocou o enfrontamento entre os dous homes.
O acusado, que nega os feitos, perseguiu co seu coche á princesa ata que foi detido polos policías monegascos despois de cruzar a fronteira, segundo a acusación.

Unha cantante canadense afirma ser a reencarnación de Marilyn Monroe
Sherrie Lea Laird, vocalista do grupo Pandamonia, está convencida de ser a reencarnación de Marilyn, conclusión á que chegou despois dun tratamento psiquiátrico co doutor Adrian Finkelstein, que publicou os resultados nun libro.
A cantante pop, loira e exuberante, presenta asombrosas evidencias de parecido físico e de personalidade coa Monroe. O psicoanalista asegurou que despois dun tratamento con regresións temporais, hipnose e amnesia selectiva durante sete anos e medio pode confirmar que Sherrie é a reencarnación de Marilyn.
Finkelstein di que coñeceu a Laird cando ela tiña 36 anos, a idade coa que morreu a diva de Hollywood, e que dende nena tivo pesadelos e regresións á vida pasada, o que lle provocou mesmo dúas tentativas de suicidio.
O psicólogo púxoa en contacto cun antigo noivo de Marilyn, Ted Jordan, que a recoñeceu ao instante. Tamén subliña que conserva a mesma caligrafía e a afección polas drogas, o alcohol e os homes maiores.
No libro, que se publicará este mes, coincidindo co 80 aniversario do nacemento de Marilyn Monroe, a súa suposta reencarnada conta o seu romance cos irmáns Kennedy e a descrición de como morreu realmente.

Casillas e Torres, entre o equipo ideal da revista holandesa Gay Krant
A revista holandesa Gay Krant publicou esta semana os resultados dunha enquisa efectuada entre os seus lectores na procura do equipo ideal do campionato. Aínda que a lista se centrou no atractivo físico dos xogadores, a súa calidade deportiva tampouco desmerece, pois esta selección podería ter semida pola mesmísima canarinha, da que só puido entrar Kaká. Os lectores de Gay Krant non valoraron o ‘jogo bonito’ de Ronaldinho nin de Ronaldo.
O gañador da enquisa foi o portugués Cristiano Rolando, de 21 anos, que xa vencera un inquérito semellante na Eurocopa do 2004. A prata e o bronce foron para o sueco Markus Rosenberg e o holandés Johnny Heitinga.
A selección española achega dous dos seus homes ao dream-team gay: o «neno» Torres e Íker Casillas son o noveno e o undécimo, respectivamente, da lista, na que non están nin Raúl, nin Xabi Alonso nin Albelda.
Aínda así, tanto Raúl como a súa muller, Mamen Sanz, foron escollidos antes do comezo do Mundial como os segundos máis atractivos polo xornal ‘Die Welt’.
O resto do once ideal de Gay Krant está composto polo inglés Owen, os holandeses Van Persie e Kromkamp, o sueco Ljungberg coñecido polos seus anuncios de roupa interior e un David Beckham de capa caída.

11 de xuño 19 August 2006, 03:19

Cronometran o traballo duns obreiros británicos: 57 minutos nunha xornada de 8 horas
Os empregados dunha empresa británica de obras públicas foron tachados de lacazáns despois de que se lles efectuase unha medición exacta do seu tempo de traballo. Os resultados do estudo estableceron que só cumprían 57 minutos útiles nunha xornada de oito horas.
O control fíxose esta primavera por iniciativa do condado de Surrey, ao sur de Inglaterra, para o que a empresa Carillion está a acometer traballos na vía pública. As conclusións do traballo publicáronse este mércores.
Á parte de teren traballado pouco menos dunha hora, durante a xornada os obreiros pasaron o tempo discutindo, bebendo té ou lendo os xornais. Todo iso sen contar as visitas a unha pastelaría ou o teren pasado por un banco.
A empresa contratista anunciou que poñerá en marcha novos procedementos de administración e afirmou que este fora un caso illado, e non a realidade cotiá dos traballadores.
O grupo de traballo público Carillion dá traballo a 17.000 persoas en todo o mundo, principalmente no Reino Unido.

O director dun instituto denuncia a dous estudantes que lle tocaron o cu
Keith Smith, director do instituto da localidade de Clio, no estado de Michigan, EUA, anunciou que presentará cargos contra dous estudantes que lle tocaron o cu despois de recibiren o diploma de graduación, segundo informou a cadea ABC.
Smith dixo estar escandalizado e avergoñado polo que fixeron os dous rapaces cando subiron á tarima. «Un deles achegouse, deume a man e nese momento coa outra comezou a sobarme o cu», explicou.
O docente explicou que un segundo estudante repetiu a acción diante de miles de persoas, o pasado domingo no anfiteatro de Clio durante o acto de graduación. Dende aquela, non volveu velos, polo que se puxo en contacto coa Policía para que eses actos sexan castigados axeitadamente.
A Policía de Clio está a investigar o caso, xa coñecido nos EUA como ‘buttgate’ para decidir se constitúe delito. O avogado dun dos rapaces asegura que o teñen retido porque o director quere que os acusen de conducta sexual criminal grave.

Unha empresa xaponesa permitirá enviar cartas de amor ao espazo… por 690.000 euros
A empresa xaponesa Astro Research vai propoñer un servizo de lanzamento de obxectos ao espazo accesible a todos, a todos os que estean dispostos a pagar cen millóns de iens (690.000 euros) por ter o seu pequeno satélite persoal.
O director da firma, Ichiro Koite, explicou na rolda de prensa de presentación que ata agora ter un satélite era algo impensable para a xente corrente. «O espazo sempre é misterioso e puro e moitas persoas teñen sentimentos románticos».
Os usuarios poderán botar ao espazo exterior calquer obxecto, como unha carta de amor, que caiba nun cubo de aluminio de dez centímetros de lado, que irá insertado nun minisatélite de 25 centímetros de alto que pesa 20 quilos.
Astro Research está a negociar con Rusia e a China para poder lanzar estes satélites nun foguete.
Unha vez en órbita, o satélite dará 14 voltas diarias á Terra, a unha altura de entre 600 e 800 quilómetros. Os propietarios poderán estar informados da súa posición por internet ou a través dun móbil, pero só os dous ou tres primeiros anos.

Unha británica dá a luz un bebé ás 6 hroas do 6 do 6 do 2006, e chámalle Damien
Naceu ás seis da mañá do sexto día, do sexto mes, do 2006 e chámase Damien, como o neno da película A Profecía.
Damien Cooper naceu o martes nun hospital de Bristol, oeste de Inglaterra, e a súa chegada ao mundo parece calcada do famoso filme de 1976, protagonizado por Gregory Peck e con Harvey Stephens no papel do pequeno anticristo.
Ese mesmo día tamén se estreou un innecesario e oportunista remake dese filme, pero as críticas será mellor que llas deixemos a Martin Pawley.
Ademais, o neno pesou seis libras e seis onzas, que no mundo civilizado equivalen a 2 quilos e 890 gramos.
A nai, unha profesora chamada Suzanne Cooper, é afeccionada ás películas de terror, e está moi leda polo nacemento.
«A Profecía é un dos meus filmes favoritos e por iso estaba desexando dar a luz o día seis», explicou a muller. Tamén quixo deixar claro que o neno é perfecto e non ten nada que ver co da película.

O segundo home máis rico do mundo saca a poxa un xantar con el mesmo
Warren Buffett é o segundo home máis rico do mundo segundo a revista Forbes, cunha fortuna de 42.000 millóns de dólares. E anunciou que vai ofrecer por internet unha comida con el para recadar cartos para a organización benéfica Glide, en lugar de doar fondos el mesmo, que é de supoñer que algún lle sobrará.
Buffett, alcumado «o oráculo de Ómaha», de 75 anos de idade, explicou que Glide é unha das organizacións máis efectivas das que se dedican ás persoas que non tiveron sorte na súa vida.
O segundo home máis rico do mundo, só por detrás do premio Príncipe de Asturias Bill Gates, está ligado a iniciativas benéficas dende o ano 2000, cando a súa muller Susan lle presentou ao reverendo Cecil Williams, fundador de Glide, co que iniciou a tradición de sacar a almoeda un xantar. Ata o ano 2003 as poxas facíanse en directo, con ofertas de arredor de 30.000 dólares, pero ese mesmo ano comezáronse a celebrar no portal eBay.com.
Este ano, o prezo de saída é de 25.000 dólares e espérase superar a marca do ano pasado, con 351.100 dólares, que pagou un comensal anónimo. O prazo abrirase o día 22 e pecharase o 29 de xuño.
Warren Buffett reforzou con este costume a súa imaxe de persoa frugal e sinxela, que vive na súa casa de Ómaha, Nebraska, dende o ano 1957, ten un salario de tan só 100.000 dólares anuais e doará toda a súa fortuna á súa fundación cando morra, pese a ter tres fillos.

Un ministro belga ameaza con cambiar de sexo para non levar chaqueta
Renaat Landuyt, ministro de Mobilidade de Bélxica, ameazou este xoves con cambiar de sexo para non ter que levar chaqueta ao parlamento.
Landuyt acudiu á sesión plenaria da cámara de Representantes en camisa, debido ás altas temperaturas que se rexistraron estes días no estado binacional, pero o presidente da cámara, Herman De Croo, chamoulle a atención pola súa vestimenta. Díxolle que a próxima vez o mandaría de volta a buscar a súa chaqueta, segundo a axencia belga.
Antes de abandonar a sala, o ministro refungou «Vou cambiar de sexo», referíndose a que as mulleres si poden levar roupa máis propia do verán sen que ningúen as critique.

O ex-porteiro da selección española Julen Lopetegui sofre un esvaecemento en directo nun programa de televisión
A pesar da súa breve andaina, naceu o 27 de marzo, laSexta xa emitiu un dos momentos históricos da televisión en España, que deu que falar esta semana en blogs, foros de internet e programas de zapping doutras cadeas.
Julen Lopetegui, que fora gardamallas do Real Madrid, do FC Barcelona e da selección española, e é agora comentarista do programa Una noche mundial, sufriu este luns un desmaio en directo cando explicaba de pé, diante dunha pantalla, o sistema de xogo de España.
O máis estraño foi a reacción do presentador, Patxi Alonso, que deu paso á publicidade facendo un chiste e sen lle prestar a máis mínima atención nin axudarlle ao ex-futbolista.
E, deseguido, emitiuse unha cortiniña que parecía posta a propósito: «Este Mundial tumbamos a todos».
Á volta da publicidade, Patxi Alonso, o xefe de deportes da cadea, Antonio Galeano, e Jorge Valdano, seguiron coas bromas.
Julen Lopetegui reapareceu minutos despois completamente recuperado. Os internautas especularon a posibilidade de que o ex-porteiro sexa narcoléptico, pois o 20 de abril de 1997 xa sufrira un esvaecemento similar antes do partido entre Barça e Athletic, ou mesmo que todo fose unha montaxe para gañar notoriedade.

4 de xuño 19 August 2006, 03:17

Unha radio veta as cancións de James Blunt
A emisora Essex FM, do sur de Inglaterra, decidiu prohibir a emisión do ‘single’ ‘You’re beautiful’, de James Blunt, por petición dos seus oíntes, fartos do abuso mediático do tema.
O programador da emisora local, Chris Cotton, asegurou que necesitaban unha pausa e amosou o seu orgullo por ter podido resistir a presión da industria musical.
James Blunt, ex-oficial do exército británico, acadou o éxito mundial o ano pasado grazas ao seu disco ‘Back to Bedlam’, que vendeu sete millóns de copias. O primeiro ‘single’ do album, ‘You’re beautiful’ foi número 1 en 25 países, entre eles os Estados Unidos, onde había nove anos que un tema británico non chegaba ao máis alto das listas de éxitos estadounidenses.

Denuncian un asilo arxentino por ter contratado un ‘stripper’
A directora dunha residencia xeriátrica da cidade arxentina de Rosario foi denunciada por ter organizado unha festa na que actuou un ‘stripper’.
Os feitos aconteceron no mes de febreiro nun asilo no que viven 59 anciáns. Nunha foto presentada perante o valedor do pobo da provincia de Santa Fe obsérvase á directora do centro, Graciela Silvero, de 41 anos, enriba dun musculoso ‘boy’ durante un espectáculo erótico. Na imaxe tamén se ve á xefa de enfermeiras bailando co mozo, segundo informou este mércores o xornal La Capital, de Rosario.
Graciela Silvero confesou que celebrou o seu cumpreanos cunha festa destas características, pero que se fixo nunha zona separada dos residentes, a uns 60 metros de distancia.
Segundo a directora da residencia, as compañeiras pecharon as fiestras da sala e cando lles preguntou que pasaba contestáronlle «aí vén o teu regaliño de cumpreanos».
A raíz deste episodio, as autoridades de Santa Fe decidiron intervir o asilo estatal e trasladar o director da Terceira Idade do distrito, Osvaldo Ortolani.

Unha psicografía salva unha presunta asasina no Brasil
A xustiza brasileira aceptou como proba un xuízo por homicidio a carta dun presunto médium, que afirmou que foi ditada polo espírito da vítima. Con esta evidencia irrefutable, o xurado decidiu absolver á sospeitosa do crime na localidade de Viamão, no estado de Rio Grande do Sul.
O avogado defensor Lúcio de Constantino presentou a psicografía, que non foi impugnada pola parte acusadora. Nela, o presunto espírito de Ercy Cardoso, asasinado aos 71 anos por suposta orde da súa amante Iara Barcelo, de 63, escribía o seguinte: «O que máis me pesa no corazón é ver a Iara acusada dese xeito por mentes tramposas como as dos meus verdugos. Unha aperta fraterna de Ercy». A xuíza aceptou o testemuño porque se presentou dentro do prazo regulamentario.

Unha muller casa na India cunha serpe
Bimbala Das, de 30 anos, casou este mércores cunha cobra na vila de Atala, no estado oriental indio de Orissa. Segundo conta a axencia PTI, o matrimonio foi oficiado por un sacerdote que recitou mantras. Aínda que Bimbala acudiu á cerimonia vestida cun sari de seda, a serpe decidiu non aparecer, polo que foi substituída por unha escultura de latón.
O réptil vive nun formigueiro situado preto da casa da noiva. Ela explicou que aínda que as serpes non poden falar nin comprender, se comunican dun xeito moi peculiar. A recén casada déixalle leite preto do formigueiro, e a cobra sae fóra e bebe. Tamén asegurou que nunca lle picou.
Os veciños de Das consideraron o anuncio da voda unha boa nova que traería a fortuna á zona, polo que organizaron unha gran festa. A súa nai, Dyuti Bhoi, que ten outros catro fillos, asegurou estar moi leda pola decisión da súa filla.
A cobra é venerada na India por ser o símbolo do deus Shiva.
A noiva, dunha casta baixa, pertence á seita vexetariana amante dos animais Vaishnav. Tras a voda, mudouse a unha choza a carón do formigueiro.
Este ano, tamén na India, unha moza casou cun can nun barrio de Bhubaneswar, no mesmo estado de Orissa.

E un can é protagonista da seguinte nova. Un barcelonés solicita o dereito a visitar o can da súa ex-muller
A audiencia provincial de Barcelona denegoulle a un home o dereito a atoparse cun can, propiedade da súa ex-esposa, por considerar que os tribunais non poden garantir o pacto acadado entre as dúas partes. A ex-parella acordara un réxime de visitas para que o home sacase de paseo á mascota.
Deste xeito, a audiencia de Barcelona estima o recurso que presentou a dona do can, un golde retriever de nome ‘Yako’, contra a resolución dun xulgado de Granollers que a obrigaba a cumprir o pacto de visitas, incluído no convenio de separación matrimonial.
Ese documento establecía que o can pasaba a ser propiedade da muller, pero o home podía sacalo a pasear sempre que quixese despois de chegar a un acordo con ela.
O tribunal chega á conclusión de que o pacto sobre as visitas ao can non implica dereito susceptible de ser executado e que leva consigo unha relación de confianza entre visitador e propietario que non é usual entre ex-esposos.
Cada vez son máis frecuentes os convenios de separación que establecen tratos sobre animais de compañía. O que non é tan habitual é que se chegue aos tribunais por esta causa.

Un xornal suízo sortea dous rizos de Ronaldinho
O xornal suízo ‘Blick’ sorteará dous mechóns do futbolista brasileiro Ronaldinho nunha lotaría benéfica. Os cabelos cortounos un equipo de perruqueiros de Lucerna na localidade de Weggis, onde adestra a seleção brasileira.
Os lectores que queiran gañar os rizos de Ronaldinho deben chamar a un teléfono de pago e deixar o seu nome e enderezo. Os dous afortunados gañadores serán elixidos un sorteo. O custo das chamadas irá a parar á asociación suíza contra o cancro, como explicou o equipo de perruqueiros.
O seu voceiro, Beat Fuchs, afirmou que Ronaldinho quere un peiteado cómodo, que non lle moleste durante os partidos. Tamén afirmou que lle aplicou ao astro brasileiro un tratamento especial de reflexos caoba.
Ronaldinho tamén foi protagonista dunha anécdota esta semana cando unha moza brasileira conseguiu burlar os servizos suízos de seguridade para botarse nos brazos do futbolista e declararlle o seu amor.

Un radar de Tráfico capta dúas veces en dous minutos un vehículo que triplicaba o límite de velocidade
A Dirección Xeral de Tráfico púxolle unha multa de 1.040 euros e retiroulle o carné de conducir durante tres meses a un condutor a quen o mesmo radar detectou dúas veces seguidas, nun lapso de dous minutos, a velocidades de 178 e 146 quilómetros por hora nunha zona con límite de 50.
O suceso aconteceu na madrugada do sábado, no punto quilométrico 390,500 da estrada nacional 634, en Siero, Asturias. Ás 0.52, o radar rexistrou un Opel Kadett con matrícula de Madrid circulando a 178 quilómetros por hora.
O vehículo xirou nunha rotonda e dous minutos máis tarde foi captado polo mesmo radar en sentido A Coruña. Desta vez, o coche ía un pouco máis devagar, a 143 quilómetros por hora.

28 de maio 19 August 2006, 03:17

Retiran dunha cadea de sex-shops alemá vibradores co nome de futbolistas
A cadea de sex-shops alemá Beate Uhse viuse obrigada a retirar este mércores dos seus establecementos os vibradores denominados Olli K e Michael B, debido a que os seus nomes lembran o dos xogadores da selección xermana Oliver Kahn e Michael Ballack, e a raíz da querela que tiñan planeado presentar os seus representantes. A voceira da cadea de tendas, Assia Tsernookoff, afirmou que nunca tiveran a intención de relacionar estes aparellos co porteiro do Bayern de Munich nin co centrocampista do Chelsea.
O asesor do gardamallas alemán, Peter Ruppert, asegurou que era unha clara vulneración ao dereito á intimidade de Oliver.
Olli K e Michael B, de cor vermella e 16 centímetros de lonxitude, vendíanse en caixas de seis unidades a un prezo de 69,95 euros.
Os que aínda non se retiraron da venda son outros artefactos denominados David B.

Joan Báez sobe a unha árbore para evitar que a talen
A cantante de folk estadounidense Joan Baez cantou o mércores esta canción, We Shall Overcome, enriba dunha árbore nos Ánxeles, cando tentaba salvar un xardín comunitario da destrución. Baez, de 65 anos, coñecida por ser unha activista contra a guerra e a prol dos dereitos civís, uniuse esta vez a Julia «Butterfly» Hill para que se conserve un xardín de froitas e legumes de 5,7 hectáreas situado no sur dos Ánxeles.
As dúas mulleres roldaranse para vivir na copa da árbore. Xa non é a primeira vez que Julia «Butterfly» Hill fai algo semellante, pois a finais dos 90 pasou dous anos subida a unha secuoia para defender os bosques milenarios.
No xardín que defenden as dúas mulleres traballan uns 350 agricultores, moitos deles inmigrantes, dende o ano 1992. Segundo Joan Baez, «é unha comunidade extraordinaria de persoas e achega creatividade nesta parte industrial da cidade, o que literalmente lle dá vida en todas as súas formas».
A horta está a ameazada por unha orde de desafiuzamento tras a batalla xudicial entre a cidade dos Ánxeles e un investidor que desexa construír un almacén na zona, e que pide 16 millóns de dólares a cambio. De momento, as activistas conseguiron reunir 6 millóns.

Tres mariñeiros son sancionados por gravaren un vídeo porno nun buque da Armada
A Armada Española sancionou xa tres dos mariñeiros que aparecen nun vídeo pornográfico gravado no buque militar Marqués de la Ensenada. Estas imaxes foron despois difundidas pola internet.
Concretamente, o mariñeiro e a mariñeira que practican o coito na gravación foron suspendidos cautelarmente de emprego e destino, así como o que supostamente tomou as imaxes. É posible que os tres acaben expulsados da Mariña cando conclúa a investigación.
O resto das persoas que aparecen no filme non foron sancionados, xa que as autoridades militares non consideran que teñan cometido falta ningunha.
Segundo fontes da Armada, a gravación data do mes de novembro e colgouse na internet un mes máis tarde. Supostamente, a festa que rematou na orxía tivo lugar o último día dunha navegación entre Brasil e España.
Foi a propia Armada a que iniciou as investigacións. Como consecuencia, localizou e identificou os mariñeiros, que primeiro foron arrestados cautelarmente, e agora se atopan na casa e sen cobrar. A mariña española entende que cometeron unha falta moi grave, pois o código militar prohíbe as relacións sexuais nos buques da Armada.
A mariñeira, que aparece no vídeo baixo o nome de «La Nati», tamén presentou unha demanda xudicial no xulgado de Cartagena, asegurando que descoñecía que a estaban a gravar, dado o seu estado de embriaguez. Ademais, os mariñeiros implicados aseguráranlle que ían destruír a fita, promesa que, evidentemente, non cumpriron.

As frontes frías fomentan a natalidade en Cuba
Os cubanos aproveitan as frontes frías que golpean a illa a comezos de ano para incrementar a natalidade. Segundo as estatísticas do ministerio cubano de saúde pública, outubro é o mes no que se producen máis nacementos. As frontes frías chegan a Cuba entre xaneiro e abril, e febreiro é un dos meses máis fríos. Nove meses despois, prodúcese o baby boom cubano.
Os datos gobernamentais aseguran que en outubro se superan os 14.000 nacementos, mentres que en abril só hai 9.500.
Estes hábitos amorosos estacionais tamén se dan noutros países, aínda que non nas mesmas datas. Nos Estados Unidos hai máis nacementos entre xullo e setembro e menos de marzo a maio. No norte de Europa pasa ao revés: os picos máis altos danse entre marzo e maio e os máis baixos de outubro a novembro.

Unha panadaría de Barcelona vende 1.000 bolos co aceno surfeiro de Ronaldinho
Por mor do triúnfo do Barça na liga de campións, a panadaría Frons Enrich, de Barcelona, vendeu máis de mil unidades de bolos coa forma do aceno surfeiro dunha man que fixo popular o futbolista brasileiro Ronaldinho de Assis.
Os propios xogadores barcelonistas degustaron esta semana estes pans durante o percorrido polas rúas que fixeron para celebrar o título, xa que a pastelaría lles entregou unha bandexa con máis de 50 bolos deste tipo, feitos con masa de brioche.
A panadaría, fundada no ano 1921, xa elaborou o ano pasado uns pans desta forma, un puño cos dedos matapiollos e maimiño estendidos, para celebrar a vitoria ligueira.

O 40% das andaluzas usan bragas de encaixa cando se senten sedutoras
O estudo adapt de Evax é a primeira investigación levada a cabo en España que analiza a relación do estado de ánimo das mulleres coa elección da súa roupa interior. Así, despréndese deste traballo que dúas de cada cinco andaluzas escollen bragas de encaixe cando se notan sedutoras e máis da metade optan pola braguiña normal cando están tristes e desanimadas.
Na enquisa participaron 800 mulleres de entre 16 e 55 anos de idade das comunidades autónomas de Andalucía, Cataluña, Madrid, Galicia, Valencia e o País Vasco.
Segundo o estudo, as mulleres de 36 a 45 anos son as que se ven máis afectadas polo estado de ánimo á hora de escoller a súa roupa interior, e, entre elas, as que máis, as andaluzas, seguidas das vascas.
Andalucía tamén é a comunidade onde máis mulleres escollen o tanga cando se senten atractivas, mentres que as catalás, madrileñas e galegas prefiren o encaixe.
Segundo a psicóloga Ana Giménez, o vestido simboliza o xeito no que nos presentamos aos demais, e a súa escolla varía en función do estado de ánimo.

Un arxentino gaña 2.000 euros á lotaría despois de devolver un teléfono móbil
Un arxentino, chamado Edgardo, devolveulle ao dono dunha axencia de apostas un móbil que atopou na rúa. Como premio á súa honestidade, premiárono cun boleto da lotería que saíu gañador, cun premio de 7.700 pesos, uns 2.000 euros.
O sábado á mañá, Edgardo conducía o seu coche por unha rúa da cidade de Rosario, onde atopou sobre a calzada un teléfono móbil. Para non pasarlle por riba, esquivouno e logo baixou do coche e recolleuno para devolverllo ao seu dono. Ao pouco tempo recibiu unha chamada no aparello. Aínda que non sabía empregar o móbil, conseguiu contestar. Tratábase de Mabel Olivera, unha das empregadas da axencia Tedeschi, que lle contou que acababan de perder ese teléfono.
Ao devolvelo, a axencia agasallouno cunha aposta de 30 euros na lotaría ao número 9665, que coincidía coa terminación do número do móbil. E este número saíu finalmente gañador.

21 de maio 19 August 2006, 03:16

Atopan un piano no cume do monte máis alto do Reino Unido
O equipo responsable do mantemento do monte Ben Nevis, o máis alto do Reino Unido, con 1.343 metros, atopou algo inesperado mentres limpaba a ladeira do monte. Alí, a 200 metros do cume, estaba un piano.
O director da fundación que coida da montaña escocesa, Nigel Hawkins, asegurou que ao comezo pensaban que era unha tapa de madeira, pero logo viron o interior de ferro completo coas cordas. O instrumento está case completo. Só lle falta o teclado, que podería estar agochado noutra parte do monte.
A única pista sobre a súa procedencia é un envoltorio de galletas atopado debaixo, con data de caducidade de decembro de 1986. A voluntaria Sandy Maxwell, de Glasgow, dixo que é o obxecto máis grande e estraño que levan atopado no monte Ben Nevis.
O equipo desfixo o piano cun sacho e retirou os restos do espazo natural como se se tratase dun residuo máis.

Un xaponés de 70 anos ascende ao Everest
Takao Arayama, xaponés de 70 anos, 7 meses e 13 días, asegura ser o home de máis idade que subiu ao monte Everest, o máis alto do mundo, de máis de 8.800 metros. Pero o libro Guinness dos récords informou de que non pode recoñecer a súa marca.
O ascenso foi organizado pola compañía Adventure Guides, de Toquio. Arayama subiu acompañado doutras catro persoas, e chegou ao cume o mércores ás once menos cuarto da mañá.
Polo momento, o récord osténtao outro xaponés, Yuichiro Miura, que chegou á cima do Everest aos 70 anos, 7 meses e 10 días, tres menos ca Takao Arayama, o 22 de maio do 2003.
Arayama é consultor de xerencia corporativa e vive en Kamakura, ás aforas de Toquio. A súa muller, Kyoko, aledouse moito pola marca do seu home e polo feito de que se atope en bo estado de saúde despois do ascenso.

Os rapaces arxentinos poderán ver o mundial nas aulas
O mundial do 2006, non o de 1982. Os arxentinos viven o fútbol mesmo nas escolas. As autoridades do goberno confirmaron que o mundial de Alemaña será televisado nas aulas durante o horario lectivo. Ademais, o ministerio de Educación vén de presentar un libro que describe métodos para o ensino da Lingua, Historia e Xeografía a través das retransmisións deportivas.
Como a medida pode sentar un precedente mundial, o ministro de Educación, Daniel Filmus, asegurou que o libro se fixo moito antes de que xurdira a polémica e como un xeito de canalizar a paixón polo fútbol por medio do ensino.
Neste contexto, os colexios da Nación, Capital, Bos Aires, Córdoba e Mendoza amosáronse favorables a permitir ver os partidos durante o horario de clases, mentres que os mestres da provincia de Misiones se opoñen á medida. En Santa Fe, a ministra Adriana Cantero dixo que, se se poden ver partidos nas escolas, será dentro dunha actividade educativa. O libro «Los medios y el Mundial de Alemania», que inclúe máis de setenta actividades educativas repartirase en 30.000 escolas públicas.

Unha aeroliña india impídelles voar ás azafatas gordas
A principal compañía aérea india, Indian Airlines, puxo en marcha unha medida para mellorar a súa imaxe e que está a provocar protestas entre o persoal. As azafatas e tamén azafatos con sobrepeso quedarán en terra.
A empresa estatal vai obrigar aos seus empregados a poñerse a dieta e facer exercicio se non queren quedar sen emprego ou desenvolver as súas actividades en terra, onde os salarios son inferiores.
Despois de varios chamamentos ao persoal para que modere o seu peso, a empresa deu un ultimato: non vai permitir que os michelíns estraguen a imaxe da compañía nun mercado cada vez máis agresivo.
Ata agora, permitíase un sobrepeso de tres quilos. Pero xa non. Os empregados, dos que o 85% son mulleres, teñen 45 días para perder o exceso de masa.
O uniforme das azafatas de Indian Airlines é o tradicional sari indio: seis metros de tea envoltos no corpo que deixan a barriga ao aire.
A competencia das compañías de baixo custo é a causante desta decisión. Entre as novas aeroliñas está Spice Jet, que só conta con modelos entre as súas azafatas, que visten uniformes de saias axustadas e moito máis curtas das que se poden ver pola rúa.
Na India, a meirande parte dos pasaxeiros son homes.

Unha galiña chinesa pon un ovo de tres xemas e casca transparente
Unha galiña da provincia chinesa de Cantón puxo un ovo con casca transparente e tres xemas, un fenómeno que espertou a curiosidade de todo o mundo, como informou o xornal estatal «China Daily».
A fabulosa ave ten un ano e vive na cidade de Shaoguan.
O dono do animal, de apelido Meng, asegurou que a galiña tivo unha alimentación normal, como o resto das aves do curral.
O ovo xa se converteu nunha atracción local. O seu propietario afirmou que llo levará a un departamento de investigación científica.
Segundo os expertos, as probabilidades de que unha galiña poña ovos de tres xemas son de unha entre mil millóns.
Os de dúas xemas adoitan poñelos galiñas no comezo da súa madurez sexual, aos cinco meses de vida, e son normalmente meirandes ca os dunha xema.

Un estudante británico esperta na copa dun piñeiro despois dunha borracheira
Descoñecemos se este estudante de artes no Gloucestershire College of Arts and Technology comera caramelos podres, pero o certo é que, en estado de embriaguez, subiu a un piñeiro de 40 metros de altura o luns á noite e quedou durmido apoiado contra unha póla. Horas máis tarde espertou, sorprendido, polo que pediu axuda chamando aos bombeiros dende o seu teléfono móbil.
Os oito bombeiros que acudiron tardaron hora e media en baixar ao mozo da árbore, situada no campus universitario do condado do suroeste de Inglaterra.
O rapaz, do que non se quixo facilitar a súa identidade, recibiu tratamento por algúns cortes e raspaduras.

Unha empresa estadounidense quere converter en diamantes o cabelo de Beethoven
LifeGem Memorials, unha empresa norteamericana que saltou á fama no ano 2002 facendo diamante das cinzas de persoas defuntas, asegura agora que tamén o pode facer a partir do cabelo humano. Para demostralo, e de paso facerse un pouco de publicidade, a compañía solicitou a colaboración de John Reznikoff, que figura no libro Guinness por ter a meirande colección de pelos de famosos. Reznikoff daralle seis das dez trenzas de cabelo de Luwdig Van Beethoven que ten a LifeGem, que creará diamantes de entre medio e un quilate de peso.
Greg Herro, presidente de LifeGem, anunciou que os diamantes serán exhibidos en museos e óperas de todo o mundo durante seis meses. Logo subhastaranse e os beneficios doaranse a obras benéficas.
O proceso une o carbono con cristal microscópico e outros minerais, como boro e nitróxeno, baixo intensa presión e calor, que catalizan o elemento na forma de diamante. Logo, os diamantes córtanse e pólense.
LifeGem pretende usar máis mechas da colección de Reznikoff na fabricación de máis diamantes que se venderán para causas benéficas. No futuro tampouco descarta convencer algúns famosos para que doen o seu pelo co mesmo fin.

14 de maio 19 August 2006, 03:16

Póñenlles orelleiras reflectantes aos burros en Namibia para evitar accidentes
O elevado número de atropelos que afectaba aos burros nas estradas namibias impulsou á ONG británica Donkeywelfare a idear un sistema para evitalos.
A solución resultou ser colocarlles unhas etiquetas reflectantes nas orellas a estes animais. Deste xeito, os condutores poderán velos pola noite, co que se evitarán un de cada catro accidentes de tráfico no país de África sudoriental.
En Namibia viven arredor de 200.000 burros, que adoitan durmir deitados sobre as estradas, aproveitando a calor que acumula o asfalto. Ademais, nese estado non hai valados que impidan que invadan os carrís de circulación. Por se isto fose pouco, as enormes rectas namibianas animan aos automobilistas a superar moitas veces os límites de velocidade, o que fai que as colisións sexan aínda máis graves.
A ONG Donkeywelfare, fundada por Russell Hay e Peter Collingwood, pretende, asemade, mellorar a calidade de vida dos namibios. Na provincia de Ovamboland viven 150.000 burros, cinco por familia. Cada ano morren 90 persoas en accidentes provocados ao colidir con estes animais.
O custo da medida é de seis euros por burro, e finánciase mediante doazóns na páxina web www.donkeywelfare.com. Segundo Collingwood, «é unha solución onde todos gañan: o burro non morre, o dono do burro non perde a súa ferramenta de traballo, o condutor non sofre accidentes e non ten que pagar o arranxo do coche».
A Administración de Vehículos Motorizados recibe os marcadores nunha proba que comezou en decembro con 400 exemplares. Espérase coñecer os resultados da medida no prazo dun ano.

Poxan por dúas entradas para cear cos Beckham
A organización británica para a protección da infancia, NSPCC, subhastará toda unha serie de atractivos bens e servizos para recadar fondos. Unha das propostas máis suxestivas é a de dúas entradas para unha festra que van organizar David e Victoria Beckham por mor do mundial de fútbol na súa mansión de Hertfordshire. Os multimillonarios altruístas e caprichosos non falo necesariamente dos Beckham tamén poderán poxar por ir de compras aos grandes almacéns Harrod’s acompañados da actriz Liz Hurley ou asistir á xira «A bigger band tour» dos Rolling Stones.
Tamén se sacarán a subhasta o traxe que Elton John vestiu no vídeo «I’m still standing», un programa firmado dos concertos «Live 8» ou poder cantar sobre o escenario co cantante canadiano Bryan Adams.
Serán en total mil lotes na poxa, cos que a ONG espera recadar dez millóns de libras 15 millóns de euros. Haberá un prazo dun mes para optar a calquera deles, agás o que quizais sexa o máis solicitado: asistir á festa dos Beckham, que se vai celebrar o vindeiro domingo 21 para despedir a selección Inglesa, e á que asistirán de seguro moitos famosos. Onte á noite, a falta de cinco días para o remate da poxa, xa se ofrecían 20.755 libras polos convites.
Os interesados poden acudir a www.dreamauctionfullstop.com

Unha tenda peruana vende produtos elaborados coa planta da coca
Coca Shop pon á venda pan, xelados, bombóns, caramelos, xabróns e mesmo pasta de dentes fabricados á base de folla de coca. No Perú tentan sacarlle á coca o sambenito de ser a fonte da cocaína, e aproveitar os efectos saudables deste produto natural.
Varias tendas de Cuzco están a promocionar os beneficios da planta sagrada andina, que ademais de combater o mal de altura e ter sido empregada en ritos precolombinos, é comestible e ten usos cosméticos e medicinais. O dono de Coca Shop, Christo Deneumostier, explicou que a coca en si non é un problema, senón o uso que se fai dela. A folla da coca ten 14 alcaloides, aínda que só un deles é mundialmente e lamentablemente famoso. O resto conteñen proteínas, vitaminas, hidratos de carbono, graxas, fibra, calcio, fósforo e ferro. Seca o aparello respiratorio, forma células musculares, prevén úlceras e gastrite, é analxésica, adelgaza o sangue, evita o mal de altura, mellora o funcionamento do fígado e da vesícula, é diurética, acelera a dixestión, regula a melanina e evita as caries.
De todos os xeitos, a ONU mantén esta planta na lista de produtos prexudiciais.

O campionato de lanzamento de ósos de oliva que se celebra na localidade de Cieza terá lugar este ano, tamén, no neoiorquino Central Park
Unha cadea de grandes almacéns está a organizar unha viaxe para celebrar o popular certame de lanzamento de ósos de oliva en Nova York. O concurso será o 25 de agosto, en Central Park, simultaneamente ao que se desenvolve na localidade murciana de Cieza. A viaxe a América farase do 25 ao 27 de agostoe custará algo máis de mil euros.
O peculiar concurso realízase dende hai once anos. Agora, por primeira vez, haberá unha conexión en directo entre Nova York e Cieza, onde se instalarán pantallas xigantes na praza de España.
O obxectivo é promocionar internacionalmente a proba, que o ano pasado reuniu máis de 10.000 persoas.

Adestran cans no Reino Unido para detectar DVDs piratas
A MPAA, algo así como a SGAE estadounidense do mundo do cine, anunciou que os cans se van sumar agora á loita contra a piratería. O proxecto naceu na Gran Bretaña e é parte dunha operación posta en marcha entre as alfándegas británicas,a organización antipiratería FACT e unha empresa internacional de mensaxería.
O fino olfato dos cans, entre eles Lucky e Flo, dous labradores negros, permítelles detectar ulindo se hai DVDs ocultos en paquetes ou sobres. O que non poden distinguir as mascotas é se o disco é pirata ou non, pois nas primeiras probas atoparon no aeroporto londiniense de Stansted varios DVDs, aínda que todos eles en regra.
Os grandes estudos de Hollywood calculan que perden arredor de 6.100 millóns de dólares ao ano en todo o mundo pola piratería.
Eu, persoalmente, calculo que por non ser David Beckham perdo 25 millóns de euros ao ano.

España non gañará este ano o festival de Eurovisión. Pero esperemos que non quede a derradeira
A revista científica «Journal of Artificial Societies and Social Simulation» acaba de publicar un traballo do doutor Derek Gatherer, experto en xenética molecular, membro do departamento de viroloxía da universidade de Glasgow e participante no programa de modelaxe molecular da Royal Society of Chemistry de Inglaterra. Pero o seu estudo aplicouse, desta volta, ao festival de Eurovisión, cuxa edición 51 se celebra o vindeiro sábado en Atenas.
Segundo el, as Ketchup non teñen moitas máis probabilidades que Remedios Amaya de gañar o eurofestival, despois de estudar as votacións dos últimos 25 anos.
E que ten que ver a viroloxía con Eurovisión? O doutor Gatherer pensa que as votacións eurovisivas amosan unha serie de patróns de alianzas de votación colusiva por países que fai que algúns estados teñan máis oportunidades de gañar ca outros.
Chámaselle «colusión» ao acordo entre varias empresas dun mercado para que cada unha delas tome unha parte deste e obrar de xeito monopolístico, evitando a competencia. E, neste caso, Eurovisión é un bo exemplo.
José Luís Uribarri non se equivocaba ao anunciar qué país votaría a outro, pois nos últimos anos se repetiron alianzas moi previsibles. Gatherer fala do Bloque Balcánico, o Viquingo, o Pacto de Varsovia, o Benelux e o Eixo Pirenaico, formado por España e Andorra e ao que nós poderiamos sumar tamén Portugal.
De todos eles, o que ten unha maior expansión é o bloque balcánico, polo que a predición do científico británico é que este ano gañará... Bosnia Herzegovina. Eu non estou de acordo, e menos despois de escoitar a canción de Hari Mata Hari, Lejla.

7 de maio 19 August 2006, 03:16

Vai ao hospital porque lle doía a cabeza e atópanlle doce cravos chantados nela
Un home de 33 anos e identidade non facilitada acudiu a unha primeira consulta de urxencias nun hospital do estado norteamericano de Oregón queixándose dunha persistente dor de cabeza. Nun primeiro exame, non lle detectaron nada, polo que o mandaron para a casa. Pero, ao día seguinte, volveu. Cando lle fixeron unha radiografía, os médicos descubriron abraiados que tiña doce cravos espetados no cráneo. Eran puntas de oito centímetros de lonxitude. Seis deles estaban entre o seu ollo dereito e o oído, dous detrás da orella dereita e catro máis no lado esquerdo da cabeza. Milagrosamente, ningún danou o cerebro.
Cando lle preguntou de onde viñan, o paciente asegurou que tivera un accidente cunha pistola de bricolaxe. Despois da operación na que lle extraeron os cravos, o home confesou que tentara suicidarse deste xeito tan brutal.
O caso foi publicado nunha revista científica porque, aínda que pareza incrible, o home sobreviviu e non sofre secuelas.
O home foi trasladado a unha unidade psiquiátrica, da que logo saíu contra a vontade dos facultativos.

Estafan un turista chinés en Roma. Cobráronlle 990 euros por unha cervexa
Aínda que Roma ten fama de ser unha cidade bastante cara, un turista de Hong Kong non cría que fora como para ter que pagar case mil euros por unha cervexa.
A conta chegoulle preto dunha das rúas máis famosas da cidade, a vía Veneto, onde as cervexas poden custar, como moito, dez euros, que xa é.
O turista ía só, e foi convidado a un bar por un cliente que lle serviu unha cervexa e logo lle dixo que lle ía custar 990 euros. Despois de relear, deixoulla no módico prezo de 490 euros. Aínda así, cargáronlle na tarxeta o importe “sen rebaixa”, de 990 euros.
O turista tiña medo do que lle podía pasar, así que pagou de todos os xeitos.
O home, que non quixo facilitar a súa identidade, aínda que sabemos que é nado en Hong Kong, residente en Alemaña e con pasaporte británico, quixo denunciar o calote perante a policía, pero como ningún falaba inglés non puido facer nada.
E, a pesar de todo isto, o turismo aumentou en Roma un 60 por cento con respecto ao ano pasado.

Pide a súa readmisión un xuíz filipino que di recibir consellos de ananos
Florentino Floro, xuíz filipino que asegura que pode ver o futuro e consulta con ananos místicos imaxinarios vén de solicitar a súa readmisión no seu posto de traballo despois de ter sido despedido polo Tribunal Supremo de Manila. O alto tribunal chegou á conclusión de que sofre psicose, pero Floro deféndese dicindo que ten dereito a que se respecten as súas crenzas.
Floro foi despedido o mes pasado e multado cuns 900 euros despois de que unha investigación que durou tres anos demostrou que era incompetente, parcial e crítico cos procedementos xudiciais. Florentino afirmou que tres ananos místicos, chamados Armand, Luis e Ángel, o axudaran a levar a cabo sesións curativas.

Servíronlle unha hamburguesa, pero acabou mastigando un dedo
Un cliente do restaurante TGI Fridays de Illinois atopou un cacho do dedo do cociñeiro nunha hamburguesa. Isto aconteceu poucos minutos despois de que un traballador do local, situado na zona de College Mall, se mancase un dedo cando cortaba carne cun coitelo. Pero ninguén se decatou de que perdera un fragmento do membro mentres trataba de axudalo. Esta é a defensa que esgrime Amy Freshwater, voceira da cadea de restaurantes de comida rápida.
O cociñeiro foi para o hospital mentres un camareiro lle servía a hamburguesa ao comensal, que notou axiña a presenza do dedo no prato.
A señora Freshwater asegurou que recoñecen a gravidade do incidente e que lamentan moito, pero moito, o ocorrido.
O cliente chamou á policía para denunciar o feito, pero contestáronlle que non se trataba dun asunto criminal.
Xa acontecera algo semellante o pasado mes de setembro nun local de Nevada da cadea Wendy’s. Daquela tratárase dun intento de extorsión.

Seguimos falando de comida rápida, nos Estados Unidos, e tamén en Illinois.
Un home dese estado, Steve Jenne, conserva os restos dun bocadillo de carne de búfalo que supostamente Richard Nixon deixou no prato despois dunha cea na localidade de Sullivan, durante a campaña electoral das eleccións presidenciais de 1960.
Dende aquela, a reliquia culinaria espertou o interese dos estadounidenses, máis que nada porque Nixon perdeu aqueles comicios. Oito anos máis tarde, converteuse en presidente dos Estados Unidos, nas eleccións de 1968 e 1972, ata que tivo que dimitir por mor do escándalo Watergate.
Nixon morreu no ano 1994, pero o seu bocadillo segue aí, gardado por Steve Jenne.

O líder conservador británico vai en bicicleta ao traballo. Detrás, séguelle un coche coa súa carteira e os seus zapatos
David Cameron, líder da oposición conservadora británica, pretendía atraer o voto da mocidade indo ao traballo en bici, pero a prensa descubriu que é todo un engano.
Cando menos, mentía cando dicía que viaxa en bicicleta para contribuír a reducir as emisións de dióxido de carbono. A súa nova versión é que o fai porque é san e o divirte.
O político británico pretende modernizar o Partido Conservador, que está a pasar uns bos momentos electorais coincidindo coa crise dos laboristas. O eslógan de tintes ecoloxistas que os conservadores empregaron na campaña electoral quedou en nada despois da confesión de Cameron, que asegurou que monta en bicicleta para manterse en forma, e que non atopou unha cesta o grande de abondo para levar consigo os documentos.

Indemnizan con 49 mil euros un home chinés que foi capado por erro
Dan Xueliang, un home chinés, foi a un hospital do norte do país afectado por unha infección venérea e saíu sen parte do seu órgano sexual. Agora será indemnizado polo centro médico con 49 mil euros en conceptos de danos e prexuízos.
Xueliang sufriu a amputación da meirande parte do seu membro no ano 1987 cando foi ao hospital a consultar sobre unha infección no pene.
Daquela, hai 19 anos, os médicos creron que o home sufría un tipo de cancro, e por iso decidiron sometelo a unha extirpación case total. Como consecuencia, Dan Xueliang perdeu as súas funcións sexuais. Pero a cousa non quedou aí: tamén se volveu toxicómano polo exceso de anestesia que os médicos lle subministraron durante a intervención.

Casan unha muller de 104 anos e un home de 33… por amor
Wook Kundor, unha muller malaia de 104 anos, que xa casara vinte veces, contraeu matrimonio cun home de 33 anos, depois de que ambos os dous confesaran estaren namorados.
O noivo, Muhamad Noor Che Musa, solteiro ata o mes pasado, explicou no xornal ‘Harian Metro’ que o seu amor por Wook Kundor, que non ten fillos, naceu despois dunha relación de amizade e respecto mutuo.
Muhamad está no paro dende que deixou o exército hai uns anos, e afirmou que coñecer a Wook foi o final da súa vida errante. Tamén negou que a decisión de casar cunha muller 71 anos máis vella ca el teña que detrás motivos económicos. Que sexan felices e que coman perdices.

Previous Next