Vai ao hospital porque lle doía a cabeza e atópanlle doce cravos chantados nela
Un home de 33 anos e identidade non facilitada acudiu a unha primeira consulta de urxencias nun hospital do estado norteamericano de Oregón queixándose dunha persistente dor de cabeza. Nun primeiro exame, non lle detectaron nada, polo que o mandaron para a casa. Pero, ao día seguinte, volveu. Cando lle fixeron unha radiografía, os médicos descubriron abraiados que tiña doce cravos espetados no cráneo. Eran puntas de oito centímetros de lonxitude. Seis deles estaban entre o seu ollo dereito e o oído, dous detrás da orella dereita e catro máis no lado esquerdo da cabeza. Milagrosamente, ningún danou o cerebro.
Cando lle preguntou de onde viñan, o paciente asegurou que tivera un accidente cunha pistola de bricolaxe. Despois da operación na que lle extraeron os cravos, o home confesou que tentara suicidarse deste xeito tan brutal.
O caso foi publicado nunha revista científica porque, aínda que pareza incrible, o home sobreviviu e non sofre secuelas.
O home foi trasladado a unha unidade psiquiátrica, da que logo saíu contra a vontade dos facultativos.
Estafan un turista chinés en Roma. Cobráronlle 990 euros por unha cervexa
Aínda que Roma ten fama de ser unha cidade bastante cara, un turista de Hong Kong non cría que fora como para ter que pagar case mil euros por unha cervexa.
A conta chegoulle preto dunha das rúas máis famosas da cidade, a vía Veneto, onde as cervexas poden custar, como moito, dez euros, que xa é.
O turista ía só, e foi convidado a un bar por un cliente que lle serviu unha cervexa e logo lle dixo que lle ía custar 990 euros. Despois de relear, deixoulla no módico prezo de 490 euros. Aínda así, cargáronlle na tarxeta o importe “sen rebaixa”, de 990 euros.
O turista tiña medo do que lle podía pasar, así que pagou de todos os xeitos.
O home, que non quixo facilitar a súa identidade, aínda que sabemos que é nado en Hong Kong, residente en Alemaña e con pasaporte británico, quixo denunciar o calote perante a policía, pero como ningún falaba inglés non puido facer nada.
E, a pesar de todo isto, o turismo aumentou en Roma un 60 por cento con respecto ao ano pasado.
Pide a súa readmisión un xuíz filipino que di recibir consellos de ananos
Florentino Floro, xuíz filipino que asegura que pode ver o futuro e consulta con ananos místicos imaxinarios vén de solicitar a súa readmisión no seu posto de traballo despois de ter sido despedido polo Tribunal Supremo de Manila. O alto tribunal chegou á conclusión de que sofre psicose, pero Floro deféndese dicindo que ten dereito a que se respecten as súas crenzas.
Floro foi despedido o mes pasado e multado cuns 900 euros despois de que unha investigación que durou tres anos demostrou que era incompetente, parcial e crítico cos procedementos xudiciais. Florentino afirmou que tres ananos místicos, chamados Armand, Luis e Ángel, o axudaran a levar a cabo sesións curativas.
Servíronlle unha hamburguesa, pero acabou mastigando un dedo
Un cliente do restaurante TGI Fridays de Illinois atopou un cacho do dedo do cociñeiro nunha hamburguesa. Isto aconteceu poucos minutos despois de que un traballador do local, situado na zona de College Mall, se mancase un dedo cando cortaba carne cun coitelo. Pero ninguén se decatou de que perdera un fragmento do membro mentres trataba de axudalo. Esta é a defensa que esgrime Amy Freshwater, voceira da cadea de restaurantes de comida rápida.
O cociñeiro foi para o hospital mentres un camareiro lle servía a hamburguesa ao comensal, que notou axiña a presenza do dedo no prato.
A señora Freshwater asegurou que recoñecen a gravidade do incidente e que lamentan moito, pero moito, o ocorrido.
O cliente chamou á policía para denunciar o feito, pero contestáronlle que non se trataba dun asunto criminal.
Xa acontecera algo semellante o pasado mes de setembro nun local de Nevada da cadea Wendy’s. Daquela tratárase dun intento de extorsión.
Seguimos falando de comida rápida, nos Estados Unidos, e tamén en Illinois.
Un home dese estado, Steve Jenne, conserva os restos dun bocadillo de carne de búfalo que supostamente Richard Nixon deixou no prato despois dunha cea na localidade de Sullivan, durante a campaña electoral das eleccións presidenciais de 1960.
Dende aquela, a reliquia culinaria espertou o interese dos estadounidenses, máis que nada porque Nixon perdeu aqueles comicios. Oito anos máis tarde, converteuse en presidente dos Estados Unidos, nas eleccións de 1968 e 1972, ata que tivo que dimitir por mor do escándalo Watergate.
Nixon morreu no ano 1994, pero o seu bocadillo segue aí, gardado por Steve Jenne.
O líder conservador británico vai en bicicleta ao traballo. Detrás, séguelle un coche coa súa carteira e os seus zapatos
David Cameron, líder da oposición conservadora británica, pretendía atraer o voto da mocidade indo ao traballo en bici, pero a prensa descubriu que é todo un engano.
Cando menos, mentía cando dicía que viaxa en bicicleta para contribuír a reducir as emisións de dióxido de carbono. A súa nova versión é que o fai porque é san e o divirte.
O político británico pretende modernizar o Partido Conservador, que está a pasar uns bos momentos electorais coincidindo coa crise dos laboristas. O eslógan de tintes ecoloxistas que os conservadores empregaron na campaña electoral quedou en nada despois da confesión de Cameron, que asegurou que monta en bicicleta para manterse en forma, e que non atopou unha cesta o grande de abondo para levar consigo os documentos.
Indemnizan con 49 mil euros un home chinés que foi capado por erro
Dan Xueliang, un home chinés, foi a un hospital do norte do país afectado por unha infección venérea e saíu sen parte do seu órgano sexual. Agora será indemnizado polo centro médico con 49 mil euros en conceptos de danos e prexuízos.
Xueliang sufriu a amputación da meirande parte do seu membro no ano 1987 cando foi ao hospital a consultar sobre unha infección no pene.
Daquela, hai 19 anos, os médicos creron que o home sufría un tipo de cancro, e por iso decidiron sometelo a unha extirpación case total. Como consecuencia, Dan Xueliang perdeu as súas funcións sexuais. Pero a cousa non quedou aí: tamén se volveu toxicómano polo exceso de anestesia que os médicos lle subministraron durante a intervención.
Casan unha muller de 104 anos e un home de 33… por amor
Wook Kundor, unha muller malaia de 104 anos, que xa casara vinte veces, contraeu matrimonio cun home de 33 anos, depois de que ambos os dous confesaran estaren namorados.
O noivo, Muhamad Noor Che Musa, solteiro ata o mes pasado, explicou no xornal ‘Harian Metro’ que o seu amor por Wook Kundor, que non ten fillos, naceu despois dunha relación de amizade e respecto mutuo.
Muhamad está no paro dende que deixou o exército hai uns anos, e afirmou que coñecer a Wook foi o final da súa vida errante. Tamén negou que a decisión de casar cunha muller 71 anos máis vella ca el teña que detrás motivos económicos. Que sexan felices e que coman perdices.
Comments
comentarios desactivados para este artigo