A alcaldía de México cambiará armas por ordenadores e software de Microsoft
Dende a semana que vén os habitantes de México DF poderán cambiar as súas armas de fogo por un ordenador novo e un paquete de software da empresa Microsoft, no marco dun plan anunciado este venres pola alcaldía para combater a violencia. O motivo desta elección débese á reunión que mantivo a semana pasada Bill Gates co alcalde da cidade, Marcelo Ebrard. Os programas incluídos nos computadores serán o Microsoft Office e a enciclopedia Encarta. Pero para ter dereito ao ordenador a arma terá que ser dun calibre de 9 milímetros como mínimo. Para armas máis pequenas entregaranse 2.500 pesos (170 euros) e unha cesta de alimentos valorada en 500 pesos máis (34 euros).
E, non, hoxe non imos falar de software libre.
Rompen 230 vidros do Expreso de Hogwarts, dos filmes de Harry Potter
O Expreso de Hogwarts, o tren que leva a Harry Potter á escola de maxia, foi o obxecto do vandalismo dun grupo de adolescentes. A máquina, gardada nun almacén de Carnforth, no Reino Unido, é famosa por partir do andén 9 ¾ da estación londiniense de King’s Cross. Despois do ataque, 230 dos seus vidros quedaron escachados.
Pero non é o primeiro elemento dos filmes do mago, xa non tan novo e inocente, ao que le pasan cousas estrañas. O seu coche voador desapareceu en outubro de xeito misterioso dos estudios de rodaxe, aínda que se materializou outra vez no mesmo lugar pouco despois.
Un chinés gasta 23.000 euros en viño e coñac no duty free do aeroporto de París
Un pasaxeiro chinés mercou o martes nunha tenda ‘duty free’ do principal aeroporto de París viño e coñac polo valor récord de 23.000 euros, anunciou a empresa que xestiona as instalacións aeroportuarias da capital francesa. O home, debuxante, mercou unha decena de botellas, etnre elas un Mouton Rotschild de 1945 de 13.800 euros. Despois embarcou coa súa secretaria en primeira clase rumbo a Beixín. Ademais do carísimo viño, mercou un coñac de 1806 que vale 5.000 euros e un Côtes du Rhone de 1978. Parece ser que é un coleccionista de botellas moi raras que acode un par de veces ao ano. Para a próxima encargou viños de colleitas posteriores a 1960, dixo Linda Chong, a empregada chinesa que o atendeu.
Agochan cámaras dentro de latas para controlar os que botan o lixo
Os cidadáns de Ealing, ao oeste de Londres, terán que ter coidado ao deixar as bolsas de lixo no colector correcto, porque unha lata de feixóns pódeos estar a vixiar. O envase pode levar dentro unha cámara camuflada, de tamaño pequerrecho e con raios infravermellos, informou The Daily Telegraph. Os aparellos encargaranse de revelar quen botou unha botella de cristal no colector de orgánicos, ou quen deixa o lixo os días en que non hai recolleita. Este tipo de cámaras tamén se empregarán para pillar aos que pinten grafitis nas rúas, pero nese caso agocharanse en ladrillos e baldosas. As asociacións de deritos civís xa protestaron por unha medida que infrinxe o dereito á intimidade.
British Airways pide desculpas por instalar un cadáver en primeira clase
A compañía aérea británica tivo que presentarlles as súas desculpas aos pasaxeiros de primeira clase do voo Londres-Nova Delhi polos ter obrigado a viaxar cunha muller falecida na clase turista tres horas despois da partida, informou o Daily Mirror. Un pasaxeiro sentado ao outro lado da muller declarou que non o informaran de que a súa veciña acababa de morrer en pleno voo. O pasaxeiro, home de negocios de nome Paul, contou que cando se levantou para ir ao baño viu que a muller non presentaba bo aspecto.
Segundo British Airways, a tripulación optara pola solución que causase menos molestias. Cada ano morren fortuitamente nos avións da compañía unha media de dez persoas. A compañía obrou do mesmo xeito cando un pasaxeiro estadounidense faleceu nun voo entre Londres e Boston.
Unha nena de 13 anos gaña o concurso ás zapatillas máis cheirentas dos EUA
Katharine Tuck, do estado de Utah, gañou a honra de ter as zapatillas mais fedorentas dos Estados Unidos. O cheiro do calzado case lles fai perder o sentido aos xuíces da 32ª edición do Concurso Nacional das Zapatillas Putrefactas. O concurso, patrocinado por unha marca de produtos para a hixiene dos pés, disputárono outros seis adolescentes. Todos eles reuníronse en Montpelier, Vermont, despois de ter gañado nas respectivas clasificacións rexionais. Entre os encargados de avaliar o estado de descomposición do calzado estivo un membro da NASA, George Aldrich, especialista químico. Tamén estaba un dos organizadores do concurso, o doutor Joel Goodman, fundador de The Humor Project. Na edición deste ano, Katharine relevou a MacKenna Dinkel, un neno de Alaska de sete anos que gañou no 2006. A rapaza levou un premio de 2.500 dólares, un trofeo, unha viaxe a Nova York para ver un musical infantil e un lote de produtos para a hixiene dos pés. A cambio, terá que cederlle as zapatillas ao Salón dos Cheiros de Montpellier.
Comments
comentarios desactivados para este artigo