Namorado británico pide a man da súa moza nun trailer do cine
Cando Tina Kilford, muller de 36 anos da cidade británica de Weymouth, asistiu á proxección dun filme coas súas amigas, non imaxinaba a sorpresa que tería. Durante os trailers, o seu mozo, Tom Lane, apareceu na pantalla amosando unha serie de carteis, pedíndolle que casase con el. O último deles dicía: “Estou seguro de que prefires que cho pida persoalmente. Estou xusto detrás túa”. Entón o público aplaudiu a Tom cando se axeounllou para formalizar a petición ao xeito tradicional. Despois do “si” da noiva, a parella foi cear para celebralo e non viu o filme. Tom Lane, de 36 anos, dixo que lle levou seis semanas facer o vídeo, e que se inspirou nunha escena de ‘Simplemente amor’. A parella coñécese dende hai 18 anos e sae dende hai cinco. O casamento será o ano que vén.
Máis da metade dos habitantes dese país mercan libros só para adornar
Algúns si empezan a ler os libros, pero case nunca os rematan, segundo unha enquisa publicada o luns e na que participaron 4.000 británicos. As obras que máis decote quedan sen rematar están a autobiografía de Bill Clinton, ‘A miña vida’, de 1.024 páxinas, e o cuarto libro de Harry Potter ‘O cáliz de lume’, de 734 páxinas. Case un lector de cada tres desistiu de chegar ao final destes dous best-sellers, segundo o inquérito de Teletext. Mesmo a máis breve biografía de David Beckham, ‘My side’, de 404 páxinas e que levou o premio á autobiografía vendida máis rápido, foi abandonada por un 27% dos lectores.
O récord ao libro máis mercado e menos lido téñeno as memorias do ex-ministro do Interior, David Blunkett, cun 35% de lecturas incompletas, e enficción ‘Vernon God Little’ de DBC Pierre, tamén cun 35%. Os británicos gastan unha media de 6.000 euros durante a súa vida en mercar libros, pero un 48% din estar demasiado cansos para ler todos os días, mentres que un 42% di que lle resulta imposible concentrarse nas historias longas.
Israel retira o seu embaixador no Salvador, que aparecera espido, amarrado e con obxectos sadomasoquistas
O veterano diplomático Tsuriel Raphael foi destituído do seu posto e o Ministerio de Asuntos Exteriores xa comezou a buscar un substituo, segundo dixo a voceira Zehavit Ben-Hillel. Hai dúas semanas, a policía atopara o diplomático no patio da súa residencia, amarrado, amordazado e borracho, e con xoguetes sexuais sadomasoquistas, segundo informou a prensa israelí. Despois de que o soltaron, díxolle á policía que era o embaixador de Israel. Segundo a voceira do ministerio, a noticia for a certa e que a destitución se debera a que, aínda que Tsuriel non violara ningunha lei, a súa conduta non fora a axeitada para un diplomático. O ex-embaixador levaba no cargo seis meses e xa pasara varios anos en misións diplomáticas por todo o mundo. Non é o primeiro escándalo no que se ve implicado un diplomático israelí. En 2006, un funcionario da embaixada provocou un incidente nun bar de Santiago (de Chile). No 2000, o embaixador en Francia morreu dun ataque cardíaco nun hotel de París onde supostamente se atopaba cunha amante. O ano pasado, Israel destituíu o seu representante en Australia despois de que dixera que os dous países tiñan moito en común por estaren en Asia e os seus habitantes non teren pel amarilla e ollos oblicuos. E no 2005, cancelaron designar un diplomático tamén en Australia despois de que se soubo que difundira fotos de mulleres espidas na Internet cando traballaba no Brasil.
Un brasileiro paga unha conta de 8.200 reais con 80.000 moedas
Floriano Macedo, dono dun restaurante en São Goçalo, área metropolitana da cidade de Niteroi, preto de Rio de Janeiro, decidiu saldar a conta de 8.219,70 reais que tiña cunha distribuidora de bebidas con 80.000 moedas, que colocou en tres sacos de fariña que pesaban 215 quilos. A decisión de Macedo debeuse á intransixencia da Distribuidora de Bebidas Real, que lle esixiu o pagamento das facturas en efectivo e non en cheque, como estaba a facer. Macedo dixo que era moi perigoso andar con cartos en efectivo por aí. Precisou dous vehículos para levar dende o banco as moedas de 25, 10 e 5 centavos polas que trocou os billetes. O hostaleiro ameaza con seguir pagando o resto das contas do mesmo xeito.
Atopan un diamante no sumidoiro do cárcere onde estaba o ladrón
Un diamante valorado en 25.000 dólares apareceu no sumidoiro dunha ducha da prisión en que se estaba dende había dous anos o seu presunto ladrón. Foi no OC, o condado de Orange, en California. Ao parecer, o diamante 14 meses no cárcere Theo Lacy, segundo confirmou o tenente Ted Boyne á axencia AFP. Os axentes recibiron unha orde xudicial que lles deu permiso para buscar nese lugar, non se sabe se por un acordo entre o acusado e o seu avogado. O suposto ladrón, Bret Allen Langford, de 39 anos, fora acusado de roubo comercial polo dono da xoiería. Segundo os medios locais, Langford entrou hai dous anos na xoiería de Karim Andre Ayoub interesado nun diamante e roubouno. Os funcionarios da oficina do sheriff cren que tragou e vomitou varias veces a pedra preciosa nos distintos traslados de cadea que viviu.
Uns xemelgos de oito anos atopan un diamante nun parque
Unha parella de xemelgos de oito anos atopou a pasada fin de semana un diamante de 2,50 quilates que podería valer varios miles de dólares nun parque de Arkansas. Ese lugar é coñecido por ser o único xacemento de pedras preciosas do mundo aberto ao público. O diamante foi bautizado como Duncan Twins, no nome dos seus descubridores, Grace e Garret Duncan, de Huston. Os rapaces quéreno manter en bruto, aínda que pola súa calidade podería ter un prezo de varios miles de dólares. Pero para a familia Duncan, a pedra non ten prezo, segundo dixo a voceira do parque Cráter de Diamantes, Rachel Engebrecht. É un diamante marrón claro, metálico, brillante e triangular, case en forma de corazón. Os nenos atopárono despois de seis horas de busca nunha zona de 15 hectáreas e levárono nunha bolsa pensando que era un cacho de mica.
Comments
comentarios desactivados para este artigo