Naomi Campbell terá que fregar un edificio durante cinco días como castigo
O próximo emprego da supermodelo británica Naomi Campbell será limpar os chans dun edificio público de Nova York como condena por ter agredido unha empregada. O fallo do tribunal obriga a modelo a cumprir cinco días de servizos comunitarios durante os que terá que limpar un edificio do departamento de Sanidade situado ao sueste de Manhattan.
Campbell declarárase culpable dun delito de agresión relacionado cunha disputa que mantivo cunha ex-empregada á que bateu cun teléfono móbil. A modelo admitiu que lle arrebolara o teléfono a Ana Scolavino durante unha pelexa no seu apartamento de Manhattan e o aparello deulle á empregada, aínda que asegurou que non tiña a intención de mancala. A causa da reacción foi que a asistente non lle atopara uns pantalóns vaqueiros que pedía Campbell. Ademais de fregar chans, a modelo pagaralle á ex-empregada 363 dólares de gastos médicos e asistirá a unhas sesións de terapia para controlar o seu temperamento.
Fans xaponeses de Michael Jackson pagan 2.600 euros por velo en persoa
Os admiradores de Michael Jackson puideron coñecelo en persoa o xoves en Tokyo… sempre e cando puidesen pagar 400.000 iens, uns 2.600 euros. Malia o prezo, os fans do rei do pop recibírono entusiasmados cando apareceu, e aínda que non cantou nin bailou, cativou coa súa presenza as persoas que foran ao acto. Carlo Riley, seguidor e imitador de Jackson, desprazouse dende os Estados Unidos só para coñecer a estrela en persoa, dixo: «Pagaría dez veces esa cantidade en calquera momento e en calquera lugar». O cantante, que estivo no Xapón esta fin de semana, aproveitou para ir de compras e visitar Disneylandia.
Expulsan tres estudantes estadounidenses porque dixeron «vaxina»
Megan Reback, Elan Stahl e Hannah Levinson, de 16 años, decidiron interpretar a obra ‘Os monólogos da vaxina’ e, durante a súa lectura, pronunciaron esa palabra contra a opinión dos seus profesores. Segundo Reback, «non é unha palabra nin fea nin inapropiada e era real e pura». A autora da obra, Eve Ensler, aplaudiu a afouteza das rapazas o martes, e afirmou que o colexio tíñao que estar a celebrar, en vez de castigar as tres mozas.
O extracto da obra leuse o venres 2 de marzo á noite, durante un evento patrocinado pola revista literaria do John Jay High School de Cross River, Nova York. As rapazas roldáronse na lectura do texto ata que chegou a palabra «vaxina», que as tres leron xuntas. A obra dicía: «A miña minisaia é unha bandeira de liberación no exército das mulleres. Declaro estas rúas, calquera rúa, país da miña vaxina».
Os pais das rapazas amosáronse molestas pola expulsión, que acusan de «censura», e algúns compañeiros fixeron carteis e camisetas en apoio ás alumnas con mensaxes como «Apoiámosvos, admiramos o voso valor. Orgullo de vaxina!» Pero o director, Richard Leprine, escúsase dicindo que as rapazas están castigadas por desobedeceren unha orde e non polo que dixeron. As estudantes negan que se comprometeran a omitir esa palabra. Megan Reback dixo: «Non estamos a falar de plutonio, nin de chuvia ácida, nin dunha palabra que destroza vidas… É unha parte do corpo».
O Capitán América morre asasinado aos 66 anos por se opoñer á lei antiterrorista
O superheroe enmascarado dos cómics da Marvel morreu en Nova York aos 66 anos. A morte coñeceuse cando se puxo á venda o derradeiro exemplar da banda deseñada. A nova causou conmoción entre os miles de seguidores do personaxe.
O Capitán América, sentinela da loita pola liberdade e polos dereitos, foi asasinado por se negar a aceptar unha lei antiterrorista promulgada polo Goberno que ordena que os superheroes se adestren dun xeito semellante aos militares e aos policías. Steve Rogers, que era o seu verdadeiro nome, morreu a consecuencia dos tiros dun francotirador diante dun xulgado. Pero, que non se alarme ninguén, que é probable que o capitán resucite e regrese, como xa pasara con outros personaxes de banda deseñada. Ademais, moitos pensan que esta morte non é máis ca unha campaña de marketing para recuperar a popularidade perdida fronte a outros superheroes.
Unha anciá chinesa move un camión cunha corda entre os dentes
Unha muller de 73 anos da cidade de Jinan, ao leste da China, conseguiu mover dez metros un camión de 4,2 toneladas turrando del cunha corta entre os seus dentes, informou a prensa estatal. A muller, de cuxa identidade só se coñece o apelido, Wang, leva 33 anos practicando as artes marciais. Os seus prodixios foron gravados pola televisión central chinesa, CCTV, que a fixo famosa en todo o país. Wang xa fora noticia canto tiña 66 anos e conseguiu cachar un ladrón que lle roubara o bolso. Daquela, perseguira o delincuente correndo durante un quilómetro detrás del. O ladrón ía en bicicleta.
Poñen en circulación por erro moedas ateas de dólar
Un número sen determinar de novas moedas coa imaxe de George Washington acuñáronse por erro sen as gravacións no bordo inferior coa inscrición «In God we trust» en Deus confiamos. No entanto, si que teñen os textos «E Pluribus Unum», o ano e a marca da Casa da Moeda. Estas moedas defectuosas pasaron o control de calidade e saíron ao mercado o 15 de febreiro. Agora véndense a 50 dólares a unidade na internet.
Acuñáronse 300 millóns de novas moedas, que son de cor dourada e algo máis grandes e máis grosas ca os populares cuartos de dólar. Case a metade das pezas defectuosas fabricáronse en Filadelfia e o resto en Denver. A primeira vendeuse a 600 dólares, antes de que se soubese que eran máis correntes do que parecía. Agora andan polos 50 en eBay.
Comments
comentarios desactivados para este artigo