Unha marca arxentina deseña unhas bragas antirroubo
A empresa Alicia Furh deseñou roupa interior cun sistema antirroubo. Antirroubo para os cartos, porque inclúen un peto de seguridade pechado por un velcro ou cunha cremalleira para gardar nel o diñeiro e as tarxetas. Polo tanto, baséase nos modelos tradicionais pero con algo máis de seguranza. A marca arxentina investiu 2.000 dólares no proxecto, que verá a luz o 10 de marzo. Ademais, en abril venderase tamén a versión masculina da colección. Nun principio só sairán ao mercado deseños en algodón branco, venderanse en tendas da marca e custarán entre 3 e 5 euros. Alicia Furh asegurou que máis adiante estas novidosas prendas tamén se venderán noutras tendas, e non descartou que se cheguen a exportar. Os modelos, dos que se fabricaron 5.000 unidades, estarán dispoñibles en talles pequeno, mediano e grande. Segundo Furh, pretende que o novo produto sexa funcional e que non se note que se leva o diñeiro agochado cando se vista un vaqueiro nin un pantalón de liño. A liña está pensada para todas as idades, aínda que hai modelos como os tangas que a xente maior non adoita usar. O que non especificou a deseñadora é onde levarán os cartos neste tipo de prendas.
Unha muller italiana atopa unha granada no medio das patacas
Unha ama de casa napolitana de 74 anos non se decatou de que na bolsa de patacas que comprara no mercado tamén había unha granada da Segunda Guerra Mundial. A muller fora mercar, como facía decote, ao mercado napolitano de San Giorgio a Cremano e, no medio das patacas, levou a granada. Chegou á casa e meteu os tubérculos en auga, sen saber que tamén ía no medio unha granada das que os soldados estadounidenses usaran na guerra. Cando foi mondar as patacas, viu que unha delas se lle resistía. Entón foi cando se decatou de que non era unha hortaliza, senón unha bomba de man, así que chamou a policía. Os axentes recomendáronlle que non a volvese tocar, porque, aínda que a granada non tiña fusible seguía a ser potencialmente explosiva.
Condenada a catro anos de cadea por prenderlle lume ao pene do seu mozo
Unha muller foi condenada a catro anos de prisión en Montreal por queimar o pene do seu mozo con combustible para fondue queixo fundido. Os feitos aconteceron en abril de 2001, cando Guillaume Pungu, mozo da muller, marchou á cama despois de discutir coa agresora. Entón, Andrée Réné, de 44 anos, agardou a que o home quedara durmido para mollarlle os xenitais co líquido inflamable e logo prenderlle lume. Pungu, que daquela tiña 52 anos, sufriu queimaduras de terceiro grao no torso e nos xenitais, e tivo que pasar unha semana no hospital e un mes máis a tratamento. Despois sufriu insomnio, pesadelos, medo ao lume e problemas nas súas relacións coas mulleres. A muller xa cumpriu parte da condena en liberdade baixo fianza, polo que só lle quedan 30 meses para saír da cadea, segundo estableceu o Tribunal de Québec. Logo non poderá dispoñer de fusís nin material combustible en dez anos, por risco a reincidir.
Manolo Escobar e El Koala cantarán xuntos unha nova versión de Mi carro
Manolo Escobar e o músico malagueño El Koala cantarán xuntos unha nova versión de Mi carro, segundo anunciou o propio cantante de El Ejido, que recibiu o premio Familia pola súa traxectoria cinematográfica. Escobar dixo que mantivera unha conversa co Koala e que lle dera a súa aprobación para que poida traballar con Mi Carro e preparar unha versión nova. «Díxenlle que si», dixo Manolo Escobar, «porque teño curiosidade para ver que fai con ela este tipo». O Koala, abandeirado do rock rústico, fíxose moi famoso o verán pasado coa súa canción ‘Opá, yo viazé un corrá’.
Deteñen un home que quixo cobrar un cheque asinado por Deus
Kevin Russell, de 21 anos, foi acusado o luns de fraude con cheques e intimidación, ambos os dous considerados delitos penais. Tamén o acusaron de resistencia á autoridade. O mozo foi detido na cidade estadounidense de Hobart despois de tentar cobrar nun banco un cheque asinado polo «Salvador, rei de reis». A policía recibiu unha chamada da sucursal do Chase Bank despois de que Russell xa tentara cobrar o cheque, que era doutro banco e carecía de valor legal. O rapaz levaba varios cheques de distintas cantidades en dólares, todos asinados por Deus. Un tiña un valor de 100.000 dólares. Russell loitou cos policías que o tentaron deter e logo ameazounos, cando o levaron á xefatura policial.
Un xogador de baloncesto deixa o deporte para entrar no seminario
O aleiro americano Michael Watson, que fora xogador do Jesi e Castelletto Ticino da Legadue italiana, deixou a práctica profesional do baloncesto pola súa vocación relixiosa, para entrar no seminario. «Sentino claramente, debía ser pola forza de Deus, porque eu nunca pensara en algo así. Cando Deus te chama tes que obedecelo e seguilo. Aquela noite foi todo divino», explicou o ex-deportista. A chamada veulle unha tarde en Estambul, segundo informou La Gazzetta dello Sport. Este non é o primeiro caso dun adeus ao basquet pola vocación relixiosa, pois xa hai varios precedentes: Luca Blasetti, Angela Aycock e Simone Strozzi.
Comments
comentarios desactivados para este artigo