Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

12 de novembro 19 November 2006, 09:49

Xornada de récords Guinness en Australia. Un home ponse 18 calzóns nun minuto
Australia viviu este xoves unha xornada de récords Guinness do máis absurdo, diante das cámaras dunha canle de televisión e coa presenza dun xurado para homologar os logros. Entre as marcas conseguidas atópase a de Grant Denyer, home do tempo neocelandés, que foi quen de poñerse 18 calzóns nun minuto, co que superou o anterior plusmarquista, un británico que se vestira con 17 prendas interiores.
Keith Kolver converteuse no zorbonauta máis rápido da historia, cunha velocidade de 52 quilómetros por hora. Este individuo descendeu por un monte de Nova Celandia dentro dun zorb, que é como se denominan uns balóns de plástico transparente de 3,20 metros de diámetro. Este peculiar deporte consiste en manterse de pé dentro desta bóla despois de ser lanzado costa abaixo.
Ademais, Brittany Boffo, unha ximnasta australiana de nove anos, bateu o récord de saltos coas mans xuntas, que consiste en facer pasar as mans unidas dende detrás das costas á parte superior da cabeza como se os brazos fosen unha corda. A nena conseguiu dar 60 choutos en 60 segundos.
Por outra banda, no Xapón, o concello de Nishio conseguiu celebrar a cerimonia do té máis grande do mundo, con 14.718 convidados.

A actriz Denise Richards fere unha anciá ao botar un ordenador pola fiestra
A actriz estadounidense Denise Richards, que se atopa rodando un filme na Columbia Británica (Canadá), feriu involuntarimente unha octoxenaria que ía en cadeira de rodas ao botar polo balcón un ordenador portátil, segundo informou este xoves a cadea CBC.
Os feitos aconteceron cando tres ‘paparazzi’ entraron no lugar de rodaxe da película ‘Blonde and blonder’. A actir discutiu con eles, tras o que lles colleu o ordenador portátil e guindouno polo balcón no que se atopaba.
O aparello caeu enriba dunha anciá en cadeira de rodas, o que lle provocou un golpe leve nun brazo, polo que non haberá proceso xudicial. Ademais, os avogados da artista están en conversas cos fotógrafos para compensalos polos danos no ordenador.
Denise Richards, ex-moza Bond, de 35 anos, comparte cartel no novo filme coa actriz de orixe canadense Pamela Anderson.

Un príncipe italiano atopa as xoias de Salma Hayek nun taxi
Un asistente da xoiería que serve a actriz mexicana Salma Hayek, que triúnfa actualmente no seu papel na versión estadounidense de ‘Betty la fea’, deixou esquecido nun taxi neoiorquino un sobre con xoias alugadas. Tivo a sorte de que o seguinte en montar no vehículo foi Lorenzo Borghese, príncipe italiano de 34 anos e protagonista do reality show ‘The Bachelor’, que se emite tamén na canle ABC.
A actriz contou no portal contactmusic.com que o príncipe subiu ao taxi e achou un sobre que poñía ‘Salma Hayek’, así que chamou á televisión e dixo: «Creo que Salma acaba de perder 50.000 dólares en xoias».
Hayek tiña que escoller do contido do paquete algo para levar a unha gala benéfica, polo que lle devolveu o resto á asistente, que o deixou esquecido no taxi.
Descoñécese se houbo bico de agradecemento ou amor á primeira vista, xa que Borghese, descendente de Napoleón, busca compañeira nun programa no que 25 mulleres loitan por conseguir casar con el.

Venden en Suráfrica un preservativo que se pon nun segundo
Esta semana comezarase a vender en Suráfrica un modelo de preservativo de colocación ultrarrápida. Os condóns da marca Pronto pretenden vencer a incomodidade que supón abrir e colocar o profiláctico e que pode disuadir algúns potenciais usuarios.
Segundo contan na páxina web do produto, só hai que romper o paquete pola metade e desenvolver o preservativo directamente sobre o pene, sen necesidade de tocalo coas mans, como se fose unha tirita. O único atranco é que resulta imprescindible usar as dúas extremidades.
O invento foi concibido no ano 2001 polo surafricano Willem van Rensburg, ao que lle molestaba o ritual que tiña que seguir cada vez que se poñía un preservativo.

Guns ‘N’ Roses cancelan un concerto porque non lles deixaban beber alcol no escenario
O grupo de rock Guns ‘N’ Roses cancelou o venres unha actuación en Portland, Maine, EUA, porque as autoridades non lles deixaban consumir alcol sobre o escenario. Os inspectores do corpo de bombeiros comunicáronlles esa decisión cando foron revisar o espectáculo pirotécnico que tiñan previsto no concerto, anunciado para mañá luns no centro cívico do condado de Cumberland.
Segundo un voceiro dos bombeiros, o grupo quería beber cervexa, viño e licor de herbas Jagermeister, polo que, dúas horas despois de se lles comunicar a decisión, decidiron suspender o concerto.
A banda lamenta na súa páxina web a cancelación e bótalles a culpa aos inspectores, por «ter feito imposible que a banda ofreza a súa actuación ao alto nivel habitual que os seus fans merecen». Ademais, o grupo asegura que nin Clay Aiken nin Green Day sufriron as mesmas restricións.

Unha nena de 4 anos é a artista mellor pagada de Romanía
A cantante Cleopatra Stratan, de 4 anos, que estamos a escoitar, é a artista mellor pagada de Romanía. Cobra 300 euros o minuto, medio soldo mensual no país balcánico e tamén noutros lugares máis próximos.
A pequena cobra mil euros por cada unha das cancións incluídas nas súas funcións, polo que o xornal Libertatea fixo as contas e concluíu que é a artista mellor remunerada do país.
A precoz cantante, que acompaña a súa voz dunha elaborada escenografía, está a ser un éxito de vendas en Romanía co seu tema ‘Ghiţa’ . Tamén é candidata a entrar no libro Guinness como a solista máis nova que saca un álbum, canta e presenta un concerto de dúas horas. O seu pai, o tamén cantante Pavel Stratan, xa lle mandou unha carta ao libro dos récords.

O home máis peludo do mundo perde unha demanda contra un parque de atraccións
Yu Zhenyuan, cantante chinés de rock de 29 anos, coñecido por ter o 96 por cento do seu corpo cuberto de pelo, denunciou o parque pequinés World Carnival por usar sen autorización a súa faciana na páxina web da empresa.
Na súa demanda, Yu pediu a retirada da imaxe, unha desculpa escrita e 25.000 dólares por danos psicolóxicos. O artista, que forma parte do libro Guinness dende o ano 2002, visitou o parque en agosto do ano pasado, onde deixou que lle tirasen fotografías a cambio de pases gratuítos para as atraccións.
Un tribunal popular sentenciou que as imaxes foran empregadas por World Carnival para aumentar os seus beneficios, polo que a empresa terá que retiralas e publicar unha desculpa por escrito na súa páxina web.
Porén, rexeitou ofrecerlle a Yu unha compensación económica, pola falta de probas de que a publicación das imaxes lle producise trauma psicolóxico ningún.

Comments

comentarios desactivados para este artigo