Un rapaz de quince anos rouba un autobús e faise pasar polo condutor
Un adolescente de quince anos de idade foi detido a pasada fin de semana na Florida por roubar un autobús co que seguiu a ruta habitual, facendo as paradas e mesmo cobrando os billetes. A aventura rematou cando un pasaxeiro notou algo raro, segundo informaron as autoridades.
O incidente ocorreu o sábado á mañá na cidade de Orlando, no centro do país, cando Ritchie Davis supostamente roubou un autobús comisado dun aparcadoiro e o puxo en marcha. Recolleu tres pasaxeiros e cobroulles a tarifa normal, pero só un se decatou de que non levaba o uniforme e de que o autobús estaba demasiado vello e sucio como para estar en servizo, polo que chamou á policía. Cando foi detido, o rapaz preguntou que lle ía pasar e dixéronlle que estaba arrestado por roubo e que sería enviado a un reformatorio. Ritchie dixo: «por que? Conduzo o autobús mellor que a meirande parte dos condutores e non ten nin unha rabuñada». Davis estaba en liberdade condicional por ter roubado xa anteriormente un autobús turístico privado.
Deteñen dous burros por provocar un caos no tráfico en México
A policía mexicana detivo e levou a un depósito de vehículos dous burros por teren obstruído unha vía rápida e provocado un importante atasco no municipio de Atlixco, en Puebla, segundo informaron funcionarios policiais.
Juan Vicente Flores, director de tráfico, explicou que os dous burros foron detidos porque estaban a poñer en perigo os condutores. Quedaron no depósito de vehículos, amarrados na parte de fóra, aínda que ninguén os reclamou aínda. Afortunadamente, os dous animais non provocaron ningún accidente. Os axentes seguen a buscar o propietario dos burros, aínda que aseguran que non se lle aplicará ningunha multa.
Dous submarinistas rescatan no Cantábrico un rebeco
Os irmáns Juan e Miguel Ángel Álvarez Fernández, veciños da localidade asturiana de Grado, atopábanse practicando a pesca submarina a dúas millas ao norte de Cudillero, cando, ao subiren á superficie, atoparon un rebeco nadando. Os buceadores subiron o exemplar a bordo dunha lancha e levárono ata o porto de San Juan de la Arena, dende onde foi trasladado a un centro de recuperación de animais en Luarca.
O rebeco atópase nun bo estado físico, aínda que non se explica como puido chegar ata tan lonxe. Xa se deron casos, de todos os xeitos, de xabarís e corzos en circunstancias semellantes. O rebeco é un animal típico da alta montaña, mide uns 75 centímetros de alto e pesa arredor de 25 quilos.
Un xuíz dos EUA condena un home a levar unha camiseta coa mensaxe «son un depravado sexual»
Un xuíz do estado de Delaware condenou un exhibicionista que amosou en dúas ocasións o seu órgano sexual diante dunha nena de 10 anos a usar unha camisola que leve escrita a frase «son un depravado sexual». O xuíz Jan Jurden, de Wilmington, tamén sentenciou o acusado, Russell Teeter, de 69 anos, a 60 anos de cadea.
Aínda que non se especificou a cor das letras, si se di que deben destacar moito.
O castigo foi por suxestión do vicefiscal do estado, Donald Roberts, quen lembrou que Teeter tiña un longo historial de depravacións dende o ano 1976. O condenado tamén será sometido a un tratamento médico contra o seu exhibicionismo compulsivo.
Cando saia da cadea, Russell Teeter deberá mercar a camisa e levala durante 22 meses cando traballe.
Despiden unha condutora de bus por facerlle un xesto obsceno a Bush ao volver do zoo
Unha condutora de autobús de 43 anos foi despedida por facerlle un feo aceno ao presidente dos EUA, George W Bush, polo que xa presentou unha queixa formal polo seu cesamento. Segundo a empresa, o despedimento non foi por motivos políticos, senón por facer xesto diante dos nenos.
Os feitos aconteceron o 16 de xuño, cando a chofer levaba os nenos de volta á escola de Issaquah, no estado de Washington, despois de visitar o zoolóxico, cando se atoparon coa comitiva de Bush e do representante republicano Dave Reichert. Os nenos saudaron o presidente coas mans, o que foi correspondido por Bush, pero cando a limusina chegou á altura da condutora, ela amosoulle o puño pechado cun dedo teso, o do medio.
A muller, que non se identificou, foi despedida en setembro despois de que a oficina de Reichert denunciase o caso perante os seus superiores, aínda que as autoridades do distrito xa coñecían o asunto, porque ela mesma llelo contara os seus amigos.
Segundo a superintendente escolar, Jane Barry, o despedimento non foi por motivos políticos, e se llo tivese feito a calquera outra persoa diante dos nenos, terían tomado a mesma medida.
Unha fan demanda os Rolling Stones por 51 millóns de dólares por teren suspendido un concerto
Os Rolling Stones cancelaron o martes un concerto en Hawaii para que Mick Jagger descanse a súa voz, ao tempo que unha fan demandou a banda por 51 millóns de dólares porque non cumpriron cunha actuación en Nova Jersey a semana pasada
Unha voceira anunciou que o grupo cancelaría o concerto do 22 de novembro no estadio Aloha de Honolulu, o primeiro que dan no arquipélago dende hai oito anos. Así mesmo, os Stones modificaron as datas doutros tres espectáculos apra que Jagger, de 63 anos, se poida recuperar.
Mentres, unha fan de Brooklyn demandou a banda por ter cancelado outro concerto o 27 de outubro en Atlantic City, New Jersey, catro horas antes do comezo.
Rosalie Druyan presentou o martes unha demanda colectiva na Corte Suprema de Manhattan acusando a Jagger e os Stones de fraude e de ter actuado de mala fe na cancelación, da que afirmou que lle ocasionara a ela e a miles de fans a perda de cartos en reservas de hoteis que non poderán recuperar.
Druyan mercou duas entradas na internet por 575 dólares e afirmou que cando soubo da cancelación non puido anular as súas reservas no hotel Trump Taj Mahal, que custaron 300 dólares.
Non é a primeira vez que a gorxa de Jagger provoca cancelacións. En agosto suspendéronse dous concertos en España polo mesmo motivo. Ademais, a xira europea xa sufriu un atraso despois de que o guitarrista Keith Richars sufrira unha ferida na cabeza.
Billetes desfanse de xeito estraño en Alemaña
As autoridades alemás están intrigadas co misterio dos billetes que se desfán nas mans como se se queimasen. Os relatos sucédense en polo menos quince cidades, nas que desapareceron de xeito misterioso máis de mil billetes.
O Banco Central Europeo xa encargou unha investigación para que se averigüen as causas deste estraño fenómeno.
O primeiro caso rexistrouse o 21 de xuño, en Berlín. Un mes máis tarde verificouse un caso idéntico noutra institución bancaria. Ao principio, a policía pensou que se tratara de casos illados, pero logo aconteceu o mesmo a varias persoas en polo menos quince cidades alemás.
De momento, descártase que se tratase de atentados contra a moeda única. A investigación asegura que os billetes foron impregnados dun sulfato que se transforma en ácido sulfúrico en contacto coa humidade, como a suor das mans.
Comments
comentarios desactivados para este artigo