Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

19 de novembro 22 December 2006, 23:44

Piden 20 anos de cadea para unha parella que se bicou nun avión
Aínda que puidera parecelo polo titular, os feitos non aconteceron nun país onde impere a lei islámica, senón nos Estados Unidos. Unha parella a bordo dun voo das Southwestern Airlines dende Los Ángeles foi acusada de violar a Patriot Act, promulgada para previr os actos terroristas.
A acusación di que Carl Persing e Dawn Sewell estaban arrexuntados bicándose dun xeito pouco axeitado, facendo que os pasaxeiros se sentisen violentos. Cando unha azafata se lles achegou para pedirlles que parasen, segundo o informe do FBI, Persing foi visto acariñando e bicando a Sewell no pescozo e coa súa cara presionada contra a área vaxinal da muller mentres ela sorría. Despois do segundo aviso, Persing botouse para atrás ameazando a azafata con «serias consecuencias» se non os deixaba en paz. O comentario serviulles para que fosen arrestados cando o avión chegou a Raleigh, Carolina do Norte, acusados de asociación ilícita e de obstaculizar membros da tripulación. Os dous están baixo custodia legal ata o 5 de febreiro, data prevista para o xuízo. Se son declarados culpables, enfróntanse a unha condena de 20 anos de cadea.
O avogado de Persing, William Peregoy, basea a súa defensa dicindo que o seu cliente non se atopaba ben cando puxo a súa cabeza no colo da súa compañeira, e que só ameazou a azafata con informar do incidente aos seus superiores ao aterrar.

Bono, de U2, recupera uns pantalóns e un sombreiro despois dunha disputa legal
O cantante irlandés atopou este mércores o que levaba tanto tempo buscando: uns pantalóns e un sombreiro que estaban no poder dunha antiga estilista da banda. U2 demandou o ano pasado a Lola Cashman para que lles devolvera esas prendas que ela dixo que lle regalaran cando traballaba con eles nos anos 80.
Entre os obxectos en disputa había un sombreiro Stetson e uns pendentes, ademais de fotografías e decoración de Nadal.
Cashman, que publicou unha biografía non autorizada do grupo na que dicía que Bono está obsesionado co seu peso e coa súa estatura, acudiu aos tribunais o mes pasado para tentar revogar a orde de devolución dos artigos.
Pero a batalla rematou o mércores cando o Tribunal Supremo irlandés confirmou o fallo previo e dixo que Bono estaba de acordo con que os obxectos, valorados en 5.000 euros, sigan pertencendo á banda. Malia isto, durante a apelación, Bono, coñecido activista contra a pobreza, loou o traballo de Cashman e dixo que antes de coñecela el parecía a cantante grega Nana Mouskouri.
A ex-estilista, que xa tentara vender sen éxito os obxectos nunha poxa no ano 2002, dixo que Bono lle puxera o sombreiro de cowboy mentres bailaba en roupa interior nos camerinos despois dun concerto en Arizona. No lote recuperado tamén había unha sudadeira verde, rosarios, vídeos e dúas cuncas.

O Vaticano non convida á estrea dun filme a actriz que interpretaba a Virxe, porque está embarazada
A actriz neocelandesa Keisha Castle-Hugues, de 16 anos, non foi convidada polo Vaticano á estrea mundial de Natividade, filme no que interpreta a Virxe María. Segundo o xornal The New Zealand Herald, a actriz, que foi nomeada ao Óscar, non está na listaxe confeccionada polo Vaticano, na que sí aparecen a directora e malo actor que interpreta a San Xosé. Dá a casualidade de que a actriz anunciou no mes de maio a súa gravidez.
Natividade será a primeira longametraxe que se presente no Vaticano, o vindeiro domingo 26. Conta a viaxe de Xosé e María ata o nacemento de Xesús, e a recadación destinarase á construción dunha escola en Nazaret (Israel).

Ratos brancos probarán a comida dos atletas dos xogos olímpicos de Pequín
Para comprobar que non se producen envelenamentos nin irregularidades, a organización dos xogos olímpicos de Pequín 2008 empregará ratos brancos para que proben os alimentos destinados aos atletas. Segundo responsables sanitarios chineses, os ratos detectan os alimentos en mal estado antes ca as técnicas tradicionais de laboratorio, polo que se poderá actuar máis rapidamente no caso de problemas coa comida. Todos os alimentos e condimentos, como sal, pementa ou outras especias, serán probados polos roedores 24 horas antes de que se sirvan nos restaurantes da vila olímpica. Nalgunhas zonas da China as intoxicacións alimentarias son un problema habitual.

Deteñen un home que tentou cambiar nun banco billetes do parque Warner
A Policía Nacional detivo esta semana en Santander un cidadán romanés que tentou cambiar nun banco por euros billetes simulados de dólar que levaban o anagrama do parque de atraccións Warner de Madrid.
Nicu V, de 22 anos, presentouse pola mañá nunha sucursal do centro de Santander para cambiar trece billetes de cen dólares. A empregada bancaria decatouse axiña de que os billetes eran do parque de atraccións, polo que avisou discretamente o servizo de seguridade e finxiu seguir cos trámites do cambio de divisas. Pouco despois chegou a policía, que arrestou o mozo como presunto autor dun delito de estafa en grao de tentativa.
O detido, que se atopa en situación irregular en España, explicou que atopara os dólares falsos no lixo e que os 985 euro auténticos que levaba enriba os gañara pedindo esmola. Nico foi posto a disposición xudicial e ademais abríuselle un expediente de expulsión.

Inventan unha camiseta que permite tocar a guitarra virtualmente
Científicos do goberno australiano anunciaron o luns que inventaron unha camisola que lles permite aos seus usuarios tocar música de verdade sen necesidade de usar unha guitarra. A prenda ten sensores nos cóbados que seguen o movemento dos brazos ao tocar cordas imaxinarias, explicou Richard Helmer, da Organización para a Investigación Científica e Industrial da Commonwealth. A información é enviada a través dunha rede sen fíos a un computador que xera a música en tempo real, sen necesidade de que o usuario teña coñecementos musicais nin informáticos.
Pódese saltar mentres se toca e a calidade de son é semellante á dun mp3 orixinal. A camisola, que permite facer realidade a práctica do ‘air guitar’ sen usar música pregravada, tamén se pode empregar para tocar a pandeireta.
O invento pretende ter unha utilidade máis seria no eido da fisioterapia: capturar o movemento humano mediante sensores para reproducilo nun mundo virtual.

Devolven ao museo uns váteres que tocan o himno italiano
A xustiza italiana decidiu o venres pasado devolver ao Museo de Bolzano (Italia) uns baños que tocan o himno nacional, unha obra de arte que fora retirada en outubro por petición dun partido conservador.
O tribunal de Bolzano considerou que a obra de arte non representa unha ultraxe ao himno nacional nin ao estado italiano, segundo informou a oficina de prensa do museo. A obra, creada polas artistas romanas Eleonora Chiari e Sandra Goldschmied, reproduce unha versión electrónica do himno italiano cun ruído de caída de auga de fondo. Unha célula fotoeléctrica permite que a música soe cada vez que algún visitante se achega á obra, presentada na exposición ‘Group Therapy’, o 15 de setembro.
O partido de extrema dereita Alianza Nacional presentara a demanda que provocara nun primeiro momento a retirada da obra, por atentado respecto ao que constitúe unha referencia para toda comunidade dun país.

Comments

comentarios desactivados para este artigo