Comezamos, aínda que non é o habitual neste informativo, pola nosa terra. Retiran da venda unhas zapatillas que producen náuseas
Inspectores do Insituto Galego de Consumo están a buscar polas tendas unhas determinadas zapatillas de casa, de tela escura, sola plástica e forro interior amarelo que, ao parecer, poden causar nos seus usuarios dores de cabeza, mareos, náuseas e vómitos.
A Dirección Xeral de Consumo da comunidade de Madrid deu a alarma despois de recibir a reclamación dunha muller que sufrira estes síntomas despois de poñer ese calzado, que mercara nunha tenda de todo a cen.
O Centro de Investigación e Control de Calidade de Madrid descubriu que o produto contiña compoñentes químicos orgánicos volátiles capaces de producir malestar xeral e náuseas ao inhalalos.
As zapatillas ademais incumpren a normativa europea sobre etiquetado, polo que foron retiradas do mercado. A rede de alerta estendeuse a todas as comunidades autónomas. No caso de Galicia, aínda non se detectou ningún par nas tendas, pero existe a posibilidade de que se vendan nalgún tipo de feira ambulante.
Imos ata a China, fonte inesgotable de información. Ábrese un centro de viciados na internet en Xangai.
A cidade chinesa de Xangai abriu o seu primeiro centro de tratamento a adolescentes adictos á internet, que lles ofrece consello, libros e ordenadores. Pode acoller catro menores durante unha noite e pretende encher o espazo entre pais e fillos, segundo informou o xornal Shanghai Daily. O director de asistencia social do centro, Wang Hui, asegura que ningún dos rapaces é obrigado a ir ao centro, e que percorren cibercafés durante a noite para levar aos que aceptan libremente ingresar.
O goberno chinés está a lexislar para reducir o uso abusivo de xogos online en cibercafés, mediante fortes multas aos que lles permiten entrar aos menores.
Na China tamén hai estraños costumes. En Pequín queren prohibir os strip-tease nos funerais.
Parece que no rural chinés está implantado o costume de organizar strip-teases para animar os funerais, pero o hábito está ameazado de desaparecer, despois da detención de cinco persoas acusadas de organizar este tipo de espectáculos, segundo informou a axencia Xinhua.
O pasado luns, a televisión estatal emitiu unha reportaxe na que se criticaron as actuacións obscenas de dúas compañías de strippers nun funeral na provincia de Jiangsu. Nel participaron unhas 200 persoas, entre elas varios nenos. O costume de amenizar os funerais con estes actos xustifícase na crenza de que o finado será máis honrado canta máis xente acuda, e o espectáculo é un xeito máis de atraer público.
O rebumbio foi tal que xa se está a estudar a posibilidade de prohibir estas actuacións e mesmo se fixo público un número de teléfono de denuncia con recompensas para os delatores.
Detectan mensaxes satánicas en temas de RBD, o grupo da serie Rebelde
Varias páxinas web publicaron esta semana que o televisivo grupo musical mexicano RBD lanza mensaxes satánicas nas súas cancións se estas se escoitan ao revés. Frases como «Ven y abrázame, demonio», no tema Rebelde, que estamos a escoitar, ou «El malo me lleva», no titulado Sálvame pódense aprezar, segundo o club de fans chileno.
Nunha entrevista publicada pola axencia Notimex, a vicepresidenta desta asociación, Francisca Fabio, foi a que descubriu estas mensaxes, aínda que afirma que non cre que os rapaces sexan satánicos e que é posible que as cancións estean amañadas na internet. Pero todo apunta a que sexa un engano.
A discográfica EMI Music nega todo e deféndese argumentando que o disco xa se editou hai dous anos.
O coordinador dos clubes de fans oficiais de RBD no mundo, Joel Irigoyen, asegurou que este tipo de situacións se dan cando os artistas se fan famosos. O propio Irigoyen negou, ademais, que estea rexistrada ningunha Francisca Fabio como vicepresidenta do club de fans de Chile.
Un violinista toca música de Mozart, Bach e Beethoven para que as vides dean mellor viño
Un destacado violinista foi contratado pola empresa vitivinícola máis antiga de Alemaña, situada en Wurzburgo, para que, coa súa música, mellore a calidade das súas uvas e viños. Segundo o seu presidente, Michael Janson, se a música é boa para os seres humanos, tamén o é para as plantas.
Dende hai dous meses, chova ou dea o sol, o violinista Florian Meierott vai tocando polas vides, situadas na ladeira dunha montaña, interpretando concertos de Mozart, Bach, Beethoven ou Elgar.
Meierott asegura que moita xente fala coas plantas para que medren mellor, e el toca. Segundo el, o concerto para violín en la maior de Mozart ou algo de Bach teñen un efecto positivo sobre o viño, aínda que de momento non hai ningún estudo científico que o demostre.
As primeiras 10.000 botellas dunha edición especial da variedade sylvanes, coa imaxe do violinista na etiqueta, sairán á venda a comezos do 2007. E seguramente, non serán moi baratas.
Investigadores británicos aseguran que as vacas teñen distintos acentos
As últimas teorías dos especialistas na linguaxe da Universidade de Londres aseguran que as vacas, ao igual ca os seres humanos, teñen distintos acentos segundo a rexión na que vivan. Os expertos comezaron a investigar despois de que varios gandeiros lles falaran das diferenzas que atopaban no bruar dos animais segundo o lugar de procedencia.
O profesor John Wells asegurou que este fenómeno tamén se dá nas aves.
Os gandeiros do condado de Somerset son os que notaron este fenómeno, debido ao estreito vencello que teñen cos seus animais. Lloyd Green, granxeiro de Glastonbury, afirmou: «Eu paso moito tempo coas miñas vacas e, definitivamente, brúan co acento de aquí. Cando falei con colegas doutras zonas, dixéronme que notaran o mesmo ca min». Non sabemos se esta variedade de acentos, como a que existe cos humanos ingleses, é extrapolable ao resto da Terra.
Os estudos Paramount despiden a Tom Cruise fartos polo seu mal comportamento
Segundo The Wall Street Journal, o despedimento débese ao comportamento recente do actor, tanto pola súa defensa da Ciencioloxía, relixión á que pertence, como pola súa efusividade amorosa. O presidente da Paramount, Summer Redstone, asegurou que, por moito que o queiran a nivel persoal, sería erróneo renovarlle o contrato, pois a súa conduta non é aceptable para a empresa.
Tom Cruise, de 44 anos, protagonizou para os estudos norteamericanos éxitos como Misión Imposible, Top Gun ou Días de Trono, con grandes éxitos de recadación, o que o levaron ao primeiro posto do cine segundo a revista Forbes. Aínda así, non acadou ningún Óscar. A popularidade de Cruise baixou este ano nun 35% por culpa do seu comportamento público, segundo unha enquisa do xornal USA Today. O actor estase a comportar dun xeito estraño dende que casou con Katie Holmes.
Multan a traballadores chineses por iren ao baño
Unha fábrica de electrodomésticos da provincia de Cantón imponlles multas de 5 yuans (50 céntimos de euro) aos seus traballadores por iren ao baño en horario laboral. Segundo o xornal China Daily, a medida posta en marcha pola empresa provocou a furia dos empregados. Agora, os traballadores só poden usar os baños nas horas de descanso, agás emerxencias.
Ademais, os xefes de taller deberán aboar unha multa de 2 yuan por cada un dos empregados que deixe o posto. Segundo a compañía, deste xeito evítase que se distraian nas horas de traballo.
As autoridades laborais chinesas abriron unha investigación, pero no xigante asiático son habituais as xornadas de máis de 12 horas, sen seguridade social, vacacións nin condicións de seguridade e hixiene no traballo.
Unha mestra italiana déixalles unha herdanza de 25.000 euros aos seus alumnos
Unha mestra, que morreu aos 84 anos, deixoulles 25.000 euros de herdanza aos seus alumnos de primeiro curso do ano 1971 nunha localidade da rexión de Abruzzo, segundo informou o xornal La Repubblica.
Os antigos alumnos decidiron crear unha fundación benéfica para xestionar o destino deste diñeiro.
Iria Pierantoni nunca casou, e deixoulles os cartos coa condición de que non o empreguen individualmente e sigan unidos a través dos anos nos momentos de dificultade e en obras benéficas conxuntas.
Os antigos estudantes foron contactados por unha sobriña da mestra, que tamén forma parte do grupo favorecido. Só un quedou sen localizar.
Prohíben a venda de cans e gatos como mascotas na Meca
As autoridades da cidade saudí da Meca, a máis sagrada para os musulmáns, decidiron prohibir a venda dos cans e dos gatos como animais de compañía, segundo informou o xornal Arab News.
A Comisión para a Promoción da Virtude e a Prevención do Vicio fixo esta petición despois de notar que moitos mozos saían á rúa a pasear os seus cans, violando deste xeito as tradicións do reino.
O Islam considera impuros os cans, polo que moitas familias tradicionais musulmás non teñen estes animais na casa. No entanto, os textos sagrados non fan ningunha referencia aos gatos.
En Arabia Saudí interprétase de xeito estrito a lei islámica, e a policía relixiosa encárgase de facela cumprir. A cidade de Yeda, no mar Vermello, tamén decretou a mesma prohibición de ter mascota.
Comments
comentarios desactivados para este artigo