Coidado coa volta das vacacións. Un madrileño volve á casa e atópase con 157 multas do parquímetro.
Amador Campa, representante dos comerciantes do barrio de Fuencarral e activista contra os parquímetros, atopouse cunha sorpresa moi desagradable á volta das vacacións. En dez días, a súa caixa de correo estaba ateigada con 157 multas que supoñen unha débeda de 14.000 euros co concello. Ademais, o goberno municipal só permite que se recorran dez multas diariamente, polo que terá que acudir á oficina de reclamacións durante, polo menos, 16 días hábiles.
Amador Campa decidiu denunciar o concello polo que considera un abuso de poder, e advertiu de que cando todo o mundo regrese das vacacións e atope as multas, se vai armar unha boa. Moitos dos avisos carecen de xustificante e mesmo datan de cando aínda non había parquímetros.
Segundo o sancionado, o concello está a aproveitar o período de vacacións para deixar as cartas impunemente. A plataforma contra a regulación do estacionamento volverase reunir en setembro.
Amador Campa, que se encadeou no mes de xuño co seu compañeiro Jesús Otero a xeito de protesta, foi acusado daquela de romper parquímetros, aínda que as denuncias foron arquivadas por falta de probas.
Un cura de Burgos deixa a misa porque, segundo el, os fieis levantaron rumores infundados sobre el.
Alberto Barrilero Ortiz, párroco de Peñacoba, Burgos, saíu a pasada fin de semana da igrexa no medio da misa despois de acusar aos fregueses de levantar falsos rumores contra a súa persoa. Dende aquela, négase a oficiar máis actos relixiosos na localidade.
No momento de chegar á homilía, Barrilero detectou caras hostís entre o público, polo que se negou a seguir coa misa.
Unha vez fóra, os veciños pedíronlle explicacións sobre o seu comportamento, ao que o sacerdote contestou que algúns fregueses estaban a propagar o rumor de que el mantiña relacións sexuais cunha veciña, á que vai visitar porque está doente.
Alberto Barrilero Ortiz leva ano e medio ocupándose da parroquia burgalesa, ademais dos concellos de Hortezuelos, Hinojar de Cervera e Espinosa de Cervera.
O cura xa solicitou o seu traslado ao concello de Cilleruelo de Bezana, que se fará efectivo nun mes.
Inventan unha nova modalidade de roubo en Alemaña: con excrementos.
Un grupo de ladróns roubáronlle a un individuo alemán 7.500 euros empregando un novidoso método: botáronlle excrementos nas costas e logo ofrecéronselle para limpalo, aproveitando a ocasión para roubarlle os cartos sen que se dese de conta.
O home acababa de retirar 8.000 euros no banco para as vacacións, momento no que foi golpeado no pescozo co que describiu como feces humanas, segundo informou a policía da cidade de Gießen.
Xusto despois apareceron dúas voluminosas mulleres, que lle dixeron que viran a alguén facer as súas necesidades dende arriba, e comezaron a limpar as costas do home con papel de cociña. Logo uníuselles un terceiro individuo, que tamén ía armado co mesmo tipo de papel.
Cando o home marchou e quitou os pantalóns para limpalos, decatouse de que os amables viandantes lle roubaran 7.500 euros do peto de atrás.
Morre envelenado despois de beber unha apócema contra a mala sorte.
Un peruano de 55 anos, Luis Tello Camacho,morreu esta semana despois de beber unha suposta beberaxe para afastar a mala sorte. Os feitos aconteceron na periferia de Lima durante unha sesión espiritista.
A vítima contratara os servizos dun curandeiro de Huancabamba, famosa polos seus bruxos, para efectuar o ritual na súa casa.
Tello, acompañado do seu medio irmán e da súa cuñada, beberon a apócema, preparada a base de herbas descoñecidas polo chamán Florencio Suárez Zurita.
Cando a bebida comezou a facer efecto, os tres comezaron a sufrir convulsións e cólicos estomacais, polo que foron enviados a un centro médico, segundo informou a emisora Radio Programas del Perú.
Tello morreu polo camiño, mentres que o matrimonio se atopa hospitalizado. A policía peruana detivo ao curandeiro para determinar cal foi a súa responsabilidade na morte do seu cliente.
Un home trata de fritir os cinco gatiños do seu anfitrión
Os feitos aconteceron na cidade de Buffalo, no estado de Nova York. Un home que fora convidado a xantar á casa dun amigo tratou de fritir os cinco gatiños do seu anfitrión, segundo informou o xornal The Buffalo News o luns.
O home aproveitou un descoido do seu amigo para botar os seus cinco gatiños na tixola na que se estaban a fritir dúas costelas de porco. Os animais, que tiñan entre cinco e seis semanas, sufriron queimaduras leves, das que se están a recuperar nun centro de acollida a animais.
Pola súa banda, o home que tentou fritilos está á espera de recibir cargos por crueldade contra os animais.
Un funcionario municipal de control de animais, Charles Loubert, dixo: «é quizais un dos peores casos de crueldade animal que teño visto nos meus 26 anos de traballo. Non hai razón para facerlle iso a un gatiño indefenso».
E seguimos falando de comer, pero neste caso, o alimento preferido dos gatos. Récord no festival da sardiña de Portimão: come 50 en 15 minutos.
Un visitante do festival da sardiña, que se celebra anualmente na localidade de Portimão, no Algarve portugués, bateu este ano a marca de maior comedor de sardiñas asadas, pois inxeriu cincuenta destes peixes en tan só un cuarto de hora, segundo anunciou este martes a cámara municipal.
O home, do que non se facilitou o nome, conseguiu superar o récord do ano anterior, que fora fixado en 49 sardiñas en 15 minutos.
O festival gastronómico celébrase do 4 ao 13 de agosto, e este ano recibiu a visita de 74.500 amantes deste peixe, un 35% máis ca na edición anterior.
Unha pantasma dificulta a rodaxe do novo filme de James Bond
Técnicos, empregados de produción e actores do que será próximo filme de James Bond, Casino Royale, negáronse a filmar dentro dun avión no que din que hai pantasmas.
Varias escenas tíñanse que rodar dentro dun jumbo comisado no aeródromo de Dunsfold. Pero varios membros do equipo están convencidos de que dentro está a pantasma dunha muller que morreu dun ataque ao corazón durante un voo, segundo informou o xornal The Sun.
O voceiro do aeródromo, David McAllister, non quixo discutir sobre a reacción do equipo de produción, e dixo que estaba en coñecemento de que ese avión está encantado.
A nova versión de Casino Royale estará protagonizada desta volta polo actor británico Daniel Craig.
Un neno de 4 anos dirixía unha banda de delincuentes infantís
A policía da cidade polaca de Cracovia desmantelou unha banda infantil que se dedicaba a roubar a outros nenos. O seu líder era o máis pequeno de todos, tiña catro anos, segundo informou a emisora TOK FM.
Os feitos aconteceron no barrio de Nowa Huta, onde a policía comezou a recibir as visitas de pais denunciando que os seus fillos foran atracados.
Os pequenos delincuentes intimidaban aos outros nenos cunha navalla e unha porra. A banda estaba formada por sete cativos de entre catro e trece anos e operaba en parques e xardíns.
O neno de catro anos era o xefe da banda, dado que el era o que decidía que rapaces ían ser atracados e en que lugar.
Os habitantes do barrio están sorprendidos pola nova, pois os rapaces detidos, aparentemente, destacaban polo seu bo comportamento.
Berlusconi asusta aos veciños da Sardeña montando unha festa cun valso volcán. Foi unha mala idea.
Para celebrar o 15 de agosto, ao ex-primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi non se lle ocorreu nada mellor que organizar unha festa chega de fogos de artificio, entre os que destacaba un pequeno volcán en erupción que expulsaba lava e muxicas.
Moitos veciños da zona próxima a Villa Certosa, no nordeste da Sardeña, asustados polo lume, chamaron aos bombeiros, a Protección Civil e ao Corpo Forestal, que acudiron rapidamente á casa de Berlusconi. O magnate da televisión privada italiana informou ás forzas antiincendios de que se trataba só de efectos especiais.
A finca de Berlusconi ten 50 hectáreas de arbustos, oliveiras centenarias e máis de 2.000 cactos e 400 clases de flores. A casa ten 27 dormitorios, cinco piscinas, un lago, un anfiteatro, un búnker e mesmo unha montaña artificial rodeada de oliveiras.
Comments
comentarios desactivados para este artigo