Multan por indecencia os organizadores dun concerto de The Pussycat Dolls en Malaisia
Os organizadores do concerto en Malaisia do grupo The Pussycat Dolls, coñecidas como as Spice Girls estadounidenses, foron multados con 2.725 dólares por unha actuación considerada sexualmente indecente polas autoridades, segundo informou o xornal Malay Mail.
Abdul Rhaman, do consello municipal de Subang Jaya, onde tivo lugar o concerto a finais de xullo, explicou que os motivos da sanción foron tanto a coreografía e xestos como as rechamantes prendas empregadas polo grupo, e que se caracterizan pola escaseza de material téxtil.
Pero as seis mozas non serán as que terán que pagar a multa, senón a compañía Absolute Entertainment, promotora que as contratou para o espectáculo celebrado no lago Sunway. Se non aboan a sanción, os responsables enfróntanse a unha pena de ata cinco anos de cadea.
Aínda que Malaisia é un estado islámico moderado, mantén unha censura moi estrita sobre o cinema, a televisión e os espectáculos en vivo.
Chamáns siberianos forman un sindicato contra os charlatáns
Os chamáns de Siberia crearon un centro para agrupar os bruxos e meigas auténticos e combater así os charlatáns, segundo explicou o seu presidente, Alexander Amagzáyev, da república rusa de Buriatia.
No centro participan chamáns, é dicir, persoas que teñen o poder de falar cos espíritos que habitan nos animais, plantas, seres inertes e astros, das repúblicas de Tuva, Yakutia, Buriatia e a rexión de Irkutsk, todas elas na Siberia.
Amagzáyev explicou que o chamanismo está ameazado polos impostores, polo que é preciso que os auténticos se unan para poder levar a cabo o seu labor. Prevese que este ano os chamáns de cada zona creen cadansúa organiación e, a partir delas, se cree un centro no que se agrupen todos os de Rusia e das veciñas Mongolia e China.
Ataviados cos seus traxes tradicionais, os bruxos ofician, no medio de fogueiras e bailes, a Kamlanie, rito tradicional para invocar os espíritos da Terra e do Universo para recuperar o equilibro entre o home e a natureza.
Un arxentino pide a vasectomía. Ten 44 anos e 37 fillos
Cleto Ruiz Díaz pediulle á xustiza que lle deixe someterse a unha vasectomía, operación que está prohibida na provincia na que vive, Corrientes, no nordeste da Arxentina. Cleto non quere procrear máis. O home traballa facendo obras temporais e asegura que se iniciou sexualmente aos nove anos, chegou a ter sete mozas ao mesmo tempo e viviu durante 14 anos con tres mulleres baixo o mesmo tempo.
Agora vive só con unha, Isabel, de 29 anos, coa que tivo oito fillos, dos que dous morreron. O nacemento do máis pequeno, Cletito, que ten labio leporino, levou ao seu pai a tomar a decisión de non ter máis fillos. Ruiz Díaz afirma que non se pode controlar cando se namora dunha muller e que non se pode permitir o luxo de mercar preservativos.
Grazas a esta petición, o parlamento arxentino aprobou esta semana unha lei que financiará as operacións de ligaduras de trompas e vasectomías, a pesar da oposición da Igrexa católica. A norma contempla que a cirurxía sexa gratuíta a petición do afectado, sen que sexa necesario o consentimento da súa parella, a autorización xudicial nin razóns médicas. Ata agora, estas intervencións só eran legais en oito provincias ademais da capital, Buenos Aires.
Nace un novo emprego na China: camareiros aos que se lles pode zoupar
Un bar do leste da China puxo en marcha un novo servizo para os seus clientes, que poden descargar a súa ira empregando os camareiros como saco de boxeo. A cafetería, situada na cidade de Nankin, chámase «O sol érguese sobre unha cólera apaciguada», e nela os clientes podenlles zoupar aos empregados, romperlles os lentes e berrarlles, todo isto pagando, claro. As tarifas tamén inclúen o dereito a escoller o vestiario dos camareiros, que pode ser mesmo feminino.
Os prezos poden ir dos 50 aos 300 yuans, (entre 5 e 30 euros). A información publicada polo xornal China Daily explica que os 20 empregados do bar son mozos con físico ben formado e idades de entre 20 e 30 anos. Todos eles están adestrados para soportar os ataques dos clientes, e levan protección durante o seu traballo. O propietario do bar, Wu Gong, de 29 anos, abriuno en abril inspirándose en negocios semellantes que xa existían no Xapón.
E a última moda nos Estados Unidos é dedicarse pola noite a ser unha estrela do rock
Millonarios executivos e políticos están a triunfar na noite estadounidense como roqueiros afeccionados. Estes emprendedores, de entre 40 e 60 anos, entre os que se atopan Paul Allen, cofundador de Microsoft e sétimo home máis rico do mundo, convértense á noite no que xa se deu en chamar roqueiros corporativos. Así, Paul Allen é guitarrista da banda Grown Men homes medrados, que xa publicou o seu primeiro disco, que se vende a prezo de ouro en Amazon.com.
A revista Forbes é a promotora da Batalla das Bandas Corporativas, un certame que se celebra anualmente no Rock and Roll Hall of Fame, e que este ano se disputará o 6 e o 7 de outubro.
É obrigatorio que os participantes sexan músicos afeccionados e que a metade de cada banda estea formada por membros da mesma compañía. En anos anteriores participaron grupos como The Off Wall Street Jam Band, composta por músicos de varias empresas da famosa rúa neoiorquina; o Parts Rock And Accessories Roll, da Harley-Davidson; Blue Truck, de American Express, e OVP, de British Petroleum.
Un mariñeiro que naufragou nun tifón chega á casa despois de tres meses
Os feitos aconteceron no Vietnam. Nguyen Van Huong, de 34 anos de idade, naufragou no mes de maio no primeiro tifón da tempada e perdeuse no alto mar. Tardou tres meses en volver coa súa familia, que xa oficiara un funeral. A súa muller, Nguyen Thi Nuong, que vive no centro do Vietnam, explicou que o regreso do seu home fora a maior sorte que puidera ter na vida. O primeiro que fixo o home ao chegar á casa foi retirar a súa foto do altar dos antepasados da familia.
O barco de Van Huong foi a pique no mar da China Meridional a causa do tifón Chanchu. O mariñeiro agarrouse a un bidón de auga potable, co que sobreviviu trece días. Un pesqueiro salvouno pero, como non tiña radio, non houbo xeito de comunicárllelo ás autoridades, polo que seguiu coa marea. O barco atracou en Danang, no centro do Vietnam, dous meses máis tarde.
Huong apareceu na casa o sábado pasado ás tres da tarde. A odisea que viviu fíxolle pensar en buscar un traballo na terra e deixar o mar.
Mick Jagger asiste a clases de voz despois de 35 anos de carreira musical
O vocalista dos Rolling Stones, Mick Jagger, de 63 anos, confesou que está a recibir leccións para adestrar a voz despois de 35 anos cantando. En declaracións á emisora Virgin Radio, Jagger afirmou que «máis vale tarde ca nunca» e que se leva sometendo a sesións de adestramento da voz dende hai dous anos. Estas leccións permítenlle quecer os músculos da gorxa, o que lle resulta moi útil, segundo afirma o propio Jagger. El mesmo asegurou que un pouquiño de adestramento vocal nunca vén mal, e aconselloulles aos novos cantantes que o practiquen: «Eu non o fixen, pero ti debes facelo».
O roqueiro dixo na entrevista: «cando cantas cada noite durante horas e horas, a voz cánsase, como se correras unha carreira», e por iso o prequecemento é unha axuda.
Un campesiño colombiano garda un Stradivarius que cambiou por café
Idiorne Agudelo, agricultor de 71 anos é dono dun violín Stradivarius fabricado no ano 1713 e valorado nun millón e medio de euros. O instrumento conseguiuno hai máis de 45 anos a cambio de café, pero agora non o quere vender porque, asegura, ten para el un gran valor sentimental.
Agudelo declarou no xornal colombiano «El Tiempo» que xa rexeitou varias ofertas para vendelo ou cambialo por unha casa e un coche, pois o violín, que toca ás veces, lémbralle súa nai. Nunha ocasión estivo a punto de desprenderse del pero, chegado o momento, rompeu a chorar e non puido facelo.
A muller de Agudelo, Nelly Molina, tentou convencer varias veces ao seu home para que vendera o Stradivarius e así cambiar a súa humilde casa, na que viven no poboado de Montenegro, ao oeste de Bogotá.
Escándalo nunha convención de árbitros no Perú. Rematou en borracheira o encontro no que participaron, entre outros, Julio Álvarez, Pedro Chamorro e Carlos Blas.
Unha convención de árbitros de fútbol peruanos celebrada en Lima diante de autoridades internacionais rematou nunha enorme borracheira que pode comprometer o futuro profesional de seis dos colexiados, dos que tres son de primeira división: Julio Álvarez, Pedro Chamorro e Carlos Blas, segundo informou o xornal «El Comercio».
Os feitos aconteceron o venres, cando 455 árbitros se reuniron para unificar criterios e recibir instrucións de autoridades internacionais da arbitraxe, como o paraguaio Carlos Alarcón, o uruguaio Ernesto Filippi ou o mexicano de adopción Arturo Yamasaki.
Despois da primeira sesión, comezaron os brindes, e aí foi onde a cousa foi dexenerando ata desembocar en incidentes con varios colexiados bébedos facendo das súas.
Aínda que o castigo aféctalles nun principio a seis árbitros, podería haber ata 14 implicados na desfeita
Comments
comentarios desactivados para este artigo