Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

3 de setembro 7 September 2006, 02:55

Unha presentadora da CNN deixa o micro aberto cando marcha ao cuarto de baño… durante un discurso de George Bush
Os telespectadores estadounidenses saben agora que a presentadora da CNN Kyra Phillips adora ao seu home e pensa que a súa cuñada quere controlalo todo, porque xa o contou en directo dende un servizo por erro, mentres a canle emitía un discurso de George Bush. O presidente falaba dende Nova Orleáns coincidindo co primeiro aniversario do furacán Katrina, cando por riba da súa voz comezouse a escoitar a de Philips, chea de eco.
A tradución vén sendo: «A meirande parte dos homes son uns porcos. Pero eu teño moita sorte, porque o meu é guapo e cariñoso, sen ego, sabes? Un ser humano apaixonado, compasivo e estupendo. Os homes así son difíciles de atopar, pero existen».
Despois engadiu: «Os irmáns teñen que ser protectores, menos o meu, que o teño que protexer eu. Está casado, ten tres fillos, pero a súa muller quere controlalo todo».
Logo, Kyra foi advertida por unha compañeira de que deixara o micrófono aberto.
A CNN emitiu posteriormente un comunicado no que explicou que tivera problemas co son durante o discurso, polo que se desculpou diante dos televidentes e do presidente.

Os marines estadounidenses obrigaron a Sadam Hussein a ver a súa caricatura en South Park
Matt Stone, creador de South Park, desvelou na web Hollywood.com que os soldados norteamericanos obrigaron ao ex-ditador iraquí a ver a versión cinematográfica da serie, estreada no ano 1999 e na que o diaño se aliaba con Sadam para dominar o planeta e torturar os seus habitantes.
Stone, que foi tamén o encargado de darlle voz a Hussein no filme, confiou en que lle gustase moito ao ex-ditador ver unha obra que foi prohibida en Iraq precisamente porque o retrataba como homosexual e sadomasoquista.
A película, titulada South Park: máis grande, máis longa e sen cortes, estivo nominada ao Óscar á mellor canción. Os seus creadores, Matt Stone e Trey Parker, acudiran á gala ataviados cos vestidos que levaran anteriormente Jennifer López e Cameron Díaz.

Expertos británicos aseguran que beber té é mellor que beber auga
A Revista Europea de Nutrición Clínica publica un traballo no que se asegura que o té non deshidrata e ademais prevén contra enfermidades coronarias e algúns tipos de cancro. Segundo a investigación, os flavonoides que conteñen as follas de té contribúen a previr o desgaste das células. A nutricionista Carrie Ruxton e os seus compañeiros do King’s College de Londres, financiados pola asociación do té, chegaron á conclusión de que beber entre tres e catro cuncas ao día reduce as probabilidades de sufrir un ataque cardíaco. Outros dos seus beneficios serían protexer contra a placa dental e fortalecer os ósos.
Segundo Ruxton, beber té é mellor que beber auga. A auga recupera os fluídos corporais, mentres que o té, ademais, contén antioxidantes.
Aínda así, hai estudos que suxiren que o té pode reducir a capacidade de absorber o ferro, polo que non é aconsellable para as persoas con anemia.
Nos últimos anos, o consumo de té está a diminuír entre as novas xeracións británicas, que optan polas bebidas refrescantes.
A investigación recomenda tomar entre un litro e medio e dous de líquidos ao día, entre os que se podería incluír o té.

Unha muller chinesa provoca un accidente ao permitir que o seu can conduza
A axencia oficial China News informou este luns dun estraño suceso. A señora Li, habitante de Hohhot, na Mongolia Interior, tentándolle ensinar a conducir ao seu can, deixoulle o volante, o que rematou cun choque contra outro coche.
A muller defendeuse asegurando que o seu can é moi intelixente e que estaba afeito a mirala cando conduce e a xogar co volante.
O sábado ao mediodía, decidiu deixarlle conducir, aínda que ela seguiu usando o acelerador e o freo.
Pero a experiencia durou pouco, pois o automóbil chocou contra outro, sen causar feridos, afortunadamente. A nota da propia axencia chinesa tacha á muller de «absurda». Agora terase que facer cargo dos gastos de arranxo do outro coche afectado.

Deteñen un falso policía ao parar un axente auténtico
Shabod Hosseini, de 22 anos, que se facía pasar por policía, foi detido en California despois de tentar parar un automobilista que resultou ser un auténtico axente de paisano.
Un policía conducía o luns o seu coche por unha autoestrada ao norte dos Ánxeles (os dos Estados Unidos) cando un vehículo como os da policía, cunha luz sobre o panel, se puxo detrás del. Como pensou que era un compañeiro, saíu da estrada e parou.
Entón, a persoa que o seguía baixou e amosoulle unha insignia dorada, pedíndolle que conducira máis amodo no futuro, segundo contou John Balian, voceiro da policía de Glendale.
Entón, o auténtico axente pediulle que lle amosara outra vez a placa e o carné de profesional. O mozo volveu ao coche e fuxiu, pero o policía auténtico xa collera o seu número de matrícula. Hosseini foi detido o martes á mañá na súa casa. Segundo o código penal californiano, podería ser condenado a un ano de cadea e a pagar unha multa de 2.000 dólares.

Expoñen en Nova York unha escultura da primeira caca da filla de Tom Cruise
A pesar do celo co que Tom Cruise e Katie Holmes gardan a intimidade da súa filla Suri, nada o 18 de abril, por fin se poderá coñecer algo dela: a súa caca.
O escultor Daniel Edwards é o autor dunha obra de bronce que inmortaliza a primeira deposición sólida do bebé, e que será exhibida na galería Capla Kesting de Brooklyn. Edwars tamén é autor da polémica escultura a tamaño real de Britney Spears dando a luz sobre unha alfombra de pel de oso, e que se amosou na mesma sala de arte.
Segundo o director da galería, David Kesting, un molde de bronce da primeira caca dun bebé pode ser un recordo significativo para a familia, aínda que de momento non se puido localizar ningún voceiro do matrimonio para que comentase a obra.
A escultura venderase en eBay o mes que vén, e os ingresos destinaranse a axudar aos nenos necesitados. Aínda que esperan obter ata 30.000 dólares pola obra, onte xa se ofrecían 5.100.

Deportes: Lassi Etelätano vence o campionato mundial de lanzamento de móbil
O pasado sábado celebrouse en Finlandia unha nova edición do campionato mundial de lanzamento de móbiles, na localidade de Savolinna. O vencedor na categoría masculina foi o local Lassi Etelätano, que conseguiu guindar un modelo de Nokia a 89 metros de distancia. A gañadora feminina foi Eija Laakso, que bateu a marca mundial, con 50,83 metros.
A competición non só consiste en lanzar o móbil o máis lonxe posible, senón que tamén hai unha categoría de estilo libre, na que se premia a orixinalidade dos deportistas, quer pola súa vestimenta, quer polo xeito de facer os lances.
Os organizadores salientan que este deporte permite aplacar o estrés xerado por estes modernos aparellos.

Un veciño de Cáceres denuncia a Volta Ciclista por exceso de velocidade
Un home presentou unha denuncia na comisaría de policía de Cáceres pola alta velocidade coa que o pelotón da Volta Ciclista a España cruzou as rúas da cidade durante a final da cuarta etapa.
O denunciante expresou, asemade, o seu malestar polo corte de tráfico na avenida de Primo de Rivera (si, aínda se chama así), onde os rapaces gozaron durante o día dun parque infantil.
Os axentes que o atenderon cursaron a denuncia mentres escoitaban as explicacións do home, que estivo unha hora tramitando a queixa.

Comments

comentarios desactivados para este artigo