Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

6 de agosto 19 August 2006, 03:22

Unha banqueira chinesa demanda aos seus profesores de baile despois de pagar 12 millóns de euros en clases
A millonaria banqueira Mimi Monica Wong, responsable do HSBC en Hong Kong, decidiu que, aos seus 61 anos, quería ser unha estrela do baile. Para iso contratou a británica Gaynor Fairweather, quince veces campiona do mundo de baile latino, e ao seu home, o italiano Mirko Saccani, para que lle desen clases en exclusiva durante oito anos por un total de 12 millóns de euros. Pero despois de seis anos e máis de 7 millóns de euros de clases, Wong decidiu demandar aos seus mestres e pediulles que lle devolvan os cartos. O motivo foi que, no restaurante Li Hua de Hong Kong, diante de 50 persoas, o profesor Saccani insultou á súa alumna chamándoa «vaca lacazana» e díxolle que movera o cu. Algunhas testemuñas mesmo aseguraron que lle dixo «se o volves facer, Mónica, vouche romper a cabeza contra a parede».
Os expertos en baile replícanlle que a banqueira aínda lles debe case a metade dos cartos. Ademais, xa gastaron parte do diñeiro nun Ferrari para el e en cirurxía plástica para ela. O veredito xudicial está previsto para finais do verán. Entre tanto, Mimi Mónica Wong contratou un novo profesor que só lle cobra 15.000 euros ao mes.

Unha muller queda pegada ao váter dun centro comercial
Unha muller de 53 anos, residente no estado norteamericano de Iowa, tivo que ser atendida no servizo de urxencias dun hospital despois de quedar pegada ao retrete dun centro comercial. Os feitos aconteceron como consecuencia dunha broma moi pesada perpetrada por uns descoñecidos que untaron a tapa do váter cun adhesivo que contiña cemento, segundo informaron os bombeiros da localidade de Council Bluffs á cadea de televisión KETV. Os servizos médicos tiveron que empregar quita esmalte de unllas para despegar a muller, que sufriu queimaduras e escoriacións polas que tivo que ser atendida en urxencias. Os causantes da desfeita, que aínda non foron localizados pola policía, poderían ser acusados de agresión con agravantes e de conduta criminal. A afectada tamén pediu que os castiguen limpando os váteres do centro comercial durante 6 meses.

E tamén os bombeiros tiveron que intervir nun suceso que aconteceu en Madrid. Tiveron que quitarlle o anel a un mozo que pasou todo o día con el atascado
Os bombeiros de Madrid conseguiron soltar o dedo dun mozo duns vinte anos que pasou todo o día tentando librarse dun anel de aceiro. O rapaz decidiu, ás seis da tarde, desprazarse a un hospital privado da localidade de Boadilla del Monte, ao ver que o dedo estaba cada vez máis inchado. Alí os médicos tentaron de todos os xeitos tentar extraerlle a alfaia, feita de aceiro cirúrxico. Polo tanto, chamaron aos bombeiros, que empregaron primeiro un cortador profesional de arames que non deu resultado. A solución chegou cando un dos profesionais recorreu a unha ferramenta persoal multifunción que contaba cunha pequena serra eléctrica, coa que logrou cortar o anel sen danar o dedo, que foi recuberto con soro fisiolóxico. O mozo recuperou a tranquilidade en apenas cinco minutos, ao comprobar que o sangue volvía circular pola extremidade.

Un chinés rexistra como marca comercial a cabezada de Zidane
Un publicista chinés, Zhao Xiaokai, rexistrou como a súa marca comercial a imaxe de Zinedine Zidane golpeando coa cabeza ao italiano Marco Materazzi na final do Mundial, segundo informa o Beijing Daily. O espelido home está a pensar en revender os dereitos da silueta en branco e negro do futbolista francés. O rexistro da marca para roupa, zapatos, sombreiros e produtos da cervexa custoulle 2.000 iens (196 euros), pero agora pide un millón de iens, 98.000 euros, polos dereitos. Xiaokai tivo a idea de rexistrar a marca dous días despois de rematar o mundial. A imaxe non infrinxe os dereitos de imaxe do futbolista, dado que é só unha silueta, pero é altamente recoñecible. Como xa informamos en semanas anteriores e estamos a escoitar agora mesmo, a acción de Zizou deu pé a unha canción que está a ser un grande éxito en Francia e tamén a parodias e xogos na internet.

Multiplícanse os nacementos en Cancún nove meses despois do Wilma
Hai nove meses, o furacán Wilma pasou pola zona de Cancún, ao leste de México, e a poboación tívose que refuxiar durante tres días. Estes feitos provocaron que se disparase o índice de natalidade na cidade, segundo informaron as autoridades sanitarias mexicanas. O director do Hospital Xeral de Cancún, Narciso Pérez, destacou que este récord de nacementos coincide con períodos de xestación que comezaron os días do furacán. Se o habitual é atender entre 10 e 15 partos diarios, esta fin de semana pasouse a 75. A culpa foi da falta de enerxía eléctrica aqueles días de novembro.

Budapest terá unha ponte co nome de Chuck Norris
O ministerio de Economía húngaro organizou unha votación pola internet para decidir o nome que se lle dará a unha nova ponte sobre o Danubio. Pero ninguén esperaba que a denominación do célebre actor de películas de acción de serie B Chuck Norris sería o que levaría a dianteira nas preferencias dos maxiares. Norris é o primeiro da lista, seguido do humorista local Geza Hofi. O actor estadounidense triplica en votos ao fundador de Hungría, Szent Istvan. Os húngaros tomaron bastante de brincadeira a proposta, polo que entre os nominados están o tamén actor, pero neste caso italiano Bud Spencer, e o cantante Bob Marley. Outra proposta é chamarlle A Ponte de Nunca Acabar, en referencia aos atrasos na súa construción. O comité de goberno terá que ter en conta os tres nomes gañadores, ademais das propostas da administración local, cartógrafos e lingüistas. Terán tempo ata o ano 2008, para cando está prevista a inauguración.

As patacas fritas recuperan o seu nome tradicional no Congreso dos EUA
As cinco cafetarías da cámara de representantes norteamericana volven a ter no seu menú as French Fries fritas francesas, que hai tres anos foran rebautizadas como Freedom Fries fritas da liberdade, como rexeitamento á negativa de Francia a apoiar a invasión do Iraq. Xa hai dúas semanas que os dous establecementos que aínda conservaban a patriótica denominación recuperaron o nome tradicional das patacas fritas en inglés. De todos os xeitos, o voceiro do deputado Vernon Ehlers, republicano a cargo da comisión de administración da cámara que controla as cafetarías do corpo, non quixo facer comentarios sobre a volta á denominación clásica diante da axencia AFP.

A Terra pesa cada ano 40.000 toneladas máis
Segundo un estudo publicado pola revista Science, a masa da Terra aumenta constantemente debido á materia extraterrestre que cae nela, como po cósmico e outros materiais. Científicos alemáns e estadounidenses calcularon que cada ano son 40.000 toneladas as que caen sobre o noso planeta, e que iso vén ocorrendo dende hai polo menos 30.000 anos. O descubrimento fixérono analizando o xeo antártico, e a presenza nel de helio 3. A análise deste elemento tamén poderá servir para coñecer a historia climática da Terra.

Dous de cada tres homes españois depiláronse algunha vez
Segundo unha enquisa de Philips, o 66 por cento dos homes españois afeitou ou depilou algunha parte do pelo corporal algunha vez. Ademais, só o 2,3 por cento das mulleres que responderon a este estudo están conformes co dito de «o home e o oso, canto máis peludo máis fermoso». Segundo este mesmo inquérito, o 85,3 por cento das mulleres son partidarias de que a súa parella elimine ese pelo, sobre todo o das costas e os ombros, pero só o 65 por cento conseguiu convencelos. O resto pensa que a depilación é algo propio exclusivamente das mulleres ou dunha moda pasaxeira. Os resultados da enquisa son sorprendentes e acaban co mito do macho ibérico, pois os españois son os que máis se depilan do mundo, seguidos de ingleses e estadounidenses. As zonas máis frecuentemente afeitadas son o pube, co 33,6 por cento, seguido do peito, 28,8, e axilas, 27,1, aínda que nas clínicas de estética aseguran que o máis demandado é o pescozo, as costas e o entrecello. Por comunidades autónomas, os máis partidarios da depilación son os andaluces e valencianos, con máis do 70%. No outro estremo están os vascos.

Comments

comentarios desactivados para este artigo