Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

30 de xullo 19 August 2006, 03:21

Un sacerdote italiano predica e confesa nas praias. É un dos «salvavidas de Xesús»
O cura italiano Vito Cantó, de 33 anos, acompañado doutros membros do movemento «os salvavidas de Xesús» está a percorrer durante este verán as praias do país mediterráneo predicando o evanxeo e ofrecéndolles aos bañistas o sacramento da confesión, segundo unha información que publicou o xornal La Repubblica.
Os salvavidas de Xesús están a percorrer a costa de Pescara, no sur de Italia, levando camisetas vermellas, co nome da súa organización e o debuxo dun salvavidas. Os voluntarios reparten follas co lema «hai un corazón que reza por ti pola noite».
O grupo leva consigo unha cruz de madeira na que aparece escrito «Xesús, o noso salvador», e unha pequena barca cun altar para a eucaristía.
Os turistas están a responder de xeitos moi diferentes. Hainos que se deciden a confesar os seus pecados, mentres que outros teñen unha reacción máis violenta.

Problemas coa obesidade nos Estados Unidos. Moitos pacientes non entran nas máquinas de raios X
Cada vez máis estadounidenses están a sufrir o sobrepeso, o que está a dificultarlles o sometérense a probas médicas como os raios X. Agora non só hai cidadáns demasiado altos para estos aparellos, senón tamén os hai que, ademais de superaren o volume físico para a máquina, teñen unha gordura corporal que impide que os raios penetren no seu interior.
Investigadores do Hospital Xeral de Massachusetts descubriron que nos últimos quince anos se duplicaron as probas de radioloxía inconclusas debido á obesidade do paciente, segundo informa a revista Radiology.
Nalgúns casos, o usuario non cabía na máquina, pero noutros os ultrasons e os raios X non obtiveron unhas imaxes demasiado claras dos órganos internos.
Así, a obesidade non é só un problema de saúde en si mesmo, senón que tamén pode prexudicar a realización de diagnoses correctas.
As estatísticas din que dous terzos dos habitantes dos Estados Unidos son obesos ou padecen sobrepeso.

200 persoas participarán no campionato do mundo de strip poker
Un corredor de apostas irlandés, Paddy Power, é o organizador do torneo de póquer de prendas ou strip póker máis grande do mundo, e que se vai celebrar o vindeiro 19 de agosto en Londres.
Aínda que a idea xurdiu nun principio como unha broma do 1 de abril, día dos inocentes en boa parte do mundo, converteuse nunha realidade despois de recibir as primeiras 50 inscricións.
Agora xa son máis de dúascentas as persoas que aspiran a gañar o primeiro título de campión do mundo de strip poker no Café Royal, no londiniense Picadilly Circus.
Nun principio a idea era contar con cen homes e cen mulleres, aínda que esta cifra ao final vaise superar. Os aspirantes proceden de países como Irlanda, Reino Unido, Brasil, Australia e Alemaña.
A entrada ao torneo será libre. Cada participante recibirá unha bolsa con seis prendas de roupa coa que participarán na competición. Cando queden espidos serán eliminados. O gañador ou gañadora recibirá 10.000 libras esterlinas de premio (14.500 euros), e será a última persoa que teña algunha prenda posta. O trofeo será unha folla de figueira de ouro.
O propio organizador do evento, Paddy Power, confesou que o strip poker é un xogo que todos practicamos dalgun xeito, aínda que a última vez que o practicou era máis novo e estaba en mellor forma.
Os participantes formarán parte, asemade, dun novo récord Guinness. O campionato será gravado por unha cadea de televisión.

Presentan en México as botellas de tequila máis caras do mundo
Na capital mexicana presentáronse tres tipos diferentes de botellas de tequila, coa peculiaridade de que costan entre 3.500 e 225.000 dólares.
O motivo polo que se fabricaron estes envases, de ouro, prata e platino, foi entrar no sempre desexado libro Guinness dos récords, como explicou o dono da empresa Ley 925, Fernando Altamirano.
O tequila que conteñen está feito a base de ágave puro repousado en barrica durante seis anos. Pero é improbable que chegue a beberse, porque o valor está nas botellas. A máis cara, de 225.000 dólares, ten dous gramos de ouro puro. Hai outros dous modelos de 150.000 dólares cada un e un máis económico, de tan só 3.500.
Os envases íanse vender nun centro comercial exclusivo, pero xa non poderá ser así, pois os encargos xa superaron o número de unidades fabricadas. Nun futuro espérase sacar á venda unha botella aínda máis cara con adornos de ouro e brillantes.

Multan un home con 200 euros por taparlle os ollos ao chofer dun autobús
Un viaxeiro foi sancionado con 200 euros por taparlle os ollos ao condutor dun autobús de liña cando circulaba pola localidade alavesa de Ribeira Baja cara a Bilbao.
O individuo, de 46 anos, orixe turca e residencia en Alemaña, obrigou ao chofer a parar o vehículo na antiga peaxe da A-1 ata que chegou a Ertzaintza, que se fixo cargo do alborotador.
Os feitos producíronse ás catro e cuarto da tarde, cando o condutor do autobús Madrid-Bilbao avisou á policía autonómica de que un pasaxeiro se lle estaba a achegar por detrás e lle tapaba os ollos mentres conducía. Os viaxeiros negáronse a continuar a viaxe ata que o individuo baixara do autobús.
O pesado cidadán turco foi trasladado a Vitoria, dado que non tiña no momento os cartos para pagar a multa, tal e como lles obriga a lei aos estranxeiros.

Un preso escapa da cadea facéndose pasar por outro que remataba a condena
Un detido escapou o mércores do cárcere de Forest, en Bruxelas, facéndose pasar polo seu compañeiro de cela, que ía saír libre ese mesmo día.
O convito, condenado por atracos a man armada, puxo a roupa do seu veciño e presentouse no control de seguridade da prisión para marchar, cousa que fixo sen ningún problema. O engano descubriuse media hora máis tarde, cando o auténtico preso se presentou diante dos policías.
A fuxida produciuse grazas a que non se tomou a precaución de comprobar as pegadas dixitais do preso. Esta medida é obrigatoria en Bélxica dende que hai dous anos se produciran uns feitos semellantes aos desta semana.

Unha adiviña afirma que Juanes cambiará a súa carreira aos 40 anos
A adiviña xaponesa Kazuko Hosoki afirmou esta semana que o cantante Juanes terá un cambio radical na súa carreira profesional cando cumpra os 40 anos. Este anuncio fíxoo nun programa de televisión ao que asistiu o artista colombiano. Juanes, de 33 anos, foi recibido por unha multitude de admiradoras e pola vidente.
A señora Hosoki non quixo dar máis detalles sobre a súa predición, que só está disposta a revelar se Juanes volve un día ao seu programa.

Unha empresa canadense lanza un biquini detector de raios ultravioletas
En agosto sairá á venda no Canadá un novo biquini da casa Solestrom. Esta prenda de vestir ten a peculiaridade de que ten un medidor de raios UVA integrado.
O lanzamento farase por dous motivos: celebrar o sexaxésimo aniversario da creación da prenda de baño feminina e mais previr o cancro de pel.
As usuarias do biquini Solestrom poderán coñecer instantáneamente a intensidade dos raios solares, nunha escala de 1 a 20, mentres están na praia. Ademais, o aparello dispón dunha alarma que se activa cando a exposición ao sol sobrepasa os límites aconsellables. Este dispositivo está situado nun pequeno cinto do biquini.
A empresa prevé que a prenda sexa un éxito de vendas en Australia e Sudáfrica, onde se producen as meirandes taxas de cancro de pel.

Comments

  1. Cialis Dec 14, 10:11 AM

comentarios desactivados para este artigo