Vietnam pon en marcha a pornografía institucional
O Vietnam é un estado no que está censurada por completo a pornografía a través de internet. Pero as cousas parece que están a comezar a cambiar. As autoridades do país do sueste asiático consideran que non todo o porno é malo e que pode ter unha finalidade educativa para amosarlles ás parellas casadas como practicar sexo saudable.
Así, segundo o xornal Vietnam News, o subdirector do instituto para o desenvolvemento social vietnamita, Khuat Thu Hong, declarou que unha páxina web ortodoxa sobre sexo podería ser beneficiosa, con películas pornográficas educativas descargables.
Con esta medida, evitaríanse casos como os de parellas que non mantiveron relacións durante anos, e reduciríanse as altas taxas de divorcio e prostitución.
De todos os xeitos, a finalidade deste servizo sería estrictamente educacional.
Pero estas declaracións chocan cunha orde do ministerio de cultura e información vietnamira, no que obriga aos cibercafés a instalar programas informáticos que bloqueen a navegación por sitios pornográficos.
Miles de chilenos estafados nun negocio de «queixiños máxicos»
Miles de persoas foron enganadas en Chile mediante un estraño procedemento que lles prometía facérense millonarios en pouco tempo.
O negocio comezou hai algo máis dun ano, cando a empresa Fermex-Chile convidou a participar na iniciativa a quen quixera, cun investimento de 460 dólares. Os estafados recibían na súa casa un sobre con bacterias cristalizadas que debían cultivar en leite durante dúas semanas e logo devolver á empresa na forma de dez pequenos queixos que supostamente se ían exportar a Francia para fabricar cosméticos.
Os sobres entregábanse cada semana e en dous meses recuperábase o investimento inicial, para logo obter só beneficios. O negocio foi florecendo lentamente, sen que se fixese público para evitar a saturación da venda, ata que a ambición estoupou na poboación de Coltauco, ao sur de capital chilena. Alí, moita xente deixou de traballar, investiu os aforros de toda a súa vida e mesmo solicitou créditos.
A fraude calcúlase en máis de catro millóns de dólares. Os seus presuntos autores, Víctor Mella e Fernando Jara, foron ingresados en prisión preventiva acusados de estafar a unhas 5.500 persoas. Unha terceira suposta implicada, a francesa Gilberte Van Erpe, está en busca e captura internacional.
O fiscal pensa que a empresa nunca fixo envíos ao estranxeiro, aínda que os imputados din que foi só un malentendido e unha mala administración dun negocio verdadeiro. No ano 2004, no Perú, a empresa Labomax foi acusada dun calote similar. Daquela, a fraude fora de 27 millóns de dólares. A misteriosa cidadá francesa tamén aparece vencellada a aquel caso.
Un can atropela unha muller no estado de Utah
Ranger, un can policía da localidade de Odgen, en Utah, Estados Unidos, atropelou este martes unha muller, que resultou ferida grave. Mary Stone atopábase no seu xardín, recollendo o correo, cando foi alcanzada polo vehículo policial. A tenente Marcy Korgenski atopábase cubrindo un caso de violencia doméstica e deixou o can dentro do coche co motor aceso para que tivera aire acondicionado.
Non se sabe exactamente como, o can tocou a panca de cambio automático do vehículo, e arrancou a toda velocidade costa abaixo, o que provocou o atropelo.
Mary Stone atópase hospitalizada. Mentres, o can non será castigado, pois a oficial ao seu cargo considera que o animal non foi consciente do que fixo.
Estudantes xaponeses conseguen facer voar un avión alimentado por pilas
Un grupo de estudantes do instituto de tecnoloxía de Toquio conseguiu facer voar un avión durante 391 metros no que supuxo o primeiro voo alimentado coa enerxía de pilas, segundo anunciou a compañía Matsushita Electric, patrocinadora do experimento.
O aparello, cunhas alas de 31 metros e 44 quilos de peso, estivo pilotado por un estudante de 63 quilos durante un minuto. A enerxía procedía de 160 pilas de tipo AA.
Un dos estudantes afirmou entusiasmado: «non pensaba que voar fora tan bonito».
O equipo tentará que o voo sexa recoñecido pola asociación aeronáutica do Xapón.
O presidente da cervexeira Coors, detido por conducir borracho
Pete Coors, herdeiro da dinastía de mestres cervexeiros estadounidenses e ex-candidato republicano ao senado por Colorado, foi detido nese mesmo estado por conducir cunha taxa de alcol en sangue por riba do permitido. Nun comunicado publicado no xornal Denver Post, Coors, de 59 anos, asegura que sempre fixo un chamamento aos seus consumidores a seren responsables e que lamenta non ter respectado o seu propio consello. Coors foi fundada polo tataravó de Pete Coors no ano 1873 e hoxe ten 8.500 traballadores. Na campaña electoral do 2004, o detido defendeu diminuír a idade mínima legal para consumir alcol nos Estados Unidos ata os 18 anos. De momento, ese límite segue a ser de 21 anos.
As ameazas do xuíz Garzón obrigan a un grupo musical a cambiar de nome. Agora chámase Grande-Marlaska
O ata hai pouco case descoñecido grupo de pop denominado Garzón tivo que cambiar de nome despois de recibir un burofax dos representantes legais do xuíz Baltasar Garzón. Nel esixíalles que deixasen de cometer os actos que constitúen unha intromisión na súa imaxe, baixo a ameaza dunha querela. Agora o grupo cambiou de nome e chámase Grande-Marlaska. O xuíz Fernando Grande-Marlaska, moi ao contrario que Garzón, anunciou que non vai emprender accións xudiciais contra os músicos e que todo o asunto lle fai moita graza. O cambio de nome fíxose efectivo este mesmo venres durante a súa presenza no festival de Benicàssim. O grupo está formado por Eugenia Malela Durán, Roberto Herreros e Pepo Márquez. Os tres músicos aseguraron que con «Garzón» só pretendían renderlle homenaxe a un prohome que revalorizou conceptos desprezados hoxe en día como ecuanimidade, progresismo e modestia. Tamén manifestaron a súa confianza total na xustiza española. O grupo eliminou as fotografías de Baltasar Garzón da páxina web, pero négase a abandonar o dominio superjuez.com
A formación agora coñecida como Grande-Marlaska creouse hai dous anos e sacou dous discos ao mercado: «Ésta es la demo de Garzón» e «Otra fuerza».
O país máis feliz do mundo é Vanuatu
A illa de Vanuatu, situada en Oceanía, ocupa o primeiro lugar do índice do planeta feliz, da fundación británica da nova economía, no que se mide o crecemento económico sostible. Por iso, os países industrializados son os que ocupan os peores postos.
Así, todos os membros do G-8 están por debaixo do posto 50. O director de política da fundación, Andrew Simms, afirmou que isto se debe a que os políticos se deixaron desviar por modelos económicos abstractos que teñen pouco que ver co mundo real.
O índice do planeta feliz calcúlase multiplicando benestar por esperanza de vida, e dividíndoo entre impacto ecolóxico. Así, Vanuatu é o primeiro da lista, seguido de Colombia e Costa Rica. Os tres últimos son Zimbabue, Suazilandia e Burundi.
Dos estados occidentais, o primeiro é Malta, seguida de Austria e Islandia. España ocupa o posto 87, Francia, o 129, Portugal, o 136 e os Estados Unidos, o 150.
O índice completo atópase na web www.happyplanetindex.org
No segundo país máis feliz do mundo, Colombia, naceu un bebé de 66 centímetros e 6 quilos de peso
Unha muller deu a luz un bebé que pesou 6 quilos e mediu 66 centímetros nunha clínica privada de Bucaramanga, Colombia. O neno, que se vai chamar Johan Sebastián Jiménez Rueda (non Bach), naceu por cesárea o martes. A nai e o neno atópanse en perfecto estado, segundo informou a pediatra Claudia Arciniegas.
Os pais son Jesús Jiménez, garda xurado, e Claudia Rueda, non se especifica a profesión, os dous de 25 anos e residentes nunha casa arrendada na localidade de Floridablanca.
Segundo o pai da criatura, o talle do bebé debeuse posiblemente a que as familias dos proxenitores son de alta estatura. Por desgraza, a roupa que tiñan preparada para o bebé xa non lle vale e tiveron que mercar prendas novas. Xa no mes de febreiro unha parella de inmigrantes colombianos tivera unha nena de 7 quilos no hospital La Paz, de Madrid.
Comments
comentarios desactivados para este artigo