Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

9 de abril 19 August 2006, 03:13

Como estamos a un paso da Semana Santa, comezamos falándolles do descubrimento do evanxeo segundo Xudas Iscariote
Xudas Iscariote pasou á Historia como o traidor por antonomasia, o discípulo que vendeu o seu mestre cun bico por trinta moedas de prata e que despois se aforcou levado pola desesperación. Isto é o que contan os evanxeos de Mateo, Lucas, Xoán e Marcos. Pero un manuscrito copto de hai 1.700 anos narra unha historia diferente. Segundo este texto, coñecido como o evanxeo de Xudas e que se fixo público este xoves, o apóstolo tería sido o amigo máis íntimo de Xesús e que o entregou ás autoridades porque el llo pediu.
Segundo Rodolphe Kasser, profesor experto en copto, retirado da universidade de Xenebra e un dos tradutores do manuscrito, dise nel que Xesús preferiu que un amigo o liberase do corpo humano e que por iso lle pediu a Xudas que o vendese e o traizoase. Sería unha traizón de cara ao público, pero non entre Xesús e Xudas. É a primeira vez que se atopa un documento antigo que defende esta idea, que xa se especulara no eido da teoloxía en diversas ocasións.
O texto comeza dicindo: «o relato secreto da revelación que Xesús lle participou a Xudas Iscariote durante unha semana, tres días antes da Pascua». Máis adiante, Xesús dille a Xudas: «ti superaralos a todos, porque ti vas sacrificar o corpo no que vivo. Serás maldito polas outras xeracións, e mandarás sobre elas». Tamén se conta unha visión que ten Xudas, na que se ve lapidado polos doce discípulos. Este evanxeo apócrifo remata coa entrega de Xesús por algúns cartos e xa non chega a facer referencia á crucifixión nin á resurrección.
O evanxeo de Xudas estivo oculto ata os anos 70 do século pasado, cando se atopou un códice de papiro nun deserto exipcio, preto de El Minya. No ano 1978 mercouno un anticuario do Cairo, que tentou vendelo nos Estados Unidos, sen éxito. Despois estivo depositado ata o ano 2000 nunha caixa de seguridade en Nova York, ata que o mercou a anticuaria suíza Frieda Nussberger-Tchacos, que llo doou un ano máis tarde á fundación mecenas da arte antiga de Basilea, que xunto ao instituto Waitt para descubrimentos históricos e a National Geographic Society puxeron en marcha o proxecto de tradución que agora saíu á luz.
Este códice inclúe, ademais do Evanxeo de Xudas, a primeira Apocalipse de Santiago, a carta de Pedro a Felipe e un fragmento do libro de Alóxenes. Ten 26 páxinas, data do ano 300 e é unha tradución ao copto dun orixinal grego do ano 180. Descoñécese cal foi o seu autor.

Volvemos a Exipto. A tartaruga máis vella do mundo morre aos 270 anos no zoo do Cairo
Unha tartaruga xigante, considerada a máis vella do mundo, morreu esta semana aos 270 anos de idade no zoolóxico da capital exipcia, segundo informou o xornal Al Ajbar. O sapoconcho morreu de vello. A súa avanzada idade convertérao nun animal incapacitado, segundo dixo o director da administración central do zoo, Talaat Sidrak.
O réptil foi un agasallo que lle fixo ao zoolóxico o rei Faruk, o último monarca da dinastía exipcia, afeccionado á caza e á colección de animais exóticos.
Dúas semanas antes da morte desta tartaruga finou outro exemplar da súa especie, de nome Adyaita, no zoo de Calcuta, na India. Tiña cando menos 250 anos.

Un rapaz de 14 anos provoca unha espectacular persecución polas rúas da Coruña
O adolescente, que xa tiña antecedentes por motivos semellantes, conducía un Audi A3 sen seguro, emprestado por un maior de idade, sen permiso de conducir, e que ía de copiloto.
Un rapaz de 14 anos fixo sufrir á policía local da Coruña, que tardou media hora en atrapalo, despois da súa fuxida ao volante dun Audi A3.
A persecución comezou na rotonda que concentra a circulación cara ao polígono da Grela e a saída a Arteixo. O rapaz viu o coche policial e pisou a fondo o acelerador, coouse no carril da esquerda e pouco despois atravesou os outros dous por medio dos coches. Entre tanto, un vehículo patrulla perseguíao coas luces e as sirenas postas.
Os axentes e os coruñeses en xeral contemplaron abraiados as perigosas manobras postas en práctica polo menor, como os adiantamentos nos cambios de rasante da rúa Newton ou o uso do aparcadoiro dun centro comercial para cambiar de sentido.
A policía local non puido deter o vehículo nin sequera na avenida de Fisterra, onde parou nun semáforo, pero as sirenas das patrullas fixeron que outros coches se apartasen, o que o rapaz aproveitou para fuxir unha vez máis. Logo, en Bens, atopouse coa estrada cortada, polo que deu marcha atrás, meteuse por un paso estreito e quedou atrancado. Tentou dar marcha atrás outra vez, pero topou contra un vehículo policial, o que supuxo a fin da súa aventura.
Os axentes entregaron o rapaz ao seu pai, que o foi recoller. Pero o copiloto si foi detido, por ser maior de idade, baixo a imputación de non ter impedido a fuxida. Tamén terá que explicar por qué colleu prestado un coche, propiedade dun amigo seu, se non ten carné e aínda está a sacalo.
O dono do coche, que tampouco ten carné nin seguro, será multado como o copiloto. Eles dous e mais o pequeno emulador de Fernando Alonso son amigos do barrio.

Bicarse a abrazarse en público en Malasia pode supoñer un ano de cadea
Unha parella malaia, formada por Ooie Kean Thong e Siow Ai Wei, foi levada perante os tibunais por supostamente bicarse e abrazarse nun lugar público, un parque situado a carón das Torres Petronas de Kuala Lumpur, que foi o edificio máis alto do mundo entre os anos 1998 e 2003. A condena que lles pode caer pode ser de ata un ano de prisión.
O avogado da parella advertiu aos turistas que viaxen ao país asiático que non dean mostras visibles da súa paixón se non queren correr a mesma sorte, aínda que o alcalde da capital malaia, Roslin Hassan, aseguroulle á BBC que os estranxeiros só recibirán unha amoestación por bicarse en público, aínda que collerse das mans si é aceptable.
Volvendo ao caso da parella malaia, o tribunal supremo de Malasia considera que é correcto procesar á parella por ese suposto delito, e o xuízo sairá adiante.
Os acusados aseguran que non se estaban a bicar. A rapaza, Siow ai Wei, alega que estaba a tocar o violín mentres que o seu mozo lle lía unha carta.

O defensor da igualdade sexual en Suecia pídelle á selección de fútbol que se retire do mundial se se abren máis burdeis en Alemaña
O defensor do pobo para a igualdade de Suecia, Claes Borgstrom, pediu este luns nunha emisora de radio que o seu país se retir do mundial para amosar a súa repulsa á apertura de novos estrablecementos de prostitución en Alemaña para atender a demanda de visitantes. O presidente da asociación sueca de fútbol, Lars-Ake Lagrell, xa desbotou esta posibilidade, asegurando que esa medida decepcionaría á nación e tamén eliminaría o equipo do mundial do 2010, que se vai celebrar en Sudáfrica.
Os barrios vermellos das 12 cidades anfitrionas do mundial de fútbol de Alemaña estanse a preparar para a chegada dun millón de visitantes estranxeiros entre o 9 de xuño e o 9 de xullo, motivo polo cal o defensor da igualdade sueco asegurou que sería unha boa oportunidade para que os homes amosen o seu aborrecemento ao tráfico de seres humanos.
En Alemaña exercen a prostitución legalmente unhas 400.000 mulleres, o que contrasta coa política de Suecia, onde está penado este oficio, con consecuencias moi graves para os usuarios, non para as traballadoras, que se consideran vítimas.
As noticias de que se van abrir prostíbulos xigantes e refuxios do sexo en Alemaña espertaron a alarma de varios políticos suecos.
O presidente da asociación de fútbol de Suecia prometeu que ningún xogador do seu país vai empregar os servizos de prostitutas na copa do mundo, pero que tampouco fará campaña contra a prostitución.
A raíz da polémica xurdida, un grupo de prostitutas ofreceulle a Lagrell unha visita guiada ao burdel. O presidente da asociación sueca de fútbol rexeitou o convite.

E ficamos en Suecia. O multimillonario fundador de Ikea está orgulloso da súa austeridade
O fundador da cadea de tendas de mobiliario IKEA, o sueco Ingvar Kamprad, o cuarto home máis rico do mundo, conduce un coche que ten quince anos e sempre voa en clase turista, segundo el, para inspirarlles aos seus 90.000 empregados de todo o mundo a virtude da sobriedade.
Kamprad, que cumpriu a semana pasada 80 anos, explicou os seus hábitos durante unha insólita entrevista de televisión en Suíza, onde vive dende hai tres décadas.
A revista Forbes calculou a súa fortuna en 28.000 millóns de dólares, en euros, 23.000, só por detrás do co-fundador de Microsoft Bill Gates, o investidor norteamericano Warren Buffett e o magnate mexicano Carlos Slim.
«A xente di que son cutre e que non me importa se eles o son. Pero síntome moi orgulloso de seguir as normas da nosa empresa», dixo Kamprad á emisora de televisión francófona TSR. Tamén confirmou que segue a conducir o seu vello Volvo. Dixo: «É case novo, só ten quince anos, ou por aí».
O xornalista tamén fixo unha broma coa orde que teñen os empregados de Ikea de escribir polas dúas caras dos folios. O señor Kamprad dixo: «Todo o que gañamos precisámolo como reserva. Aínda temos que desenvolver máis Ikea, e precisamos miles de millóns para introducirnos na China ou Rusia».
Ikea é o maior vendedor de mobles do mundo, con 202 tendas en 32 países.

Comments

comentarios desactivados para este artigo