A mona Chita celebra o seu 74 aniversario recibindo un premio á súa carreira cinematográfica
A mona Chita, que non vive en Barcelona, senón en Palm Springs, California, recibiu esta semana, coincidindo co seu 74 cumpreanos, o primeiro trofeo que se lle entrega en recoñecemento á súa carreira. Trátase dun galardón outorgado polo festival internacional de cine de comedia de Peñíscola, que lle levou o cómico español Flipy.
Chita, que non é mona, senón mono, vive nunha residencia creada no ano 1992 polo seu coidador, Dan Westfall, para acoller primates sen fogar que se dedicaron ao mundo do espectáculo. A inseparable amiga ou amigo de Tarzán estivo acompañada na súa festa de aniversario por moitos amigos, vellas glorias das Vegas e o seu neto Jeeter, de 17 anos, e tamén chimpancé.
Chita recibiu cun sorriso o trofeo, unha escultura en forma de foguete coa que se puxo a xogar inmediatamente.
O chimpancé, considerado o máis vello do mundo, non puido viaxar a Peñíscola por problemas de saúde, que lle obrigaron a deixar o tabaco e un vaso de whisky que adoitaba tomar diariamente. Ademais, Chita é diabético, polo que na súa festa de cumpreanos só se bebeu Coca-Cola light e torta sen azucre.
Chita é ademais afeccionado á pintura. Os seus cadros entréganselles ás persoas que colaboran economicamente no mantemento da residencia de monos.
Seguimos falando de animais. Tres elefantas baten un récord ao comeren 490 quilos de froita en 40 minutos
Susy, Jenny e Bully son tres mansas elefantas de 4 toneladas de peso cada unha, bateron esta semana un récord Guinnes despois de comer en tan só 40 minutos case media tonelada de froita e verdura. Foi un almorzo mediterráneo servido nunha mesa de banquete de vodas.
José María González, director do Circo Mundial no que traballan os tres paquidermos e que se atopa estes días en Málaga, onde se bateu a marca, asegurou que non fora unha tarefa doada, aínda que as elefantas son moi comedoras.
A lupanda, que se celebrou á entrada do circo, estivo composta por 490 quilos de peras, melóns, sandías, pexegos, mazás, plátanos, leitugas e coliflores.
Deste xeito superaron o anterior récord, cifrado en 475 quilos de froita e que se acadara no circo Ringling Bros de Boston.
As tres elefantas estiveron ataviadas con babeiros brancos para non se mancharen. A súa proeza foi presenciada por case medio cento de nenos e curiosos.
A máis larpeira, Susy, que ten 28 anos e orixe asiática, escolleu dende o comezo as pezas que máis lle gustan. Non lle andou moi por detrás Jenny, tamén asiática e de 31 anos. Pero a maior, Bully, de 32 anos e raza africana, fartouse antes de rematar o tempo e púxose a xogar cos alimentos sobrantes.
Só falta comunicarlle o logro ao Libro Guinness, que deberá presenciar por medio de inspectores o desenvolvemento dun novo almorzo dentro duns meses.
Informámolos agora doutra noticia relacionada coa comida, aínda que menos agradable. Un artista chileno fai albóndegas coa súa propia graxa
O provocador artista chileno-danés Marco Evaristti montou unha instalación nunha galería de Aalborg na que vende dez albóndegas feitas coa súa propia graxa e envasadas coa súa foto. O prezo deste produto é de 4.390 dólares a unidade.
Evaristti aproveitou a graxa que lle sobrou dunha operación de liposucción para preparar unhas albóndegas que comeu nun ‘happening’, mentres que envasou o resto, que bautizou como «Polpette al grasso di Marco». Con elas montou unha instalación con tubos de neón que se pode visitar en Aalborg.
As albóndegas, acompañadas dunha etiqueta que pon «cómeme, son arte», súmanse a unha longa lista de proxectos controvertidos levados a cabo por este artista, nado en Chile no ano 1963 e que vive en Dinamarca dende 1985.
Hai uns anos montou unha instalación na que os visitantes podían matar peixes apertando o botón dunhas licuadoras nas que estaban metidos. Esta obra expúxose no museo de arte contemporánea de Santiago de Chile.
Evaristti declarou á televisión pública Danmarks Radio: «Canto máis cambiamos o noso corpo, máis nos afastamos de Deus. Aspiramos ao home ideal, pero non temos a cultura de preservar a imaxe divina de nós mesmos».
Agora viaxamos ata Australia, un país no que tamén pasan cousas curiosas. Unha avoa gaña por erro dous millóns de dólares na lotaría
Unha muller australiá, de 79 anos de idade, gañou esta semana 1,4 millóns de euros á lotaría despois de se trabucar na combinación de números que levaba cubrindo dende había anos.
Esta afortunada anciá, residente en Sydney, mercou, como cada semana, o seu boleto, onde tiña que cubrir catro liñas de números, pero en vez de usar a combinación de sempre, repetiu unha das liñas, que resultou ser a combinación gañadora no sorteo da lotaría de Nova Gales do Sur.
Así, a muller obtivo un premio de 2.333.333 dólares australiáns (1.402.268 euros), mentres que o resto dos gañadores se tiveron que conformar coa metade, xa que ninguén máis cubriu dúas veces a mesma combinación.
A avoa aínda non pode crer que tivera tanta sorte, e afirmou que os números eran os que cubría sempre, porque son datas de cumpreanos de familiares. Á orixinal pregunta de que vai facer cos cartos respondeu que unha parte a vai empregar nunhas vacacións coa súa familia fóra de Australia. Esperamos que non vaia aos Ánxeles nun voo de Oceanic Airlines, e que a combinación gañadora non fose 4, 8, 15, 16, 23 e 42.
Pero nós non marchamos de Australia, onde unha muller estivo a piques de probar a gastronomía francesa sen querelo
Os feitos aconteceron este martes, cando Julie Lumber se dispoñía a preparar unha ensalada envasada que mercara nun supermercado de Brisbane. No medio dos ingredientes habituais desta preparación apareceu unha pequena ra de 5 centímetros que caeu no prato ao abrir o paquete.
A señora Lumber asegurou que non soporta a cociña francesa, coas súas ancas de ra e os seus caracois e que non tiña intención de comer o anfibio, polo que devolveu a ensalada ao supermercado, onde lle devolveron o diñeiro, porque non estaba satisfeita. Antes diso, sacoulle unha foto á ra.
De todos os xeitos, nós pensamos que a ra apareceu accidentalmente no medio da verdura e que non se trataba dunha nova modalidade de ensalada francesa, como esta señora australiá deu a entender.
E a nosa viaxe polo mundo lévanos agora ata Colombia, escenario das dúas próximas noticias. Pescadores artesanais capturan un camarón xigante dun quilo de peso
Pescadores colombianos capturaron un camarón de 33 centímetros de lonxitude nas augas do mar Caribe, na costa da localidade de Punta Canoas, preto de Cartagena de Indias. O crustáceo pesa un quilo e poderíase tratar do máis grande e pesado da súa especie do mundo.
O pescador Gabriel Pontón declarou á emisora RCN que na súa vida vira algo igual e que, dende a súa captura, o gardan vivo nun frasco para o seu estudo e exhibición aos curiosos.
Os camaróns, segundo Pontón, adoitan medir sete centímetros e non pasan de 50 gramos de peso.
Seguimos na costa norte de Colombia, onde a alcaldesa de Santo Tomás, Onésima Cure, decretou que durante o xoves e venres santo as tabernas, bares e discotecas do municipio só puidesen poñer música clásica
A alcaldesa, non sabemos de que partido político, asegurou que con esta medida se amosará o respecto pola fe católica que profesa a comunidade, pertencente ao departamento de Atlántico. Onésima Cure tamén decretou unha lei seca durante estes días de fervor relixioso. É dicir, tampouco se poderá servir alcol.
A medida deixou de estar vixente hoxe mesmo, domingo de Pascua de Resurrección.
Deportes. Sancionado con 3.000 euros por fumar un porro durante un partido de fútbol
Un seareiro do Córdoba foi sancionado cunha multe de 3.001 euros despois de ser sorprendido pola Policía Nacional cando fumaba un porro durante o partido que enfrontou o 12 de xuño do 2005 ao conxunto local co Real Valladolid, e que rematou co descenso dos cordobeses.
A sanción económica leva aparellada, ademais, a prohibición de acceder a recintos deportivos durante cinco meses, segundo a resolución ditada pola Subdelegación do Goberno en Córdoba, como informa a axencia Efe.
A Policía Nacional fixo constar na súa denuncia que o agora sancionado, de inciais B.R.C., tratou de tirar ao chan o cigarro de haxix cando se viu sorprendido polos axentes.
Malia isto, a sanción de 3.001 euros é a menor das que se poden impoñer por falta grave á lei do deporte de 1990, que prohíbe a introdución e venda, consumo e tenza de toda clase de bebidas alcólicas e de substancias estupefacientes, psicotrópicas, estimulantes ou produtos análogos nas instalacións nas que se celebren competicións deportivas.
Comments
comentarios desactivados para este artigo