Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

12 de marzo 19 August 2006, 03:10

Pide o divorcio por non aguantar o cheiro do seu home
Un tribunal do Cairo, en Exipto, recibiu a petición de divorcio dunha muller que aseguraba que o cheiro do seu home, pouco afeccionado á hixiene, estaba a facer insoportable o seu matrimonio.
Levaban oito anos casados e tiñan tres fillos, pero, a pesar do que pensaba todo o mundo, a súa vida era un inferno. A pesar das queixas constantes da muller, o home non estaba polo labor de empregar a auga e o xabrón.
Aínda que o tribunal tentou nun principio que o matrimonio se reconciliase, a solicitante reiterou que non quería seguir vivindo co seu home porque non podía soportar a súa peste.
Ao final, concedéronlle o divorcio ante a incomparecencia do home para darlle unha última oportunidade ao matrimonio. A causa do divorcio foi «incompatibilidade de olores».

Agora falamos de todo o contrario: as mulleres atractivas recenden ben
Un estudo do instituto Ludwig-Boltzmann de Etoloxía Urbana de Viena, que dirixe o doutor Karl Gremmer, chegou á conclusión de que as mulleres atractivas teñen un aroma sexy, como consecuencia dun sistema de comunicación olfativa.
Segundo o biólogo austríaco, as feromonas inflúen no olor corporal e asemade teñen relación co atractivo físico. Tamén son moi importantes á hora de atopar parella, dado que os homes son especialmente sensibles a estas mensaxes olorosas. O recendo é máis intenso, segundo este estudo, nos días de ovulación das mulleres.
Tamén se desprende deste traballo o feito de que cada persoa ten un olor distinto e que os membros da mesma familia non cheiran igual, o que serviría para evitar que haxa relacións de consanguinidade.
Así que xa saben, para ligar hai que seguir este consello de Aerolíneas Federales.

Un hondureño inventa un combustible a base de aceite de restaurantes de comida rápida
Víctor Menchaca, hondureño de 57 anos, é o inventor dunha nova modalidade de biodiésel que emprega como combustible para o seu camión cisterna. Unha mestura dun 80% de aceite sobrante de fritir patacas e polo nos restaurantes de McDonald’s e Kentucky Fried Chicken e un 20% de alcohol, que á súa vez combina con queroseno, permítelle afrontar os altos custos do combustible e, ao tempo, preservar o medio ambiente. Menchaca dedícase a repartir auga a familias que carecen de subministro cun camión cisterna que emprega este innovador combustible. Ademais, dise que deixa un agradable recendo a patacas fritas por onde pasa.

Crean un parque temático sobre Xesús Cristo
O parque temático relixioso Terra Santa atópase en Bos Aires, na Arxentina. Alí reconstrúese cada fin de semana a Xerusalén de hai dous mil anos nun espectáculo que os seus creadores definen como «único no mundo». Este parque está dedicado á vida de Xesús e á relixión cristiá, aínda que tamén aparecen unha sinagoga e unha mesquita, por iso do politicamente correcto.
As persoas que se acheguen ata o parque Terra Santa, que non ten moito que ver con Terra Mítica, poden asistir ao nacemento de Xesús nun pesebre de tamaño natural e vivir a Noiteboa con San Xosé, a Virxe María, a mula, o boi e os reis magos. Tamén poden percorrer as rúas de Xerusalén no Vía Crucis, contemplar en vivo a resurrección de Cristo ou a derradeira cea. O parque arxentino, inaugurado no ano 1999, xa recibiu dous millóns de visitantes.
Aparentemente, non hai nada no parque que non poidamos ver por aquí no Nadal ou durante a Semana Santa.

Gaña un coche e entradas para o mundial de fútbol tras pasar nove días nunha montaña rusa
Un profesor de karate mexicano de 33 anos gañou este xoves un automóbil e pases para o mundial de fútbol de Alemaña despois de vencer un concurso convocado pola cadea Televisa, titulado «vertixe na montaña». A persoa que aguantase máis tempo subido nunha montaña rusa sería a afortunada. Na atracción, de algo máis dun quilómetro de lonxitude e cunha velocidade de 72 quilómetros por hora, participaron numerosas persoas, aínda que só tres chegaron ata o final. O profesor de karate que ao final gañou, un tatuador de 23 anos e unha estudante da mesma idade.
A organización decidiu endurecer as normas do concurso, dado que estas tres persoas parecían invencibles, así que prohibiulles baixar nin sequera para ir ao baño.
Finalmente, gañador, despois de 9 días e 1.333 voltas, foi obsequiado cos agardados agasallos e que confesou que se atopaba fisicamente moi ben.

Deteñen un bombeiro que baixou os pantalóns diante dunha ovella
Un bombeiro de Arizona foi detido despois de ser sorprendido nun alpendre cos pantalóns baixados diante ou, máis ben, detrás dunha ovella roubada. O veciño autor da denuncia, o gandeiro Alan Goats, afirmou que a súa filla o avisou de que acababa de ver un home roubando unha ovella. Despois de seguilo ata o alpendre, o denunciante atopou o bombeiro dentro do alpendre na situación que describiu perante a policía. Todo isto aconteceu o sábado pasado na localidade de Mesa, preto da capital de Arizona, Phoenix.
O bombeiro, de 52 anos, foi detido na súa casa horas despois acusado de violación da propiedade privada e desorde pública. Permanecerá arrestado en canto non se complete a investigación.

Sharon Stone asegura que cambiaría bicos pola paz en Palestina
Esta inconfesable canción do ferrolán Jesús Vázquez dános pé á derradeira noticia desta semana. A famosa actriz Sharon Stone, de visita en Israel convidada polo Centro Peres para a Paz, asegurou que está disposta a bicar a todo o mundo se cun bico dela se pode conseguir que remate o conflito palestino-israelí. Como proba disto, deulle un bico na meixela ao primeiro ministro Simón Peres, que estaba cabo dela durante a rolda de prensa que deu en Tel Aviv. O primeiro ministro israelí quedou agradablemente sorprendido polo xesto da súa convidada.
Stone fixo estas manifestacións coincidinco co día internacional da muller, que se celebrou o pasado mércores.

Comments

comentarios desactivados para este artigo