Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

11 de febreiro 17 February 2007, 20:54

Unha marca francesa saca ao mercado as primeiras medias para homes
Os homes franceses poderán escoller entre medias «opacas», «veadas» ou «satinadas» a partir do mes de marzo, cando a marca Gerbe saque ao mercado a primeira liña de pantis e medias exclusivamente masculinos. A liña home de Gebe terá tres categorías: «cidade», «confort e benestar» e «informal», e o seu obxectivo é cubrir a crecente demanda da clientela masculina deste tipo de produtos. O fabricante asegura que a nova liña de medias masculinas é unha primicia absoluta. Así, os homes franceses poderán ter nos seus armarios na primavera catro modelos diferentes de panti e tres de medias.
Debido á conformación física masculina, os pantis nos talles S a XL contarán cunha apertura transversal e unha cintura máis larga. O produto está pensado para a imaxe do home actual. Naturalmente, Gerbe tamén fabrica medias para mulleres, como uns novos pantis que realzan o traseiro.

A policía detén un mozo como presunto ladrón de bombóns e ovos Kinder nunha pastelaría da Coruña
Un mozo belga que xa fora detido sete veces nas últimas semanas foi arrestado pola policía da Coruña cando o sorprendeu de madrugada correndo con varias caixas de bombóns. O botín procedía dunha pastelaría da zona das Conchiñas que fora asaltada uns minutos antes. Cando o detiveron, o rapaz explicou que os bombóns acabábaos de mercar nunha confitaría que abre até as cinco da mañá. O dono da tenda tamén botou a faltar, ademais dos bombóns, trinta caixas de ovos Kinder que sorpresa, seis paquetes de azucre e a caixa rexistradora, que logo apareceu dentro dun colector. A policía sospeita que o detido podería ter un cómplice.

Un actor porno da cidade comparece no xulgado acusado de agredir un surfeiro
O actor porno Ramón Enrique Pérez, máis coñecido como Ramón Guevara, Ramón Nomar ou Moncho Borrazás, enfróntase a unha posible condena dun ano de cadea por se ter pelexado hai dous anos na praia do Matadoiro con outro surfista, cando as súas táboas chocaron cando trataban de coller a mesma onda.
Ramón compareceu na sala do penal número 4 para responder á denuncia interposta contra el polo outro surfeiro, que o acusa de lle ter rompido un dedo e provocado varios traumatismos nunha discusión que comezou na auga e rematou a mordidas. O acusado admitiu non lembrar se fora o autor da mordedura nas costas da vítima e negou telo agredido nin ameazado, aínda que si recoñeceu que lle dera unha labazada coa man aberta. Segundo a versión do actor porno e deportista semiprofesional, o can do outro mozo atacouno cando lle respondeu á puñada que lle deu na cara e que lle provocou unha ferida interna na boca e lle rompeu un dente. Pero o outro surfeiro mantén que só empurrou o imputado cando el tentou estrangular o animal, que é un labrador e non lle fai dano a ninguén.
O avogado do denunciante afirma que a liorta lle provocou un cadro depresivo polo que esixe unha indemnización de 9.000 euros.

Un cosaco de 83 anos que casou trinta e dúas veces busca parella
Alexandre Kapitunov, cosaco de 83 anos que vive na rexión rusa de Krasnodar, busca nova parella para formar familia, despois de trinta e dúas vodas, informou o xornal Moskovski Komsomolets. O ancián puxo un anuncio na prensa no que di «Busco moza de entre 18 e 24 anos, de baixos ingresos ou orfa, para fins matrimoniais». Kapitunov asegura que só quere unha muller que lle dea un herdeiro para lle deixar a súa casa e os seus aforros. O home di que os seus dezaseis fillos, todos homes, son uns inútiles. A súa primeira muller, coa que casou en 1948, chamábase Tamara. Divorciuse dela por desavinzas coa sogra. Todas as mulleres coas que casou tiñan pouco máis de vinte anos e eran estudantes da escola de comercio da que el era subdirector.
Pero na rexión de Krasnodar as mulleres tamén adoitan casar un número elevado de veces. A redacción do xornal localizou unha muller de 77 anos, Yekaterina Luilko, que casou 28 veces e quedou viúva outras 27. «Morreron todos agás Alexei, que foi o 16 ou 17, non lembro. Agora está internado nun asilo», declarou a muller, que se dedica a coidar pavas no patio da súa casa. Liulko só ten un fillo e non publica anuncios matrimoniais, aínda que non perde a esperanza de atopar o seu home, que sexa un bo avó e traballador.

Os bombeiros acoden por unha falsa alarma causada polo desodorizante
Unhas estudantes alemás sorprendéronse este venres cando viron chegar o coche de bombeiros ao albergue xuvenil no que se atopaban. As rapazas activaran por accidente a alarma de incendios por abusar do desodorizante nos cuartos de baño.
Tres coches de bombeiros e un da policía acudiron ao lugar, coas sirenas encendidas, e axiña se decataron de que o suposto fume era, en realidade, o gas procedente dos produtos contra o olor adolescente. O voceiro da policía dixo: «No futuro, espero que as rapazas se conformen con menos desodorizante».

Un taxista de Nova York devólvelle 31 aneis de diamantes a unha cliente que só lle deixara 30 centavos de propina
Chowdhury Osman, inmigrante de Bangladesh, devolveulle un bolso de viaxe con 31 aneis de diamantes á súa despistada dona, despois de que ela lle dera só 30 centavos de propina, uns 25 céntimos de euro. O taxista declarou ao xornal Daily News que nunca pensara en quedar coa mostra de xoias que deixou no maleteiro a pasaxeira, xoieira de profesión. Osman levou a muller dende un hotel do centro a un edificio de apartamentos da rúa 35 o luns á noite. O servizo custou 10,70 dólares. A usuaria deulle un billete de 20 e pediulle que lle devolvera nove. Os seguintes clientes que subiron ao taxi decatáronse de que no maleteiro había un bolso de viaxe. Despois de cumprir o novo traxecto, Osman volveu ao edificio de apartamentos no que deixara a muller, pero non se atreveu a preguntarlles aos veciños onde atopala, por medo a que lle dispararan. Despois de se poñer en contacto coa organización de taxistas, miraron no interior do bolso para ver se había pistas sobre a súa dona, e foi cando atoparon o seu valioso contido: dúas caixas cun total de 31 aneis de diamantes. Ao final, puideron contactar coa dona a través dunha parente que vive en Texas. A muller deulle unha recompensa de 100 dólares.

4 de febreiro 4 February 2007, 15:26

Constrúen a casa máis cara do mundo nos Estados Unidos
Segundo a revista Forbes, é a megavivenda máis cara da que se teña coñecemento, e estará no oeste dos Estados Unidos. A mansión The Pinnacle venderase por 155 millóns de dólares, o prezo máis alto nunca pagado por unha casa. Para os interesados en mercala, que saiban que ten unha entrada de cocheira con calefacción e unha rampla para esquí que se pode pregar e gardar dentro da casa. O axente de bens inmobles multimillonario Tim Blixseth dixo que a casa, de dez dormitorios, estará rematada no prazo dun ano. Tamén se amosou sorprendido pola cantidade de xente interesada en mercala, segundo declarou ao xornal Bozeman Daily Chronicle. Ademais, os que chamaron non precisan pedir ningún préstamo. A casa formará parte do Yellowstone Club, exclusivo centro de esquí e golf.

Un psicólogo obriga unha paciente a vestir un colar de can
Un psicólogo australiano, Bruce Beaton, de 64 anos, declarouse inocente de ataques obscenos a unha paciente, á que obrigou a poñer un colar de can e a chamalo amo. Segundo el, que está a ser xulgado no distrito de Australia Occidental, o procedemento está dentro das liñas éticas da psicoloxía. Beaton foi arrestado cando a Policía, que estivera grabando en segredo a sesión coa moza, de 22 anos, oíu ruídos de azoutas. O psicólogo díxolle ao tribunal que recorreu ao tratamento amo-criado coa súa paciente bulímica porque lle fallaran os outros métodos, e afirmou que o feito de que a muller levara un colar de can e o chamase amo construiría unha relación de maior confianza. Segundo Beaton, o tratamento está autorizado pola Sociedade Psicolóxica Australiana.

O ex-presidente mexicano Vicente Fox comete graves erros en público, como falar do Nobel colombiano Mario Vargas Llosa
As famosas equivocacións de George Bush quedan en inocentes brincadeiras ao lado das do ex-presidente mexicano Vicente Fox, que citou o “Nobel colombiano Mario Vargas Llosa” nunha conferencia en Los Ángeles, informou o xornal El Universal. Fox dixo: “América debe fuxir da ‘ditadura perfecta’, como dixo o premio Nobel colombiano de Literatura Mario Vargas Llosa”. O escritor non só naceu no Perú, aínda que despois de nacionalizou español, e nunca recibiu o Nobel de Literatura. Por se isto fose pouco, cando Vargas Llosa falou da ‘ditadura perfecta’ referíase precisamente a México. A intervención de Los Ángeles foi o primeiro acto público de Fox dende que rematou o seu mandato, o 31 de decembro. Durante a súa presidencia, Vicente Fox tamén cometera outros erros que foran explotados pola prensa, como chamarlle ao escritor arxentino Jorge Luis Borges “José Luis Borges”.

Piden seis anos de cadea para unha muller que arrincou a lingua do seu mozo
A Audiencia Provincial de Madrid xulgou unha moza acusada de arrincarlle a lingua ao seu compañeiro sentimental dunha trabada despois de discutiren, polo que o fiscal pide seis anos de cadea. As conclusións provisionais do Ministerio Fiscal consideran probado que ás cinco da mañá do 5 de febreiro do 2006 Mónica Esperanza M.B. e Paul Fernando S.T. estaban no piso que compartían, aínda que el tiña unha orde de afastamento en vigor dende o 2004. Despois de discutiren, Mónica Esperanza, que tiña 26 anos daquela, arrincoulle coa súa propia boca algo menos da metade da lingua de Paul Fernando, o que lle produciu unha amputación traumática sen necesidade dunha operación cirúrxica. Como consecuencia da agresión, a vítima ten, segundo o texto xurídico, “dende o punto de vista estético unha lingua acurtada, que lle condiciona a pronunciación de certas consoantes ao ter que realizar apoio lingual nos dentes”.

O presidente do Banco Mundial amosa buratos nos calcetíns cando se descalza nunha mesquita
A visita de Paul Wolfowitz, presidente do Banco Mundial, a Turquía espertou o interese dos medios de comunicación, non polo que dixo, senón polos buratos que tiñan os seus calcetíns, polos que saían sen vergoña as dedas gordas cando entrou nunha mesquita e se tivo que descalzar. Wolfowitz visitou o domingo pasado as zonas turísticas de Istambul, vestido cun traxe azul escuro e calzando uns zapatos deportivos marróns que tivo que sacar antes de entrar na mesquita Selimiye, na cidade tracia de Edirme. Nese momento, a cadea de televisión NTV captou os buratos polos que aparecían as súas dedas gordas. Esas imaxes repetíronse unha e outra vez, e captaron tamén a atención dos fotógrafos. Mesmo algúns se botaron ao chan para coller de preto as instantáneas das dedas do executivo. O xornal Hurriyet, un dos máis importantes de Turquía, publicou tres fotos de Wolfowitz, unha saudando o ministro de Finanzas, Ali Babacan, e outras dúas dos buratos dos seus calcetíns.

Un balneario tailandés vese obrigado a derrubar un valado fálico
O Spa Sappaya aceptou cambiar o seu valado con forma de penes para que pase a ter forma de flores de loto despois das protestas dos veciños. O balneario, situado na illa turística de Phuket, molestou algúns habitantes da zona cando este mes colocou 18 lingas (falos) de Shiva hindús arredor da propiedade. O xefe da oficina de Cultura de Phuket, Thawichart Intararit, declarou a Reuters: “A xente non pode soportalos, así que nos chamaron para pediren axuda”. Despois de varias semanas negociando, ao final o dono do negocio, de relixión hindú, aceptou retirar as esculturas, que puxo para que lle desen sorte. A maioría dos 64 millóns de tailandeses son budistas, aínda que moitos tamén adoran deuses hindús e practican os seus ritos.

28 de xaneiro 4 February 2007, 15:25

Un neno chinés de catro anos mata 443 pitos a berros
Un neno de catro anos matou 443 pitos nunha aldea da provincia chinesa de Jiangsu usando só a súa potente voz, informou o xornal Nanjing Morning Post. Un tribunal local determinou que foran os gritos do rapaz os que causaran a misteriosa morte das aves, acontecida o 24 de setembro pasado. O pai do neno, un butaneiro de apelido Xu, terá que pagarlle unha indemnización duns 180 euros ao dono dos polos, chamado Wang. Todo comezou cando o home entrou na granxa para facer unha entrega de bombonas, acompañado do seu fillo. Un can ladrou e asustou o neno, que comezou a berrar co medo. Estes gritos asustaron os pitos do galiñeiro, que se pisaron uns a outros, polo que moitos morreron. Segundo o xulgado, os chíos do neno foron o único son anormal que puido causar o tumulto aviario.

Unha holandesa inventa unha cervexa para cans
Terrie Berenden, dona dunha tenda de animais da cidade de Zelhem, nos Paises Baixos, inventou unha cervexa para os seus Weimaraners feita de extracto de carne e malta. «Unha vez ao ano imos a Austria a cazar cos nosos cans, e ao final do día sentamos a tomar cervexa, pero ocorréusenos: o can tamén merece unha», dixo Terrie. Así que encargoulle a unha cervexaría local que producise e embotellase a cervexa, sen alcol, e que se chama Kwispelbier. Presentouse no mercado a semana pasada e anunciada como «unha cervexa para o teu mellor amigo». Kwispel significa «mover o rabo» en holandés. A cervexa tamén é apta para o consumo humano, pero resulta un pouco cara: uns dous euros a botella.

Bud Spencer recibe o título de adestrador de natación e waterpolo da federación italiana
O presidente da Federación Italiana de Natación, Paolo Barelli, entregoulle a Carlo Pedersoli, máis coñecido como Bud Spencer, o título de adestrador de natación e waterpolo. O actor napolitano foi o primeiro nadador italiano en facer os 100 metros libres en menos dun minuto, aló polos seus tempos mozos, o 19 de setembro de 1950. Pedersoli foi finalista olímpico en Melbourne 56. Pero é máis famoso internacionalmente polo seu traballo como actor. O seu primeiro papel foi en Quo Vadis, onde interpretou o papel dun garda do imperio romano, pero a popularidade chegoulle en 1971 cando fixo «Chamábanlle Trinidade», xunto a Terence Hill. Dise que cambiou o nome en 1967 porque lle gustaba Spencer Tracy e a cervexa Bud.

Unha muller cun bolígrafo salva o seu home das poutas dun puma
Jim e Nell Hamm, de 70 e 65 anos, paseaban tranquilamente por un parque natural en California cando, de repente, o home sufriu o ataque dun puma, que se botou enriba del e tirouno ao chan. Nell comezou a bater no felino cun ramallo, pero non deu resultado. Entón o seu marido díxolle: «Levo un bolígrafo no peto. Cólleo e chántallo nun ollo». E así fixo. O animal escapou. Nell Hamm contou na BBC: «Nunca imaxinei que esa acción puidera ter un efecto tan disuasorio». Jim atópase en bo estado de saúde, despois de recibir varios puntos de sutura nos beizos e mordeduras diversas. Despois do incidente, o parque de Prairie Creek Redwoods, a 515 quilómetros ao norte de San Francisco, foi pechado.

Rouban 14 GPS e os aparellos guían a policía para detelos
Uns 14 aparellos de posicionamento global GPS desapareceron a semana pasada do depósito municipal da pequena cidade de Babylon, no estado de Nova York, que os ía destinar para o seu parque móbil municipal. A policía e os servizos do concello activaron entón o sistema de posicionamento, que os levou á casa dun dos ladróns, que se atopaba a manipular un dos artefactos. O sistema GPS demostrou, deste xeito, a súa efectividade á hora de localizar cousas, ou, neste caso, ladróns. As tres persoas detidas pensaban vender o material roubado.

A policía de Tokyo contratará boxeadores retirados
A policía metropolitana de Tokyo decidiu contratar boxeadores retirados, tendo en conta que a súa fortaleza física lles servirá de grande axuda, informou o xornal xaponés The Daily Yomiuri. O que esixen é que os deportistas retirados estean a punto tanto física como mentalmente. O corpo policial dálles dende hai tempo puntos extra aos aspirantes a axentes que teñan experiencia como deportistas, polo que favorece os ex-boxeadores e loitadores de artes marciais que sigan en forma. Pero aínda non houbera demandas destes colectivos porque descoñecían a existencia desa oportunidade de emprego.

21 de xaneiro 4 February 2007, 15:24

Un cirurxán sofre un ataque de nervios e corta en cachiños o pene dun paciente
Arrepiante historia. O cirurxán romanés Naum Ciomu perdeu a súa licenza médica e terá que pagar 154.000 euros despois de lle ter amputado o pene ao paciente que operaba. Segundo informou a edición británica do xornal Metro, Ciomu sufriu un ataque de nervios durante a intervención, e mesmo chegou a cortar en cachiños o membro sobre a mesa de operacións diante das miradas … do resto do persoal. O paciente afectado, Nelu Radonescu, de 36 anos, estaba a ser operado dunha malformación testicular. Agora terá que ser indemnizado cunha operación de reconstrución do membro, para o que se empregarán tecidos do brazo, e máis 154.000 euros por danos e prexuízos. O primeiro gasto correrá a conta do seguro do hospital, situado en Bucarest, pero será o ciruxán o que teña que facer fronte á indemnización, algo que criticaron os médicos romaneses. Segundo eles, séntase un perigoso precedente, e defenden que Ciomu cortara por erro o conduto urinario do paciente, o que lle provocou o ataque de ira.

Descobren que a Mona Lisa morreu aos 63 anos nun convento
Segundo as investigacións do profesor italiano Giuseppe Pallanti, a Gioconda ou Mona Lisa, muller que inmortalizou Leonardo da Vinci no cadro que se expón no Museo do Louvre, en París, que se chamaba Lisa Gherardini, morreu o 15 de xullo de 1542 aos 63 anos no convento de Santa Úrsula, en Florencia. O investigador descubriu eses datos cando consultaba uns documentos no arquivo florentino. O convento no que morreu a muller pertence na actualidade ao Estado italiano, e atópase abandonado. Segundo o achado de Pallanti, confírmase que a modelo que inspirou a Leonardo era a muller do comerciante Francesco del Giocondo, como defendía nun libro que publicou hai dous anos. Segundo o documento descuberto, a muller, viúva e enferma, pasou os últimos anos da súa vida no convento, onde a atendeu unha monxa chamada Lucia.

Rescatan un home borracho que quedara atascado nunha cheminea cinco horas
A policía canadense detivo un home bébedo que quedara atrancado cinco horas nunha cheminea ao norte de Toronto. O suceso aconteceu cando un home de 35 anos en estado de embriaguez saíu da casa que compartía cuns amigos para mexar nun bosque próximo e atopou, á volta, que a porta estaba pechada. Aínda que chamou varias veces, non recibiu resposta, polo que o home, cuxa identidade permanece no anonimato, decidiu empregar a ruta típica de Papá Noel, e tentou entrar pola cheminea. Meteuse cos pés por diante e as mans por riba da cabeza, pero o oco non era ancho dabondo para pasar a través del. Por se fora pouco, confundiuse de casa e quedou atrapado na cheminea duns veciños que non se atopaban na casa naquel momento. Cinco horas despois, xa pola mañá, uns traballadores que pasaban pola rúa escoitaron as súas queixas e avisaron a policía. Por sorte para o individuo, nin a cheminea estaba prendida nin este inverno a temperatura baixou ata os habituais 20 graos baixo cero desa zona.

Versace inspírase no secretario do Papa para unha colección
A casa Versace presentou na Semana da Moda de Milán deste ano traxes escuros para un home que coida o corpo e a alma. O denominado «estilo Georg», con efebos vestidos de negro adornados con colos brancos, causou sensación entre o público. A deseñadora Donatella Versace recoñeceu que se inspirou no estilo do padre Gaenswein, o secretario do Papa, de pelo louro, beizos carnosos e bo estado físico. Segundo a creadora de moda, «é un home que coida os seus músculos, pero tamén busca as calidades interiores e adestra os músculos da alma». Este aspecto do secretario vaticano saíu á luz despois da publicación dunhas fotos del xogando ao tenis. Agora, a colección de Versace amosa, por primeira vez, modelos para homes formais.

Un grupo de focas pasa a noite nun cine polo temporal
Unhas sesenta focas que adoitan vivir nun refuxio en Pieterburen, no norte dos Países Baixos, tiveron que ser evacuadas o xoves á noite polo temporal que está a afectar a parte de Europa, e algunhas pasaron a noite nun cine, informou a directora do centro, Lenie’t Hart. A chegada de numerosos animais ás costas holandesas desbordou a capacidade do refuxio, polo que tiveron que desmontar as tendas de campaña que se empregan para acoller os pinnípedos . Grazas á axuda da xente do barrio, puidéronas poder a salvo, segundo informou a axencia ANP. Algunhas quedaron no despacho da directora, outras no centro de acollida de visitantes e mesmo un grupo nunha sala de cine. Non sabemos que película lles poñerían.

O Rexistro Civil négalle a nacionalidade a unha colombiana porque se chama Darling
O xuíz do Rexistro Civil Único de Madrid denegoulle á colombiana Darling Vélez Salazar a nacionalidade española porque o seu nome propio non é admisible na lexislación estatal. A muller solicitou a inscrición hai uns meses, pero o 15 de novembro recibiu un escrito no que lle dicían que o seu nome non se admite na lexislación española e que o debería cambiar por un dos incluídos no calendario, segundo explicou Darling á axencia Efe. O seu avogado, Gustavo Fajardo, alega que a decisión non ten fundamento e vulnera os dereitos civís e persoais da muller. No escrito, Fajardo lembra que o nome Darling non incumpre ningún dos supostos legais que obrigan a cambialo, que son ter un irmán vivo que se chame igual, que dificulte a identificación da persoa por inducir a erro sobre o sexo, que prexudique o seu titular, que teña máis de dous nomes simples ou máis dun composto, ou que o nome sexa un diminutivo. Ademais, o recurso tamén lembra que nos procesos de nacionalización débense conservar o nome e apelidos legais, pois non se pode ter un nome en Colombia e outro en España.
Aínda que recoñece que lle gustan os nomes vascos, e que tamén hai nomes cataláns moi bonitos, Darling prefire manter o nome que leva dende o seu nacemento, hai 33 anos, na cidade colombiana de Cartago.

14 de xaneiro 4 February 2007, 14:07

Arréstano en Atlanta por non cruzar a rúa polo paso de cebra
Felipe Fernández-Armesto, catedrático británico que exerce na universidade Tufts, de Boston, foi arrestado pola policía de Atlanta cando acudía á convención anual da Asociación Americana de Historia, segundo informou meneame.net. O único delito que cometeu foi cruzar a rúa por onde non estaba permitido e pedirlle a un policía que se identificara, porque ía de paisano.
Nese momento, chegaron varios axentes, que o botaron ao chan para esposalo. Logo, levárono ao centro de detención con outros arrestados. Alí estivo oito horas, ata que saíu en liberdade despois de pagar unha fianza de mil dólares.
Xa saben, se van a Atlanta, crucen polo paso de peóns. Por se acaso.

Médicos británicos condenan unha lotaría de cirurxía plástica
Os cirurxáns británicos pronunciáronse en contra dunha lotaría que ofrece aos seus gañadores diñeiro para facérense estiramentos de pel, aumento de peitos e liposuccións. A empresa Europa Internacional, con sede en Londres, puxo en marcha a primeira lotaría do mundo con premios de cirurxía estética. Por 1,50 libras 2,23 euros dunha mensaxe de texto ou dunha chamada de teléfono, os gañadores do sorteo mensual recibirán 6.000 libras para pagar o prezo da operación que escollan. Segundo un cofundador da empresa, John Babbage, non hai moita diferenza cos concursos de televisión que lles ofrecen cirurxía plástica aos participantes. Pero os cirurxáns estéticos británicos pensan que o sorteo é un truco de márketing sen escrúpulos e advirten os pacientes de que poden correr graves riscos.
O gañador do sorteo será elixido ao chou e reunirase cos directores da empresa antes de voar a Praga, onde se someterá á operación.

Un avión atrásase pola picadura dun escorpión
Un voo da compañía American Airlines entre Miami e Toronto sufriu un atraso a pasada fin de semana despois de que un escorpión lle picara a un pasaxeiro. Segundo un voceiro da empresa, John Hotard, “un mozo informounos de que viña de facer cámping co seu irmán en Costa Rica e que é posible que o becho entrara no saco de durmir”.
Ao chegar ao aeroporto Pearson de Toronto, o pasaxeiro, de 20 anos, foi atendido por un médico, pero a súa vida non corre perigo, pois a picadura dese tipo de escorpión non é mortal.
O avión despegou de volta a Miami con máis dunha hora de atraso, porque tivo que ser revisado a fondo para comprobar que non había máis escorpións no seu interior. O comandante permitiuse facer unha broma cando saudou os pasaxeiros dicindo “Benvidos a bordo do voo Escorpión 1011”

Un home bate un récord ao dar 1.330 viravoltas nunha hora
O estadounidense Ashrita Furman, de 52 anos, bateu un récord Guinness en Bulgaria despois de dar 1.330 capitóns en 60 minutos. “Dóeme todo e teño náuseas porque o terreo non é chan, pero sigo”, dixo Furman cando levaba 936 pinchacarneiros, despois de 40 minutos. A acción tivo lugar nun tramo de estrada de cen metros no cabo Kaliakra, na costa do mar Negro. O norteamericano percorreuno 24 veces. Ashrita Furman é dono dun comercio de alimentos biolóxicos en Nova York e ten récords tan variados como permanecer nun acuario con tiburóns ou escalar unha pirámide en Exipto. Agora mesmo, está a traballar noutros 56 posibles récords. Dende o ano 1979 xa bateu máis de cen.

Un ladrón rouba en plena misa a hostia e a súa custodia
Un ladrón entrou nun templo católico en Costa Rica e roubou a hostia consagrada e a súa custodia bañada en ouro mentres se oficiaba unha misa. O individuo fuxiu diante do abraio dos fregueses. Segundo contaron varias testemuñas, o home entrou na basílica de Los Ángeles, principal santuario do país, e colleu a custodia que estaba exposta nun altar anexo ao principal,
onde se oficiaba un funeral. O ladrón escapou a toda présa e cruzou por entre os fieis que estaban na misa, o sábado á mañá. O delincuente fuxiu antes de que reaccionasen dúas mulleres, que foron as que se decataron do que pasara. O sacerdote Juan Carlos Delgado cualificou o roubo de “acto sacrílego”.

Devolve o libro “O príncipe de Exipto” 47 anos despois
Robert Nuranen devolveu á biblioteca do seu colexio o libro que sacara hai 47 anos, e pagou a multa que lle correspondía: 171 dólares. O libro “Prince of Egypt” levaba na súa casa dende había décadas, e sempre que alguén o via, deixábao a un lado. Nuranen ao final colleuno a semana pasada, cando buscaba unha caixa no faiado. “Supuxen que sería mellor devolvelo e non deixar que pasaran outros dez anos”, dixo despois de entregalo o venres pasado. “Deixar que pasen 57 anos sería una vergoña”. (e 47 anos non?)
O libro levaba estampada a data do 2 de xuño de 1960, e era parte da fascinación de Nuranen con Exipto cando era novo. Visitou ese país ademais doutros 54, e mais os 50 estados unidos de América, pero nunca rematou de lelo.
A biblioteca había moito tempo que perdera o rexistro do libro, confirmou a bibliotecaria Sue Zubiena, quen dixo que o usará de exemplo de que nunca é tarde para devolver un volume.

7 de xaneiro 4 February 2007, 14:06

Un ciclista chinés sobe en bicicleta un rañaceos de 88 plantas
Zhang Jincheng, ciclista chinés de 24 anos, bateu o domingo o récord mundial de ascenso a edificios sobre dúas rodas ao subir montado na súa bici os 1.958 chanzos da Torre Jinmao, o rañaceos máis alto da China, que está en Shanghai. Zhang tardou unha hora, 41 minutos e 51 segundos en chegar ao alto da torre, de 421 metros de altura. Converteuse, así, no primeiro ciclista que consegue esa fazaña, aínda que estivo a piques de abandonar cando se atopaba algo despois da metade do percorrido.
Pero, non contento co seu logro, Zhang Jincheng aspira a subir as escaleiras dos outros catro rañaceos máis altos, o Taipei 101, en Taiwán; as torres Petronas, en Malaisia, e o edificio Sears, nos Estados Unidos. Hai outros ciclistas que xa esperan bater a súa marca: o colombiano Javier Zapata e o andorrano Xavi Casas.

Cen millóns de mensaxes de móbil en Noitevella en España
A noite de fin de ano estase a converter nos últimos anos na noite das mensaxes de móbil e no auténtico agosto das empresas de telefonía. O 31 de decembro en España enviáronse 100 millóns de sms, moitos máis ca na Noiteboa e o Nadal. Case todos os usuarios de móbil recibiron ou enviaron algunha mensaxe de felicitación, bos desexos para o ano entrante ou mesmo chistes ou frases con suposta graza.
O xornal gratuíto 20 minutos fixo unha recompilación de mensaxes, que dividiu en varias tipoloxías, aínda que a meirande parte deles teñen contidos… picantes. Entre as recibidas polos lectores seleccionaron, por exemplo, estas dúas: “Deséxoche para o 2007 o mesmo ca a un cepillo de dentes: moita pasta, un bo mango e que te cepillen tres veces ao día”. Ou estoutro: “Enhoraboa, foi seleccionado por Nestlé para levar o peso do seu pene en chocolate. Axiña recibirá o seu lacasito. Feliz ano”.

Britney Spears di que non vai manter relacións sexuais os vindeiros seis meses
A estrela pop estadounidense Britney Spears tamén ten a súa particular promesa para o vindeiro ano, aínda que no seu caso é a inversa á de moitos: “Non terei sexo os vindeiros seis meses”, asegurou, en vez de escoller deixar de fumar ou apuntarse nun ximnasio. Segundo a revista norueguesa Se & Hör, a cantante di que así pode gañar tempo para reconducir a súa carreira profesional e sentirse máis liberada. A idea parece que partiu da amiga de Britney Paris Hilton, que fixo unha promesa semellante no ano 2006, aínda que dubidamos de que a cumprise. Este propósito estase a poñer de moda entre as famosas estadounidenses. Así, Jennifer Aniston tamén prometeu renunciar temporalmente ás relacións persoais no ano 2007, segundo informou a web The Bosch.

Un grupo ecoloxista denuncia un estudo fotográfico de Córdoba que amosaba un borrego vivo no escaparate
Ecologistas en Acción de Córdoba denunciou perante a Consellería de Agricultura da Junta de Andalucía e mailo Seprona que un establecemento fotográfico da cidade amosa nun dos seus escaparates un borrego vivo. Segundo a asociación, este feito incumpre unha lei para a protección dos animais de compañía, pois o borrego non é un animal desas características, polo que o grupo ecoloxista pide un endurecemento da lexislación contra os maltratadores de animais. A entidade salienta que a rendibilidade que lle supón á empresa fotográfica amosar o borrego compénsalle o pagamento da multa porque pais e nais levan os seus fillos a facerse fotos co animal, o que crea pobres valores na infancia.

Deteñen un mozo por conducir sen carné e cun brazo escaiolado
Un condutor de 27 anos de idade, sen carné de conducir e cun brazo escaiolado, foi detido esta semana en Bilbao cando o sorprenderon circulando a unha velocidade superior á permitida, en sentido contrario e saltándose varios semáforos en vermello. Durante o traxecto, o individuo, que presentaba síntomas de se atopar baixo os efectos do alcol ou das drogas, estivo a piques de atropelar un peón e, por se for a pouco, bateu contra un coche da policía.
Sobre as oito da mañá, unha unidade da policía municipal que patrullaba pola Ponte Euskalduna observou o paso do vehículo, que se saltou varios semáforos ata tomar a autoestrada a Vitoria. Aínda que a primeira patrulla lle perdeu a pista, outra unidade deulle o alto nos xardíns de Gernika, onde entrou dende a autoestrada, pero o condutor seguiu adiante, saltando outro semáforo en vermello e unha rotonda. Tamén circulou en dirección prohibida e por pouco non levou por diante un peón. Despois volveu fuxir cara á autoestrada. O condutor, identificado como Z.A.G., foi detido despois de que os policías locais se puxeran á súa altura e o individuo perdera o control tras chocar contra eles. O home levaba un brazo escaiolado, presentaba síntomas evidentes de embriaguez, non tiña carné de conducir e levaba restos e últiles para o consumo de drogas entre os asentos dianteiros.

George Clooney pasou a Noitevella no norte de Italia rodeado de 5.000 candeas de vainilla e chocolate
O actor estadounidense pasou a fin de ano na espléndida vila que ten na ribeira do Lago de Como, no norte de Italia, e que decorou con 5.000 velas perfumadas co aroma de vainilla e chocolate. Segundo medios italianos, o obradoiro artesán de Vincenzo Bianchi enviou 5.000 candeas perfumadas para alumear o interior e o exterior dacasa do actor durante a Noitevella. O mesmo taller enviou no mes de novembro as súas creacións de cera para iluminar o castelo Odescalchi de Bracciano, onde casaron Tom Cruise e Katy Holmes.

31 de decembro 4 February 2007, 14:04

Un británico cambia o seu nome polo de Fernando Alonso Rodney Trotter Ronaldinho
Un mozo británico de 20 anos, anteriormente coñecido como David Fuller, decidiu cambiar o seu nome polos dos seus tres ídolos. Despois de pagar 160 euros, que é o que custa no Reino Unido cambiar legalmente de nome, xa se chama oficialmente Fernando Alonso Rodney Trotter Ronaldinho. A súa nova denominación correspóndese coa do piloto asturiano bicampeón mundial de Fórmula 1, un famoso personaxe dunha serie de televisión británica e o dianteiro brasileiro do Barça. O problema é que se decide facerse fan doutros personaxes, o seu nome podería medrar escandalosamente.

Un gato salva unha familia australiana dun incendio
Un gato atigrado salvou catro membros dunha familia australiana cando, ao se decatar de que había un incendio na casa, se puxo a rabuñar o seu amo na cara, segundo informaron o venres os servizos de emerxencias. Cando Timmy, que así se chama o micho, notou que prendera lume nun colchón mentres a familia durmía, o animal espertou o seu propietario coa súa pouta. O suceso produciuse a madrugada do venres en Cairns, ao norte de Australia.
Segundo o voceiro dos bombeiros, Robert White-MacFarlane, o gato foi probablemente o mellor sistema de alerta antiincendios. A causa do lume puido ser un cigarro. Grazas á intervención do animal, apenas houbo danos materiais na casa.

Inventan unha foca robot con fins terapéuticos
Paro, unha foca robótica que se está a empregar con fins curativos foi premiada polo goberno xaponés nos Robot Awards 2006, celebrados hai uns días en Toquio. O invento, que responde ao seu nome e pode mover os ollos e remexer as aletas, ten sensores debaixo da pel e nos bigotes. Deste xeito, emprégase en sesións de terapia para anciáns e nenos con discapacidade.
O uso dos robots está moi estendido no país asiático, onde se consideran de grande axuda para atender unha poboación cada vez máis avellentada. Case un 19% dos 130 millóns de xaponeses teñen máis de 64 anos, porcentaxe que subirá ata o 40% no ano 2055.

Os británicos non aproveitan as rebaixas polo seu escaso dominio das matemáticas
O goberno británico impulsou unha campaña para axudar aos seus cidadáns a calcular os descontos das rebaixas para así podérense beneficiar das ofertas. Segundo o Ministerio de Educación, case 15 millóns de habitantes do Reino Unido teñen os coñecementos matemáticos dun neno de once anos. A campaña posta en marcha polo departamento gobernamental en varias cidades inglesas consistirá en repartir calculadoras de porcentaxes para que os consumidores proben a súa habilidade cos números. Segundo o secretario de estado de Educación, Phil Hope, aínda que se empregan cifras todos os días, hai millóns de persoas que teñen problemas para resolver operacións esenciais para a vida laboral e familiar. A advertencia do goberno deuse a coñecer o martes, coincidindo co comezo das rebaixas no Reino Unido, onde se poden conseguir descontos de ata o 70%.

Unha adolescente francesa queda atrapada nun ascensor catro días
Unha rapaza francesa de 19 anos, chamada Safiatou, estivo encerrada durante catro días e tres noites no ascensor dun edificio de vivendas sociais de Saint-Denis, onde vive coa súa familia, informaron o venres fontes policiais. A moza saíra da súa casa o 19 de decembro á mañá para mercar o pan. Ao ver que non volvía, o seu pai alarmouse e avisou ao porteiro despois de comprobar que o ascensor quedara atrancado entre dous andares. Pero tanto o porteiro como os ascensoristas dixéronlle que o elevador estaba baleiro, denunciou o pai, que buscou a súa filla por todas partes durante catro días.
A moza apareceu o venres no ascensor, durmida, tesa co frío e debilitada pola fame, polo que o pai puxo unha denuncia por non asistencia a unha persoa en perigo. A rapaza declarou no xornal Le Parisien: «Pasei fame e frío, pero había un pouco de luz. Xogaba cos meus zapatos, pensaba, durmía. Aguantei porque estaba segura de que me liberarían». A policía interrogará o porteiro, os reparadores e os responsables do edificio para comparar as súas versións coas do pai e a moza, que asegurou que premeu o botón da alarma cando quedou atrapada.

Un alemán despistado acaba nos Estados Unidos en vez de en Australia
Un alemán de 21 anos que quería viaxar a Sydney, Australia, para pasar o Nadal coa súa moza, embarcou por erro cara a Sidney, unha cidade do noroeste dos Estados Unidos de menos de 5.000 habitantes, informou o xornal Bild. Tobias Gutt, que é pasante nun bufete de seguros, cometeu unha falta de ortografía ao mercar o billete pola internet e escolleu o destino «Sidney, USA», pero non lle estrañou o de USA ao pensar que se trataba dunha escala na viaxe. Así, uns días antes do Nadal, o mozo colleu o avión de Berlín a Frankfurt e logo de Frankfurt a Portland, Oregón. Alí subiu nunha avioneta con destino ás misteriosas aldeas de Missoula, Helena e Billings, en Montana. Empezouse a sorprender, pero non dixo nada, a pesar da ver neve nas montañas rochosas, cando levaba as maletas cheas de roupa para o verán austral. Ao chegar a Billings, o viaxeiro, ao que só lle faltaba unha hora para chegar a Sidney, con código SDY, en vez do SYD da cidade australiana, chamou por teléfono aos que agardaban por el a 14.000 quilómetros de distancia.
A historia tivo final feliz. Grazas aos cartos xuntados pola súa familia, Tobias colleu en Billings un voo cara a Denver, logo a Los Ángeles e finalmente a Sydney, onde puido pasar as festas coa súa moza.

24 de decembro 4 February 2007, 14:02

Un colexio prohibe que un rapaz pose cunha espada nun anuario
Un estudante estadounidense de 17 anos foi obrigado a facer unha foto nova para o anuario escolar, despois de que as autoridades educativas decidiran que a imaxe na que vestía unha armadura e brandía unha espada ía contra as normas da institución.
Robert Littlefield, director do centro, situado no estado de Rhode Island, asegurou que a fotografía vulneraba a política da institución de tolerancia cero ás armas, a pesar de que a espada estivera no edificio da escola. «Que os estudantes leven armas non concorda coa nosa política nin coa misión do colexio». Paradoxalmente, a mascota da escola é un soldado da Guerra da Independencia armado cun rifle. Littlefield dixo: «Este é un asunto totalmente diferente. A ilustración dun soldado de hai 250 anos non pode ser unha ameaza para o noso ambiente educativo».

Indemnizan un home que se volveu adicto ao sexo despois dun accidente
Un cristián devoto que asegura que un accidente laboral lle aumentou a libido, o que o obrigou a recorrer a prostitutas e pornografía, conseguiu o martes unha indemnización de máis de 3 millóns de libras, 4 millóns e medio de euros.
Stephen Tame, británico de 29 anos, sufriu feridas graves na cabeza nunha caída, o que o converteu nunha persoa desinhibida, que cometeu dúas infidelidades. Pasou dous meses en coma despois de caer dunha estada cando traballaba nun almacén de bicicletas pouco despois da súa voda, en xaneiro do 2002. Os médicos cualificaron a súa recuperación de milagrosa.
O xuíz Michael Harris, do Tribunal Superior de Xustiza de Londres, dixo, no momento de sentenciar a indemnización: «A súa vida e a da súa muller víronse esnaquizadas».

Un xuíz arxentino baseou a súa sentenza no lido en elrincondelvago
A fiscalía e avogados das vítimas dunha explosión en Arxentina pediron a destitución dun xuíz que exculpou os militares acusados baseándose en datos tirados do sitio español rincondelvago.com.
Contradicindo as pericias xudiciais, o xuíz Diego Estévez ditaminou que o estoupido fora un accidente, polo que exculpou os seis militares acusados despois de once anos de proceso.
O xornal La Voz del Interior descubriu a fin de semana pasada que Estévez baseou o seu fallo en datos sobre as características dos explosivos que obtivo da páxina web, moi usada por estudantes para copiaren apuntamentos feitos por outros.
O maxistrado adminiuno, pero recalcou que tamén consultara outras páxinas, como a da Organización Internacional do Traballo ou das Nacións Unidas sobre a seguridade na manipulación dos explosivos. Diego Estévez defendeu o uso da rede como fonte de información, fronte ás persoas que o pretenden descualificar por iso. Pero, da outra banda, o fiscal Stornelli asegura que o xuíz se baseou en elementos de xuízo que non están nas actuacións e que ademais ignorou probas e testemuños, polo que o ditame é ilegal. «É bochornoso que un xuíz copie textualmente parágrafos dun informe na rede sen autor e sen fonte e non sinale no fallo a procedencia da información», dixo Horacio Viqueira, un dos avogados das vítimas.

Un rapaz de Singapur podería ir á cadea por usar a wi-fi do veciño
Garyl Tan Jia Luo, de 17 anos, podería ir á cadea despois de recoñecer que se conectou á internet sen permiso empregando a rede sen fíos do seu veciño. O proceso comezou en maio, cando o veciño interpuxo unha demanda contra o mozo. Garyl asegura que está moi arrepentido polo que fixo. É a primeira persoa acusada en Singapur por este delito, que está penado cunha condena de ata tres anos de cadea e unha multa de máis de 10.000 dólares (7.600 euros). Para burlar a sentenza, o mozo aceptou alistarse inmediatamente no exército para cumprir o servizo militar obrigatorio, o que lle podería servir de atenuante.

Perigo en Suecia polas barbas inflamables de Papá Noel
Os santaclaus, papasnoel ou paisnatal corren o risco de saír ardendo, non só polo perigo de que as chemineas estean prendidas, senón por unhas barbas postizas inflamables das que advertiu unha institución sueca. O Instituto Nacional Sueco de Probas e Investigacións probou seis modelos de barba á venda no país nórdico e dous fracasaron as probas de lume, xa que ardían en vez de se apagaren inmediatamente.
O experto en incendios Per Thureson dixo: «Penduramos as barbas nun laboratorio e colocamos unha pequena chama debaixo delas dous segundos para simular a situación na que Papá Noel se achega a unha vela ou a un misto».
As marcas afectadas xa chamaron os seus clientes para recollerlles as barbas, pois, tendo en conta que moitos papasnoeles non están sobrios a noite de Nadal, existe o risco de que sufran queimaduras.

Un xaponés sobrevive 24 dias hibernando sen máis alimento que prebe de barbacoa
Mitsutaka Uchikishi, funcionario municipal de 35 anos de idade, saíu a facer unha merenda cuns amigos o 7 de outubro preto do monte Rokko, preto da cidade de Kobe. O home decidiu voltar á casa antes ca os seus amigos e sufriu unha caída que lle produciu unha lesión nas costas, segundo contou el mesmo á prensa. Só, sen se poder mover nin pedir axuda, non se puido alimentar máis ca cun bote de salsa barbacoa, da que só probou un pouco, «pois non era realmente comestible», dixo Mitsutaka. O segundo día, deitouse na herba ao sol. «Estaba ben e acabei durmindo. É o último que lembro», asegurou. Cando os servizos de rescate o atoparon o 31 de outubro, 24 días despois, a temperatura do seu corpo era de 22 graos.
O médico asegurou que o home caera nun estado de hipotermia semellante á hibernación, grazas ao cal as súas funcións cerebrais quedaron protexidas. O home reincorporouse ao seu traballo en Nishinomiya este mércores.

17 de decembro 22 December 2006, 23:52

Catro de cada dez australianos renunciarían ao sexo a cambio de gañarlle a Inglaterra ao críquet
Segundo unha enquisa do semanario ‘Zoo Weekly’, o 41 por cento dos 20.000 homes que responderon o cuestionario afirmaron que pagaría a pena pasar catro semanas de abstinencia se o seu equipo de críquet era quen de gañarlle á selección inglesa. Mesmo algúns se amosaron dispostos a pasaren un ano de celibato se Australia recuperaba o trofeo mundial.
O ano pasado, Inglaterra deu a gran sorpresa no mundo do críquet cando lle quitou a Australia o título The Ashes (as cinsas), que xogan periodicamente a antiga metrópole e a ex-colonia. Australia adiantouse 2-0 nunha serie que vence o mellor de cinco partidos, polo que só precisa dun triúnfo para recuperar o trofeo.

Científicos usbecos din ter atopado o elixir da vida
A academia de Ciencias de Usbequistán defendeu o luns a invención dun medicamento á base de sangue de tartaruga que podería prolongar a vida humana ata os cen anos e que xa provocou as burlas de varios medios independentes. O compoñente, denominado Tortezin polos seus inventores, e como «elixir da vida» pola web Uzmetronom, protexe tamén dos efectos da radioactividade, segundo os científicos que o inventaron.
A academia criticou o «desprezo de certos medios difamadores», afirmando que a resistencia á radioactividade das tartarugas de Asia central está máis que demostrada dende os anos 70. Malia isto, a propia academia considera que non se pode probar a eficacia do Tortezin ata que non haxa ensaios clínicos. Os científicos usbecos son optimistas neste aspecto e estudan patentar un método para sacarlles o sangue ás tartarugas sen risco.

Unha anciá de 76 anos desfaise a tres ladróns
Unha muller colombiana de 76 anos evitou que tres delincuentes roubaran na súa tenda e sacounos a empurróns do establecemento, segundo informaron varios xornais da cidade de Bucaramanga. Ana Hernao evitou o martes que os tres ladróns roubaran no seu pequeno negocio do barrio de San Francisco, que nese momento estaba a ser atendido polo seu neto de doce anos. Os homes dixeron que eran clientes habituais e pediron tres gasosas, pero despois sacaron armas de fogo, coas que apuntaron ao menor e obrigárono a darlles cartos.
A anciá acudiu polo seu neto e pediu axuda aos veciños berrando, mentres deitaba no chan un dos delincuentes que levaban pistola, segundo indicaron algunhas testemuñas, que agora a chaman «A superavoa». Dous dos asaltadores foron capturados pola policía, pero un terceiro conseguiu fuxir.
Os tres fillos da muller dixeron que están orgullosos da súa valentía, pero pedíronlle que non volva repetir este tipo de fazañas para non poñer en perigo a súa vida.

Receitan Viagra para deixar de fumar por un erro informático
Unha clínica británica prescribiu Viagra a varios pacientes que querían deixar o vicio de fumar, supostamente por un erro informático. Segundo fontes do centro asistencial NHS Greater Glasgow and Clyde, o erro xurdiu no momento de escoller o medicamento no formulario electrónico. En lugar de seleccionar o Zyban, menciña contra o tabaquismo, elixiron Sildenafil, denominación xenérica da Viagra. Un voceiro do instituto asegurou que as prescricións están suxeitas a unha coidadosa dobre análise polo equipo de doutores e farmacéuticos. Nada se di de como reaccionaron os candidatos a ex-fumadores.

Déixalle en herdanza 400.000 dólares á cidade dos Ánxeles e un dólar a cada un dos seus irmáns
Theodore DiFiore, de 79 anos, deixoulles 442.000 dólares aos habitantes da cidade dos Ánxeles pero decidiu que cada un dos seus cinco irmáns non merecía máis ca un dólar, segundo informou este mércores o Los Angeles Times.
O home morreu xa no ano 1990, e deixoulles os seus bens, entre eles unha gasolineira e un taller mecánico, aos anxelinos. O avogado Robert Pasquinelli, que está a levar o caso, dixo: «Creo que era un home intratable, pero non teño nin idea de por que escolleu a cidade dos Ánxeles para deixarlle a súa fortuna». Durante anos, o concello non soubo que facer con estas propiedades. Agora, os negocios de DiFiore, que están situados na localidade tamén californiana de San José, están en moi mal estado, e precisan arranxos antes de que se poidan vender, para que os cartos vaian para as arcas da segunda cidade máis grande dos Estados Unidos.

Comisan no Perú champaña adulterado da marca Bin Laden
As autoridades sanitarias peruanas comisaron o mércores unha gran cantidade de produtos falsos, entre eles botellas de champaña adulterado. O seu estado xa espertou sospeitas ao ver o seu nome: Bin Laden. No produto non constaba o lugar de fabricación e vendíase no mercado popular Mochoquete, na cidade de Chiclayo, famosa polos seus chamáns e curandeiros. Na etiqueta da bebida líase o apelido do líder de Al Qaeda, aínda que non había ningunha alusión gráfica a Osama.
Ademais das botellas de champaña, as autoridades confiscaronpanetones e doces de nadal sen control de calidade que se vendían aproveitando que se achegan as festas.

10 de decembro 22 December 2006, 23:50

Descargar o arquivo en PDF.

Previous Next