Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

22 de xullo 29 July 2007, 21:47

A nai do membro dunha banda xuvenil leva no coche o seu fillo de 14 anos para matar un rival
Eva Daley, nai dun pandilleiro xuvenil, levou en automóbil o seu fillo e outros seis membros da súa banda a un parque de patinaxe para que asasinasen un rapaz de 13 anos ao que lle tiñan rancor, segundo informaron investigadores da policía. Daley, de 30 anos, desprazou no seu vehículo varios membros da banda Latin Marijuana Smokers ao parque, onde mataron a puñaladas a José Bobby Cano, dixo a policía.
Daley e os sete rapaces foron acusados de asasinar a Cano o 26 de xuño preto do parque de patinaxe de Long Beach, cidade californiana de 462.000 habitantes situada a 40 quilómetros ao sur de Los Angeles. A nai foi encarcerada e impúxoselle unha fianza dun millón de dólares, aínda que ela declarou a súa inocencia perante o xuíz.

Merca unha Playstation en eBay e atopa 65.000 euros no paquete
Un adolescente británico atopou a cantidade de diñeiro en efectivo agachada no paquete da Playstation 2 que acababa de comprar nunha poxa a través da rede. O rapaz, de 16 anos, pagou 95 libras (140 euros) pola consola de segunda man, e cal foi a súa sorpresa cando descubriu os 65.000 euros, en moeda europea, no interior da caixa. A pesar da evidente tentación, o rapaz non quedou cos cartos. Os seus pais puxéronse en contacto coa policía local da súa cidade, Aylsham, en Norfolk, e os axentes fixéronse cargo do diñeiro. Un voceiro da policía confirmou que se lle devolverán os billetes ao propietario, sempre que a súa orixe sexa legal. Se non se atopa o dono legal dos cartos, un tribunal decidirá o seu destino. O sitio eBay comprometeuse a colaborar na pescuda.

Un xogador de rugby sufría dores de cabeza por un dente dun rival chantado na fronte
Ben Czislowski, xogador australiano de rubgy, acudiu ao médico afectado por fortes dores de cabeza. Alí, sorprendeuse cando na consultra lle sacaron da fronte o dente dun rival, que era a causa da súa migraña, informaron este martes medios locais. O xogador chocara violentamente contra un contrario nun partido da copa Queensland a comezos de abril. O lance rematou coa súa fronte aberta e a mandíbula e varios dentes rotos do rival. Czislowski contou no Brisbane’s Courier Mail que despois do partido coséronlle a ferida e dende entón sufría agudas dores de cabeza, somnolencia e mesmo unha infección nun ollo. O deportista, de 24 anos, foi ao médico ao se ver incapaz de recuperar a súa forma. O diagnóstico foi que un dente estaba chantado na súa fronte, xusto enriba do ollo esquerdo. O xogador dixo que lle devolvería o dente ao seu dono se llo pide.

E seguimos con dentes. Un biscaíño denuncia a aparición dun dente de ouro dentro dun caramelo.
Un veciño de Santurtzi de 76 anos denunciou que atopou un dente de ouro no interior dun caramelo de café con leite. Segundo comentou un familiar, o señor mercou unha bolsa de lambetadas nunha pastelaría do centro da localidade. O domingo 8 de xullo atopou a funda do dente nun dos caramelos mentres o estaba a chuchar. O home dixo ter sentido «noxo e sorpresa» co achado, e o pasado 13 de xullo presentou unha denuncia perante a Subdirección de Saúde Pública de Biscaia.

Noite de vodas na libraría para mercar o libro de Harry Potter
A noite de vodas dunha parella do estado de Oregón tivo unha maxia especial. Courtney Lanahan, de 23 anos, e Shawn Gordon, de 24, dirixíronse directamente o venres dende a recepción da súa voda a unha libraría para mercar o último e derradeiro libro de Harry Potter. A data oficial do lanzamento do libro foi o sábado, pero moitas tentas abriron á medianoite para celebrara o debut de Harry Potter and the Deathly Hallows. A voda comezou ás sete do serán e logo houbo unha recepción. Ás once e media, unha limusina recolleu os recén casados e levounos a un centro comercial. «É o mellor agasallo de vodas», expresou a noiva. A parella perdeu as actividades previas e tampouco puido participar no concurso de disfraces, pero a libraría Barnes and Noble reservoulle o primeiro lugar da fileira.

Unha empresa india lanzará uns preservativos con sabor a tabaco
Unha empresa india sacará ao mercado preservativos con gusto a tabaco, logrado cunha mestura de follas e noces de betel, informou este martes a prensa do país. Segundo Sanjeev Gaikwad, responsable dunha organización de loita contra a sida que contribúe no lanzamento do novo produto, trátase do sabor que prefiren as prostitutas, antes ca a banana ou o chocolate. «A maioría dos traballadores do mercado do sexo mastican paan», explica, un produto tónico e astrinxente composto por follas de tabaco e de betel, planta que contén unha semente semellante á pementa. Os condóns venderaos a empresa pública Hindustan Latex antes de fin de ano.

Comments

comentarios desactivados para este artigo