Un ladrón devolve todo o que roubara despois de ter un soño
Bülent Karacan, ladrón turco de 30 anos que comezou a delinquir aos 15 anos, tivo un soño mentres durmía na rúa, nun banco da cidade de Bolu, ao oeste do país, conta o xornal Sabah. No soño, un home vello de barba branca díxolle que tiña que xurar que non volvería roubar nunca máis e que comezase a rezar. «Despois dese soño, decidín deixar de roubar e devolver todo o que lles subtraera aos propietarios de 22 tendas», declarou ao xornal o home, que agora vive na cidade de Ordu. Nos últimos dous anos e medio xa pagou a metade do importe dos roubos de trece anos e agora traballa nunha compañía téxtil onde pode aforrar cartos para devolver o resto. O dono da fábrica confesou que ao principio tiña medo de darlle traballo a Karacan porque tiña antecedentes penais.
Prohíbenlles levar máis tatuaxes aos marines dos EUA
A partir de hoxe mesmo os marines estadounidenses non poderán levar grandes tatuaxes, pois o comandante James Conway ordenou que se prohíban novos deseños que sexa visibles cando os militares leven manga ou pantalón curto. A nova regulación dispón que os marines teñen prohibidas tatuaxes ou imaxes na cabeza e no pescozo. Tampouco se permiten as tatuaxes estendidas, é dicir, que cubran case por completo as extremidades dunha persoa. Os debuxos non poden atentar contra a orde, a disciplina, a moral nin teren referencias sexistas, racistas, vulgares, antiestadounidenses, antisociais ou vencelladas a grupos extremistas. Pero, os marines que xa as teñen, poden conservalas.
Un cisne namora dun barco a pedais
Un cisne negro está namorado un barco a pedais situado nun lago de Münster, Alemaña. Petra, que así se chama a ave, namorou dun barco a pedais con forma de cisne xigante na primavera do ano pasado, e dende aquela non se separou do seu amor platónico. O cisne mesmo se negou a abandonar o seu compañeiro durante o inverno, e acompañouno durante a súa estancia no zoo da localidade ata a súa volta ao lago de Aasee, onde comezou o romance.
Atopan en Australia un sapo do tamaño dun can
Toadzilla, que así se chama o anfibio, pesa case un quilo e é o sapo máis grande que se atopou no norte de Australia. Estes animais velenosos foron introducidos no país dende a illa de Hawai na década dos anos 30 para controlar a poboación nativa de escaravellos xigantes, e agora os ecoloxistas están a loitar contra a súa proliferación.
O grupo FrogWatch, encargado de organizar cazarías de anfibios, dixo que o animal medía 20,5 centímetros de lonxitude. Calcúlase que dende a súa introdución no estado de Queensland, no continente australiano hai xa 200 millóns destes sapos, segundo informou a BBC.
Vai curar a miopía e volve con peitos novos e lentes de cu de vaso
Unha muller que quería operarse da vista decidiu apuntarse ao concurso ‘Cambio radical’ de Antena 3, e saíu seleccionada. Asesorada polos expertos do programa, a aspirante aceptou facerse unha liposucción, operarse do nariz e implantar silicona nos seus peitos, ademais da arelada cirurxía refractiva na clínica Teknon. Pero, cando só lle faltaba esta última operación, a paciente sufriu unha reacción á anestesia que a mantivo na UCI tres días. O marido denunciou que non o informaran da grave eventualidade, polo que aproveitou a ocasión para levar a muller de volta para a casa.
A cadea de televisión evitou facer comentarios ao respecto, amparándose nos contratos de confidencialidade asinados, aínda que a produtora Boomerang asegura que no espazo non se incitan operacións que non sexan desexadas polos participantes.
Pagan 700 euros por probar condóns
Non importa o estado civil, a raza, a orixe nin a orientación social. Calquera pode ser probador de condóns e lubricantes da empresa Durex e gañar 500 libras, 735 euros, por contar como lle foi. Iso si, hai que ser home e vivir no Reino Unido. A marca de preservativos anda a buscar 5.000 candidatos que queiran probar a súa nova liña de produtos. A idea é crear un panel de mostra de persoas que manteñan relacións sexuais usando produtos da marca. Na súa páxina web, Durex explica os pasos que hai que seguir para poder gañar esas 500 libras por pasar un bo anaco. Só hai que contestar un sinxelo cuestionario con preguntas como a idade, se tes parella e que produtos che gustaría probar. A compañía xa tivo unha idea semellante o ano pasado en Francia, onde recibiu máis de 14.000 solicitudes. De momento, a iniciativa non chegou á Península Ibérica.
Comments
comentarios desactivados para este artigo