Ameazan con multar en Hong Kong os que non coman os pratos enteiros
Os restaurantes da cidade chinesa de Hong Kong están a colocar carteis nos que advirten os clientes de que os multarán con dous euros se non comen todo o que pediron. A práctica pretende evitar que se desaproveite a comida. O xornal ‘South China Morning Post’ asegura que esta tendencia xa está moi estendida nos restaurantes especializados en sushi e hot pot. Xa hai anos que nos restaurantes de buffet libre de Pequín se impoñen multas de ata 20 euros ás persoas que collan máis comida da que poden comer, co que o custo da sanción chega a superar o do xantar.
Malia isto, os hostaleiros de Hong Kong non desexan perder a súa clientela con este tipo de multas. Algúns dos usuarios de casas de comida xaponesa chegan a agochar o sushi que lles sobra debaixo dos pratos para que non os sancionen.
Como desfacerse dos restos de comida é un dos problemas que máis lle afectan á superpoboada cidade chinesa, polo que están a deseñar unha especie de estómago artificial xigante que descompón a comida en auga e dióxido de carbono.
Fan en Serbia a salchicha máis longa do mundo
Un embutido de 2.023 metros de longo, fabricado para entrar no libro Guinness dos récords, é a principal atracción do festival da salchicha de Turija, ao norte de Serbia. A salchicha pesaba máis de dúas toneladas, e un equipo de carniceiros da vila tardou catro días en fabricala, para o que precisou carne de 24 porcos, informaron medios de comunicación do país balcánico. Á vixésimo terceira edición do festival de Turija acudiron a fin de semana pasada máis de 15.000 visitantes, que supoñemos darían boa conta do embutido.
Detidos en Bos Aires dous homes que querían cambiar un billete dun millón de dólares
Dous indixentes foron detidos na Arxentina cando tentaban trocar nun banco un billete dun millón de dólares con data de 1934, informou a prensa local. A policía está a investigar a autenticidade da nota bancaria. O Banco da Nación de Corrientes revolucionouse o xoves coa chegada dos dous cartoneros, como se lles chama no país sudamericano aos que viven da revenda de papeis e cartóns que recollen nas rúas. Os homes, de apelido Lezcano, presentáronse no banco para que lles cambiasen o billete polo seu equivalente en pesos, pero os empregados rexeitárono por crelo falso. Os indixentes foron detidos, a pesar de que xuraron ter atopado o billete nunha bolsa de plástico no medio do lixo. O billete ten data de 1934, época en que se chegaron a imprimir billetes de 100.000, pero non dun millón de dólares.
Tratan a adicción á internet con descargas eléctricas
Unha suposta técnica de medicina tradicional chinesa baseada en impulsos eléctricos de baixa voltaxe é empregada en clínicas militares para combater a adicción á rede, unha suposta doenza que padece un 14% dos adolescentes do país asiático. A técnica deuse a coñecer despois de que o Washington Post publicase unha reportaxe sobre a Base de crecemento psicolóxico para adolescentes chineses, hospital militar do distrito pequinés de Da Xing. O seu director non para de recibir chamadas de axencias estranxeirase dende entón. Tao Ran explica que é unha técnica relaxante e que non ten nada que ver co electroshock.
«Lin a reportaxe, pero non usamos electroshocks. Viron que os nenos tiñan electrodos na cabeza e nos pés e pensaron que era iso. Pero os da cabeza son para controlar as ondas cerebrais e os dos pés son para reaxustar o reloxo biolóxico», explicou Ran, quen engadiu: «Os nenos viven conforme ao horario americano, xogan na rede toda a madrugada, por iso durante o día obrigámolos a facer exercicios militares e antes de durmir empregamos esta máquina durante media hora para reaxustar os seus horarios».
Nace un pato con catro patas nunha granxa inglesa
Por unha estraña mutación xenética, un pato de oito días de vida ten duas extremidades de lonxitude case normal detrás das habituais, segundo informaron varios medios de comunicación británicos. Nicky Janaway, criador de patos en New Forest, condado de Hampshire, amosoulle o parrulo, chamado Stumpy, á prensa. «Foi algo incrible. Pensei ‘ten demasiadas patas’ e conteinas unha e outra vez. ‘unha, dúas, tres, catro’».
De ter nacido en estado salvaxe, Stumpy non tería sobrevivido, pero no criadeiro de patos Warrawee poderá alongar a súa existencia. «Está a comer, sobrevive e ao correr esas outras patas sérvenlle para se estabilizar», explicou Janaway.
Venden na rede presuntos cabelos de Britney Spears
Dende o luns, ducias de sitios de subastas na internet ofrecían as «auténticas» mechas dos cabelos da cantante estadounidense Britney Spears, que decidiuse rapar ao cero a semana pasada. No entanto, a persoa que ten o pelo auténtico aínda non se desfixo del, e estuda sacalo a poxa con fins benéficos. Mentres se poden ver por todo o mundo as fotos da cantante de 25 anos completamente calva, os internautas están tentados de mercar o que prometen ser os auténticos cabelos de Britney.
Un habitante de Manchester puxo á venda en eBay un «mechón de cabelo de Britney que recibín hoxe dende os Estados Unidos, enviado polo meu pai que traballa en California». Pero o rapaz non puido confirmar a súa autenticidade. Ademais dos supostos pelos da cantante de «Oops! I did it again», tamén se poden mercar artigos de perrucaría que estiveron relacionados co cambio de ‘look’. Por 9,99 dólares, prezo de saída, os fans da Spears poden mercar «a verdadeira vasoira coa que se varreron os cabelos da cantante». Pero este obxecto tamén é sospeitoso, pois o que pon a poxa o obxecto vive en Carolina do Norte, a 4.000 quilómetros de California.
Comments
comentarios desactivados para este artigo