Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

26 de novembro 22 December 2006, 23:46

Un bebé encerra a súa nai no balcón
Unha nai alemá tivo que ser rescatada do balcón pola policía e os bombeiros, despois de que o seu fillo de oito meses a deixase pechada nel, informou o mércores a policía de Augsburgo. O meniño, que estaba a dar os seus primeiros pasos, apoiouse no peche do balcón do apartamento familiar cando súa nai, de 19 anos, se atopaba alí o martes á mañá.
O pasador da porta pechouse e a nai, que quedou atrapada no balcón, púxose a berrar para que a axudasen os veciños. Despois de que a rescataran os bombeiros, a nai reuniuse co seu bebé, san e salvo coma ela.

A prensa británica solidarízase co calvo da lotaría
O xornal inglés ‘The Guardian’ dedicoulle un artigo na edición do xoves a Clive Arrindell, actor coñecido por interpretar o calvo do anuncio da lotaría española entre os anos 1998 e 2005. O periódico conta que Arrindell afeitaba a cabeza e viaxaba a España todos os nadais para escenificar o conto de fadas no que lle desexaba sorte a todo o estado. Polo spot cobraba 48.000 euros.
O Guardian critica a decisión da empresa loteira de cambiar o anuncio, despois de ter dito hai dous anos que o calvo representaba «o espírito da lotaría de Nadal, carismática, misteriosa e chega de misterio». Segundo o medio de comunicación británico, ese espírito conseguira aumentar as vendas nun 11 por cento anual. A blogosfeira do Reino Unido, que parece estar bastante viva aínda, tamén sentiu a súa marcha, aínda que pouca xente coñece o nome de Arrindell.

Seguimos na Gran Bretaña. Alí, un home engade ao seu nome todos os títulos da saga de James Bond
Un mozo británico fanático da saga cinematográfica do axente 007 decidiu engadir ao seu nome todos e cada un dos títulos dos filmes oficiais de James Bond. Agora ten un apelido composto por nada máis e nada menos que 69 palabras.
Antes coñecido como David Fearn, agora chámase James Dr No From Russia With Love Goldfinger Thunderball You Only Live Twice On Her Majesty’s Secret Service Diamonds Are Forever Live And Let Die The Man With The Golden Gun The Spy Who Loved Me Moonraker For Your Eyes Only Octopussy A View To A Kill The Living Daylights Licence To Kill Golden Eye Tomorrow Never Dies The World Is Not Enough Die Another Day Casino Royale Bond.
Con este mérito, converteuse na persoa co apelido máis longo da historia do Reino Unido, ata que a alguén se lle ocorra superalo.

Fuman o porro máis grande do mundo
Xa imaxinan onde foi. En Ámsterdam, na discoteca Melkweg, que en neerlandés significa Vía Láctea. Alí, varias persoas puxéronse a fumar o que é considerado o porro máis grande xamais feito. O evento foi na noite de entrega dos premios á decimonovena edición do Festival Copa Cannabis, que se celebrou do 19 ao 23 de novembro. Expertos en drogas brandas, cultivadores e comercializadores de todo tipo de produtos relacionados coa marihuana danse cita cada ano na capital dos Países Baixos para ese festival, no que se premia a mellor variedade.
O plan para lear e fumar o porro máis grande do mundo estívose a punto de cancelar por medo dos organizadores a vulnerar a lei, pero, ao final, fíxose. O cigarro, dun metro e medio de longo, contiña 500 gramos de marihuana. O récord anterior fora de cen gramos.

Convocan un orgasmo colectivo a prol da paz mundial
Unha organización estadounidense fai un chamamento á humanidade para que o 22 de decembro experimente un orgasmo colectivo pola paz. Donna Sheehan e Paul Reffel pídenlle a todo o mundo, especialmente os que habitan en países con armas de destrución masiva, que o día do solsticio de inverno, á hora que queiran e no sitio que queiran, contribúan a efectuar un cambio no campo enerxético da Terra mediante un orgasmo mundial sincronizado. Os organizadores aseguran que este é o momento axeitado, pois dúas frotas estadounidenses se están a dirixir cada ao golfo pérsico para atacar Irán.
Sheehan e Reffel baséanse no proxecto da conciencia global, un programa da universidade de Princeton que mide o efecto que pode ter o pensamento humano no devir dos feitos. Tentan que os participantes concentren todos os seus pensamentos na paz durante e despois do orgasmo. A parella promotora da iniciativa ten a esperanza de que o enorme influxo da enerxía física, mental e espiritual cunha intención consciente pacífica teña efectos positivos profundos que cambien o estado de violencia da humanidade. Segundo eles, a inxección desa forza no campo enerxético da Terra contribuirá a ese cambio positivo. Este será o primeiro orgasmo mundial sincronizado pola paz, cara ao solsticio de decembro do 2012, data na que remata o calendario maia.

Un neno xeorxiano de oito anos arrastra un autobús de máis de dúas toneladas
Guiorgui Bibilauri, un neno xeorxiano de oito anos arrastrou o xoves un autobús de máis de dúas toneladas de peso. Varios centos de persoas foron testemuñas destes feitos na cidade de Tiflis, capital de Xeorxia. O rapaz, xa coñecido coma o sansón xeorxiano, mide 1 metro 55 de altura e pesa 93 quilos. Conseguiu mover o autocar 43 metros diante do abraio dos espectadores. Por se fora pouco, dentro do bus ían cinco pasaxeiros, co que o peso total do vehículo era de 2.115 quilos.

Mobilización en Xapón por un can perdido
Un can que estivo acurralado seis días nunha montaña xaponesa provocou unha mobilización dos servizos de rescate, os medios de comunicación e os cidadáns. O seu espectacular salvamento foi retransmitido en directo pola televisión e estivo nas primeiras páxinas dos xornais do mércores. O cadelo, un palleiro de cor améndoa, atopábase acurralado a uns 70 metros de altura nunha estrutura de cemento deseñada para conter os desprendementos nunha montaña na illa de Shikoku.
17 bombeiros tentaron sen éxito coller o can cunha rede. O animal non se deixou coller, polo que, catro horas despois, os rescatadores tiveron que empurralo ao baleiro para que caera sobre unha rede. A audiencia reaccionou con aplausos. O can foi levado a un refuxio para que o curen. Centos de xaponeses xa telefonaron aos bombeiros coa intención de adoptar a mascota.

Comments

comentarios desactivados para este artigo