Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

29 de outubro 31 October 2006, 11:36

Dous homes decláranse culpables de roubarlle segredos á Coca-Cola
Ibrahim Dimson, de 29 anos, e Edmund Dunahey, de 43, recoñeceron nun xulgado de Atlanta a súa culpabilidade de roubarlle segredos industriais á empresa Coca-Cola e de tentarllos vender á competencia, a Pepsi Cola.
Os dous procesados enfróntanse a penas máximas de 10 anos de cadea e multas de 250.000 dólares, nunha sentenza que se ditará o 29 de xaneiro.
A investigación do caso comezou en maio, cando uns directivos da Pepsi en Nova York recibiron unha carta asinada por un tal Dirk na que lles ofrecían segredos da Coca-Cola. Os directivos da Pepsi puxéronse en contacto coa competencia, que á súa vez o denunciou perante o FBI.
Un axente desta institución fíxose pasar por un directivo da Pepsi interesado na información, pola que presuntamente lle esixiron un millón e medio de dólares. Unha terceira implicada e suposta artífice do negocio, Joya Williams, foi gravada no traballo mentres aparentemente roubaba documentos e unha botella con mostras dunha nova bebida de Coca-Cola.

A policía británica busca un home que caga nos trens
Un delincuente escatolóxico converteuse nunha das persoas máis buscadas na Gran Bretaña. Segundo informa Sky.com, o individuo xa fixo as súas necesidades en polo menos 30 trens, deixando os excrementos dentro dos vagóns, o que supuxo uns danos valorados en 60.000 libras.
O home ten sempre o mesmo modus operandi: agarda a quedar só no vagón para se poder concentrar e defecar. O efecto das súas accións provoca tanta repugnancia que varios dos trens afectados foron retirados do servizo. Segundo a policía do transporte, este hábito é un risco para a saúde pública.
O suxeito practica as súas actividades en diferentes momentos os sete días da semana.

Una galería galesa abre unha exposición na que non se expón nada
O Chapter Arts Centre, de Cardiff, propón o último en arte conceptual: unha galería baleira, coas paredes totalmente espidas. Esta mostra convida aos visitantes a lembrar as súas experiencias noutras salas de arte. A idea dos organizadores é existir en dous espazos ao tempo: o lugar no que se está e mailo que se atopa na memoria.
O promotor desta obra, titulada Galería Espazo Lembranza, é Simon Pope, de 40 anos, que asegurou no xornal The Independent que o seu proxecto é totalmente serio.
Pope, en colaboración co neuropsicólogo Vaughan Bell, pretende recrear os síntomas dun trastorno coñecido como paramnesia reduplicativa. Aínda que o convite ao recordo dese espazo pode parecer unha parvada, as respostas que se poden acadar son moi complexas. Así, mentres algúns visitantes reaccionan como se se lles gastara unha broma, outros móvense pola sala baleira coma mimos ou figuras dun ballet.
A mostra está aberta en Cardiff, país de Gales, Reino Unido, ata o 5 de novembro.

Unha muller exipcia divórciase para poder levar veo
Naama, de 63 anos, nai de 4 fillos e avoa de nove netos, decidiu deixar o seu home, de 65 anos, porque el lle recomendaba usar un pano lixeiro que só lle cubría o cabelo, en lugar do tradicional hiyab. Segundo o seu ex-marido, o veo que se considera a norma mínima para as mulleres relixiosas, podía resultar desagradable para os convidados estranxeiros. Por este motivo, ela rebelouse e pediu o divorcio.

Asaltan uns asaltantes que roubaran un coche no Río de Janeiro
Unha parella de asaltantes que viñan de roubar un coche familiar foron asaltados pouco despois por outra banda de delincuentes, segundo fontes policiais. O dobre delito aconteceu o pasado sábado á noite no barrio carioca de Tijuca, cando unha muller, seu irmán e o fillo del de cinco anos volvían dunha festa infantil. Cando pararon a recoller a súa sobriña foron sorprendidos por dous homes armados con revólveres.
Estes primeiros delincuentes subiron ao coche, pero, poucos minutos despois, os criminais e os seus catro reféns foron interceptados por outro automóbil, do que baixaron tres homes armados con pistolas. Estes sacaron o condutor do vehículo roubado, mentres que o seu cómplice fuxiu coa carteira e os bens dos auténticos propietarios do coche. Os tres criminais, os segundos, deixaron a familia marchar e fuxiron co vehículo, que apareceu á mañá seguinte con diversos danos.

Ronaldo sairá nun episodio dos Simpson
O dianteiro do Real Madrid Ronaldo aparecerá nun episodio da serie de debuxos animados Os Simpson. O xogador brasileiro actuará como profesor de fútbol da familia Simpson nun capítulo que se emitirá a comezos do ano que vén na canle estadounidense FOX, segundo informou a ‘Folha de São Paulo’.
Os Simpson xa provocaran polémica no Brasil hai uns anos cun episodio no que a familia viaxaba ao país sudamericano e sufría todo tipo de penalidades: Homer era secuestrado nada máis desembarcar nun Río de Janeiro cheo de monos, Bart era devorado por unha boa e Lisa asaltada. A alcaldía da cidade presentara unha protesta perante os produtores da serie.

Animan a Fernando Alonso a correr espido contra os sanfermíns
A modelo brasileira Fernanda Tavares, no nome da organización Peta convidou ao recente bicampión mundial da Fórmula 1, Fernando Alonso, a participar nunha carreira nudista en repulsa á festa taurina do San Fermín en Pamplona.
Segundo informou a web deportiva Lance, Alonso recibiu unha carta da modelo na que o convida a tal evento, que se vai desenvolver de xeito paralelo ás festas pamplonesas, do 6 ao 14 de xullo.
Na carta, Tavares expón: «gustaríame moito que vostede correse canda nós no 2007. Faga saber que vostede apoia a carreira de coches, non a tortura aos touros. A Peta creou unha alternativa marabillosa: a corrida humana ou carreira dos espidos, na que miles de persoas corren polas rúas vestidas soamente con pequenos pantalóns ou menos ca iso».

Unha empresa vende o número de Lotaría de Nadal 22106, que conmemora o triúnfo de Alonso
O sitio de internet Ventura24.es comezou a vender números da lotaría de Nadal relacionados con Fernando Alonso, entre eles o 22106, que conmemora a data na que o asturiano gañou o seu segundo mundial. O número, que xa se puxera á venda antes da carreira, converteuse no máis demandado ata agora.
O ano pasado, os que máis éxito tiveron foran o 25905, data na que Alonso se proclamou por primeira vez campión do mundo, e o 31105, data do nacemento da infanta Leonor.
A empresa de venda de lotaría pola internet tamén comercializa outros números relacionados con Alonso, como o 29781, data de nacemento do deportista.

Comments

comentarios desactivados para este artigo