Deteñen un atracador que roubou 40 euros e fuxiu nunha bicicleta
Os Mossos d’Esquadra detiveron un veciño de Granollers de 41 anos que o xoves asaltou un banco de Canovelles, de onde roubou 40 euros e logo fuxiu montado nunha bicicleta.
O atraco produciuse arredor das dez menos vinte da mañá, cando un home con actitude sospeitosa entrou na entidade e tentou poñer unha media de lycra na cabeza. Como non o conseguiu, púxose nervioso e ameazou os empregados cun obxecto que tiña agachado no peto. Un dos traballadores accedeu a derlle unha caixa de moedas ao asaltante, que levou uns corenta euros e fuxiu nunha bicicleta.
Pouco despois, a policía autonómica catalá localizou na rúa Diagonal un home circulando en bici e que se correspondía coa descrición do asaltante.
Tentou fuxir dos axentes pola beirarrúa, pero ao final foi detido. Levaba dúas medias de lycra, unha navalla e moedas gardadas nos petos.
Venden na internet un sándwich adentado por Britney Spears
520 dólares, algo máis de 400 euros, foi o prezo acadado por un bocadillo mordido pola célebre cantante Britney Spears, nunha poxa que se celebrou a semana pasada no portal eBay. O comprador de tan desexado sándwich foi a casa de apostas Golden Palace, que xa mercara outros obxectos de Britney.
O camareiro dun restaurante no que comeron Spears e Kevin Federline recolleu as sobras dun sándwich dela e dun cachorro do seu home. Antes de botalos ao lixo decidiu sacalas a poxa en eBay.
O comprador dese bocadillo xa adquirira anteriormente cuspe e urina da estrela do pop. O voceiro de Golden Palace chegou a facer unha brincadeira coa posibilidade de chegar a clonar a Britney moi pronto.
E algo máis lle custou a un bilbaíno unha cea para dous: 3.300 euros
Un empresario biscaíño, Íñigo Llerena, pagou 3.300 euros por unha cea no restaurante de Ferrán Adrià, El Bulli, por ser o que máis cartos ofreceu nunha poxa benéfica organizada polo club de golf La Quinta de Marbella, e na que participaron outros empresarios, banqueiros e aristócratas.
Llerena poderá gozar de 33 pratos, entre os que se inclúen lingua de gato de ananás ao anís estrelado, brioche ao vapor de mozzarella ao perfume de rosas, ventresca de xarda en escabeche de polo con cebola e caviar de vinagre ou gin-tónic de cogombro.
Os 3.300 euros que pagou supoñen dez veces máis do prezo habitual do menú degustación do restaurador catalán. O destino do diñeiro será axudar a investigar no tratamento da epidermiolose bullosa, enfermidade coñecida tamén como síndrome da pel de bolboreta.
Aínda así, esta cifra queda moi lonxe dos 620.000 dólares que pagou no mes de xullo Yongpin Duan, investidor californiano de 45 anos, por cear con Warren Buffett.
Deteñen en Croacia seis mozas españolas por desvergoñados contactos sexuais
Seis turistas españolas foron detidas o luns no porto croata de Split e, con toda probabilidade, terán que pagar unha multa por ter practicado o que a policía considera «contactos sexuais desvergoñados». Segundo un voceiro do corpo, Ninoslav Auria, as mozas «bañábanse espidas, bicándose e tocándose por todo o corpo, provocando reaccións de protesta dos outros bañistas».
O conflito estalou cando dous homes, de 63 e 41 anos, bateron en dúas das mulleres, no cu e na perna, e lle deron unha labazada a outra. Estes dous homes tamén serán procesados.
A prensa croata fíxose eco da nova con titulares como «Seis españolas detidas por se tocaren espidas na praia», «Lesbo show en Split» e «Orxía de españolas espidas na praia».
Segundo a prensa do estado adriático, testemuñas dos feitos aseguran que o espectáculo durou case unha hora e media. Eran seis mulleres de entre 27 e 33 anos e aspecto punk, que ademais ían acompañadas de catro cans que andaban ceibes pola praia.
No xornal Slobodna Dalmacija, de Split, as mulleres defendéronse asegurando que foran atacadas porque só querían espantar un home que se masturbaba na praia xunto a ellas.
No 2008 despegará o primeiro avión nudista
Varias organizacións naturistas internacionais fretarán no ano 2008 o primeiro avión nudista, que será empregado para trasladar ao Brasil os participantes europeos e os viaxeiros que o desexen ao Congreso Mundial da Federación Internacional. É probable que o voo despegue do madrileño aeroporto de Barajas, para o que xa se está a negociar con varias compañías aéreas.
Así se anunciou no decurso do congreso internacional que se está a celebrar dende o xoves en Cartagena, Murcia.
O voo será o primeiro no que os pasaxeiros poderán ir espidos. Só terán a obriga de levar o cinto de seguridade.
Culpan de fraude a propietaria dunha empresa de sondaxes. Ao parecer, mandáballes aos seus empregados que falaran con cans e gatos.
Tracy Costin, propietaria da empresa DataUSA Inc., que fixo enquisas para as campañas electorais de George W. Bush, o senador Joe Lieberman e outros candidatos, declarouse culpable de amañar os resultados dos traballos. De feito, ás veces recomendáballes aos seus empregados a falar con cans, gatos e mesmo gatocáns, para facer as enquisas, segundo a sentenza federal.
Por este delito, podería pasar ata cinco anos na cadea e pagar unha multa de ata 250.000 dólares. A sentenza coñecerase o 30 de novembro, pero Costin chegou a un acordo para declararse culpable e devolverlles a uns clientes 82.732 dólares polas sondaxes feitas entre xuño do 2002 e maio do 2004.
Actualmente, a empresa coñécese polo nome de Viewpoint USA.
O ditamen federal di que Costin ordeoulles aos enquisadores a fabricar os resultados, para o que podían falar con cans e gatos. O FBI calcula que a metade da información subministrada pola empresa á campaña de Bush era falsa.
Cando a empresa estaba atrasada nos prazos, falsificaba os resultados, cambiando o sexo ou a afiliación política dos entrevistados para cubrir as cotas marcadas. Outras veces, as respostas eran directamente inventadas.
Comments
comentarios desactivados para este artigo