Descifran unha mensaxe oculta na sentenza do xuízo do Código Da Vinci
Un avogado descifrou unha mensaxe que o xuíz británico Peter Smith ocultou no texto da sentenza do xuízo por plaxio que tivo lugar sobre a novela O código da Vinci, de Dan Brown. No documento, de 71 páxinas, no que a comezos deste mes se rexeitou a demanda por plaxio presentada por dous escritores contra Brown, o xuíz Smith colocou unha serie de letras en cursiva.
Estas letras, colocadas unha detrás da outra, compoñían o texto “Smithy Code”, o código Smithy, seguido doutros carácteres sen significado aparente.
O avogado Dan Tench foi o primeiro en descifrar a frase completa, que era “Jackie Fisher, quen es? Dreadnought (drĕd’nôt’)”, e que fai referencia a Lord John, alcumado Jackie Fisher, un dos grandes almirantes británicos, que estivo ao mando da mariña británica a comezos do século pasado e introduciu un tipo de grande acoirazado, o primeiro deles chamado Dreadnought.
A noticia de que na sentenza había unha mensaxe codificada levou a xente de todo o mundo a tentar descifrala. Pero a Tench só lle levou unhas horas. O maxistrado empregou un código baseado na secuencia Fibonacci, sucesión matemática que tamén se emprega no bestseller de Dan Brown. Cada número desta progresión é o total da suma dos dous anteriores.
Un alcalde holandés prohíbe que as ovellas leven publicidade
O concello da localidade holandesa de Skarsterlan vai impoñer multas de 1.000 euros aos gandeiros que arrenden os seus animais para incluír publicidade neles. Esta estraña ordenanza débese ao programa “aluga unha ovella”, que xurdiu para burlar outra norma local que prohíbe os anuncios nas beiras das estradas, como explicou o voceiro municipal Yde Wierda.
Pero o promotor do programa “aluga unha ovella”, Jozef Mazereeuw, acusou o alcalde de imparcial cos animais, xa que outras especies, como os cabalos, non teñen ningún tipo de restrición publicitaria. Mazereeuw asegurou que hai que mirar as ovellas como futbolistas, que tamén levan anuncios nas súas camisetas.
Dende o luns, doce ovellas de Skarsterlan levan un cartel que pon “Grazas, alcalde”.
Un restaurante italiano foi multado por maltratar as lagostas
O restaurante La Conchiglia D’Oro (a cuncha de ouro) foi multado con 688 euros por expoñer cinco langostas vivas en xeo para atraer aos clientes, no que supón un paso mais na aplicación da lei contra a crueldade cara aos animais.
Un xulgado da cidade nororiental de Vicenza declarou que o xeito de expoñer os animais é un abuso cruel aos crustáceos por sometelos a unha morte lenta por atafegamento.
O xerente do restaurante, Giuseppe Scalesia, asegurou que apelarán a decisión xudicial.
O caso foi denunciado por Gianpaolo Cecchetto, ex-activista ambienal, que foi cear cos seus fillos pequenos ao restaurante en maio do 2002.
Cecchetto asegurou que os nenos quedaron abraiados co expositor, polo que se puxo en contacto inmediatamenta coa organización nacional de protección aos animais, ENPA, que se fixo cargo do xuízo.
Italia ten unha das leis de dereitos dos animais máis duras do mundo. En Turín pódese multar con 500 euros aos donos de cans que non os saquen pasear un mínimo de tres veces ao día.
Retiran do aeroporto de Oslo un perfume con envase en forma de granada de man
As autoridades do aeeroporto da capital norueguesa retiraron das tendas todas as unidades de Flowerbomb, un perfume que ten un envase con forma de granada de man. Segundo o voceiro do aeroporto, Jo Kobro, “dixémoslle á compañía responsable dos comerciops que non queremos esa clase de produto dentro do aeroporto”.
A normativa actual prohíbe a venda de produtos con forma de armas, polo que os responsables do aeroporto pensan que o perfume pode ser empregado para asustar aos pasaxeiros.
A decisión produciuse despois de que unha pasaxeira norueguesa que levaba na súa equipaxe de man unha botella de Flowerbomb fora detida polos servizos de seguridade do aeroporto francés de Beauveis. Dáse a casualidade de que o perfume é da casa, tamén francesa, L’Oreal. Mathieu Spies, responsable da firma de cosmética, amosou a súa sorpresa, dado que o produto leva dous anos á venda e nunca se producira unha situación semellante.
Un home queda atrapado na cheminea da súa casa, pola que tentou entrar espido
A policía de Hayward, en California, entrou nunha casa e atopou un home espido atrancado na cheminea. Nun principio pensaron que se trataba dun ladrón, pero en realidade era o propietario da vivenda.
Michael Urbano, de 23 anos, chegou á casa o sábado á mañá e decatouse de que non tiña as chaves, polo que non se lle ocorreu unha idea mellor ca entrar pola cheminea. Dedicidu espirse porque pensou que a roupa rozaría co muro e o frearía, e que a pel escorregaría con máis facilidade contra o cemento.
Pero a súa aventura rematou mal cando o cable de televisión que empregou na súa baixada rompeu, e, ao caer, quedou atrapado.
Ata que chegou a policía.
Deportes. Analistas da empresa UBS aseguran que Italia gañará o mundial de fútbol e España caerá en cuartos
Os analistas de UBS Wealth Management Research fixeron unha simulación semellante ás que usan para elaborar predicións económicas e financeiras, pero aplicada a quen gañará o mundial de Alemaña.
Neste estudo tivéronse en conta moitas variables, que lles permitiron chegar á conclusión de que non será Brasil quen gañe o mundial deste ano. Os analistas da banca suíza cren que os pentacampións chegarán á fina, pero serán derrotados por Italia.
Andreas Hoefert, un dos autores do traballo, prefire non fiarse da clasificación oficial da FIFA nin das casas de apostas, que tiran moito por Inglaterra.
O modelo de simulación prognosticou correctamente todos os gañadores dos oitavos de final dos últimos cinco mundiais, nos que as maiores sorpresas foron a clasificación de Corea contra Italia e de Senegal contra Suecia no 2002 e de Rumanía contra Arxentina no 94.
Os acertos chegaron ao 65% no caso dos gañadores dos cuartos de final, pois fallaron na derrota de Alemaña fronte a Bulgaria no 94 e a eliminación de Brasil contra Francia no 86.
Hoefert explica que o paso dos equipos dos cuartos de final á semifinal é o prognóstico máis difícil, aínda que neste mundial o que parece máis claro será o triúnfo de Brasil contra España.
Comments
comentarios desactivados para este artigo