Deteñen un falso médico que ofrecía palpacións mamarias gratis
Un home de 76 anos que se facía pasar por médico e ofrecía exames mamarios gratis a domicilio foi detido este xoves na Florida por presunta agresión sexual a dúas mulleres.
Philip Winikoff entrou este mércores nun complexo de apartamentos da cidade de Laurerdale Lakes provisto dun maletín médico, segundo informou Hugh Graf, voceiro da policía do condado de Broward.
O falso doutor chamou á porta dunha vivenda, onde convenceu a unha muller de 36 anos de que lle ía facer unha exploración de seos gratuíta, polo que o deixou pasar. Unha vez no apartamento, Philip Winikoff, despois de palpar os peitos da muller, levou a man aos seus xenitais e botouse enriba dela. A muller desfíxose del e chamou á policía, pero o corpo de seguridade chegou tarde, cando falso doutor xa escapara.
A seguinte vítima foi outra muller, de 33 anos, que vivía na mesma urbanización e que sufriu a mesma experiencia ca a súa veciña.
Finalmente, o xoves, o agresor foi detido no mesmo bloque de vivendas. Philip Winikoff non é médico, senón que traballa nun concesionario de vehículos.
Un inventor de Xaén deseña unha funda para o calzado que repele a lama
Manuel Pareja, empresario téxtil de Porcuna, na provincia de Xaén, inventou unhas fundas para cubrir o calzado e impedir que se manchen coa lama. A creación, chamada Pattones, consiste nun tecido de deseño especial que xa foi premiado no festival internacional de inventores de Xenebra.
O inventor leva tres anos mellorando a idea, para o que deseñou máis de corenta modelos distintos. Agora xa conseguiu o definitivo, que prevé sacar ao mercado europeo.
As fundas de calzado permiten o movemento en condicións climáticas adversas e por todo tipo de terreos enlamados. Manuel Pareja, despois de ter obtido o recoñecemento mundial en Suíza, comezou a vender os seus Pattones por España, Centroeuropa e Rusia. As perspectivas son moi boas, especialmente cando os clientes comproban a eficacia extraordinaria e sorprendente do tecido á hora de repeler a lama.
Unha anciá gaña dez millóns de dólares nunha máquina comecartos
Unha muller estadounidense de 84 anos gañou esta semana 10 millóns de dólares, uns 8 millóns de euros, nunha máquina comecartos de cinco centavos nun casino de Atlantic City, no estado de New Jersey. Foi o premio máis grande dado nos Estados Unidos por unha máquina de cinco centavos e tamén o meirande da historia de Atlantic City, coñecida polos seus casinos.
Josephine Crawford apostaba os seus últimos tres dólares no casino Harrah’s, ao que fora coa súa neta, cando viu como aparecían cinco águias na pantalla da máquina. Crawford asegurou que aínda non o cre.
A voceira do casino, Alyce Parker, dixo que a muller xa recibiu catro ofertas de matrimonio despois de gañar o premio. Crawford, camareira xubilada, explicou que acode aos casinos dende hai décadas e que ata agora o máximo que gañara foran 2.500 dólares, 2.000 euros.
De feito, a súa neta tentou convencela de que deixase de xogar, pois xa gastara 20 dólares a noite na que acabou sendo millonaria.
Os internautas propóñenlle a Tom Cruise receitas para cociñar placenta
Todo comezou cunhas desafortunadas declaracións do actor estadounidense á revista GQ. Nela asegurou, en referencia ao nacemento da súa filla Suri: «vou comer a placenta. Penso que será bo, moi nutritivo. Comerei o cordón e a placenta alí mesmo».
Por máis que Cruise ten repetido que todo foi unha broma, o certo é que a maior casa de apostas por Internet, Sports Interaction, xa ten colgadas todo tipo de suxestións gastronómicas, baixo o apartado «Misión placenta».
De momento, a proposta máis popular é comela crúa, aínda que á prancha séguelle de preto con apostas de tres contra un. Outras opcións son a tortilla ou a lasaña, aínda que algúns internautas propoñen un refrito de cebolas e allo e, os máis sofisticados, con fabas e un bo Chianti. Tamén hai suxestións ‘fast food’, con patacas fritas e un refresco.
O vicepresidente do portal, Anthony Munnely, dixo: «non coñezo a Cruise pero estou seguro de que nunca sentaría ao seu carón nun autobús».
A filla de Tom Cruise e Katie Holmes naceu este martes, nun parto silencioso, como marcan os canons da igrexa da ciencioloxía á que pertencen. Isto non significa que ela non emitise ningún son, senón que os que estiveron calados foron os que a rodeaban. Ademais, segundo a prensa sensacionalista británica e estadounidense, o nacemento produciuse, contra os desexos do actor de 43 anos, fóra da súa casa e con medicamentos contra a dor.
Tampouco se sabe se no momento do parto estiveron presentes os fillos que Cruise adoptou coa súa anterior muller, Nicole Kidman, o que provocou unha forte discusión entre os dous ex, pois a australiá non era partidaria desta excentricidade.
E tamén hai polémica no nome da meniña, que se chamará Suri. Segundo os seus pais, é un nome hebreo e significa «princesa», pero os que saben hebreo de verdade, os israelís, din que non é correcto: que «princesa» se debería dicir «Sara» ou «Sari», pero nunca «Suri», que significa en hebreo moderno «ministro do goberno».
Celébranse en Moscova as terceiras olimpiadas para porcos
Doce porquiños procedentes de sete países participaron esta semana nos terceiros xogos olímpicos porcinos, que se celebraron na capital rusa, Moscova. Os animais participaron en tres modalidades deportivas: atletismo, natación e fútbol.
Centos de rusos congregáronse no centro de exhibicións moscovita para asistir aos xogos, nos que moitos apostaron polos seus cochos favoritos. Entre o público atopábase o politico ultranacionalista Vladimir Zhirinovsky, que apostou 100 rublos polo porco corredor Borka. «Sempre me gustaron os porcos, toda a vida. Tiven catro ou cinco cando era neno».
Os favoritos nas apostas foron os porquiños Mykola, de Ucrania; Nelson, de Sudáfrica e o ruso Kostik Russisch Schwein.
A innovación deste ano foi a competición de natación, cos marráns tratando chegar ata a meta nunha pequena piscina. Pero parece que os participantes preferiron bater uns contra outros en lugar de chegar ata o outro lado. Ata se deu o caso dun dos deportistas que quedou cunha pata atrapada na corda que separa as rúas da piscina.
En canto ao atletismo, os adestradores teñen que correr detrás dos porcos para asegurarse de que tampouco se saen das pistas.
No fútbol, os cochos teñen que empurrar cos seus fociños un balón de fútbol enzoufado en aceite de peixe cun sabor moi agradable cando menos para os porcos e que marquen gol cando a pelota entre na portería. Os deportistas van vestidos con cadanseu babeiro numerado.
O vicepresidente da federación de criadores de porcos deportistas, Alexei Sharshkov, asegurou que os adestramentos comezan cando os animais teñen un mes de vida, e que, tanto se gañan como se perden, o seu destino non será o consumo humano. «¿Quen querería comer un competir coñecido mundialmente?». Os porquiños dedicaranse a criar novas xeracións de deportistas.
Descobren o esqueleto dunha muller diante dun televisor
O esqueleto dunha muller inglesa foi descuberto na súa casa de londres diante dun televisor prendido e, segundo os expertos, máis de dous anos despois da súa morte.
Segundo o Daily Telegraph, Joyce Vincent, de 40 anos, estaba rodeada de agasallos de Nadal. A televisión e a calefacción da casa estaban aínda postas cando a atoparon.
O cadáver estaba tan descomposto que o único xeito de identificar á falecida foi mediante os seus expedientes dentais.
A policía británica cre que morreu por causas naturais a comezos do ano 2003. En xaneiro do 2006, axentes da asociación de alugueiros entraron na súa casa de Wood Green, ao leste de Londres, e atoparon o cadáver deitado boca arriba no salón.
Esperaban cobrar os miles de libras de atrasos de arrendamento que se acumularan. Segundo un voceiro da investigación, Joyce Vincent estaba aloxada nun refuxio para mulleres, fuxindo dun problema de violencia doméstica. Aínda así, descártase que a causa da súa morte fose un crime.
Puido ter sido o programa de televisión que estaba a ver, ou unha fita de vídeo na que aparecía unha muller peiteándose e logo un pozo e cousas así raras.
Polo tanto, hoxe, día do libro, recomendamos ver menos a televisión e ler máis.
Comments
comentarios desactivados para este artigo