Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

15 de xullo 29 July 2007, 21:18

Encontro entre o home máis alto e a muller máis baixa do mundo.
A reunión produciuse na cidade de Batou, ao norte da China. Alí, Bao Xishu, o home máis alto do mundo, que mide 2 metros 36, coñeceu a He Pingping, unha rapaza de 19 anos que mide 73 centímetros e aspira a figurar no libro Guinness como o ser humano de menor estatura da Terra. Bao Xishun casou recentemente cunha muller non tan baixa, aínda que tampouco demasiado alta, pois chégalle polo cóbado. Xishun, de 56 anos, xa é o marido de Xia Shujuan, de 28 anos e 1,68 metros de estatura. A cerimonia tradicional celebrouse en Erdos, Mongolia Interior, de onde son naturais os dous membros do matrimonio. Bao declarou á prensa que espera ter un fillo que non sexa demasiado alto, porque trae moitos problemas. Unha web chinesa fixo unha enquisa para coñecer a estatura da descendencia de Bao e de Xia. O 30% dos participantes cre que medirá máis de dous metros e que xogará ao baloncesto.

Queren prohibir en Beixín os taxistas coa cabeza rapada
As autoridades da capital chinesa queren prohibirlles aos condutores de taxi que leven a cabeza rapada para mellorar a imaxe da cidade de cada aos Xogos Olímpicos de 2008. Dous meses despois de que prohibisen que as condutoras leven cortes de pelo «demasiado extravagantes», agora son os choferes os que non poderán levar a cabeza rapada, e tampouco barba. A medida entra en vigor agora mesmo, a mediados de xullo. En Beixín hai actualmente case 70.000 taxis. Con este tipo de campañas, o goberno chinés pretende aumentar o civismo no comportamento da poboación e mellorar a súa imaxe internacional. Outra das medidas é suprimir os carteis escritos en chinglish, especie de inglés macarrónico xurdido da tradución directa do chinés e con erros ortográficos.

O Partido Comunista da China expulsa un alto cargo… un mes despois do seu suicidio.
Song Pingshun foi expulsado do PCC por «levar unha vida disoluta e por unha grave violación das disciplinas do partido». Song, alto cargo da cidade de Tianjin, supostamente abusou da súa posición para beneficiar a súa amante. Esta última acusación, a de ter amantes, repítese habitualmente contra os altos cargos públicos corrutos. Aínda que a expulsión se fixo efectiva o pasado martes, Song, de 61 anos, aparecera morto o pasado 3 de xuño despois de que, aparentemente, se tirase dende unha fiestra ao se coñecer o escándalo. Ata o momento, o PCC rehabilitou con carácter póstumo vítimas das diversas purgas do partido, pero non é tan frecuente que se expulse alguén nesas circunstancias.

Agora viaxamos ata o Xapón. Nos baños públicos de Toquio seguen a aparecer sobres cheos de cartos.
Sobres cheos de billetes de iens cunha frase convidando a realizar boas accións seguen a aparecer no Xapón. O caso xa é primeira páxina dos medios, que avalían en dous millóns de iens (equivalentes a 12.000 euros) a fortuna esparexida por un benefactor misterioso nos baños públicos do país. Os achados, tanto no norte como no sur do arquipélago, seguen o mesmo esquema: sobres cun billete de 10.000 iens (60 euros) en baños masculinos de edificios públicos. Todos van acompañados dunha carta anónima, escritos en ideogramas caligrafiados cun pincel, que poñen: «saiban sacar froito da herdanza de 10.000 iens aquí contidos, para instruíren o seu crecemento persoal. Por favor, comprométanse cun corazón xeneroso en calquera tipo de boa acción. Que teñan serenidade». As autoridades, que non se decataron da extensión nacional dos descubrimentos ata esta semana, descoñecen se apareceron máis sobres noutros lugares e se os seus descubridores decidiron mantelos en secreto. Malia isto, seguindo a tradicional educación xaponesa, moitos devolveron os sobres ás comisarías, un total de 1.600 euros. Ninguén reclamou o diñeiro ata agora.

E rematamos un pouco bastante máis ao sur. Indonesia acepta a marihuana como condimento alimenticio.
A posesión de marihuana seguirá a ser delito en Indonesia, pero os cociñeiros que empreguen a herba nos seus pratos non deben ser arrestados, anunciou o vicepresidente do goberno, Yusuf Kalla. Nalgunhas partes do país, onde o narcotráfico está penado coa morte, os cociñeiros usan pequenas cantidades de follas ou sementes de marihuana como condimento. Kalla afirmou perante a prensa que isto non vai supoñer de ningunha maneira que se legalice a droga, como acontece nalgúns países de Europa. «Está ben usala como condimento, pero non debería ser legalizada completamente», declarou ao Jakarta Post. O vicepresidente e o xefe da policía reiteraron o seu apoio á pena de morte aos narcotraficantes, como tamén acontece nas veciñas Malaisia e Singapur.

Comments

comentarios desactivados para este artigo