Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

26 de agosto 26 August 2007, 14:00

Ordénanlle a unha muller crear unha zona para non fumadores no seu xardín
Un tribunal sueco ordenoulle a unha cidadá marcar unha zona para non fumadores no seu propio xardín, despois da queixa dun veciño avogado que aseguraba non poder soportar o fume que chegaba ata a súa casa, informou xoves o xornal Sydsvenskan. A muller decidiu acatar a decisión do tribunal: «Dáme medo ter que pagar multas, pero estou furiosa», declarou. O tribunal de asuntos medioambientais de Vaxjo tomou a súa decisión despois de que o veciño interpuxese unha queixa para rematar co seu pesadelo, que lle facía mesmo levar máscara no seu propio xardín. O veciño antitabaco pediulle á xustiza que lle prohibise fumar á muller, pero o tribunal decidiu emitir unha sentenza salomónica, delimitando unha zona prohibida e outra onde a muller poderá fumar tranquila. A amoestada afirmou que a decisión é insentata e dicícula, mentres que o veciño, satisfeito coa solución, pediu que á veciña se lle impoña unha multa de 2.000 coroas (213 euros), cada vez que fume na zona prohibida.

Unha galesa sacrifica as súas vacacións para salvar a súa galiña ferida
Vicky Mills, galesa de 24 anos, renunciou ás súas vacacións para poder pagar as 1.800 libras (case 2.700 euros) que lle pide o veterinario para salvar a súa galiña, que ten unha pata ferida. A ave, de tres anos e de nome Lily, mancouse nunha pata cun arame de espiño, informou o xoves a BBC, e só a amputación da extremidade podía salvala. Desdesperada, a súa dona pediu un préstamo bancario e sacrificou as súas vacacións para pagar as sete operacións necesarias. «Ámoa moito, e se lle pasase algo, romperíaseme o corazón. É moito máis graciosa ca un gato ou un can», explicou Vicky Mills, que recibira o animal de agasallo cando só era un pito. «Ten a sorte de poder saltar sobre unha pata, pero ás veces téntase rascar coa pata ferida e cae», conta a dona da ave. Por se fose pouco, Lily acaba de pasar unha depresión, segundo a diagnose do veterinario.

Retiran unha campaña publicitaria que empregaba a Hitler para anunciar pizza
A campaña amosaba a Hitler facendo o saúdo nazi cun cacho de pizza na man, e foi retirada o venres en Nova Celandia despois das queixas que presentou a comunidade xudía. O cartel formaba parte da campaña da cadea de tendas Hell Pizza (Pizza do Inferno), que emprega personaxes históricos na súa publicidade. No anuncio, que se colocou en catro grandes cidades do país, amosábase a Hitler dicindo: «É posible facerlle crer á xente que o inferno é o paraíso». Kirk MacGibbon, da axencia de publicidade Cinderella, lamentou que haxa temas que aínda non se poden desdramatizar. En Christchurch, ao sur de Nova Celandia, Hitler foi substituído por Bieito XVI e a mensaxe «O inferno é auténtico e eterno».

E a segunda parte das Noticias Extrarradio vai estar dedicada aos ránkings. As declaracións máis sorprendentes dos famosos
O xornal USA Today recompilou as declaracións máis sorprendentes dos últimos 25 anos. O primeiro posto ocúpao Lady Di, que dixo no ano 1995 na BBC: «Eramos tres neste matrimonio, así que estaba un pouco ateigado». Outras das frases míticas, segundo o USA Today foron:
Madonna, na revista People: «Son teimuda. Son ambiciosa. E sei exactamente o que quero. Se iso me converte nunha puta, pois de acordo».
Michael Jackson, tamén na BBC, en 2003, defendéndose por ter compartido cama con nenos: «Por que non se pode compartir a cama? A cousa máis adorable que se pode facer é compartir cama con alguén».
Nicole Kidman, despois de romper con Tom Cruise, en 2001: «Ben, agora podo levar tacóns».
Hugh Grant, en 1995, despois de ser arrestado por ‘comportamento lascivo’ cunha prostituta en Los Angeles: «Ao final, tes que confesar e dicir, ‘fixen algo deshonroso, mesquiño e estúpido’».
Woody Allen, sobre a súa relación con Soon-Yi, filla da súa anterior parella Mia Farrow: «O corazón quere o que quere. Non hai lóxica para estas cousas. Ti coñeces alguén e namoras, iso é todo».
Whitney Houston, ao saír dunha clínica de rehabilitación: «O crack é barato. Eu gaño demasiados cartos como para fumar crack. Teñamos isto claro, vale? Nós non tomamos crack. Non facemos iso. O crack é unha labazada».
Finalmente, Jack Nicholson, na revista Vanity Fair: «Só se lles minte a dúas persoas na vida, á moza e á policía. Aos demais hailles que dicir a verdade».

As leis máis absurdas do mundo, recollidas por The Times
O xornal británico publicou unha antoloxía de 25 das leis máis absurdas do mundo e que seguen vixentes, e que van dende a prohibición de chamarlle Napoleón a un porco en Francia ata a de emborrachar peixes no estado norteamericano de Ohio. Pero, no mesmo Reino Unido, tamén hai leis bastante absurdas. Así, considérase un acto de traizón colocar un selo coa imaxe da raíña boca abaixo, e os barcos da Armada Real que entren no porto da capital de Inglaterra están obrigados a entregar un bocoi de ron na Torre de Londres. Ademais, as mulleres preñadas poden facer as súas necesidades en calquera sitio, mesmo, se o piden, no casco dun policía. Mais, as persoas que teñan a peste teñen prohibido subiren aos taxis.
Nos Estados Unidos tamén hai estrañas normas nalgúns estados. En Vermont, as mulleres precisan do permiso do maarido para levaren dentadura postiza, en Kentucky non se poden levar armas agochadas de máis de seis pés (1,80 metros), en Miami non se pode montar en patinete dentro dunha comisaría e en Alabama non se permite conducir cos ollos vendados.
Ademais, en Carolina do Norte hai restricións á agricultura, porque non se poden arar campos de algodón con elefantes. Tamén perviven odios entre as nacionalidades que integran o Reino Unido. Así, en York é legal matar aos escoceses, pero só se levan arco e frecha, mentres que na tamén inglesa Chester os galeses non poden entrar antes do mencer nin ficar despois do solpor so pena de morte. Porén, un lector fixo unha corrección a esta última norma, pois xa se revogou no ano 1979.

Comments

comentarios desactivados para este artigo