Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

22 de abril 22 April 2007, 14:59

Rouban cinco millóns de euros para gastalos en lotaría… e non lles toca
Dous empregados de banco chineses, que durante un ano levaron da oficina uns 4,85 millóns de euros, gastaron practicamente todo o diñeiro en lotaría, pero apenas levaron ningún premio, informou o Beijing Times. Ren Xiaogeng e Ma Xiangjing, que se atopaban entre os máis buscados da China, resultaron ser dous ludópatas que non podían deixar de marcar boletos da lotaría deportiva estatal, xogo no que se demostrou que é difícil gañar premios.
Ren e Ma comezaron a subtraer cartos do banco hai un ano, confiando en que lles tocara a lotaría e así poderen devolver o roubado. Pero o premio non chegou. O banco non sospeitou nada ata o principio desta semana, cando os dous empregados non acudiron ao traballo e os seus compañeiros chamaron á policía, sospeitando o peor.
Os dous ladróns foron detidos este xoves. Ren, ao ser interrogado, queixouse de que a lotaría china é unha estafa e nunca dá premios. Só lles chegaron a tocar 8.820 euros, cando o gordo ten un importe de 460.000.
Aínda que tanto o banco como a lotaría son estatais, é o Goberno o que deberá decidir como o reparte e se o devolve ao seu lugar de orixe.

Case lle arrinca a lingua dun apaixonado bico
Unha muller israelí mordeu este xoves por accidente parte da lingua do seu mozo durante un apaixonado bico, segundo informou o hospital que lle tivo que reimplantar o órgano. O hospital de Nahariya dixo nun comunicado que o home, ferido durante «o apaixonado bico da súa moza», foi dado de alta despois da operación. Recomendáronlle tomar bebidas moi frías e evitar os bicos húmidos ata que lle curen os puntos.

Unha muller sálvase por saír a fumar
Brenda Comer, de Rock Hill, Carolina do Sur, acababa de fregar os pratos o luns á mañá e saíra da casa para fumar un cigarro cando viu como un carballo de 24 metros de alto caía enriba do tellado da súa casa, informou o xornal The Herald este venres. A árbore caeu sobre o fregadeiro onde segundos antes estivera a limpar a louza, confesou Comer. «Cariño, xa sei que me criticas por fumar», díxolle ao seu home, «pero hoxe salvoume a vida». O carballo, derrubado polo intenso vento, case lle dá á filla da parella, que se atopaba no outro estremo da casa. Segundo o seguro, a familia non poderá seguir vivindo alí, porque o edificio quedou partido pola metade.

Aparece en Australia un iate á valga, baleiro e coa mesa posta
Un misterioso iate pantasma aparecido en Australia ten intrigada a Policía. A embarcación, atopada polos servizos de emerxencia do estado de Queensland, estaba deserta, sen tripulación nin bote salvavidas, pero coa mesa posta e os ordenadores acesos.
O Kaz II partira o domingo de Arlie Beach, ao norte do estado, con tres homes a bordo, e apareceu á valga o mércores. Non hai rastro de ningún dos tres pasaxeiros. Segundo un voceiro do servizo de emerxencias de Queensland, todo parecía normal, co motor en marcha e en punto morto, e a radio e o GPS en funcionamento, aínda que cunha vela danada.
Helicópteros, avións e barcos seguirán buscando nos vindeiros días polos desaparecidos nun raio de 700 millas náuticas, tendo en conta tamén o itinerario rexistrado no GPS. Especúlase que a desaparición dos tripulantes se deba a que se botaran a nadar no mar sen teren despregada a escada do barco para volver subir.

Queren sedar 300 cabalos para o concerto dos Stones no hipódromo de Belgrado
Os amantes dos animais están anoxados pola pretensión de sedar os 300 cabalos do hipódromo da capital Serbia para telos calmados durante o concerto dos Rolling Stones, previsto para o 14 de xullo. Espérase que á actuación asistan máis de 100.000 espectadores, no maior recinto pechado de Belgrado. Os cabalos estarán a poucos metros do escenario. Preténdeselles subministrar diazepam, comercializado en Serbia coa marca Bensedin e na meirande parte do mundo como Valium e moi popular no país polo seu uso como tranquilizante durante a guerra dos Balcáns.
A sociedade de protección dos animais máis importante de Serbia, ORCA, dixo que organizar o concerto nesas circunstancias pode ser moi daniño para as bestas, e que sedalas non é a solución, pois o ruído e as vibracións son moi estresantes para elas. Por iso, pediron que o concerto se dea nun recinto aberto da cidade, pois tampouco resultaría positivo trasladar os animais. Se non consegue que se cambie o concerto, a ORCA pretende contactar directamente cos Rolling Stones. A banda británica nunca tocara en Serbia. O primeiro, en 2003, cancelárase polo asasinato do primeiro ministro Zoran Djindjic, e en 2006 suspendérase outro polo percance que tivera Keith Richards.

Condenado por roubar os dentes da tumba da súa nai
Un sudafricano que quería que o espírito da súa nai o visitase foi condenado o luns por ter aberto a tumba dela para sacarlle dous dentes do esqueleto. Albert Kgwatisi, de 30 anos, terá que pagar unha multa de 3.000 rands, 310 euros, ou pasar 12 meses na cadea despois de ter explicado perante o tribunal da provincia do Noroeste como sacara o esqueleto da tumba coa axuda dun sobriño de 12 anos. No momento da súa detención, Kgwatisi declarara á Policía que collera os dous dentes para que a pantasma da súa nai, morta hai cinco anos, lle fora facer unha visita para recuperalos.

Comments

comentarios desactivados para este artigo