Percorren 4.000 quilómetros en taxi para que os seus gatos non pasen frío no avión
Betty e Bob Matas, unha parella de xubilados neoiorquinos que se mudou a Arizona, decidiu empregar un taxi para a viaxe, de 4.000 quilómetros, por medo a que os seus gatos pasasen frío no avión. En Nova York non lles custou demasiado atopar un chofer disposto a facer unha viaxe de 38 horas. Douglas Guldeniz aceptou levalos ata Sedona cobrándolles 3.000 dólares, máis os gastos. Coas tarifas que rexen na cidade estadounidense, tocaríalle unha propina de entre 450 e 600 dólares. Á saída da viaxe, Guldeniz parecía contento de facer unha das carreiras máis longas e máis caras da historia.
David Beckham regálalle a Victoria un vibrador de dous millóns de dólares
O futbolista inglés agasallou a súa muller cun obxecto de platino e diamantes co que se sentirá menos soa. Non é un colar, nin unha pulseira, nin un anel, senón un consolador do que se di que vale dous millóns de dólares. Parece ser que os agasallos de tipo sexual están de moda en Hollywood, así que a pseudoglamurosa parella disponse a chegar a Los Angeles e asumir os seus costumes. Segundo informou o xornal Sport, os cartos que vale unha luxosa mansión poderaos ter agora Victoria Beckham entre as pernas. Tamén afirman que o substituto do seu cobizado e desexado marido ben vale o que custa.
Deteñen un falso cura que levaba cocaína agochada na roupa
Un falso sacerdote que pretendía viaxar a Sudáfrica con dous quilos de coca escondidos na sotana foi detido por axentes antinarcóticos no aeroporto internacional de Guarulhos, en São Paulo, informou a policía brasileira. O individuo, de 27 anos, quedou detido o martes á tarde nunha sede policial por tráfico internacional de drogas e pode recibir unha pena de entre cinco e quince anos de prisión. Vestido con prendas negras con colo branco, pretendía embarcar o luns cara a Sudáfrica, pero foi abordado por policías no control de equipaxe. Presentouse como padre Miguel, e só levaba pouca roupa e libros relixiosos na maleta. Pero cando o revisaron, atopáronlle cocaína no corpo e nos zapatos.
O comisario de Narcóticos Wupps Lander Ferreira confesou que lle resultou embarazoso parar unha persoa vestida de padre. Ao final, o suposto cura recoñeceu que actuara como ‘mula’ por se atopar desempregado.
Rexeitan financiarlle unha viaxe no tempo a un científico
Os fondos que pedía un investigador de Seattle para acometer un proxecto para explorar a posibilidades de viaxar no tempo fóronlle denegados. Ao parecer, a axencia DARPA, de proxectos avanzados de investigación da Defensa, prefire investilos en construír ‘terminators’. John Cramer, físico da universidade de Washington, quere probar unha predición controvertida da teoría cuántica que di que as partículas de luz poden ir cara atrás no tempo. Pero o seu proxecto quedou sen fondos. Reuniuse con DARPA, pero dixéronlle que non tiñan diñeiro para esta investigación porque estaban interesados en desenvolver robots camaleónicos e ciberinsectos.
Cramer ten a teoría de que o tempo non pasa nun só sentido, senón que existen sinais que poden viaxar no tempo tanto para adiante como cara atrás entre dúas partículas, pero precisa demostralo mediante experimentos con cables de fibra óptica.
Poxan unha botella da que bebeu Paris Hilton
Unha botella de bebida enerxética atopada na parte de atrás do coche de Paris Hilton poxouse en eBay, sitio da internet especializado neste tipo de transaccións. Despois de que sete persoas fixesen ofertas para conseguir tan prezado obxecto, o prezo final foi de 103 dólares con 50 centavos, informou Playfuls. O vendedor anunciaba a botella co lema «ti tamén podes dicir que estiveches con Paris Hilton e cos seus amigos». E engadiu «conseguín isto do meu xefe. O seu fillo promociona un club de Miami e estaba alí cando Hilton e os seus amigos chegaron e consumiron a bebida». Na etiqueta da botella pódese ler que é importada de Australia e que non contén azucre.
Arrestan no Xapón un mariño ruso que foi nun bote a mercar cervexa
Un mariño ruso que se atopaba de permiso viaxou ao Xapón no seu bote de goma para mercar cervexa e foi detido por entrada ilegal no país. Os feitos aconteceron fronte á costa das illas Kuriles, cuxa soberanía reclama Rusia.
Sergei Mikhailovich Vachkevich, segundo de a bordo dunha traíña, chegou navegando coa súa pequena embarcación o sábado pasado á costa leste da illa de Hokkaido, onde gastou 10.000 iens en cervexa (en realidade só son 63 euros) nunha tenda situada na área de descanso dunha autoestrada. Detivérono cando ía de volta a Rusia no seu bote, con 24 botellas de cervexa xaponesa a bordo, explicou un voceiro da policía. O mariño, de 29 anos, non estaba baixo os efectos do alcol nin se expresaba de maneira incoherente cando o arrestaron. Vive na illa rusa de Sakhalin, ao norte de Hokkaido, e foi inculpado o luns de entrada ilegal en territorio xaponés.
Comments
comentarios desactivados para este artigo