Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

8 de abril 8 April 2007, 15:00

Unha muller cae dun sexto piso e sálvase por aterrar nunha morea de excrementos
Unha muller chinesa sobreviviu a unha caída dende un balcón situado a seis pisos de altura grazas a unha morea de excrementos que amorteceu a caída. O accidente aconteceu cando a muller estaba a tender a roupa en Nanjing, capital da provincia de Jiangsu, no leste do país, informou a edición dixital do xornal Kuaibao. Deuse a casualidade de que uns empregados estaban a baleirar o pozo negro do edificio, que non se coidara dende había moito tempo, o que provocaba que se bloqueasen as canalizacións da auga. Ao parecer, a muller estricouse de máis e acabou caendo na morea, duns vinte centímetros de grosor. Só sufriu feridas leves.

Un todoterreo roubado a Beckham acaba de coche oficial do Goberno macedonio
Un BMW X5, supostamente roubado en Madrid ao futbolista David Beckham e atopado en Macedonia, converteuse no vehículo oficial do Ministerio do Interior do país balcánico, segundo asegurou este xoves o xornal Vest, de Skopje. Na primeira páxina do periódico publicouse unha foto da ministra, Gordana Jankulovska, mentres sobe ao todoterreo, que o medio asegura que pertenceu a Beckham. A policía non confirmou nin desmentiu a información, pois antes de chegar a Macedonia o coche cambiou varias veces de propietario en España. O vehículo pasou de contrabando a través de Grecia ata o país balcánico, onde a policía o comisou a finais do 2005. Como ninguén o reclamou, pasou a ser usado polo Estado. A ministra do Interior declarou recentemente que se Beckham lle reclama a devolución do coche, ela mesma lle entregará as chaves.

A canción dunha drag queen eurovisiva enfronta a Rusia e a Ucraína
Andrei Danilko, nado en Poltava, Ucraína, en 1973, conseguiu este ano representar o seu país no festival de Eurovisión travestido como Verka Serduchka. O 12 de maio estará no Hartwall Arena de Helsinki, despois de ter tentado, sen éxito, participar no concurso dende hai anos. Ademais da súa música e da súa escenografía, a canción que presenta está a resultar moi polémica. Algúns grupos de ucraínos están a recoller sinaturas contra a súa canción, que consideran que danará a imaxe do seu pobo. Pero, no caso dos rusos, do que se queixan é de algo moi distinto: o retrouso da canción, que di «I want you to see Lasha Tumbai» (quero que vexas Lasha Tumbai) soa moi semellante a «I want you to sing Russia Goodbye» (quero que cantes adeus Rusia). Segundo Verka Serduchka, Lasha Tumbai é a denominación que ten en mongol a manteiga feita, pero os xornais rusos non comparten esta opinión, e consideran a canción rusófoba. Os 12 puntos que cada ano Rusia lle dá a Ucraína poden estar en perigo (como se ve, vótase a calidade musical dos candidatos, non ten nada que ver con xeopolítica isto das votacións de Eurovisión).
Serduchka non será a única drag queen do festival deste ano. Despois da vitoria de Dana Internacional en 1998, no 2007 tamén perticipará, en representación de Dinamarca, DQ, co tema «Drama Queen».

Concédenlle unha hipoteca a 25 anos a un home de 102
Unha entidade financeira británica concedeulle unha hipoteca de máis de 295.000 euros a un pensionista de 102 anos. Cando acabe de pagar a débeda, en mensualidades de 1.400 euros, o home terá 127 anos, segundo informou The Times. Aínda que a meirande parte dos bancos británicos poñen como límite para conceder un crédito os 75 anos de idade, hai algunhas que non teñen esa restrición. Cada vez máis persoas maiores do Reino Unido se están a decidir a pedir préstamos, en algo que xa se considera un novo fenómeno social. No xornal londiniense tamén se menciona o caso de Richard Stone, profesor de matemáticas retirado de 75 anos que pediu unha hipoteca de 177.000 euros. Aínda que Stone ten dez casas, admite que o compromiso é bastante estresante para a súa idade.

Acusan un dentista de urinar nunha pía de operacións
Un dentista británico foi declarado o xoves culpable de mexar nunha pía da sala de operacións e de usar o instrumental dental para limpar as unllas e as orellas. Un tribunal médico dixo que as probas demostraban que Alan Hutchinson, de 51 anos, que de xeito habitual non usaba luvas nin lavaba as mans, puxera en perigo «a súa propia saúde, a do seu persoal e a dos pacientes» durante máis de 28 anos. Unha enfermeira que traballou para el durante 16 anos dixo que o sorprendera urinando na pía máis unha vez.
«Estaba a meter algo nos seus pantalóns antes de subir a cremalleira rapidamente. Entrei e púxenme detrás del. Botouse á esquerda e foi entón cando me chegou o olor a urina», dixo a enfermeira ao tribunal. Unha audiencia posterior decidirá se os hábitos do dentista o amosan incapaz de tratar os seus pacientes e se merece que se lle prohíba practicar a profesión.

Venden a KITT, o coche fantástico, por 110.000 euros
Un dos Pontiac TransAm de cor negra de 1982 que se empregaron na serie Knight Rider, El coche fantástico, A super máquina ou O justiceiro, púxose á venda esta semana na tenda de automóbiles Kassabian Motors de Dublín (California). O comprador poderase sentir como Michael Knight aos mandos do automóbil, que conserva todos os detalles da serie de televisión, como monitores, botóns ou a luz vermella en movemento da parte dianteira, aínda que non fala nin se conduce só. Ademais, só ten 3.851 quilómetros e dispón dun freo especial para facer trompos. A pesar de todo isto, as súas modificacións non o fan apto para circular polas estradas. Os que non teñan tantos cartos, tamén teñen ao seu dispor outro dos catro Pontiac nos estudios Universal de Los Ángeles, pero só para se sacar fotos nel.

Comments

comentarios desactivados para este artigo