Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

18 de febreiro 24 February 2007, 20:26

Un porco mata a dentadas o seu dono por non lle deixar copular
Os feitos aconteceron esta semana, un día despois de que o propietario do animal lle impedira aparearse cunha porca, segundo informou a policía ca vila dominicana de Dajabón. Segundo o informe, Romito Rivas, de 75 anos, morreu dun forte golpe no estómago e de feridas na cara e noutras partes do corpo.
O porco era un dos animais preferidos de Rivas, que o empregaba de semental para a reprodución na súa finca. O domingo pasado, o animal escapou da granxa e entrou nunha finca lindeira onde copulou cunha porca, o que causou o enfado do seu dono, que interrompeu o acto sexual.
A policía informou de que o luns, cando o ancián lle daba de comer ao cocho, o animal atacouno e trabouno ata lle causar a morte. As autoridades de Sanidade separaron o animal dos demais porcos para analizar se ten a rabia.

Unha muller inventa que unha boa devorou o seu home para conseguir cartos
Unha muller paraguaia que denunciou que o seu home fora devorado por unha enorme boa constríctor nunha remota rexión do país confesou que inventou a historia para conseguir cartos. María Teresa Lima dixo o mércores nunha emisora de radio da Concepción que unha enorme serpe comera o seu esposo, o que levou a nova ás primeiras páxinas dos xornais do país.
Ao final, recoñeceu que inventara todo por razóns de necesidade e problemas co seu home. Segundo o fiscal do caso, Pedro Palacios, a muller nunca estivera no lugar no que segundo ela acontecera a traxedia, a facenda Karajá Vuelta, e xa non era a primeira vez que argallaba historias.
A muller, unha indíxena paraguaia que ademais asegurou ter nado no Perú, está detida á espera de que a examine un psicólogo. Segundo a súa hisotira, o seu home, Juan Carlos Guitiérrez, foi o xantar dunha enorme serpe e o seu corpo rescatado por outros dous peóns da facenda que mataran a tiros o réptil, que os atacara cando abandonaban o lugar pola enchente do río Paraguai. Pero ninguén atopou os restos da presunta vítima nin os dous peóns.

Devólvenlle 28 millóns de iens a unha muller que os mandara a reciclar
Unha empresa de reciclaxe de papel atopou 28 millóns de iens en billetes no medio de xornais vellos, e que resultaron pertenceerlle a unha muller de 80 anos, informou a Policía. A conclusión foi que os cartos son desa señora que vive en Takasaki porque a data que figura no papel con que envolveu os billetes coincide co momento en que ela sacara os cartos do banco.
«Estou moi leda por que me devolveran o meu diñeiro, sinto ter causado problemas», dixo a muller. En total eran 28 paquetes dun millón de iens, que apareceron no medio de xornais vellos que recolleu a compañía de reciclaxe o pasado 29 de xaneiro. A muller declarou á Policía que esquecera que gardaba os paquetes no medio de xornais vellos, e botounos ao lixo.

Veciños do Prioriño apadriñarán fochancas
Veciños das zonas do Pieiro, O Confurco e Prioriño, en Doniños, Ferrol, puxeron en marcha a campaña «Apadriña unha fochanca». Con esta medida, pretenden denunciar o mal estado no que se atopan as vías de acceso a estes núcleos. A asociación veciñal tiña previsto levar a cabo o acto de apadriñamento hoxe domingo, cunha reunión no Pieiro onde todos os participantes, armados de area e pas, se poñeranse a apadriñar unha fochanca. O que farán será, en realidade, encher os buracos con area para que queden á vista, debido á desidia das administracións da que se queixan.

Esparexidos pola estrada 6 millóns e medio de dólares en lingotes de ouro e de prata
Un camión que transportaba lingotes de ouro e de prata viuse implicado nun accidente de tráfico no centro de Chile, o que provocou que toda a mercancía, duns seis millóns e medio de dólares, quedara ciscada pola estrada. O accidente produciuse polo escorregadizo pavimento da Ruta 5 Norte, á altura de Lampa, onde houbo fortes chuvias durante estes días. Na colisión quedaron afectados catro vehículos, no quilómetro 33 da estrada. O camión cargaba o ouro dende Copiapó ata a central da empresa de valores, no municipio de Independencia. As caixas dos lingotes pesan entre 200 e 250 quilos cada unha e están a ser protexidas por persoal da empresa.

Un australiano bébedo caza un tiburón coas mans
O albanel Phillip Kerkhof estaba a pescar luras o luns á noite na costa de Louth Bay, na península de Eyre, ao sur de Australia, cando avistou o tiburón en augas pouco profundas, segundo informou a cadea ABC. Sen pensalo, botouse detrás del ata que o pillou. O animal, de 1,3 metros de longo, mordeu e esgazou parte dos pantalóns de Kerkhof cando o subía ao bote, pero o home só sufriu unhas rascaduras. El levaba bebido moito vodka. Cando lle pasou a borracheira, meditou e recoñeceu que fora un parvo polo que fixera. Malia isto, Phillip xantou xa dous días a carne do peixe e pensaba usar o resto nunha barbacoa que ía facer esta fin de semana para os seus amigos. Nas augas australianas viven moitas clases de tiburóns, e cada ano hai unha media de quince ataques a persoas, co resultado dunha morte.

Comments

comentarios desactivados para este artigo