Constrúen a casa máis cara do mundo nos Estados Unidos
Segundo a revista Forbes, é a megavivenda máis cara da que se teña coñecemento, e estará no oeste dos Estados Unidos. A mansión The Pinnacle venderase por 155 millóns de dólares, o prezo máis alto nunca pagado por unha casa. Para os interesados en mercala, que saiban que ten unha entrada de cocheira con calefacción e unha rampla para esquí que se pode pregar e gardar dentro da casa. O axente de bens inmobles multimillonario Tim Blixseth dixo que a casa, de dez dormitorios, estará rematada no prazo dun ano. Tamén se amosou sorprendido pola cantidade de xente interesada en mercala, segundo declarou ao xornal Bozeman Daily Chronicle. Ademais, os que chamaron non precisan pedir ningún préstamo. A casa formará parte do Yellowstone Club, exclusivo centro de esquí e golf.
Un psicólogo obriga unha paciente a vestir un colar de can
Un psicólogo australiano, Bruce Beaton, de 64 anos, declarouse inocente de ataques obscenos a unha paciente, á que obrigou a poñer un colar de can e a chamalo amo. Segundo el, que está a ser xulgado no distrito de Australia Occidental, o procedemento está dentro das liñas éticas da psicoloxía. Beaton foi arrestado cando a Policía, que estivera grabando en segredo a sesión coa moza, de 22 anos, oíu ruídos de azoutas. O psicólogo díxolle ao tribunal que recorreu ao tratamento amo-criado coa súa paciente bulímica porque lle fallaran os outros métodos, e afirmou que o feito de que a muller levara un colar de can e o chamase amo construiría unha relación de maior confianza. Segundo Beaton, o tratamento está autorizado pola Sociedade Psicolóxica Australiana.
O ex-presidente mexicano Vicente Fox comete graves erros en público, como falar do Nobel colombiano Mario Vargas Llosa
As famosas equivocacións de George Bush quedan en inocentes brincadeiras ao lado das do ex-presidente mexicano Vicente Fox, que citou o “Nobel colombiano Mario Vargas Llosa” nunha conferencia en Los Ángeles, informou o xornal El Universal. Fox dixo: “América debe fuxir da ‘ditadura perfecta’, como dixo o premio Nobel colombiano de Literatura Mario Vargas Llosa”. O escritor non só naceu no Perú, aínda que despois de nacionalizou español, e nunca recibiu o Nobel de Literatura. Por se isto fose pouco, cando Vargas Llosa falou da ‘ditadura perfecta’ referíase precisamente a México. A intervención de Los Ángeles foi o primeiro acto público de Fox dende que rematou o seu mandato, o 31 de decembro. Durante a súa presidencia, Vicente Fox tamén cometera outros erros que foran explotados pola prensa, como chamarlle ao escritor arxentino Jorge Luis Borges “José Luis Borges”.
Piden seis anos de cadea para unha muller que arrincou a lingua do seu mozo
A Audiencia Provincial de Madrid xulgou unha moza acusada de arrincarlle a lingua ao seu compañeiro sentimental dunha trabada despois de discutiren, polo que o fiscal pide seis anos de cadea. As conclusións provisionais do Ministerio Fiscal consideran probado que ás cinco da mañá do 5 de febreiro do 2006 Mónica Esperanza M.B. e Paul Fernando S.T. estaban no piso que compartían, aínda que el tiña unha orde de afastamento en vigor dende o 2004. Despois de discutiren, Mónica Esperanza, que tiña 26 anos daquela, arrincoulle coa súa propia boca algo menos da metade da lingua de Paul Fernando, o que lle produciu unha amputación traumática sen necesidade dunha operación cirúrxica. Como consecuencia da agresión, a vítima ten, segundo o texto xurídico, “dende o punto de vista estético unha lingua acurtada, que lle condiciona a pronunciación de certas consoantes ao ter que realizar apoio lingual nos dentes”.
O presidente do Banco Mundial amosa buratos nos calcetíns cando se descalza nunha mesquita
A visita de Paul Wolfowitz, presidente do Banco Mundial, a Turquía espertou o interese dos medios de comunicación, non polo que dixo, senón polos buratos que tiñan os seus calcetíns, polos que saían sen vergoña as dedas gordas cando entrou nunha mesquita e se tivo que descalzar. Wolfowitz visitou o domingo pasado as zonas turísticas de Istambul, vestido cun traxe azul escuro e calzando uns zapatos deportivos marróns que tivo que sacar antes de entrar na mesquita Selimiye, na cidade tracia de Edirme. Nese momento, a cadea de televisión NTV captou os buratos polos que aparecían as súas dedas gordas. Esas imaxes repetíronse unha e outra vez, e captaron tamén a atención dos fotógrafos. Mesmo algúns se botaron ao chan para coller de preto as instantáneas das dedas do executivo. O xornal Hurriyet, un dos máis importantes de Turquía, publicou tres fotos de Wolfowitz, unha saudando o ministro de Finanzas, Ali Babacan, e outras dúas dos buratos dos seus calcetíns.
Un balneario tailandés vese obrigado a derrubar un valado fálico
O Spa Sappaya aceptou cambiar o seu valado con forma de penes para que pase a ter forma de flores de loto despois das protestas dos veciños. O balneario, situado na illa turística de Phuket, molestou algúns habitantes da zona cando este mes colocou 18 lingas (falos) de Shiva hindús arredor da propiedade. O xefe da oficina de Cultura de Phuket, Thawichart Intararit, declarou a Reuters: “A xente non pode soportalos, así que nos chamaron para pediren axuda”. Despois de varias semanas negociando, ao final o dono do negocio, de relixión hindú, aceptou retirar as esculturas, que puxo para que lle desen sorte. A maioría dos 64 millóns de tailandeses son budistas, aínda que moitos tamén adoran deuses hindús e practican os seus ritos.
Comments
comentarios desactivados para este artigo