Un británico cambia o seu nome polo de Fernando Alonso Rodney Trotter Ronaldinho
Un mozo británico de 20 anos, anteriormente coñecido como David Fuller, decidiu cambiar o seu nome polos dos seus tres ídolos. Despois de pagar 160 euros, que é o que custa no Reino Unido cambiar legalmente de nome, xa se chama oficialmente Fernando Alonso Rodney Trotter Ronaldinho. A súa nova denominación correspóndese coa do piloto asturiano bicampeón mundial de Fórmula 1, un famoso personaxe dunha serie de televisión británica e o dianteiro brasileiro do Barça. O problema é que se decide facerse fan doutros personaxes, o seu nome podería medrar escandalosamente.
Un gato salva unha familia australiana dun incendio
Un gato atigrado salvou catro membros dunha familia australiana cando, ao se decatar de que había un incendio na casa, se puxo a rabuñar o seu amo na cara, segundo informaron o venres os servizos de emerxencias. Cando Timmy, que así se chama o micho, notou que prendera lume nun colchón mentres a familia durmía, o animal espertou o seu propietario coa súa pouta. O suceso produciuse a madrugada do venres en Cairns, ao norte de Australia.
Segundo o voceiro dos bombeiros, Robert White-MacFarlane, o gato foi probablemente o mellor sistema de alerta antiincendios. A causa do lume puido ser un cigarro. Grazas á intervención do animal, apenas houbo danos materiais na casa.
Inventan unha foca robot con fins terapéuticos
Paro, unha foca robótica que se está a empregar con fins curativos foi premiada polo goberno xaponés nos Robot Awards 2006, celebrados hai uns días en Toquio. O invento, que responde ao seu nome e pode mover os ollos e remexer as aletas, ten sensores debaixo da pel e nos bigotes. Deste xeito, emprégase en sesións de terapia para anciáns e nenos con discapacidade.
O uso dos robots está moi estendido no país asiático, onde se consideran de grande axuda para atender unha poboación cada vez máis avellentada. Case un 19% dos 130 millóns de xaponeses teñen máis de 64 anos, porcentaxe que subirá ata o 40% no ano 2055.
Os británicos non aproveitan as rebaixas polo seu escaso dominio das matemáticas
O goberno británico impulsou unha campaña para axudar aos seus cidadáns a calcular os descontos das rebaixas para así podérense beneficiar das ofertas. Segundo o Ministerio de Educación, case 15 millóns de habitantes do Reino Unido teñen os coñecementos matemáticos dun neno de once anos. A campaña posta en marcha polo departamento gobernamental en varias cidades inglesas consistirá en repartir calculadoras de porcentaxes para que os consumidores proben a súa habilidade cos números. Segundo o secretario de estado de Educación, Phil Hope, aínda que se empregan cifras todos os días, hai millóns de persoas que teñen problemas para resolver operacións esenciais para a vida laboral e familiar. A advertencia do goberno deuse a coñecer o martes, coincidindo co comezo das rebaixas no Reino Unido, onde se poden conseguir descontos de ata o 70%.
Unha adolescente francesa queda atrapada nun ascensor catro días
Unha rapaza francesa de 19 anos, chamada Safiatou, estivo encerrada durante catro días e tres noites no ascensor dun edificio de vivendas sociais de Saint-Denis, onde vive coa súa familia, informaron o venres fontes policiais. A moza saíra da súa casa o 19 de decembro á mañá para mercar o pan. Ao ver que non volvía, o seu pai alarmouse e avisou ao porteiro despois de comprobar que o ascensor quedara atrancado entre dous andares. Pero tanto o porteiro como os ascensoristas dixéronlle que o elevador estaba baleiro, denunciou o pai, que buscou a súa filla por todas partes durante catro días.
A moza apareceu o venres no ascensor, durmida, tesa co frío e debilitada pola fame, polo que o pai puxo unha denuncia por non asistencia a unha persoa en perigo. A rapaza declarou no xornal Le Parisien: «Pasei fame e frío, pero había un pouco de luz. Xogaba cos meus zapatos, pensaba, durmía. Aguantei porque estaba segura de que me liberarían». A policía interrogará o porteiro, os reparadores e os responsables do edificio para comparar as súas versións coas do pai e a moza, que asegurou que premeu o botón da alarma cando quedou atrapada.
Un alemán despistado acaba nos Estados Unidos en vez de en Australia
Un alemán de 21 anos que quería viaxar a Sydney, Australia, para pasar o Nadal coa súa moza, embarcou por erro cara a Sidney, unha cidade do noroeste dos Estados Unidos de menos de 5.000 habitantes, informou o xornal Bild. Tobias Gutt, que é pasante nun bufete de seguros, cometeu unha falta de ortografía ao mercar o billete pola internet e escolleu o destino «Sidney, USA», pero non lle estrañou o de USA ao pensar que se trataba dunha escala na viaxe. Así, uns días antes do Nadal, o mozo colleu o avión de Berlín a Frankfurt e logo de Frankfurt a Portland, Oregón. Alí subiu nunha avioneta con destino ás misteriosas aldeas de Missoula, Helena e Billings, en Montana. Empezouse a sorprender, pero non dixo nada, a pesar da ver neve nas montañas rochosas, cando levaba as maletas cheas de roupa para o verán austral. Ao chegar a Billings, o viaxeiro, ao que só lle faltaba unha hora para chegar a Sidney, con código SDY, en vez do SYD da cidade australiana, chamou por teléfono aos que agardaban por el a 14.000 quilómetros de distancia.
A historia tivo final feliz. Grazas aos cartos xuntados pola súa familia, Tobias colleu en Billings un voo cara a Denver, logo a Los Ángeles e finalmente a Sydney, onde puido pasar as festas coa súa moza.
Comments
comentarios desactivados para este artigo