Xuxa retira do mercado un filme erótico que rodou hai 26 anos
A famosa Maria das Graças Meneghel ‘Xuxa’ gañou unha demanda nos tribunais contra un sitio de subastas na internet que quería vender copias dun filme erótico que protagonizara a actriz, cantante e presentadora no ano 1982, o dos mundiais de Naranjito. Xuxa quería que se prohibira a venda da película ‘Amor, estranho amor’, na que aparece espida seducindo un neno de 13 anos. O xuíz António Aurélio Abi Rama Duarte sentenciou que o sitio da rede terá que pagar unha multa diaria de 9.260 dólares no caso de que o material siga á venda. Na actualidade, é posible atopar copias do filme entre coleccionistas de vídeos e revistas do Río de Janeiro por uns 500 reais (230 dólares).
Nunha recente entrevista, a esvelta loira de 43 anos declarou que o ex-futbolista Edson Arantes do Nascimento ‘Pelé’, que foi mozo dela nos anos 80, chegou a pagar para impedir que se puxera en aluguer o vídeo, escrito e dirixido por Walter Hugo Kouri.
A ‘rainha dos baixinhos’ recoñeceu que cando fixera ese filme era virxe, e que non o inclúe no seu currículo, aínda que tampouco se arrepinte de tela feito. «Non sumou nada ao meu traballo, pero como experiencia foi boa».
Cherie Blair poderá levar un rabaño de ovellas pola ponte de Londres
Cherie Blair, muller do primeiro ministro británico, Tony Blair, recibiu o luns a distinción da liberdade da cidade de Londres, un título de orixe medieval que lle permitirá acometer tarefas moi curiosas. A honra, creada no ano 1237, élle outorgada cada ano polo Concello de Londres a personalidades recoñecidas polos seus méritos. Grazas a ela, Cherie Blair poderá, entre outras cousas, levar o seu rabaño de carneiros pola ponte de Londres, entrar no centro da cidade cun sabre, e mesmo se poderá permitir o luxo de andar bébeda pola rúa sen ningunha vergoña e sen que ninguén a poida deter por iso.
Cherie Blair estudou na London School of Economics e exerce actualmente a profesión de avogada co seu nome de solteira, Cherie Booth.
O primeiro ministro finlandés deixa a súa moza por SMS
Matti Vanhanen, primeiro ministro de Filandia e considerado o home máis sexy do país, deixou a súa moza, que coñecera pola rede, cunha mensaxe de texto ao móbil, segundo confirmou ela nunha entrevista. «Matti deixoume cunha mensaxe de texto, onde dicía ‘rematou’», recoñeceu Susan Kuronen na revista Me Naiset (nós as mulleres), nunha entrevista publicada o venres.
A súa relación con Vanhanen, de 51 anos, divorciado e pai de dous nenos, rematou hai unhas semanas, pero segue a dar que falar mentres Susan, de 36 anos, vai percorrendo os diferentes medios de comunicación para contar a súa historia.
O primeiro ministro evitou facer comentarios sobre a relación, e fora cualificado a comezos deste ano polo presidente da república frances, Jacques Chirac, como o home máis sexy de Finlandia, na época na que as portadas dos medios do país sacaban acotío detalles sobre o seu romance.
Piden a retirada dun cartel publicitario que distrae os traballadores dunha empresa
Unha empresa neozelandesa pediu a retirada dun gran cartel publicitario situado fronte ás súas fiestras no que aparece unha repoluda rapaza loira, afirmando que o anuncio distrae o seu persoal e os seus clientes. J. Everett, responsable dunha empresa de Auckland, puxo unha queixa formal perante as autoridades de regulación da publicidade. Nela, explica: «O venres tiñamos unha reunión moi importante e os clientes estaban claramente distraídos polo contido do cartel. Creo que o resultado da xuntanza non foi todo o bo que podía ter sido». As autoridades negáronse o mércores a retirar o cartel, no que aparece unha moza loira en biquini anunciando unha barriña de muesli.
Arrestan un home que quería vender pelos de Ramsés II
A policía francesa arrestou este mércores un home que tentou vender na internet cabelos do faraón exipcio Ramsés II. O individuo, que non se identificou no momento, pedía entre 2.000 e 2.400 euros por cada unha das mostras de cabelo. Tamén ofrecía pequenos fragmentos de resina e xénero embalsamado tomados da momia. O vendedor afirmou que obtivera as reliquias do seu pai, que traballara nun laboratorio francés encargado de restaurar o corpo de Ramsés II entre 1976 e 1977.
O sospeitoso está a ser investigado por posesión fraudulenta do material, dado que parece ser que os restos son auténticos. Varios arqueólogos franceses reaccionaron con horror á nova.
Ramsés II ‘O Grande’ naceu no ano 1304 antes de Cristo e gobernou Exipto durante máis de 60 anos durante a decimonovena dinastía de faraóns, hai 3.200 anos. A momia descubriuse no ano 1881 despois de Cristo e foi trasladada ao Museo Exipcio, do Cairo. Nos anos 70, á vista do deterioro que estaba a sufrir o seu corpo, mandárono a París para tratalo dunha infección de fungos.
Evo Morales lévalle a Fidel Castro unha torta de cumpreanos de coca
O presidente de Bolivia, Evo Morales, chegou o venres á Habana cunha torta de coca para Fidel Castro, que se atopa convalecente, informou Radio Rebelde. Morales asegurou que cumprira a súa promesa de levarlle a Castro un pastel de coca para celebrar o 80 aniversario do mandatario cubano. O agasallo íallo levar o 13 de agosto, pero a enfermidade de Fidel obrigou a adiar a celebración ao 2 de decembro, día das forzas armadas cubanas. Morales, que visita Cuba por quinta vez este ano, quíxolle amosar coa torta a Fidel a súa amizade e mais o seu agradecemento pola solidariedade do pobo cubano cos bolivianos.
Ofrecen por internet o teléfono roubado á filla de Bush en Arxentina
Un descoñecido ofreceu por internet o teléfono móbil que lle roubaron en Bos Aires a unha das fillas do presidente dos Estados Unidos, nun anuncio no que mesmo dicía que Bin Laden sería o encargado de facer a entrega.
«Teléfono móbil de Barbara Bush. Que mellor posibilidade! Con axenda incluída. Podes chamar a George W. e dicirlle todo o que sempre quixeches: Iraq, petróleo, economía», dicía o aviso publicado na páxina de poxas ‘Mercado Libre’, e que os encargados do portal retiraron en poucos minutos, por consideraren que carecía de seriedade, se trataba dun artigo dubidoso e non cumpría coas condicións da web.
O prezo mínimo que se pedía era de mil pesos (322 dólares), e, aínda que non se fixeron ofertas, o aviso deu para unha boa cantidade de comentarios de usuarios da páxina.
O vendedor do teléfono dicía que o aparello tiña unha extensa axenda: «Casa Branca, Pentágono, FBI, CIA, FMI e personalidades como Michael Jackson, o avó George Bush, Paris Hilton, Madonna, Ozzy Osbourne e moitos máis». Na suposta axenda tamén aparecía, como broma, o nome da vedette arxentina Nazarena Vélez. O aviso remataba: «Non perdas esta incrible oportunidade. O mesmo Bin Laden lévacho en moto!».
Barbara e Jenna, as fillas xemelgas de George Bush, estiveron a semana pasada na capital arxentina, onde supostamente foron vítimas de varios roubos, entre eles o do móbil dunha delas.
Comments
comentarios desactivados para este artigo