Un multimillonario racha por accidente un Picasso de 110 millóns de euros
O magnate de Las Vegas Steve Wynn está a vivir un pesadelo despois de que, por accidente, lle dera un golpe co cóbado ao cadro El sueño, de Pablo Picasso, que acababa de vender por 110 millóns de euros, e que agora loce un burato.
O contratempo produciuse a semana pasada cando o potentado lles amosaba por última vez o cadro a uns amigos, entre eles a directora e guionista de cine Nora Ephron, quen contou como ocorreron os feitos. Wynn, de 64 anos, estáballes a explicar detalles da pintura, como o pene que forma parte da cabeza da amante do pintor, Marie-Thérèse Walter, cando fixo o movemento que provocou os danos. Nese momento, o seu cóbado chocou contra o lenzo. A enfermidade que afecta ao millonario, a retinite pigmentosa, que reduce á visión periférica, tamén foi decisiva no accidente. Ephron contou: «Deulle no medio. Era un burato negro do tamaño dun dólar de prata. El dixo ‘Ou, merda, miren o que fixen. Grazas a Deus fun eu’». O cadro danado foi pintado no ano 1932. En 1997, Steve Wynn mercárao por 40 millóns de euros. Agora tivo que anular a venda para poder reparar a obra de arte.
Vladimir Putin asegura que ten envexa dun violador e considérao un machote
O presidente ruso felicitou o seu homólogo israelí por ser un presunto violador, dixo sentir ‘envexa’ del e considérao ‘un machote’ por violar varias mulleres, segundo informou o periódico ruso Kommersant. «Transmítanlle os meus saúdos ao seu presidente. Que machote! Violar unha decena de mulleres! Non o esperaba del. Sorprendeunos a todos e témoslle envexa». Esta foi a frase que Vladimir Putin dixo diante de Ehud Olmert, primeiro ministro israelí, pensando que os micrófonos estaban pechados. Deste xeito referíase ao presidente de Israel, Moshé Katzav, sospeitoso de delitos como violacións, abusos e acoso sexual. O xornal Kommersant foi o único do país que se fixo eco desta información.
Seguimos en Rusia. Aló investigan se o rei Juan Carlos cazou en agosto un oso borracho
O gobernador da rexión rusa de Vólogda, Viacheslav Pozgaliov, ordenou investigar a cazaría que tivo lugar no mes de agosto durante unha visita privada do rei de España. Un grupo especial terá que comprobar como morreu un oso amestrado durante a caza organizada para Don Juan Carlos, informou a axencia Interfax.
A investigación pretende sair ao paso das informacións publicadas na prensa sobre que nesa cazaría se abateu un oso criado nunha aldea veciña e totalmente manso que foi ademais, emborrachado con abundantes cantidades de vodka con mel.
A Casa Real confirmou que o monarca estivo cazando a finais de agosto en Vólogda, pero cualificou de «ridículas» as versións que se están a difundir sobre o asunto.
A polémica estalou cando o subxefe do departamento de protección e fomento dos recursos naturais de Vólogda, Serguei Stárostin, lle mandou unha carta ao gobernador asegurando que a caza fora todo un espectáculo. A súa protesta supúxolle, supostamente, ameazas de despedimento. Stárostin denunciou que, para satisfacer o monarca español, sacrificouse un oso manso chamado Mitrofán, que dende cachorro se criara na aldea veciña de Novlenski. Supostamente, o animal foi metido nunha gaiola e transportado ata o lugar da cazaría, onde o emborracharon con vodka con mel e o abandonaron no campo. Segundo Stárostin, farsas como esta son comúns no mesmo couto, e son organizadas polo vicegobernador da rexión e mailo xefe do servizo de protección dos recursos naturais da zona.
Un burro case mata unha muller a mordeduras
Joaquina de la Casa Garrido, de 86 anos, salvou a vida de milagre despois de que un burro a atacara a dentadas no medio do campo, a carón da vía Madrid-Lisboa ao seu paso por Montearagón, Toledo. O ataque rematou con cinco costelas rotas, numerosas magoaduras, lesións e cicatrices. Pero as secuelas psicolóxicas son aínda máis graves, con continuos pesadelos que está a sufrir aínda a muller. Os feitos aconteceron o 5 de outubro, cando Joaquina saíu a pasear ás aforas da vila despois da misa das seis e media. Acompañábana outras tres octoxenarias. Pasadas as sete, sentiron un ruído seco detrás súa. Un burro ceibe seguíaas. Era un animal moi agresivo, porque non estaba capado. Aínda que as catro mulleres tentaron agacharse, o burro agarrouse a Joaquina e comezou a darlle couces e a mordela. O feroz ataque durou varios interminables minutos, ata que uns mozos que se atopaban nun parque próximo oíron os orneos e foron acudir pola muller. Só puideron reducir o animal cando lle deron unha pedrada entre as orellas.
Joaquina, despois de varios días no hospital, afirma que se salvou de milagre. A súa filla di que foi decisiva a súa fortaleza física.
Presentan en Madrid o puro máis caro do mundo, a 15.000 euros a caixa
O cigarro máis caro do mundo, o Cohiba Behike, presentouse este xoves na Casa de América de Madrid. Só se fabricaron 4.000 unidades para celebrar o 40 aniversario da marca cubana. Estes xarutos, que se distribuirán en 100 estoxos de 40 unidades a un prezo de 15.000 euros, foron elaborados por Norma Fernández, unha das torcedoras máis veteranas da fábrica El Laguito.
O tabaco sométese a un proceso de secado de entre cinco e seis anos, e os cigarros, numerados do 1 ao 4.000, teñen unha lonxitude de 192 milímetros.
A caixa está fabricada en ébano negro, nácar, sicómoro, cedro e óso de boi, cunha placa na que estarán gravados o nome do propietario, o número do humidor ou estoxo (do 1 ao 100) e a serie que contén, para evitar as falsificacións.
Os personaxes de Walt Disney póñense a dieta
O rato Mickey e os seus amigos da compañía Walt Disney están dende agora a réxime, con alimentos máis sans na súa dieta e na dos seus parques temáticos. Deste xeito, xa non seguirán a filosofía de Mary Poppins, que dicía que todo se amañaba cunha cullerada de azucre.
Agora, a prioridade da Disney é combater a obesidade infantil. Así, fixaranse límites de calorías, graxas e azucres e suprimiranse os ácidos graxos trans.
As directivas ditadas pola empresa afectarán tanto á alimentación nos seus parques como aos produtos con licenzas de Disney. Entrarán en vigor inmediatamente nos Estados Unidos e máis adiante no resto do mundo.
Así, as facianas redondas de Mickey e Buzz Lightyear nos produtos de McDonald’s, Kellogg’s ou Coca-Cola deixarán paso a Nemo contento de vender auga ou a Os Incribles felices comendo froita.
Nos parques de atraccións de Disney nos EUA pasan cada ano 63 millóns de persoas, que xa poden consumir leite desnatado ou zume de froita no menú infantil, ademais de ravioli orgánicos coa forma de Mickey.
Presentan un aparello que fai os obxectos invisibles
Científicos estadounidenses e británicos xa deron o primeiro paso cara á invisibilidade. Este xoves anunciaron que atoparon un xeito de ocultar un obxecto mediante unha radiación de microondas. Segundo un dos inventores, David Smith, non é como Harry Potter, que pode empregar unha capa máxica para se facer invisible. O prototipo aínda é imperfecto. En vez de ser unha esfera que recubra totalmente os obxectos, só funciona en dúas dimensións e nunha marxe estreita de microondas. Polo tanto, a invisibilidade non é total.
Este escudo baséase en metamateriais que poden reducir a reflexión do obxecto e a súa sombra, co que se fai transparente á radiación.
A teoría publicouse no mes de maio, e só tardaron cinco meses en demostrala. O aparello é pequeno e ten un diámetro de 30 centímetros. Xa están a traballar nunha versión tridimensional que bloquee o espectro visible.
Comments
comentarios desactivados para este artigo